20/05/12

Empresas e comercios locais que asumen como propios os criterios de atención e comunicación Modelo Burela
A Casa Miranda acolleu a presentación dos convenios con diferentes casas comerciais.

Ás 12: 00 horas do día 17 de maio, Día das Letras Galegas, na Casa Miranda do porto de Burela procedeuse ao acto de sinatura de convenios con empresas e comercios locais que asumen como propios os criterios de atención e comunicación Modelo Burela. En representación da área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro tomou a palabra a profesora María Xosé Andión Fontela, que explicou o contido dos convenios a asinar entre o centro educativo e os representantes de varias casas comerciais da localidade.
Por parte dos comerciantes compareceron Estéfano Gudín, ceramista orixinario de Arancedo (El Franco) con obradoiro aberto no centro de Cervo; Xabier Sánchez Lorenzo, de Imaxedixital3000, un dos impulsores da iniciativa e responsable da imaxe corporativa das actividades comerciais “Modelo Burela”; José Miranda, recoñecido deseñador que combina esta súa actividade profesional coa dedicación ao sector da restauración gastronómica; e Pablo Fernández, con comercio do sector téxtil -Xemelgos Skate Schop- no centro Porto Praza.
Pola súa parte, a vice-directora do Instituto Perdouro manifestou a satifación da comunidade educativa pola acollida que o Modelo Burela está tendo entre as casas comerciais. Karina Parga mostroulle aos presentes a disposición do centro de ensino para colaborar no reforzo do comercio e a empresa da localidade. Ao mesmo tempo, suxeriulles unha actualización da súa comunicación dixital seguindo o exemplo do grupo musical Alma Latina, entidade pioneira na difusión do novo modelo de comunicación.

15/05/12

Actividades “Modelo Burela” para conmemorar o día das Letras Galegas

A área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro organiza dúas actividades especiais para conmemorar o Día das Letras Galegas ao estilo Modelo Burela.
Por unha parte, o propio día 17 de maio sae para Londres unha expedición de alumnos e alumnas de 4º de ESO, acompañados polo profesor Antonio Galdo e pola profesora Charo Fernández, co obxectivo de fomentar a fluidez comunicativa en inglés. Esta é unha actividade complementaria das sesións de teatro e dos obradoiros de lingua inglesa coordinados polo lingüista Anik Nandi e que se celebran no Instituto Perdouro desde hai varios anos académicos.
Por outra parte, ás 12: 00 horas na Casa Miranda do porto de Burela procederase ao acto de sinatura de convenios con empresas e comercios locais que asumen como propios os criterios de atención e comunicación Modelo Burela. Seguidamente entregaranse os primeiros distintivos ás empresas que teñen subscrito este tipo de convenios.

O Instituto Perdouro organiza actividades especiais para conmemorar o Día das Letras Galegas ao estilo Modelo Burela.

10/05/12

OS NEOFALANTES PROTAGONIZAN O PROGRAMA LUAR DA TVG PRESENTADO POR XOSÉ RAMÓN GAIOSO

Unha delegación da Mariña participará mañá nun programa dedicado á celebración do Día das Letras Galega

