26/03/16

FELIZ RESULTADO DUN DOBRE ESFORZO




A integración é o resultado dun dobre esforzo: dunha comunidade por acoller e por entender os costumes de quen chega; doutra comunidade por asentar os pés na terra e por tomar a iniciativa para favorecer a convivencia.
Quen nos poden falar diso con moito coñecemento de causa son Albano González Cancio e todas e cada unha das persoas que participan na Asociación Dambara (as que participan na docencia e as que asisten aos ensaios e despois participan na banda). Entre esas persoas saben moitísimo dese dobre esforzo Álex Landim Correia e Marcelo e Doroteia Tavares Correia.

No mes de maio pasado publicábamos un escrito en que o propio Álex L. Correia nos comentaba as súas vivencias da primeira sesión de ensaio en Dambara. Agora, menos dun ano despois, as mostras dos resultados son inequívocas. O dobre esforzo mereceu a pena.

Parabéns colectivos por esa integración exemplar.

19/03/16

A MÚSICA DE M.J.Pérez


Helena e Marco tomaron a iniciativa para que coñecésemos máis en profundidade tanto a artista (M.J. Pérez) como as súas letras e as súas músicas. O resultado está recollido nesta gravación. Primeiro escoitamos o seu "Grito de guerra". Despois chegou a sonoridade do seu timbre de voz na distancia curta. Así pulsamos dez anos de traxectoria musical.

11/03/16

INNOVACIÓN EDUCATIVA DE VANGARDA EN CANIDO




A través da voz dun dos seus protagonistas, o profesor Xosé Francisco Noia, en conversa con Marco Pereira e Matías Nicieza, coñecemos unha intervención educativa exemplar que está sendo implementada no Instituto de Canido, na cidade de Ferrol. Trátase dun proxecto pedagóxico caracterizado polo fomento da aprendizaxe significada, interactuando co ambiente social máis próximo ao centro escolar. O alumnado ten unha oportunidade única para deixar a un lado os prexuízos e abrir as portas do seu interior a todo un mundo creativo de vangarda. Trátase da aplicación práctica nun dos barrios de Ferrol dun modelo de escola en valores ao estilo do que defendeu para a periferia urbana da Coruña o artista Xurxo Souto no seu libro Fumareu.
A explicación tan pedagóxica que nos fixo o profesor Noia,é o complemento ideal para os vídeos que disponibilizaron para a divulgación do GZ Música da Filial, a innovación educativa de vangarda que se nos ofrece desde Canido.
Momento final do primeirl programa (22/01/2016)
Helena, Marco e Matías estiveron acompañados por Marcelo e Doroteia Landim Tavares; 
Silvera Vicente de Oliveira; e Álex Landim Correia.


06/03/16

ZARAGALLADA



"Marco, coñecerte, saber de ti, supón para min unha alegría profunda.
Cada día demostras que os límites só poden existir en mentes rexidas por patróns de crenzas adquiridas, sen fundamento real.
Nas mentes libres como a túa, os límites están para rompelos. Polo tanto, Grazas! Grazas pola túa xenerosidade, grazas por poñer tanta orde arredor de ti.
Como mostra do meu afecto e gratitude, gustaríame dedicarche unha canción: os Cantos de Mouzo, cantada por Guadi Galego e Xavier Díaz (incluída no Hepta de Berrogüetto), dúas das grandes voces do noso mundo". (Dolores O. Rodríguez, profesora de Música no Instituto Perdouro)
Chega o novo disco da Banda Migallas. Helena e Marco non deixan pasar a oportunidade sen contribuír á súa divulgación. A conversa que manteñen con Carlos Yus é verdadeiramente magnífica. Un magnífico documento sonoro para sabermos cal é o contido do disco e para coñecermos mellor a oferta artística de Migallas.

