02/05/11

Neira Vilas visita a Mariña atraído polo “Modelo Burela”

O autor das Memorias dun neno labrego manterá encontros co alumnado de centros educativos de Burela e Cervo

O escritor Xosé Neira Vilas coñeceu a existencia do Modelo Burela de Planificacion Lingüística ao visionar o audiovisual do mesmo título, do que é autor Matías Nicieza. O escritor recibiu unha copia do documental no transcurso da última Feira do Libro de Foz e posteriormente tomou a iniciativa de localizar o seu director para transmitirlle persoalmente os parabéns.

Agora, grazas a Asociación Cultural “Os Matos” do IES Perdouro -de quen partiu a iniciativa-, Xosé Neira Vilas e Matías Nicieza coñeceranse persoalmente, e o escritor compartirá unha xornada co alumnado de Burela e Cervo.

O conxunto das actividades celebrarase durante a mañá e a tarde do próximo martes, día 3 de maio, cunha axenda moi apretada. O autor das Memorias dun neno labrego chegará a Burela ás 11 da mañá e será recibido no IES Perdouro pola directiva da Asociación Cultural “OS Matos”, así como por delegacións do Concello de Burela e dos centros educativos participantes nos encontros.

Seguidamente, manterá un encontro co alumnado do IES Monte Castelo, actividade que está coordinada polo profesor Fernando Gavín Bouso.

Ás 12:30, na Biblioteca do IES Perdouro, Neira Vilas disertará sobre a súa traxectoria literaria e asinará exemplares das súas obras ao alumnado de 2º de bacharelato, participando tamén nesta actividade alumando do IES Monte Castelo. Neste acto o escritor estará acompañado por unha representación da área de Innovación Educativa coordinada pola profesora María Xosé Andión Fontela.

Para as 14:15 h. está previsto un xantar de confraternidade entre o alumnado, o profesorado e o escritor. Celebrarase no “Mesón do Poeta”, onde Neira Vilas saudará o seu fundador -un dos protagonistas do documental “Modelo Burela”.

Ás 15:30 h. o escritor visitará o CEIP de Cervo e asinará exemplares das súas obras aos seus lectores máis novos.

EXPOSICIÓN

Con motivo da visita de Xosé Neira Vilas, a Biblioteca Pública de Burela ten aberta unha exposición bibliográfica da obra do escritor de Vila de Cruces. Esta exposición está situada na planta baixa do local e pode ser visitada libremente durante o horario de abertura da biblioteca.

06/04/11

O Sociolingúista hindú Anik Nandi participa de novo nos obradoiros de comunicación “Modelo Burela”

Os días 7 e 8 de abril o sociolingüísta hindú Anik Nandi estará de novo en Burela para participar en diversas actividades organizadas pola área de Innovación Educativa do IES Perdouro. Concretamente ás sete da tarde (19:00 h.) do xoves, día 7, intervirá na reunión de docentes do Proxecto de Innovación Lingüística e o venres coordinará un obradoiro de comunicación dirixido a alumnado de ESO e Bacharelato, seguindo as directrices dunha actividade semellante xa realizada no curso pasado.

Aproveitando a presenza en Burela deste sociolingüista, o grupo de Innovación Lingüística reunirase para realizar un modesto recoñecemento ao labor profesional do fotógrafo Javier Sánchez Lorenzo. Ademais de servir para expresar agradecemento a Nandi como colaborador e difusor do Modelo Burela de Planificación Lingüística, no acto procederase a explicar os contidos e a asinar un convenio de colaboración entre a Área de Innovación do IES Perdouro e Imaxedixital3000 de Burela, empresa da que é xerente Javier Sánchez Lorenzo.

Javier Sánchez Lorenzo foi desde moi novo traballador da fábrica de cerámica de Sargadelos. Posteriormente pasou a traballar en Aluminio Español, onde coincidiu con Miguel Ángel Vals e con el profundizou no estudo da fotografía, sendo un dos precursores do revelado a cores na Mariña. Desde 1981 é fotógrafo profesional e actualmente rexenta a empresa Imaxedixital3000 e faino cuns criterios moi semellantes aos propostos no Modelo Burela de Planificación Lingüística.

O obradoiro de comunicación está previsto para as sesións comprendidas entre as 8:45 e as 11:15 h.do venres, día 8. Anik Nandi, que estará acompañado por Íñigo Mouzo Riobó, traballará co alumnado contidos relacionados coa multiculturalidade e a convivencia lingüística, materia da que é experto (son as súas linguas habituais o bengalí, o hindi e o inglés; e posúe alta formación tamén en sánscrito, castelán e galego).