Un conxunto de 15 persoas da Mariña viaxarán na tarde de mañá venres a Santiago de Compostela para participaren na emisión do Luar da TVG, un programa que estará dedicado á conmemoración do Día das Letras Galegas. A delegación que sairá da estación de autobuses de Burela ás 4 da tarde, está encabezada pola Vicedirectora do IES Perdouro, Karina Parga Chao, e nela figuran diversas persoas da Mariña, todas elas cun vínculo especial: a súa procedencia de máis alá das nosas fronteiras e a máis que aceptable integración na nosa cultura.
Xunto a diversos protagonistas do documental “Modelo Burela”, de Matías Nicieza (que tamén estará na expedición), serán entrevistadas en Luar algunhas das persoas que participaron durante este curso académico nas emisións radiofónicas tituladas “Proxecto Neo” impulsadas polo Instituto Perdouro. Residente en Ferreira do Valadouro, Ayoud Sabry é un mozo marroquino que estuda mecánica do automóbel en Ribadeo; o pakistaní Umer Mohammed, residente en Burela, combina o traballo nun negocio familiar do sector hostaleiro cos estudos de 2º de Bacharelato; a focense Sol Pedreira chegou á nosa terra procedente do Perú e manifesta unha magnífica integración entre nós, sen renunciar aos vínculos cos familiares da China e o Xapón; o futbolista Miguel Gomes, xuvenil habitual nas listas do primeiro equipo da S. D. Burela de fútbol será o representante da comunidade caboverdiana.
A presenza deste conxunto de persoas representativas da implantación do “Modelo Burela” de Planificación Lingüística no Luar da TVG, é o resultado da colaboración do IES Perdouro co equipo de produción do programa televisivo durante estas últimas semanas.
Este recoñecemento ao labor da área de Innovación Educativa do instituto de Burela, programa que conta coa coordinación da profesora María José Andión Fontela, chega poucos días despois de que o propio Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitase o centro de ensino para participar nunha xornada de dinamización lingüística.
Ademais de continuar con proxectos como o da integración de neofalantes, a área de Innovación Educativa do IES Perdouro centra este ano o seu labor didáctico no apoio ao desenvolvemento do comercio local, unha iniciativa que xa conta co apoio de diversas empresas.

30/04/12

Ximnasio Breogán - empresa Modelo Burela

O 30 de abril de 2012 a empresa Ximnasio Breogán e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro asinamos un convenio de colaboración destinado á difusión do Modelo Burela nas actividades desenvolvidas por esta empresa.

Nesa mesma data, unha delegación dos centros educativos de Burela, acompañada polo Secretario Xeral de Política Lingüística do Goberno Galego, visitou as instalacións dentro do programa dunha xornada de dinamización lingüística. No curso da sesión celebrada no Ximnasio Breogán, a coordinadora da área de innovación educativa do Instituto Perdouro -a profesora María José Andión Fontela- entregou a Marco Uría un agasallo como recoñecemento ao seu continuado labor cultural.

"Modela Burela" : Visita do Secretario Xeral de Política Lingüística

O SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA FAI UN "CHEQUEO" AO MODELO BURELA

Valentín García participou nunha sesión de dinamización lingüística e reuníuse cos diversos sectores sociais implicados nesta iniciativa cultural 

O Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia visitou Burela para coñecer en profundidade o desenvolvemento do programa de integración intercultural "Modelo Burela", impulsado pola área de innovación educativa do Instituto Perdouro, en colaboración con outros centros educativos da Mariña e co propio Concello de Burela, que aprobou un Proxecto de Planificación Lingüística en abril de 2008.

O pasado luns, día 30 de abril, Valentín García Gómez foi recibido ás 16:00 horas no Instituto Perdouro polo director do centro, Juan G. Sama, e pola coordinadora da área de innovación, María José Andión Fontela. Seguidamente coñeceu persoalmente o profesorado implicado no Proxecto de Innovación Educativa, que recibiu por quinta vez consecutiva un dos premios outorgados pola Consellería de Educación en colaboración con Política Lingüística e que este ano traballa no impulso do comercio e a empresa locais.

No propio IES Perdouro, o Secretario Xeral asistiu á proxección de Txalapartaris no Eido Dourado. O audiovisual, que recolle fragmentos dunha actuación de músicos que acompañan habitualmente a Kepa Junquera, foi presentado polo seu autor, o fotógrafo Javier Sánchez, quen animou o público a visitar o museo do pintor Celso Dourado en Barreiros.

Fóra do recinto escolar, Valentín García visitou diversas entidades comerciais da localidade, acompañando unha sesión de dinamización lingüística realizada por profesorado e alumnado dos institutos de Burela. A primeira parada foi nos locais do Ximnasio Breogán, onde a comitiva puido visualizar en primicia os primeiros resultados da montaxe dun videoclip de homenaxe ao célebre grupo musical "Os Resentidos", un produto musical que recolle traballos de dous grupos musicais da Mariña -Orquestra Alma Latina (Burela); e Safari Orquestra (Lourenzá)- e que proximamente se presentará ao público xeral en diversas localidades galegas.