29/02/16

O FUMAREU DE XURXO SOUTO


Chegou Xurxo Souto ao Grandes Voces do Noso Mundo e fíxose o Fumareu. O ambiente caldeouse e fervía Marco, porque quería que cantasen Helena e Xurxo; e fervía Helena, que tamén quería cantar; e fervía Matías Nicieza, porque ese momento xa lle tardaba. 
E Xurxo cantou sen que llo pedisen. E Helena cantou. E Marco non cantou, porque estaba atendendo ao Sr. Braille. Aínda así o Sr. Braille tivo o seu momento de descanso, porque Marco -sen lle dar vacacións- deixouno libre por momentos.
Un programa de premio.

25/02/16

A FACTORÍA DOS SOÑOS DE RINLO (Conversa con Ugia Pedreira)



O programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo chegou á quinta entrega. Celebrámolo con Ugia Pedreira, que nos atendeu desde Rinlo (onde está a súa factoría de soños).

17/02/16

MODELO BURELA: A PONTE MUSICAL CON CABO VERDE

 

Antonina Semedo Lopes de Barros (Santa Ana, Illa de Santiago, Cabo Verde) chegou á Mariña un 23 de xullo de 1978, no momento en que se realizaban as obras da fábrica de aluminio en San Cibrao.
Marco Pereira e Helena Valle falan demoradamente con ela. Iso no comezo da conversa. Despois chega a simbiose. Marco conduce... Antonina canta... Helena tamén canta... e o programa faise Modelo Burela.

15/02/16

A PONTE MUSICAL "MODELO BURELA"


Domingo, día 14 de febreiro. Ás oito da tarde tíñamos unha cita no Auditorio de Burela para asistir ao concerto de presentación do novo disco dobre de María do Ceo: De Portugal a Galicia, Fado. Aínda que o tempo climatolóxico era moi adverso, a artista venceu os obstáculos da natureza e o público respondeu ben.
Na interpretación dos primeiros temas pasámolo ben coa mesma María do Ceo e cos mesmos tres músicos acompañantes que xa coñecíamos desde hai anos. Mais chegou o momento de inflexión produciuse cando a artista nos presentou a versión de "Saudade". Nese momento falounos de Xavier Alcalá e de Andrés do Barro; e despois cantou deliciosamente unha versión moi mellorada. Foi impresionante! Xavier e Andrés merecían aquelas palabras cariñosas e merecían aquela paixón interpretativa.
Mais tarde, xa finalizado o concerto, a artista continuou en diálogo co público, desta vez no recibidor do auditorio. Ducias e ducias de persoas quixeron levar o disco dedicado e acompañalo dunha fotografía coa artista e esta non puxo o menor obstáculo. Atendeu pacientemente todas as solicitudes.
Xusto no final chegou o encontro especial. Modelo Burela en estado puro. A simbiose intercultural. Antonina Semedo e María do Ceo son presentadas, saúdanse e comezan a falar. Unha entrega mostras da súa música á outra diante dun nutrido grupo de xente contempla que entre elas hai moi boa comunicación. É a cultura viva. O concerto como fonte de creatividade para o mañá.

A conversa cálida entre Antonina e María do Ceo concitaba interese entre as persoas que as queremos a ambas. A Anxo Rubiños líaselle na cara que estaba moi contento, que era un feliz anfitrión; o mesmo Matías Nicieza; o profesor Ramón Reimunde e María Xosé Figueira, que seguiran o concerto desde a primeira fila; a artista emerxente Helena Valle; e incluso Dona Genucha García, que noutra ocasión tal vez teña oportunidade de cantar en vivo e en directo un dos moitos romances que sabe.



08/02/16

GRANDES VOCES DO NOSO MUNDO: Miro Casabella


Terceira entrega do programa de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle, desta vez en conversa con Miro Casabella. A través das palabras do cantautor do Valadouro coñecemos os seus comezos na música durante o curso 1966-67 -con Pi de la Serra, María del Mar Bonet e Lluís Llach, entre outros- mentres estudaba Arquitectura Técnica en Barcelona; e coñecemos tamén as impresións do célebre concerto de Voces Ceives no Cine Capitol en Santiago de Compostela.
Por iniciativa de Marco e Helena, Miro comentounos as súas vivencias de dous concertos moi especiais, en Nigrán e Ortigueira, con Luar na Lubre, para acompañar as voces de Rosa Cedrón e Sara Vidal.
Especialmente interesante é a resposta de Miro Casabella á petición de que fixese recomendacións musicais. 

