Proxecto de Innovación do IES Perdouro de Burela - Lugo
OS CONTRABANDISTAS
▼
22/07/23
LEMBRANZA DE MANUEL HORTA MONTEIRO
Situado entre o Monte Castelo e o mar, o termo municipal de Burela está formado por só unha parroquia. Antes de 1912 os enterramentos facíanse no adro da que naquela altura era a igrexa parroquial, situada na Vila do Medio, mais a partir desa data foi construído un cemiterio a uns 500 metros do lugar.
Coa expansión urbana motivada polo asentamento da fábrica de aluminio na comarca, da expansión do sector pesqueiro e da construción do Hospital, o cemiterio pasou a estar englobado do casco urbano e fíxose necesaria a construción dun novo, de titularidade municipal.
O idioma galego escrito está presente no cemiterio parroquial (o urbano) desde 1997, xusto cando o equipamento chegaba aos 85 anos. Aquela primeira lápida marcou un antes e un despois e converteuse nun modelo a seguir por outras familias.
No cemiterio da Puída, o de titularidade municipal, a entrada do idioma galego produciuse un pouco máis tarde, por volta do ano 2000. Neste período de tempo, a presenza da nosa lingua nos escritos de lembranza non deixou de crecer.
MANUEL HORTA MONTEIRO
Orixinarios da illa de Santiago, no arquipélago de Cabo Verde, Manuel Horta Monteiro (coñecido como Ventura de Ilda) e a súa esposa Antonina Jorge (coñecida como Ilda) chegaron a Burela en 1978. En Burela traballaron intensamente e criaron con éxito os seus catro fillos e fillas.
No momento da despedida, a familia de Manuel Horta Monteiro tamén marcou un punto de inflexión. Foi a primeira familia caboverdiana que redactou o texto no idioma da comunidade que o acolleu, o mesmo en que se comunicou con armadores e tripulanres dos barcos en que traballou. Así o recolle nestas palabras a súa filla Paula:
"Tanto a necrolóxica (esquela) coma a lápida de meu pai van en galego. Home, non! Que menos para unha terra que lle deu todo, que deixar na memoria o escrito, na propia lingua ".
Paula Jorge Horta é tamén autora dun emotivo recordatorio publicado nas redes sociais con motivo da celebración da festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros:
"Hoxe é o día do Carme, patrona dos mariñeiros e que mellor mariñeiro que meu papaíño para nombrar este día, taaaantos aniños no mar, tantas veces como lle pedimos á Virxe que coidara del e de todos, que volveran a terra sáns e salvos no que puido, cumplíu. Sempre recordo cando marchaba para o mar a esas horas que non debían tar nin as rúas postas, pero aí iba, botar días nun barco para traerlle á familia de todo TODO, que feliz era eu con aquelas 500 pesetas era rica, pero non máis que agora que grazas a Carme podemos seguir disfrutando, daquela maneira, do meu PAI".
Esta foi a necrolóxica:
O SEÑOR
D. Manuel Horta Monteiro
(Ventura de Ilda)
Finou en Burela, o día 7 de marzo de 2023, aos 70 anos de idade
— D. E. P. —
Esposa, Antonina Jorge; fillos, Antonio (Valú), Adriano e Claudina María Jorge Monteiro e Paula Jorge Horta; fillos políticos, Luz Rouco Rubiños, Mª Paulina Otero Barcia, Ibán Rey Díaz e Manuel Anllo Centeno; netos, Borja e Diego Jorge Rouco, Zaira e Carmen Otero Jorge e Ephram Lago Jorge; irmáns, cuñados, sobriños, curmáns e demais familia. Pregan unha oración pola súa alma e a asistencia á condución do cadáver que terá lugar o xoves, día 9 de marzo, ás CATRO da tarde, dende o tanatorio ata a igrexa parroquial de Burela, onde se celebrará o funeral. A continuación daráselle sepultura no cemiterio municipal da Puída. Capela ardente: Tanatorio Virxe do Carme, sala nº 3. Rúa da Igrexa, nº 6 – Burela. Condolencias: www.funerariaburela.es
Burela, 9 de marzo de 2023
Este é o mapa da normalización lingüística que presentaba o Cemiterio da Puída no comezo deste ano 2023 e que no momento presente xa está moi superado:
Sem comentários:
Enviar um comentário