A xornada finalizou co encontro dos participantes na sesión educativa cos responsables da ACIA local, que aproveitaron para explicarlle os seus proxectos ao Secretario Xeral de Política Lingüística ao tempo que lle fixeron entrega dun arquivo que recolle mostras das numerosas actividades realizadas por esta asociación desde que foi revitalizada.

Modelo Burela

O coñecido “Modelo Burela” de Planificación Lingüística constitúe xa todo un referente no ámbito da dinamización lingüística no ensino. O IES Perdouro botou a andar o proxecto no curso académico 2005-2006 e foi precisamente no presente curso 2011-2012 un dos cinco aos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- lles outorgou cadanseu premio de innovación en dinamización lingüística, no marco da convocatoria anual de Cultura e Educación dirixida ao fomento do desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e o coñecemento da cultura de Galicia.

O “Modelo Burela” busca dinamizar a lingua galega desde a adquisición da competencia lingüística do alumnado en tres idiomas: galego, castelán e unha terceira lingua internacional. Durante este curso académico, o proxecto chega aos seis cursos en desenvolvemento e dá novos pasos coa posta en marcha iniciativas dinamizadoras no comercio e na empresa local.

Proxecto Neo

No marco do "Modelo Burela" desenvólvese, desde o mes de xaneiro, "Proxecto Neo", a nova iniciativa radiofónica sobre a lingua galega impulsada desde o IES Perdouro, en colaboración con Radio Burela. O programa, que se centra na integración lingüística das persoas neofalantes, emítese cada mércores en horario de 17:00-18:00 horas e está dirixido e conducido por Bernardo Penabade, profesor de Lingua galega e literatura no instituto burelao e coordinador do "Modelo Burela". Tamén conta con emisión a través de Internet e con presenza nas redes sociais.

13/02/12

Presentando o Modelo Burela en Alfoz

O pasado domingo 12 de febreiro, Bernardo Penabade, profesor de Lingua Galega no Instituto Perdouro de Burela,  e Matías Nicieza, director do audiovisual Modelo Burela explicaron en Alfoz por medio de varias proxeccións audiovisuais o Modelo Burela, un proxecto que xa leva acadados premios e recoñecementos.

04/01/12

Nace "Proxecto Neo"

Proxecto Neo, comeza un novo programa en Radio Burela

A radio local de Burela continúa aumentando a súa grella de programación e inclúe este novo programa semanal os mércores de 17 a 18 horas. Estará realizado polo equipo da Área de Innovación Educativa do IES Perdouro de Burela.

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre a área de Innovación Educativa do IES Perdouro e Radio Burela. Bernardo Penabade, docente no centro educativo de Burela será o director e conductor do novo programa. Penabade describe o espazo como o lugar no que se lle vai dar voz protagonista ós neofalantes, que son as persoas que se incorporaron á nosa cultura e que lle dan tanta vitalidade como os que a adquiriron na infancia, manifestan. No concello burelés, din dende o equipo de Proxecto Neo, é facil atopar exemplos de neofalantes “son persoas que viñeron de Valladolid, de Asturias, de Andalucía ou de Madrid, ou que viñeron de diversos países do mundo e chegaron aquí á Mariña e se integraron perfectamente“, comenta Bernardo Penabade. Tamén se inclúen neste grupo as persoas prodecentes das grandes cidades galegas e que foi cando chegaron a Burela cando se comezaron a desenvolver totalmente no idioma galego.

Dende Proxecto Neo, explican que os neofalantes existen en moitos lugares, pero o caso de Burela é mais destacado polas súas condicións sociolóxicas e de crecemento. Toda a xente recén chegada trouxo o seu contributo e fixo a súa aportación. No primeiro programa que se emite hoxe de cinco a seis da tarde a convidada será María Xosé Andión, coordinadora do Proxecto de Innovación Educativa "Modelo Burela". Será un programa de presentación, no que se explicará cal vai ser a liña dos seguintes espazos. O seu obxectivo é rachar coas fronteiras e chegar a tódolos neofalantes galegos esparcidos polo mundo e que tamén contará coa comunicación cos oíntes a través das redes sociais.

