OS CONTRABANDISTAS

16/10/24

PRESENZA DA LINGUA GALEGA NAS INSCRICIÓNS FUNERARIAS

 O xornalista David Canto presentou os mapas que recollen as porcentaxes de uso por concellos


Segundo o estudo presentado o día 15 de outubro  nos XXVI Encontros pola Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega, os concellos con maior presenza de inscricións en galego nos cemiterios galegos son Rianxo (con algo máis do 20%), Porto do Son, Castro de Rei e Lourenzá (por volta do 15%).


MAPA DA PRESENZA DAS INSCRICIÓNS EN GALEGO





PORCENTAXE DE USO DAS INSCRICIÓNS EN GALEGO


No mesmo encontro, Bernardo Penabade salientou que "por fin, nos rituais funerarios o uso da lingua galega abandona o confinamento. Xa non serve aquela resposta estandarizada: “Aquí non hai nada”. Haberá máis ou haberá menos, mais haberá. E poderase saber desde cando e por iniciativa de quen".

O representante da iniciativa Modelo Burela, unha de cuxas liñas de traballo é a difusión da lingua galega neste tipo de inscricións, enfatizou que "a colleita non apareceu por xeración espontánea. É o resultado dun traballo intenso e prolongado de moitas persoas e entidades: a AFNL, co Día da Restauración da Memoria Lingüística e co En galego agora e sempre; e sempre co estímulo orientador de Xosé González Martínez, a máxima autoridade nesta materia; o Bienio Irmandiño; o apostolado de Irimia e Encrucillada; coa intervención dos diferentes servizos municipais integrados na CTNL; e mesmo co grupo Lápidas en galego, activo nas redes sociais, con intervencións moi destacadas de Estanislao Fernández de la Cigoña; Carme Varela; Soledad Pintos Peñaranda; Óscar Franco Barros; Isaac González; Miro Martínez Cerredelo e un longo etcétera".

Finalmente, agradeceu as colaboracións de Emma Pedreira, especialista, que acaba de publicar un libro dedicado a esta temática; o historiador Gerónimo Martínez, de Ortigueira; Diego Cabarcos, da Universidade da Coruña; o filólogo Brais Costas Fragueiro, da Unidade Pastoral Baredo-Belesar, de Baiona; Socorro Cea, de Melide; Mariña Area, de Cambados; Charo Baleirón, das Escolas Católicas; Rosa Espiñeira, da Escola de Arroxo (Lourenzá); Rosario Pérez Magdalena (do Consello da Cultura Galega) e do estudante Álex Quintáns, do instituto Agra de Raíces de Cee.




Sem comentários:

Enviar um comentário