30/01/16

Maria do Ceo

María do Ceo presentaba o seu duodécimo disco en Ourense. A cita estaba axendada para as oito e media da tarde do día 29 de xaneiro de 2015 e -xustamente nese día- Marco Pereira realizaba a segunda entrega do seu programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo. Marco quería ter entrevista de María do Ceo, como manifestación de agradecemento a todo o que a súa familia leva feito por el. Aínda que a data non era a mellor, Marco conseguiuno e brindoulle o programa ao pai, á mãe e á irmá.
Ás sete e cuarto da tarde, María atendeu a chamada e Marco púxose moi contento. Os nervos querían traizoar, mais non puideron. Non foron capaces de coutar a forza vital de Marco, alimentada polo saber facer de Helena Valle e polo Humanismo inmenso da María do Ceo.

29/01/16

TEMOS PRIMICIA


Por xentileza de Radio Burela, temos o privilexio de ofrecer en primicia a gravación da primeira emisión do programa Grandes Voces do Noso Mundo, que chega ás ondas por iniciativa de Marco Pereira coa colaboración de Helena Valle.


Agora xa dispoñemos da versión sonora daquelas palabras da cabeceira: 

En RADIO BURELA
GRANDES VOCES DO NOSO MUNDO
Un programa de
Marco Pereira 
e
Helena Valle

Tamén temos algunhas fotografías que dan testemuño para a historia do que foi o ambiente en que se desenvolveu a primeira das entregas deste programa que vai facer de ponte cultural entre os diversos países de raíz galega.



O primeiro alento. Xa antes de comezar a realización
do programa, Marco e Helena recolleron o apoio dunha 
persoa especial: Ester Gómez (a impulsora de Luz Acesa)


En plena emisión. Marco comezou comido polos nervos, mais 
ao seu lado estaba Helena Valle. Cabeza e corazón. Corazón e cabeza.

O apoio incondicional. En plena retransmisión do programa chegaron
varias desas "persoas que sempre están aí". Marcelo, Carla, Silvera, Doroteia, Álex 
e Lavilson estiveron con Marco e Helena.

Nos días seguintes chegaron as felicitacións:

Felicidades Marco Pereira Oliveira polo teu primeiro programa radiofonico desta etapa e desexarche que teñas moito exito!Sorte!!😊😊 (Silvera)

Ola, meu amigo Marco! Hai meses que nos coñecemos e xa estás con ánimo de facer un novo programa na Radio Burela. Deséxoche sorte. Oxalá alcances éxito. Foi un gustó enorme coñecerte e aprender algunhas cousas da túa vida, como a leitura e as letras en braille.
Hoxe quero felicitarte por ese programa radiofónico: as Grandes Voces do Noso Mundo. (Álex)

22/01/16

GRANDES VOCES DO NOSO MUNDO


En RADIO BURELA
GRANDES VOCES DO NOSO MUNDO
Un programa de
Marco Pereira 
e
Helena Valle


Esta é a cabeceira dun programa musical de Radio Burela, dirixido por Marco Pereira coa colaboración especial de Helena Valle. Un espazo dunha hora semanal, emitido todos os venres entre as sete e as oito da tarde. Unha iniciativa feita desde a Mariña do Cantábrico para favorecer o diálogo musical entre todas as grandes voces do noso mundo. As da música galega e as dos países que acolleron e deron vida ao noso idioma: as grandes voces de Portugal e do Brasil, de Cabo Verde, Angola e Mozambique... e aínda máis.
Grandes Voces do Noso Mundo nace de mans dadas cos Cantos na Maré, a referencia, con quen partilla o espírito universalista e integrador, a interculturalidade e a fluidez comunicativa entre todos os pobos de raíz galega.