Radio Burela aumenta así a súa oferta de programación e nos próximos meses continuaránse incorporando novos espazos, ademais da programación diaria de mañá, a tertulia deportiva os luns e o espazo musical dos xoves.

30/06/11

Celebración de fin de curso con festa intercultural en Burela

No acto foi presentado o audiovisual “Saúde e Sensibilidade”, centrado na importancia da comunicación na atención sanitaria

A área de Innovación Educativa do IES Perdouro presentou o balance de actividades celebradas durante o curso académico 2010-11, todas elas incluídas dentro do programa premiado pola Xunta de Galicia en novembro de 2010 co obxectivo de fomentar a innovación educativa no ensino das linguas. O profesorado involucrado neste proxecto -algo máis de 40 docentes dos institutos bureleses Monte Castelo e Perdouro; do Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; de Breamo, en Pontedeume; e Fin do Camiño, de Fisterra- reuníronse na biblioteca do IES Perdouro para avaliaren o grao de cumprimento do programa e visionaren diversas proxeccións audiovisuais de produción propia. Xa nun ton máis lúdico, entregáronse diversos obsequios a persoas destacadas pola calidade da súa expresión escrita; como punto final, docentes e galardoados disfrutaron coa música da Banda Dambara e asistiron en directo á presentación das primeiras pezas do novo disco de Batuko Tabanka.

Despois de que o director do centro, Juan Sama Díez, dese a benvida a participantes na experiencia educativa e á representación de empresas e asociacións da localidade, María José Andión -coordinadora do Proxecto de Innovación- presentou o balance das actividades realizadas durante o curso académico 2010-2011 e destacou o traballo de dinamización lingüística entre o cadro de persoal das entidades sanitarias, xunto con outras iniciativas de grande alcance como a presenza do escritor e académico Xosé Neira Vilas nos centros de ensino secundario de Burela e no colexio de Cervo; os concertos dos músicos Mini e Mero; ou os obradoiros de comunicación ministrados polo sociolingüista hindú Anik Nandi.

O programa de actividades tiña como parte central a visualización dun novo documental producido polo IES Perdouro e dirixido por Matías Nicieza. Depois da proxección de “Saúde e Sensibilidade”, coa presenza de todos os seus protagonistas -persoas que traballan na Sanidade-, procedeuse á entrega de diversos obsequios a diversas persoas da localidade que prestaron axuda desinteresada para o desenvolvemento do proxecto: do Hospital da Costa recibiron o recoñecemento Cándida Pico (Recursos Humanos), Adelina Fernández (Administración), Pedro López Beade (Xefe de cociña), María do Carme Martínez Lamas (Enfermaría) e Iago Villamil (Medicina); do Centro de Saúde, o doutor Carlos Fraga e a enfermeira Victoria García Leiras. Fóra do ámbito sanitario, as distincións recaeron en Xosé Manuel Miranda (deseñador), Albano González Cancio (músico) e a Banda Dambara (polo seu décimo aniversario), o grupo Batuko Tabanka, Matías Nicieza (director de cine), Sofía Prieto (barista), Benjamín González Quelle (cronista oficial); e Ramón Marful (párroco de Burela ) e Zahara Peinó, pola voda “Modelo Burela”.

O broche final púxoo a música da Banda Dambara, que acaba de celebrar o seu décimo aniversario, sempre baixo a dirección de Albano González Cancio, e a de Batuko Tabanka. As mulleres caboverdianas presentaron en primicia o seu novo traballo discográfico.

18/06/11

“Saúde e Sensibilidade”, novo audiovisual do IES Perdouro

“Saúde e Sensibilidade”, un novo audivisual producido polo IES Perdouro, está dirixido e realizado por Matías Nicieza, que de novo colaborou estreitamente no desenvolvemento do Proxecto de Innovación Educativa durante o curso académico 2010-11.

O documental presenta o panorama da comunicación entre o colectivo de profesionais da Sanidade na localidade de Burela, tanto dos que traballan no Hospital da Costa como dos que o fan no Centro de Saúde. Elaborado desde unha perspectiva integradora, a cámara e o micrófono recolleron unicamente os casos “en positivo” e tribútanlle así homenaxe a aqueles profesionais que destacan precisamente pola súa naturalidade, sendo sensibles co sistema cultural das persoas atendidas.

