Proxecto de Innovación do IES Perdouro de Burela - Lugo
OS CONTRABANDISTAS
▼
18/10/24
Os XXVI Encontros para a normalización lingüística apuntan que o galego alza o voo nas exequias
Abderrahim El Aziri Sounni (da Unión de Comunidades Islámicas); José Luís Zapata (do Consello Evanxélico) e Rubén Aramburu (da Igrexa Católica) acollen nas súas mans o Cancioneiro da Ajuda, como símbolo do diálogo entre culturas.
Un exemplar do Cancioneiro de Ajuda, o máis antigo e verificado dos cancioneiros da lírica galego portuguesa, presidiu a mesa dos XXVI Encontros para a Normalización lingüística, cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Este libro, símbolo do período de esplendor da cultura galega, presentouse como fío de unión das diferentes confesións relixiosas que participaron nesta cita que puxo en evidencia o incremento de uso do galego nos ritos funerarios. Representantes das confesións relixiosas maioritarias que existen en Galicia (católica, evanxélica e islámica), xunto cos empresarios implicados en diferentes partes dun acto funerario...) destacaron que o galego gaña terreo nas exequias e que ven na lingua un fío de unión e de concordia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez destacou na inauguración o carácter de nexo desta cita e avanzou que nos vindeiros días se presentará un documento coas conclusións. Pola súa parte, Valentín García, secretario xeral da Lingua, destacou a importancia do uso do galego nun momento tan familiar e íntimo como é un pasamento. Os relatorios foron gravados e as intervencións pódense consultar no sitio web e as redes sociais.
Representantes das tres confesións relixiosas maioritarias en Galicia reuníronse no marco dos Encontros para coñecer a súa situación no que atende ao idioma. José Luis Zapata, en nome do Consello Evanxélico de Galicia, do que é pastor, explicou que a día de hoxe a igrexa evanxélica conta con 1.700 nenos e nenas matriculados en relixión evanxélica, que está presente nas cadeas e nos hospitais (xa hai capeláns evanxélicos). Lembrou que a primeira igrexa evanxélica se fundou na Coruña hai 150 anos e que despois viñeron Ferrol, Vigo, Marín, Celanova, Arteixo... “Con respecto á liturxia fúnebre, cando alguén falece pensamos que o que morreu está mellor”. O que nos preocupa é a familia e os que sofren a separación. Na nosa forma de actuar están os que teñen a perda. Houbo moitos cambios, os primeiros cemiterios civís eran evanxélicos e había que enterralos de noite. Pero, en que lingua? Depende da zona, pero o idioma predominante é o castelán. Con todo, describiu iniciativas de tradución ao galego de libros básicos para esta confesión relixiosa para os rapaces, “que serán os que tomen o relevo”.
Rubén Aramburu, sacerdote de doce igrexas de varias parroquias de Bergondo, explicou que ás novas incorporacións ao clero proceden do mundo urbano e non son galegofalantes, como tampouco o son os que chegan doutros países e que non entenden a nosa realidade cultural: “Onde máis penetrou foi na música que se canta nas igrexas”, apuntou Aramburu.
Abderrahim el Aziri Sounni, voceiro da Comunidade Islámica e secretario do Centro Cultural Islámico de Vigo, contabilizou en 40.000 os membros repartidos por toda Galicia en 33 comunidades. Explicou que esta entidade vela polos seus dereitos e celebra actividades culturais. Abderrahim, que explicou que aprendeu o galego vendo a serie de televisión Pratos combinados, contou que o 40% dos membros xa naceron aquí, mais non asumiron como propia a lingua galega. Con todo, a nivel de convivencia, afirmou, “quérennos copiar o modelo desde outras partes da península porque é exemplar".
A lingua e a relixión católica
“A relación entre a relixión católica e a lingua galega está entre o surrealismo, xa que a Igrexa non apostou pola lingua galega”, apuntou na súa intervención Victorino Pérez Prieto. Explicou que no ano 1965, cando o Concilio Vaticano II pediu a mudanza do latín polas linguas vernáculas na liturxia, “a xerarquía galega decidiu que non debería ser o galego, contra a opinión de moitos cristiáns.” “Cando se fixeron os grandes esforzos galeguizadores, nas décadas dos sesenta e setenta, xa era tarde”, apuntou, ao tempo que fixo un percorrido polas diferentes iniciativas galeguizadoras. “Hoxe xa dispoñemos dun misal galego e dos manuais dos rituais para os funerais e o enterro en galego. Só falta a vontade”, explicou. Pola súa parte, Manuel Regal engadiu algunhas razóns que explican a situación actual: non se elaborou nin se puxo en práctica ningún plan de introdución do galego na liturxia, diminuíron os transmisores do galego, así como a designación de bispos de fóra, e tamén a presenza actual de curas non galegos.
Presentación dos mapas de uso do galego
O xornalista David Canto Veiga fixo a presentación de dous mapas que recollen en panorámica o uso do idioma galego en diferentes concellos. Nun deles aparecen sinalados os máis de 140 termos municipais en que foi constatada a existencia de inscricións feitas no noso idioma -53 deles visualizados coa metodoloxía Modelo Burela-; e no outro aparecen recollidas as porcentaxes de uso, que oscilan entre o excepcional 0% de parroquias en proceso de despoboación total e o 20% de Rianxo e o Porto do Son ou o 17% de Castro de Rei.
O galego nos servizos funerarios
Pola tarde falouse dos servizos funerarios e da lingua empregada. Jorge Balado Blanco, da Asociación Galega de Servizos Funerarios, explicou que o uso do galego nas esquelas é baixo. Na súa opinión “temos un problema para normalizar a morte, e máis aínda na nosa lingua, porque se negocia todo en galego pero á hora de plasmalo, prefiren facelo en castelán”. Canda el, Manel Pardo, de Lindeiros, achegou a experiencia “de dúas décadas lendo esquelas en galego na radio” mentres que Ana Fraga, empresaria de arte floral deu un exemplo positivo, xa que apuntou que o 95% dos traballos florais encargados á Funeraria Fabeiro están en galego. Ademais, a responsable de Luz Verde Eventos, Rocío Vázquez, apuntou que o importante “é romper a barreira dos inicios, da reticencia inicial das familias por inercia e falta de costume”.
Finalizou a xornada de relatorios cunha selección de intervencións e recursos dinamizadores deseñados para o eido dos actos funerarios. Yoani Jartín Salgado amosou o tema “Visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira”; Manuel Campos Sanmartín falou do “Día da Restauración da Memoria Lingüística”, e Marta Besada fixo a presentación da campaña “Galeg@ para sempre”. A xornada pechou coa ruta guiada “As mil caras da morte compostelá”, conducida por Manuel Gago, director do portal de divulgación cultural culturagalega.gal, que tratou o tema das culturas da morte na trama urbana de Santiago.
Os Encontros para a Normalización Lingüística
Os Encontros para a Normalización Lingüística celébranse desde o ano 1993 e consisten nunha xornada de periodicidade anual impulsada polo Consello, co obxectivo de promover e dinamizar o galego para toda a sociedade. En edicións anteriores tratáronse temas como a economía, lingua e sustentabilidade, a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva ou a transmisión interxeracional da lingua galega. O CCG quere ser, deste xeito, un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición ao redor da lingua de Galicia e os diversos aspectos que a rodean: a súa sociedade, os seus retos e as perspectivas para o seu futuro. Os Encontros están coordinados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro.
Sem comentários:
Enviar um comentário