Licenciado en Historia da Arte (2001-2007) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), con orientación en Patrimonio Cultural e Arte Contemporánea. Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación (2007-2008) pola Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Comité de Asesoramiento Tecnolóxico (CAT) do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Doutorando en Historia da Arte, As Cidades do Arco Atlántico. Patrimonio Cultural e Desenvolvemento Urbano (2008-2010), doutoramento interuniversitario con Mención de Calidade coordinado pola Universidad de Oviedo (UNIOVI).

Entre outras actividades formativas, destacan as prácticas no Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, no Servicio de Vixilancia e Inspección do Patrimonio (outubro-decembro de 2006), (120 horas); desenrolo do proxecto de máster (outubro de 2007- xuño de 2008) para a renovación e rehabilitación de Cacabelos (León), redactando o informe histórico-artístico/dosier, e participando na xestión dun plan de intervención integral; así como a asistencia e aprobeitamento de máis de 250 horas en cursos e congresos (2002-2008) en relación co patrimonio cultural, a arte contemporánea, e desenrolo territorial e urbano.

Destaca ademais a colaboración con distintos colectivos culturais e de arte contemporánea (2004-2008), como Grupo SIVA e Baleiro (USC), e a coorganización de talleres de cultura participativa e espacio urbano, como Esculpir en el tiempo (novembro de 2006) e 00:00 (xuño de 2007), organizados para os cursos Seminario sobre espacios compartidos entre arte e educación e as Xornadas de arte en contexto, organizados polo Departamento de Didáctica da Expresión da USC, en colaboración co Departamenteo de Pedagoxía do Centro Galego da Arte Contemporánea (CGAC); así como a instalación do proxecto colectivo Proxecto Procesos_1, a mirada do paseante no CGAC (novembro de 2004).

Na actualidade desenrola o estudio de doctorado, baixo o título A construcción in situ do territorio a través da arquitectura do Rexionalismo (1920-1960) e do Rexionalismo Crítico (1960-2010) baixo a dirección de Federico López Silvestre e Rubén C. Lois González; e participa no grupo de investigación ANTE, Análise Territorial, grupo con Mención de Excelencia Investigadora xestionado polo Departamento de Xeografía desta Universidade.

06/02/11

A Normalización do noso idioma. Modelo Burela - conferencia de Bernardo Penabade

No blog de Amigos do patrimonio de Castro Verde, podemos ler a seguinte reseña de Manolo Muñiz:

http://amigosdopatrimoniodecastroverde.gal/2011/02/06/a-normalizacion-do-noso-idioma-modelo-burela/

14/01/11

o Modelo Burela no Vicedo - a Voz de Galicia

O Modelo Burela chama a atensión. Aida López

Ler entrevista no xornal A Voz de Galicia: http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2011/01/14/0003_8963695.htm

Primeiros resultados da aplicación do “Modelo Burela” no Vicedo

ENTRE OUTRA DOCUMENTACIÓN, REXISTROUSE O ACHADO DE DÚAS OBRAS LITERARIAS INÉDITAS

A aplicación do sistema de traballo do Modelo Burela está dando resultados moi satisfactorios na localidade do Vicedo. Iso é o que se desprende das palabras da profesora Aida López Vale, a impulsora desta iniciativa, quen mostrou ao alumnado de Bacharelato do IES Perdouro os primeiros resultados obtidos tras unha primeira fase de recompilación documental.
Na última semana de setembro, coincidindo co inicio do curso 2010-2011, a profesora Aida López Vale participou nos XVIII Encontros Pedagóxicos da Mariña e neles asistiu a un obradoiro de divulgación da estratexia didáctica posta en práctica pola Área de Innovación Educativa do IES Perdouro. Tras unha primeira impresión positiva, solicitou a documentación xerada polas actividades realizadas en Burela e estudou a viabilidade dunha intervención de dinamización lingüística semellante no concello do Vicedo e decidiu poñela en marcha.

A primeira fase do proxecto consistiu nunha recompilación documental entre o vecindario da parroquia do núcleo municipal. Para a súa sorpresa, entre a documentación achada xa polo momento están obras literarias inéditas de dous escritores relacionados coa localidade. A reprodución dun fragmento dun poema permitiu á investigadora dar en Barcelona coa familia do poeta Guillermo Carballo Porta (Redes-Ares, 1905 – O Videdo, 1982) e encontrar naquela cidade unha parte importante da creación literaria escrita por este emigrante galego moi especialmente no período comprendido entre 1960 e a data da súa morte.

