OS CONTRABANDISTAS

17/08/23

NOVO PASEO CULTURAL POR MEIRA, QUE INCLÚE VISITA GUIADA AO CEMITERIO

 Como resultado da colaboración entre tres entidades (Parroquia; Oficina de Turismo; e Modelo Burela), a Oficina de Turismo de Meira organiza un paseo didáctico pola localidade. O encontro, marcado para as cinco da tarde deste próximo martes 22 de agosto, está enmarcado nunha iniciativa de educación social sobre a localización, catalogación e estudo de patrimonio documental relacionado cos rituais funerarios.

O lugar de encontro será na Oficina de Turismo, na Praza do Mosteiro e comezará cunha breve visita á exposición fotográfica de epitafios, aberta na igrexa de Meira desde hai un mes e que desde entón recibe visitas diarias de persoas chegadas de diferentes puntos xeográficos, segundo consta nos escritos que algunhas deixan no libro de visitas. Baixo a orientación da comisaria da exposición, Yoani Jartín Salgado (Técnico da Oficina de Turismo), a comitiva desprazarase polo centro da localidade recibindo explicacións sobre os cambios urbanísticos producidos como consecuencia da desamortización de Mendizábal (1835), con visionado de casas feitas con pedra procedente do mosteiro e mostras da arquitectura modernista realizada por canteiros procedentes de Portugal. Sen saír do paseo central, os asistentes recibirán información sobre a veneración á Virxe da Portaría, a instalación en Meira de imaxineiros cataláns, a minaría do wolframio e a construción da Casa de Cortón, outro dos emblemas arquitéctónicos da localidade, obra material da familia Cachafeiro chegada de Forcarei. Na subida entre a Praza Maior e a Rúa do Montiño, será o momento dos comentarios sobre a queima de libros do mosteiro e a historia do Poste, o punto de exposición pública dos reos procesados pola xustiza monástica. A explicación da maldición dos Figueroa (a quen a vecindade desexou “Tanta auga teñas de morto como levas pleiteado de vivo”) abrirá paso á visita guiada ao cemiterio, onde Yoani Jartín estará acompañada por persoas que ofrecerán testemuños directos diante das lápidas obxecto de estudo.


Cartaz anunciador da xornada

  

Colaboración entre a escola e as entidades sociais

 Para ser cualificada como Modelo Burela, unha intervención educativa necesariamente debe estar centrada nun aspecto que poña en relación a cultura e a economía do ámbito local. A sesión debe contar coa participación de diferentes axentes sociais e reunir un público variado, de diferentes xeracións. Aínda hai máis: as explicacións teóricas ofrecidas nun espazo interior teñen que completarse coa observación directa no exterior.

 Educación dentro e fóra dos recintos educativos

 Cúmprense agora 20 anos desde que a iniciativa educativa Modelo Burela planificase unha actuación de dinamización cultural e económica no ámbito local. Despois dunha fase de diagnóstico realizada entre a poboación de Burela, o seguinte paso consistiu nun traballo de campo: a localización de dez tipos de documentos relacionados coa vida diaria (correspondencia privada; invitacións de cerimonias; contratos; comunicacións comerciais; actas de reunións ou mesmo testamentos) foi seguida dun proceso de catalogación e unha posterior exposición na Casa da Cultura. Todo co obxectivo conseguir un ensino-aprendizaxe participativo e vinculado á realidade no espazo e no tempo. A redacción e aprobación do articulado da planificación lingüística municipal, a posta en marcha dun programa de atención á diversidade do alumnado en risco de exclusión social e o aproveitamento da radio como ferramenta educativa a través do programa Proxecto Neo (2012-2023) foron importantes pasos de ampliación, que complementaron o primeiro proxecto.

Despois da adaptación a outros lugares da Mariña -entre eles, os termos municipais de Ferreira do Valadouro O Vicedo e a localidade de Rinlo, en Ribadeo-, o Modelo Burela propúxose estudar os vínculos entre a literatura e o desenvolvemento cultural e económico do seu ámbito de influencia. Para iso realizou viaxes de estudo ás localidades natais de varios escritores, entre eles: Francisco Fernández del Riego (Lourenzá), Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo de Valdeorras); Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces); e Xosé María Díaz Castro (Guitiriz).

En Meira foi Yoani Jartín Salgado, en colaboración co sacerdote Miguel Asorey, quen asumiu un profundo traballo de campo (visualización de igrexas e cemiterios; recollida de información; toma de fotografías), complementado co contacto coas familias e coa redacción das explicacións que acompañan as imaxes; e coa montaxe da exposición e a orientación das visitas.

 Visión global

 Xunto co estudo sobre o uso da linguaxe literaria popular ou autorial na composición de epitafios; ou sobre a escolla entre o galego, o castelán, o latín ou as linguas dos destinos da emigración (francés, alemán, italiano...), este acto ten tamén unha vertente de estudo da Historia contemporánea e tamén de reivindicación da convivencia entre culturas.

 A pesar de que existen casos contados de uso da lingua galega nas notas necrolóxicas e nas inscricións funerarias desde o inicio da transición democrática, aínda no presente existe unha inercia social a superar tanto á hora de editar en galego as esquelas (máis as do momento da morte que as de aniversario), de realizar no noso idioma os oficios litúrxicos ou de preparar as mensaxes de recordo nas lápidas. Ese divorcio entre as expresións oral e escrita é ainda maior nas identificacións de propiedade dos panteóns dos cemiterios: para alén da súa redacción patriarcal -aínda que agora nalgúns consta a identificación da familia ou do lugar (Casa do Coto; Familia do Pereiro), o habitual é que se identifiquen por nomes de varóns-, só un 1 por mil usan palabras como “propiedade”, “muller” ou “fillos”, que parecen como proscritas.

 Se a media xeral do uso da lingua galega nas inscricións funerarias está no 1% (segundo datos da observación realizada pola iniciativa Modelo Burela en 53 concellos das catro provincias), por que razón no casco urbano de Meira se multiplica por 3 e en Seixosmil e en Paderne non hai ningunha? Cal é o perfil das persoas que compoñen esta literatura? Unha das metas da xornada do 22 de agosto é ofrecer as respostas a todas estas e cantas outras preguntas aparezan durante o desenvolvemento da sesión.

Primeira visita guiada. Momento de encontro diante da Oficina de Turismo
 
Imaxe da primeira visita guiada ao cemiterio

Imaxe dunha das páxinas do Libro de Visitas que acompaña a exposición.



Finalizado o paseo, houbo tempo para os recordos da xornada.


Sem comentários:

Enviar um comentário