Incialmente, Cándida Pico –da área de recursos humanos do Hospital da Costa- explica o contexto socio-xeográfico da área sanitaria da Mariña indicando os concellos abarcados, o volume de poboación atendida e ofrécenos as cifras de cada un dos sectores implicados na sanidade comarcal (cifras de persoal médico, de enfermaría, de celadores, administrativos, mantenemento, etc). Pola súa parte, Adelina Fernández lembra como se produciu a tímida introdución da lingua galega na administración e rotulación do Hospital da Costa, por iniciativa de Alfonso Bueno Gallardo (exdirector de xestión). Pedro López Beade fai historia do sistema de comunicación dos menús aos doentes, tanto desde o final dos anos 80 como na actualidade, cando se producen cambios importantes motivados pola implantación de novos sistemas informáticos no hospital. A enfermeira María do Carme Martínez Lamas explica cal é o modelo lingüístico imperante nas escolas universitarias de enfermaría e cal é a súa influencia no exercicio profesional das persoas tituladas. A súa intervención consegue facernos partícipes do seu traballo tanto no contacto cos doentes como na xestión informática da atención diaria. O doutor Iago Villamil –nunha entrevista antolóxica- dános a coñecer as razóns polas que realiza dúas versións dos seus informes clínicos. Pola súa parte, o doutor Carlos Fraga e a enfermeira Victoria García Leiras explican cal é o panorama da comunicación no Centro de Saúde de Burela.

02/05/11

Neira Vilas visita a Mariña atraído polo “Modelo Burela”

O autor das Memorias dun neno labrego manterá encontros co alumnado de centros educativos de Burela e Cervo

O escritor Xosé Neira Vilas coñeceu a existencia do Modelo Burela de Planificacion Lingüística ao visionar o audiovisual do mesmo título, do que é autor Matías Nicieza. O escritor recibiu unha copia do documental no transcurso da última Feira do Libro de Foz e posteriormente tomou a iniciativa de localizar o seu director para transmitirlle persoalmente os parabéns.

Agora, grazas a Asociación Cultural “Os Matos” do IES Perdouro -de quen partiu a iniciativa-, Xosé Neira Vilas e Matías Nicieza coñeceranse persoalmente, e o escritor compartirá unha xornada co alumnado de Burela e Cervo.

O conxunto das actividades celebrarase durante a mañá e a tarde do próximo martes, día 3 de maio, cunha axenda moi apretada. O autor das Memorias dun neno labrego chegará a Burela ás 11 da mañá e será recibido no IES Perdouro pola directiva da Asociación Cultural “OS Matos”, así como por delegacións do Concello de Burela e dos centros educativos participantes nos encontros.

Seguidamente, manterá un encontro co alumnado do IES Monte Castelo, actividade que está coordinada polo profesor Fernando Gavín Bouso.

Ás 12:30, na Biblioteca do IES Perdouro, Neira Vilas disertará sobre a súa traxectoria literaria e asinará exemplares das súas obras ao alumnado de 2º de bacharelato, participando tamén nesta actividade alumando do IES Monte Castelo. Neste acto o escritor estará acompañado por unha representación da área de Innovación Educativa coordinada pola profesora María Xosé Andión Fontela.

Para as 14:15 h. está previsto un xantar de confraternidade entre o alumnado, o profesorado e o escritor. Celebrarase no “Mesón do Poeta”, onde Neira Vilas saudará o seu fundador -un dos protagonistas do documental “Modelo Burela”.

Ás 15:30 h. o escritor visitará o CEIP de Cervo e asinará exemplares das súas obras aos seus lectores máis novos.

EXPOSICIÓN

Con motivo da visita de Xosé Neira Vilas, a Biblioteca Pública de Burela ten aberta unha exposición bibliográfica da obra do escritor de Vila de Cruces. Esta exposición está situada na planta baixa do local e pode ser visitada libremente durante o horario de abertura da biblioteca.