13/01/11

Aplicación do "Modela Burela" no Vicedo

A profesora Aida López Vale, impulsora da aplicación do “Modelo Burela” de Planificación Lingüística no termo municipal do Vicedo, expoñerá ao alumnado de Bacharelato do IES Perdouro os primeiros resultados obtidos tras unha primeira fase de recompilación documental. A actividade realizarase na Biblioteca do instituto ás 9 da mañá do venres, día 14 de xaneiro.

Na última semana de setembro, coincidindo co inicio do curso 2010-2011, a profesora Aida López Vale participou nos XVIII Encontros Pedagóxicos da Mariña e neles asistiu a un obradoiro de divulgación da estratexia didáctica posta en práctica pola Área de Innovación Educativa do IES Perdouro. Posteriormente, valorou as posibilidades de aplicación da metodoloxía do “Modelo Burela” para realizar unha intervención de dinamización lingüística no concello do Vicedo e decidiu poñela en marcha.

A primeira fase do proxecto consistiu nunha recompilación documental entre o vecindario da parroquia do núcleo municipal. Unha vez realizada a valoración inicial dos documentos, ten previsto en datas próximas dálos a coñecer ao público por medio dunha exposición.

Diplomada en Educación Infantil pola Escola Universitaria de Formación do Profesorado da Universidade da Coruña, Aida López Vale (O Vicedo; 1978) traballou na sección de Administración de Sistemas Informáticos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (2003-2005) e actualmente exerce docencia de Ofimática (deseño de páxinas web para adultos e clases de programación e robótica para nenos) en Viveiro.

14/12/10

Aplicación da metodoloxía do "Modelo Burela" no Vicedo

Artigo de Aida López Vale titulado Aplicación da metodoloxía do "Modelo Burela" no Vicedo: un novo éxito desta estratexia normalizadora, publicado pola Universdidade da Coruña en 2011 durante  as xornadas Lingua e Sanidade, VII Xornadas sobre Lingua e Usos: [A Coruña, 1-3 de decembro de 2010] 


11/12/10

Asinando convenio para a difusión do “Modelo Burela” nas verbenas populares

A promoción da interculturalidade é un dos obxectivos principais do convenio asinado o venres 10 de decembro na Biblioteca do Instituto Perdouro. No acto de presentación pública e do protocolo de sinatura do documento subscrito polo Grupo Musical Alma Latina C.B., a área de Innovación Educativa e o Equipo de Dinamización Lingüística do citado centro educativo participaron Alberto Prado e Sandra García Martínez (en representación do grupo musical) e María José Andión (da Área de Innovación Educativa) e Miruca Parga (do Equipo de Dinamización Lingüística), ambas do IES Perdouro.

O convenio, destinado á divulgación do Modelo Burela de convivencia lingüística nas verbenas populares, é o resultado de diversas reunións de traballo conxunto realizado entre o centro educativo e a empresa de espectáculos. Entre as súas cláusulas figura que para a confección do repertorio das actuacións terase en conta o criterio da interculturalidade, reservando un 33% para a interpretación de temas cantados en idioma galego (ben sexa de pezas orixinais da nosa música ou de adaptacións das cantadas orixinariamente noutros idiomas). Outros aspectos que se abordan no documento son os da animación e comunicación co público, a comunicación corporativa da empresa así como a documentación administrativa para os contratos laborais e mercantís.

Alma Latina

A Orquestra Alma Latina de Burela foi cofundada por Sandra García Martínez (Tapia de Casariego; 1982) e Alberto Prado (Cervo; 1968). A vocalista principal ten estudos de acordeón e, antes de participar na fundación de Alma Latina, exerceu como vocalista nas orquestras Planeta, Occidente e Doble Fila. Alberto Prado entrou en contacto coa música a través da asociación Airiños do Xunco, onde aprendeu a tocar a gaita. Posteriormente nos conservatorios de Viveiro e Vilalba realizou estudos regrados de frauta e saxofón, obtendo o Grao Profesional. No seu currículo figura a gravación de dous discos e numerosas actuacións co grupo Nordés.

