OS CONTRABANDISTAS

23/08/23

CAMILA VILLAMIDE, A COSTUREIRA DA AVENIDA DA HABANA

Lápida de recordo a Camila Villamide no cemiterio municipal de Meira.
FOTO: YJS


Begoña Mazoy Silva

Camila Villamide Fernández naceu en Meira en 1926. Era a maior de dez irmáns, dous dos cales faleceron a moi curta idade. Seus pais, José e Modesta -con raíces na Ribeira de Piquín- desprazáronse a Meira, onde se estableceron e formaron familia. Educaron os filos inculcándolles os principios e valores que determinaron a vida de Camila: unha muller de grande calidade humana, relixiosa, nobre, solidaria, empática, traballadora, boa veciña e boa persoa, que foi quen de recibir o agarimo e a estima de toda a veciñanza e de ser un referente para a súa familia.

Camila casou con Enrique Castro e o novo matrimonio emigrou para Cuba, onde tiveron un primeiro fillo que faleceu aos poucos días de nacer. Naquel país, Camila e Enrique conseguiron unha boa situación económica, grazas ao seu esforzo e traballo. Esta situación reverteuse cando chegou a revolución de Fidel Castro, que se incautou de todos os seus bens. Por esa razón, Camila regresou a Meira co seu segundo fillo.

En Meira viviron de aluguer e en 1975 establecéronse na súa propia casa, que construíron na Avenida da Habana. Esta avenida leva ese nome grazas á proposta de Camila, que o Concello de Meira aprobou. Foi unha maneira de agradecer as oportunidades que lle brindou a illa.

O ano 1986 foi tráxico. Camila perdeu o fillo, de 26 anos, e dez días despois o marido.

Así de intensa foi a vida de Camila Villamide, a costureira da Avenida da Habana.

Sem comentários:

Enviar um comentário