06/04/11

O Sociolingúista hindú Anik Nandi participa de novo nos obradoiros de comunicación “Modelo Burela”

Os días 7 e 8 de abril o sociolingüísta hindú Anik Nandi estará de novo en Burela para participar en diversas actividades organizadas pola área de Innovación Educativa do IES Perdouro. Concretamente ás sete da tarde (19:00 h.) do xoves, día 7, intervirá na reunión de docentes do Proxecto de Innovación Lingüística e o venres coordinará un obradoiro de comunicación dirixido a alumnado de ESO e Bacharelato, seguindo as directrices dunha actividade semellante xa realizada no curso pasado.

Aproveitando a presenza en Burela deste sociolingüista, o grupo de Innovación Lingüística reunirase para realizar un modesto recoñecemento ao labor profesional do fotógrafo Javier Sánchez Lorenzo. Ademais de servir para expresar agradecemento a Nandi como colaborador e difusor do Modelo Burela de Planificación Lingüística, no acto procederase a explicar os contidos e a asinar un convenio de colaboración entre a Área de Innovación do IES Perdouro e Imaxedixital3000 de Burela, empresa da que é xerente Javier Sánchez Lorenzo.

Javier Sánchez Lorenzo foi desde moi novo traballador da fábrica de cerámica de Sargadelos. Posteriormente pasou a traballar en Aluminio Español, onde coincidiu con Miguel Ángel Vals e con el profundizou no estudo da fotografía, sendo un dos precursores do revelado a cores na Mariña. Desde 1981 é fotógrafo profesional e actualmente rexenta a empresa Imaxedixital3000 e faino cuns criterios moi semellantes aos propostos no Modelo Burela de Planificación Lingüística.

O obradoiro de comunicación está previsto para as sesións comprendidas entre as 8:45 e as 11:15 h.do venres, día 8. Anik Nandi, que estará acompañado por Íñigo Mouzo Riobó, traballará co alumnado contidos relacionados coa multiculturalidade e a convivencia lingüística, materia da que é experto (son as súas linguas habituais o bengalí, o hindi e o inglés; e posúe alta formación tamén en sánscrito, castelán e galego).

Licenciado en Historia da Arte (2001-2007) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), con orientación en Patrimonio Cultural e Arte Contemporánea. Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación (2007-2008) pola Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Comité de Asesoramiento Tecnolóxico (CAT) do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Doutorando en Historia da Arte, As Cidades do Arco Atlántico. Patrimonio Cultural e Desenvolvemento Urbano (2008-2010), doutoramento interuniversitario con Mención de Calidade coordinado pola Universidad de Oviedo (UNIOVI).

Entre outras actividades formativas, destacan as prácticas no Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, no Servicio de Vixilancia e Inspección do Patrimonio (outubro-decembro de 2006), (120 horas); desenrolo do proxecto de máster (outubro de 2007- xuño de 2008) para a renovación e rehabilitación de Cacabelos (León), redactando o informe histórico-artístico/dosier, e participando na xestión dun plan de intervención integral; así como a asistencia e aprobeitamento de máis de 250 horas en cursos e congresos (2002-2008) en relación co patrimonio cultural, a arte contemporánea, e desenrolo territorial e urbano.

Destaca ademais a colaboración con distintos colectivos culturais e de arte contemporánea (2004-2008), como Grupo SIVA e Baleiro (USC), e a coorganización de talleres de cultura participativa e espacio urbano, como Esculpir en el tiempo (novembro de 2006) e 00:00 (xuño de 2007), organizados para os cursos Seminario sobre espacios compartidos entre arte e educación e as Xornadas de arte en contexto, organizados polo Departamento de Didáctica da Expresión da USC, en colaboración co Departamenteo de Pedagoxía do Centro Galego da Arte Contemporánea (CGAC); así como a instalación do proxecto colectivo Proxecto Procesos_1, a mirada do paseante no CGAC (novembro de 2004).

Na actualidade desenrola o estudio de doctorado, baixo o título A construcción in situ do territorio a través da arquitectura do Rexionalismo (1920-1960) e do Rexionalismo Crítico (1960-2010) baixo a dirección de Federico López Silvestre e Rubén C. Lois González; e participa no grupo de investigación ANTE, Análise Territorial, grupo con Mención de Excelencia Investigadora xestionado polo Departamento de Xeografía desta Universidade.