Iniciativa aberta

O Instituto Perdouro tiña xa promovido un acordo destas características coa Sociedade Deportiva Burela, nunha iniciativa que favorece a moi satisfactoria colaboración entre estas dúas entidades desde o ano 2007. Este novo convenio asinado é unha continuación da disposición do centro educativo para o traballo conxunto coas diversas entidades comerciais e empresariais da Mariña interesadas na actualización dos canais de comunicación coa clientela. Neste sentido, o IES Perdouro conta con diversos modelos de convenios e ofrece a empresas e particulares a posibilidade de visualizar a documentación orientativa recollida no Arquivo Documental de Burela.

10/12/10

Alma Latina - empresa Modelo Burela

A área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro concedeu un obsequio MODELO BURELA á Orquestra Alma Latina. Foi un recoñecemento público:

Ao seu repertorio intercultural.
Á calidade da animación e comunicación co público.
Ao uso da lingua galega na comunicación corporativa da empresa así como na comunicación administrativa para os contratos laborais e mercantís.

O 10 de Decembro de 2010, o centro educativo e a Orquestra Alma Latina asinamos un convenio de colaboración destinado á difusión do MODELO BURELA nas verbenas populares.

16/11/10

Nas Xornadas sobre a Normalización da UDC falarán do Modelo Burela e do proxecto de Innovación do Perdouro

O Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña acolle durante esta semana as III Xornadas sobre a Normalización da Lingua e a Cultura no Ámbito da Educación, nas que terán destacada presenza o PRoxecto de Innovación Educativa do IES Perdouro e o Modelo de Planificación Lingüística do Concello de Burela.

Na presente edición, a  Facultade de Ciencias da Educación contará coa participación de representación de Nova Escola Galega, da Universidade de Santiago, da REal Academia Galega e de diferentes medios de comunicación. Entre as 4 e as 6 da tarde do día 18 de novembro, realizarase un debate sobre o Modelo Burela, para o que se contará coa participación de representantes docentes e de ex-alumnos do IES Perdouro que agora están continuando a formación na Universidade da Coruña.

A colaboración entre o IES Perdouro e a Universidade da Coruña continuará durante os meses de novembro e decembro en dous eventos máis. O sábado 27 de novembro, o profesor Bernardo Penabade intervirá nas xornadas “Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación” coa exposición sobre o labor do catedrático ferrolano como planificador lingüístico. Nas mesmas xornadas, o día 25 ás 8 da tarde será proxectado un audiovisual con unha entrevista inédita a Carvalho Calero realizada polo profesor Ramón Reimunde Noreña.

Finalmente, no día 2 de decembro, a coordinadora de Innovación Educativa do IES Perdouro, María José Andión Fontela, participará nas VII Xornadas de Lingua e Usos, que nesta edición están dedicadas á relación entre a lingua e a sanidade. Aproveitando a súa presenza neste evento académico, a representante do IEs PErdouro aproveitará a ocasión para entregar unha memoria de actuacións pedagóxicas a Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG) así como aos representantes das forzas políticas con representación parlamentar. En reunión con Goretti Sanmartín, responsábel da área de Dinamización da Universidade da Coruña, avaliará a posibilidade de colaboración para outras actividades académicas a realizar durante o ano 2011.

01/11/10

O Concello de Burela subscribe a declaración sobre memoria colectiva impulsada diversas entidades locais galegas

Burela, 1 de novembro de 2010. Con motivo da conmemoración do Día de Defuntos, o Concello de Burela realizará mañá martes, día 2 de novembro, unha serie de actividades destinadas a lembrar a aqueles que xa non están con nós. Ditas actividades servirán tamén para dar a coñecer publicamente que o Concello subscribe a Declaración sobre Memoria Colectiva impulsada por diversas entidades locais galegas e que coincide substancialmente coa liña de traballo e os obxectivos do Modelo Burela de Planificación Lingüística. Polo momento fixérono: Santiago de Compostela, A Estrada, Vilagarcía de Arousa, Mondariz Balneario, Maceda, Calvos de Randín, Baltar, Castro Caldelas, Moaña, Poio, Outes, Boiro e A Fonsagrada.

Ás 6 da tarde, unha comitiva formada por representantes municipais e do grupo de Innovación Educativa do IES Perdouro visitará o cemiterio parroquial, onde será recibida por Néstor Valle Gómez (coidador dos cemiterios parroquial e municipal de Burela), quen realizará o labor de guía para explicar o patrimonio recollido en determinadas lápidas. Fillo do modesto contratista de obras –e enterrador no cemiterio parroquial- Nestor Valle Casas, Valle Gómez (Burela, 1959) leva xa desde os 13 anos atendendo os cemiterios da localidade, actividade da que se ocupa en exclusiva desde 1994 (a data na que se xubilou o pai).