Marco Pereira Oliveira é un auténtico símbolo de interculturalidade Modelo Burela. Orixinario de Cerva, no distrito de Vila Real, vive na Mariña, mais en constante contacto coa súa outra terra. Sente paixón por Uxía Senlle e por Amália Rodrigues. Por Sés e por Rodrigo Leão. Pola música do Brasil e pola de Cabo Verde, que descubriu no momento en que chegou ao Instituto Perdouro.
A súa voz dá vida ao alfabeto braille en que están escritos os guións da súa autoría.



Helena Valle é unha Artista. Coñece as nosas melodías que ela mesma reinterpreta. Vive e anima a vivir a música. Como integrante do Proxecto Neo, xa ten no seu haber un premio O Galego na Onda, que se vén unir a outros premios conseguidos en certames literarios de poesía e narrativa. Os seus coñecementos das linguas inglesa, francesa e castelá, asentados sobre a base da galega, fan que represente outro símbolo Modelo Burela (o que vai da nosa terra para o mundo).

17/01/16

Manolo Maseda: o noso director

Texto tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2016/01/17/cos-pes-na-terra-corazon-mar/0003_201601C17C12991.htm

(Xornal La Voz de Galicia. Edición de Carballo-Bergantiños-Costa da Morte. 17/01/2016)

Cos pés na terra... e o corazón no mar!

