OS CONTRABANDISTAS

04/08/23

NA PARROQUIA DE FIGUEIRAS, EN MONDOÑEDO? AFORRAS A VISITA. NON HAI NADA



Cando afirmamos que desde 2020 son moi poucas as parroquias galegas en que non entrou o idioma galego escrito, hai persoas que mostran incredulidade. Se falamos das localidades urbanas, moitas persoas están convencidas de que o noso idioma non se usa na escrita, porque vive unha situación adversa na fala. Se falamos de aldeas, aseguran que tampouco se usa, esta vez por falta de costume. A realidade é que todos eses son comentarios feitos "desde fóra", por persoas que comentan suposicións; que expresan en voz alta a súa particular visión sobre o uso ou desuso do idioma, mais sen un coñecemento profundo da situación.

En datas recentes, perguntamos sobre a parroquia de Figueiras, situada entre Mondoñedo e Alfoz, e a resposta foi contundente: "En Figueiras? Aforras a visita. Non hai nada de nada!". E vaia se hai. Vexan.

Figueiras está na literatura galega, como mínimo, desde 1899. Nesa data comezou a publicarse por entregas nun xornal editado en Cuba o romance titulado A Besta, de Xan de Masma (Patricio Delgado Luaces). Os seus protagonistas, desafiuzados, marchan de Viloalle (Mondoñedo) ao Cadramón (Valadouro) e fan noite ao abrigo da igrexa de Figueiras, onde tamén está o cemiterio. Neste recinto, o noso idioma entrou en plenitude -ao completar a fala coa escrita- no ano 2007. Foi no recordatorio a José García Fernández (Figueiras: 1924-2007), coñecido como "Che de Matías" ou simplemente "Matías", recordando o nome do su padriño.

Necrolóxica de José García Fernández, "Matías". Editada en xullo de 2007, foi a primeira escrita en galego na parroquia de Figueiras.



Catro anos máis tarde, en 2011, chegou a morte do terceiro fillo de Matías e Maruxa. Chamábase Graciano e faleceu en Xixón aos 55 anos de idade. Cumprindo o seu desexo, a familia levouno para o descanso eterno na súa parroquia natal. Esta é a lápida que o recorda:


En 2021, aos 91 anos de idade, faleceu María Vázquez García, "Maruxa", esposa de Matías e mai de Graciano. Esta labrega, orixinaria das Oiras (concello de Alfoz), tamén tivo unha despedida acorde co que foi a súa vida: tanto as necrolóxicas da defunción e do aniversario como a lápida recórdana "desde dentro" (isto é: no idioma en que ela se expresaba habitualmente).

Lápida en lembranza de Maruxa de Matías no cemiterio de Figueiras (Mondoñedo)

O AUTOR DOS TEXTOS

Os textos das necrolóxicas e das lápidas foron redactados por un xenro de Matías e Maruxa. Juan J. Vivero Basanta, de Frexulfe do Valadouro, cursou estudos na escola unitaria de Frexulfe e no agrupamento escolar do Valadouro; completou o BUP e o COU no Instituto San Rosendo de Mondoñedo e fíxose Mestre na Escola de Maxisterio de Lugo. Desde 1987 exerce a docencia no Colexio do Pilar de Foz.









Sem comentários:

Enviar um comentário