PLANIFICACIÓN LINGÜÍSTICA GALEGA A DEBATE EN MADRID
Ciclo de cinema da U. Complutense ábrese con Modelo Burela
Auspiciado
pola Asociación Memoria Social Democrática (AMESDE) coa colaboración da
Universidade Complutense, vaise celebrar en Madrid o ciclo de cinema
“Documentais e Curtas sobre a Memoria”.
O inicio das
proxeccións, a realizar no Salón de Actos da Biblioteca Marqués de
Valdecillas (Noviciado, 3), está axendado para as 18:30 horas do día 26
de xaneiro (martes) e contará coa presenza do Reitor da Universidade
Complutense, o profesor Carlos Berzosa.
A seguir, na estrea do
ciclo haberá presenza galega co documentario Modelo Burela de Matias
Nicieza, que recolle en 52 entrevistas unha panorámica do proceso de
implementación do proxecto de planificación lingüística aprobado polo
Concello de Burela. Unha vez finalizada a proxección, abrirase un
coloquio centrado na situación actual da política lingüística en Galiza.
No mesmo participarán o director da fita, Matias Nicieza, e Bernardo
Penabade, coordenador do Modelo Aglutinante de Planificación Lingüística
(Modelo Burela).
Por outra banda, a concelleira de
Educación, Lucía Bouza, salientou que “o documental Modelo Burela será
proxectado en Madrid no ciclo de cinema Documentais sobre a memoria.
Unha vez finalizada a proxección, abrirase un coloquio centrado na
situación actual da política lingüística en Galicia. Neste coloquio
participarán Bernardo Penabade e Matías Nicieza. Con isto, vemos que o
chamado Modelo Burela interesa moito máis aló das nosas fronteiras e,
por isto, dende o Concello felicitamos aos seus responsables, ao tempo
que os animamos a seguir traballando nese campo”.