Posteriormente, ás 7 da tarde, no Salón de Conferencias, será proxectado o audiovisual Palabra e Memoria, unha composición de Matías Nicieza centrada nunha exposición de fotografías de inscricións funerarias realizadas pola fotoxornalista Pepa Losada.

Durante a clausura da actividade, os representantes municipais entregaranlle a Néstor Valle Gómez un pequeno obsequio, en recoñecemento á súa constancia no labor de preservar a memoria colectiva.

Máis premios

Por outra banda, o Concello de Burela recibirá nos próximos días ao equipo de normalización do IES Perdouro para agradecerlles o traballo realizado no centro educativo ao acadar o Premio á innovación en normalización lingüística nos centros escolares.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, enviou unha carta aos equipos de normalización lingüística, á dirección e ao claustro de profesores/as, na que lles traslada “en nome propio e no da Corporación Municipal os parabéns polo voso magnífico traballo en prol da normalización do noso idioma que vén de ser recoñecido co Premio á innovación en normalización lingüística nos centros escolares. Somos conscientes de que o noso idioma avanzará grazas á vosa contribución, por iso, saudámosvos afectuosamente e agradecémosvos o traballo que vides realizando”.

26/10/10

Fomento da lectura ao estilo “Modelo Burela”

A biblioteca do Instituto Perdouro foi o escenario dunha actividade moi especial de fomento da lectura. Nela realizouse a primeira presentación de Soños chuchados en apreixos furtados, á súa vez a primeira publicación do profesor Luís Ramilo, docente da área de Imaxe Persoal neste centro educativo de Burela.

No acto, o autor estivo acompañado na mesa pola vicedirectora, Karina Parga, e polo profesor de Lingua e Literatura Bernardo Penabade. A presentadora do acto indicou que tiñan escollido esta data para commemorar o Día das Bibliotecas Escolares e a seguir aproveitou a ocasión para presentar o programa de actividades a realizar nesta primeira parte do curso así como tamén as melloras infraestruturais realizadas no propio Salón de Lectura onde se celebrou esta presentación literaria.

Pola súa parte, Bernardo Penabade indicou que a obra é unha síntese de artes plásticas e literarias, moi ao estilo das publicacións vangardistas que veñen aparecendo desde hai agora un século por todo o continente europeo: “os collages, as pinturas así como as fotografías de pequenas esculturas están acompañadas de relatos ou poemas que contan coa particularidade de estaren escritos con entre 10 e 100 palabras, sempre en números redondos (10, 25, 50, 100). En todas as composicións están presentes unhas mensaxes moi nobres: a defensa da paz, o rexeitamento da violencia, o estímulo da forza vital, o fomento do equilibrio entre os xéneros e, incluso, a rebeldía contra os  anti-valores”.

O autor, Luís Ramilo, comentou que a xénese da obra procede dunha súa experiencia docente nun centro de integración de menores da cidade de Vigo. Á vista das especiais circunstancias en que debería desenvolver o seu traballo, resolveu realizar unha práctica docente moi vinculada coas manualidades e as artes plásticas, que máis tarde completou con pequeniñas “cousas” literarias. A seguir, explicou os motivos que o animaron a decantarse pola autoedición apoiándose nunha empresa de comunicación dixital.

Quen tamén fixo uso da palabra a coordinadora do Proxecto de Innovación Educativa do Instituto Perdouro, a profesora María José Andión, quen tivo palabras de eloxio para Ramilo Machado polo seu apoio para a implantación do Modelo Burela de convivencia lingüística. De todos os xeitos, as intervencións máis aplaudidas de toda a velada literaria foron as das alumnas do ciclo de Imaxe Persoal Tamara Cuba e Silvia Cotarelo que, en clave de humor, deron a súa visión da obra, felicitaron o autor e simultaneamente aproveitaron o acto para reivindicar a implantación na Mariña do ciclo de estética.

Juan Sama cerrou este acto literario con parabéns para o autor e agradecemento para a participación do público, onde destacaba unha nutrida representación do profesorado e de alumnado dos ciclos formativos. O director do Instituto Perdouro mostrou o desexo do centro de que a biblioteca acolla no futuro actividades con características semellantes.

25/10/10

"Soños chuchados en apreixos furtados" - Luís Ramilo Machado

 
Presentación do libro Soños chuchados en apreixos furtados, do profesor Luís Ramilo (docente da área de Imaxe Persoal).
 
O acto celebrarase ás 18:15 horas do Luns, 25 de outubro, na Biblioteca.