OS CONTRABANDISTAS

31/07/23

OS ADEUSES ETERNOS: MEIRA EXPÓN AS PALABRAS QUE NON LEVA O VENTO

Presentación da exposición preparada por Yoani Jartín Salgado, coa colaboración da Parroquia e o Concello de Meira e o Modelo Burela.


Desde o día 30 de xullo de 2023 está aberta ao público unha nova exposición da serie Palabra e Memoria, a iniciativa Modelo Burela de localización, catalogación e divulgación do patrimonio textual das actividades relacionadas coa necroloxía. Dando continuidade aos actos realizados previamente en Burela, o Valadouro, o Vicedo e Rinlo, a Igrexa de Santa María de Meira acolleu a inauguración da mostra. 
No final da misa, o párroco ofreceu unha información xeral e convidou a comunidade a participar no acto que se celebraría inmediatamente despois. Foi precisamente o cura, Miguel Asorey, quen realizou a intervención inicial e deu paso a unhas palabras de Yoani Jartín, técnica de Turismo; Bernardo Penabade, profesor representante do Modelo Burela; e Antonio de Dios, alcalde de Meira.
Inmediatamente a seguir, coas indicacións de Yoani Jartín -que se ocupou do traballo de localización dos epitafios, da realización das fotografías e, xunto co sacerdote, da montaxe da exposición- realizouse a primeira visita colectiva, que contou coa participación das familias implicadas, do representante da Funeraria Lourido e tamén de axentes culturais implicados nas asociacións culturais do ámbito local.

Na imaxe observamos un dos epitafios presentes na mostra aberta na Igrexa de Meira


Unha das persoas máis destacadas na dinamización cultural en Meira é María García Jartín. Aínda que a súa actividade profesional no Instituto Perdouro a obrigou a residir fóra do seu lugar de orixe, continúa moi directamente implicada en todo o relacionado co desenvolvemento das terras do Alto Miño. Reproducimos aquí as súas palabras de saúdo para a exposición.



SEMPRE CONNOSCO

María García Jartín


Moitas grazas a todas as persoas e entidades que fixestes realidade esta exposición e aos seus organizadores: o Concello de Meira, dun xeito especial a Yoani, a súa técnica de turismo; a parroquia encabezada por Miguel Asorey; e o meu compañeiro Bernardo Penabade, docente e alma do Modelo Burela.
A exposición leva por nome os "Adeuses Eternos" pero nesta igrexa non só despedimos os nosos senón que celebramos moitos dos momentos máis importantes das nosas vidas.
O 21 de agosto fará 40 anos que José Sanfiz Díaz me bautizou. Hoxe creo que debemos aproveitar este acto para renderlle unha homenaxe por ser unha das persoas que máis fixo por preservar e difundir o noso idioma, galeguizando os oficios relixiosos coas críticas e traballos que iso conlevaba. Así, en maio cumpríronse 31 anos de cando un bo puñado de quintos fixemos a comunión. Recordo perfectamente a prece que me tocou ler e que Don José redactara (sempre a máquina e logo a ordenador) e que comezaba dicindo: "Polo papa Xoan Paulo, polo bispo Xose, polo noso párroco".
Ao ano seguinte despediríamos a única bisavoa que coñecín, Amalia Casanova Yáñez, cuxa esquela redactou meu pai en galego.
Un ano máis tarde naceu miña irmá, quen tamén recibiu nesta igrexa todos os sacramentos. Confirmeime, amadriñei a miña prima Rita, bauticei os meus fillos Roi e Xan, actos todos eles oficiados sempre en galego, igual que os funerais e pompas fúnebres dos avós, o da avoa Pilar moi recentemente. O epitafio da súa lápida recolle a letra dunha canción dedicada á nosa Virxe de Meira que di "nosa nai, nosa naiciña, connosco vai".
Outra canción de misa afirma que na vida e na morte somos de Deus. Na mesma liña, eu creo que se na vida falamos galego, tendo un fermoso acento que nos caracteriza e que é o único que nos diferencia dunha persoa doutro lugar, por que non na morte? Se eu chegase á Veigadorta ou ao Convento para visitar meus avós e lles falase en castelán, faríaselles moi raro. Por iso, cando lles tivemos que deixar partir, fixemos tamén a despedida en galego.
Todos os adeuses eternos que lles demos aos nosos compoñen esta exposición que será permanente como permanente é o recordo que deles pervive nos nosos corazóns.
Sempre connosco e sempre en galego.
No momento de se abrir a exposición Os Adeuses Eternos. Palabra e Memoria cúmprense 30 anos desde que fora publicada no xornal El Progresoesta necrolóxica que marcaba unha nova etapa. María G. Jartín, bisneta de Amalia, séntese orgullosa do legado cultural que lle transmitiron os devanceiros e destaca pola súa proxección para as seguintes xeracións. 


Vista xeral da exposición


Entrada do cemiterio urbano de Meira
Ficha da revisión realizada no cemiterio urbano de Meira con data de 17/06/2023. 
A visibilidade da cultura galega alcanza agora un 3% sobre o total de 290 familias.
..


A palabra "propiedade" é aínda un eufemismo na maior parte dos cemiterios.
A familia de Pedro da Vara foi a primeira que a usou dentro do cemiterio urbano de Meira.


A palabra "propiedade" está moi presente no cemiterio municipal de Meira, onde sobre un total de 180 familias neste momento son 15 as que fixeron uso escrito do idioma galego (un 8'8%).


Sem comentários:

Enviar um comentário