OS CONTRABANDISTAS

31/12/22

PROLONGADO APLAUSO DA ÁREA SANITARIA DA MARIÑA AO DR. CARLOS F. FRAGA CON MOTIVO DA XUBILACIÓN

Os tres minutos de aplauso continuado dos varios centenares de persoas que se congregaron ás portas do Centro de Saúde de Burela ás 14:45 horas do día 30 de decembro de 2022 foron unha auténtica insignia de ouro en homenaxe ao Dr. Carlos Fernández Fraga, que finalizaba os seus servizos como médico tras un período de 45 anos en exercicio. Tras unhas brevísimas palabras de agradecemento do protagonista, o aplauso derivou ás palmas en acompañamento da música dun trío de gaitas e percusión. Unha festa en toda regra.


Imaxes dos dous únicos anuncios da convocatoria,
que circularon masivamente a través do whatsapp


Toda a comunidade sentía a responsabilidade da participación e ninguén quería perder a oportunidade de manifestar a súa gratitude a unha persoa entregada á sanidade pública. Eran as dúas da tarde -aínda faltaban tres cuartos de hora para a cita- e dentro do centro de saúde todo o cadro de persoal apuraba as tarefas; no exterior do edificio xa chegaban as primeiras familias ao completo. Non faltaban nin avós e avoas nin crianzas. Mentres uns daban unha voltiña pola praza do Concello, outras persoas subían ao primeiro andar para deixaren unhas palabras de cariño no libro de autoría colectiva. Como as ideas fluían, os textos eran longos e a lista de espera íase facendo cada vez maior. Mais ninguén protestaba, porque esta espera era gratificante. Con todo, Catalina Caamaño Isorna -unha das organizadoras- tranquilizaba o ambiente: “podedes baixar tranquilamente, o libro vai permanecer aquí algún día máis; queremos facilitar que asinen todas as persoas que o desexen”. Alivio xeral.

Quince minutos antes da hora marcada, o corredor da entrada estaba cheo de persoal da zona sanitaria da Mariña e o compañeiro Carlos recibía, emocionado, un abrazo tras doutro. Mentres tanto, Arancha Miguel e Minda Lusquiños afanábanse para preparar “o paseo de saída”. Á porta, campo aberto: o público situárase ordenadamente en roda, deixando un círculo ben grande libre de obstáculos.

Lixeiramente antes do previsto, comezou espontaneamente o aplauso e o protagonista foi saíndo e viu o panorama. Moi emocionado, comezou primeiro os saúdos á nutrida representación do sector sanitario e, repentinamente, fixo un xiro e viu que xa non había círculo libre. Entón abriu os brazos, superado polos acontecimentos, tirou a máscara e fixo unha primeira tentativa de falar. Non se escoitaba. Fixo unha segunda os aplausos foron parando. Á terceira tentativa xa non se escoitaba nin unha mosca:

-Quero darvos as grazas! Quero darvos as grazas, que é o que compre.

(...)

Foi un honor grandísimo, unha felicidade realmente, estar con vosoutros tanto tempo e compartindo tantas cousas.

Grazas, grazas, grazas.

Mentres saudaba os numerosos familiares que se desprazaron á Mariña para o acompañaren neste momento tan especial, comezou a soar a música dos Irmáns Quiroga acompañados na percusión por Serxio Alonso Mon. Unha magnífica actuación para un momento magnífico.

 

Perfil biográfico

Nacido na cidade de Lugo en 1953, Carlos Fernández Fraga formouse academicamente no Colexio Fingoi, no que entrou cando aínda estaba dirixido por Ricardo Carvalho Calero, e foi alumno -entre outros moitos docentes- de Arcadio López Casanova e de Xosé Luís Méndez Ferrín. Posteriormente, obtivo a licenciatura na Universidade de Santiago de Compostela. Chegou á Mariña como médico en 1977 e exerceu primeiro en Barreiros e despois en Burela.

Desde o inicio da súa traxectoria profesional foi un precursor da utilización do idioma galego na expresión oral e na escrita, na atención diaria con pacientes, na redacción das historias clínicas e na docencia. Coa súa colaboración, editáronse libros científicos e traducíronse -en primicia para o ámbito peninsular- textos internacionais de atención sanitaria paliativa no momento mesmo de seren publicados. Entre eles a Declaración dos Coidados Palitativos como Dereito Humano, coñecida como a Declaración de Venecia, unha iniciativa da Asociación Médica Mundial (AMM); as Escalas para a avaliación da dor nas crianzas, do Hospital Gustavo Roussy; ou o Edmonton Symptom Assessment Sytem (ESAS): un instrumento de referencia para a valoración sintomática das persoas con cancros avanzados.

Para alén de intervir como relator nos cursos de “Ética clínica para o persoal de enfermaria especializado en medicina de Familia”, é coautor dos materiais docentes; e outro tanto acontece cos cursos de atención sanitaria paliativa, nos niveis básico e intermedio, dirixidos a persoal da atención primaria e de hospitais (nas áreas de Medicina, Enfermaría, Traballo Social e Psicoloxía clínica).

Durante un longo período de tempo foi Coordinador de Cuidados Paliativos no Servizo Galego de Saúde e Presidente da Sociedade Galega de Cuidados Paliativos. Desde 2013 é integrante da Irmandade da Sanidade Galega.

“A miña experiencia co idioma galego é unha experiencia gozosa. É unha experiencia que recomendo a todos os profesionais da sanidade que exercen no noso país”, proclama cheo de razón o Dr. Carlos Fernández Fraga. A entrega manifestada por colegas de profesión e pacientes deixa ben claro que a acollida non podería ter sido mellor.


"Pacientes e veciños despiden en Burela, entre aplausos e lágrimas, o médico de familia Carlos Fernández Fraga"
 titula Xavier Lombardero na capa da Mariña (El Progreso)


Imaxe da redacción do libro comunitario. Dada a cantidade de persoas que querían participar, fíxose necesario deixar aberto o prazo aínda uns días máis







"Galicia somos nós, a xente e mais a fala": o poema de
Manuel María abre o libro de composición colectiva
dedicado ao Dr. Carlos Fraga

"Coñecinte nun curso de Educación para a saúde": así comeza 
o texto do mestre Manolo Parga (a quen agradecemos a licenza
 de reprodución)

OUTRAS REFERENCIAS


Entrevista para o proxecto educativo Saúde e sensibilidade:


Sem comentários:

Enviar um comentário