O director do instituto de Baio escribe o conto do zapato que foi «sapato» e que empezou en Sardiñeiro
17 de enero de 2016. Actualizado a las 05:00 h. 0
AMPLIAR IMAGEN
Manolo Maseda, na carballeira de Baio co seu acordeón -instrumento que aprendeu a tocar co seu pai- e un zoco feito a man.
6
0
0
0
Pedíronme esta semana que vos escribira un artigo de 3.500 caracteres. Curiosamente, nos últimos anos, son as nosas fillas as que me piden que lles conte «un conto da miña cabeza», unha pequena brincadeira que temos. Consiste en que elas me agasallen con tres palabras e eu llas devolva en forma dunha pequena historia, antes de que chegue Pedro Chosco.
Pois ben, neste caso vou ser eu, se mo permitides, o que aporte esas tres palabras para contarvos unha historia que podería chegar a ser conto, se non fose verdade, e que agardo non vos adormeza.
«Zapato, Serea e Acordeón», aquí están as tres palabras coas que vou tentar fiar a pequena historia da miña grande segunda vida na Costa da Morte.
Antes de nada, desculpade por non presentarme. Eu nacín no Norte deste marabilloso país. Tan ao Norte que se miramos ao lonxe dende a praia da Marosa, case podemos ver a costa de Irlanda, onde tantas veces teñen arribado os mariñeiros da miña vila, Burela,  para buscar solaz.
O salitre que nos criou seguramente foi un dos argumentos que serviron de engado para achegarme á Costa da Morte. Terra brava, de xente brava e vidas intensas como as da Mariña Luguesa. Os dous piares xeográficos, xunto con Compostela, da miña existencia.
Aínda que tamén teño outras teorías do magnetismo destas terras, que ben merecerían outro conto, o destino fixo que cando aprobei as oposicións de mestre de música, o primeiro colexio que escollín para traballar estivese en Sardiñeiro.
Aquí é onde aparece a primeira palabra do conto: «Zapato».
Xa o teño contado moitas veces ás amizades, pero para min foi unha reflexión e unha lección vital que nunca esquecerei. Ao chegar ao colexio, eu pensaba que ía ser o «mestre de música» e así foi? agás por uns pequenos matices. Sería o mestre de música, pero tamén titor dun grupo de 23 alumnos de 1º e 2º de primaria todos xuntos nunha aula, a quen tiña que ensinar a ler e escribir nas clases de lingua, a coñecer o mundo en xeral e a pintar de cores a vida.
Todo ía máis ou menos ben até que un día chegamos á letra Z e debuxei todo cheio co xiz no encerado un enorme zapato. Pensei para min que xa tiñamos un reto superado, posto que remataramos o abecedario dun xeito exitoso e divertido, mais un pequeno neno loiro de primeiro chamado Santi dixo enerxicamente con cara de mofa: «Iso non é un zapato profe é un sapato!».
Foi aquí onde comecei a entender que o ensino é unha marabillosa autoestrada de sentimentos na que o profesorado temos moito que aprender do alumnado. Evidentemente, díxenlle a Santi que tiña razón? aínda que posteriormente tamén matizamos a opción escrita tal e como viña no currículum. Viva o seseo e a gheada e vivan os Santis do mundo por dicir o que pensan con liberdade! Unha vez cos pés na terra, e con sapatos novos, esa mesma tarde dando un paseo pola praia do Mar de Fóra, atopei unha marabillosa serea que me quixo levar con ela á fin do mundo para escoitar a «vaca aerofáxica» do Semáforo. Cos seus cantos e contos fíxome namorar máis ainda destas terras salgadas, e obviamente dela, nesta viaxe vital de complicidade. Unha das súas historias falaba do naufraxio do Palermonestas costas, cargado de «acordeóns», e a súa tristura por non ter cantado máis forte para axudar á tripulación do barco naquela tráxica noite de harmonías en modo menor afogadas contra as rochas.
Desde aquel día, sempre me pide que a acompañe polos camiños do vento tocando «música feliz» con este marabilloso instrumento. Este abrelatas de emocións portátil herdado do meu pai, fíxome e faime pasar momentos realmente únicos, rodeado de persoas extraordinarias que gozan da música e da amizade en estado puro.
Xa para rematar esta pequena historia de tres palabras, permitídeme compartir unha palabra máis de aguinaldo. Un agasallo patrimonial que aprendín este ano dunha muller de Borneiro cando íamos na busca de regueifeir@s para convidalos ao instituto de Baio, no que traballo na actualidade. Resume á perfección o que representa esta segunda patria para min. «Sera», que segundo ela é o xenio, ansias ou as ganas das persoas por vivir de xeito enérxico a vida. Pois iso, viva o mundo e seguimos komunikando polos camiños do vento!!!
Quen é. Manolo Maseda Deán ten 40 anos. Naceu en Burela, no norte de Lugo. Leva de director en Baio catro anos. Antes estivo en centros de Santiago. Fixo primeiro Maxisterio musical, e logo licenciouse en Musicoloxía na Universidade de Salamanca, ademais do seu título no Conservatorio. O seu instrumento é o acordeón, e o seu mestre foi o seu pai.
«O salitre que nos criou seguramente serviu de engado para achegarme á Costa da Morte»

TEMAS RELACIONADOS

31/12/15

SABELA LABRAÑA

A educación intercultural está de loito. En Barcelona, onde exercía a profesión docente, faleceu a profesora Sabela Labraña -unha das referencias fundamentais para o Modelo Burela- e desde o día 30 de decembro de 2015 o seu corpo repousa no cemiterio de Cedeira, a súa localidade natal.
Segundo recolle a páxina web da área de Estudos Galegos da Universidade de Barcelona, Sabela Labraña Barrero, titulada Mestra de Ensino Primario pola Universidade de Santiago de Compostela (1974) e licenciada en Filoloxía Románica (Galego-Portugués) pola Universidade de Barcelona (1988), fixo o doutoramento en Lingüística nesa universidade coa tese Estudio acústico das consoantes fricativas do galego (2005). Desde a perspectiva sociolingüística orientou os traballos en dúas direccións que conflúen nun obxectivo común: a convivencia das culturas nun mesmo territorio. Así, por unha banda investiga sobre a lingua e a percepción da identidade dos cataláns de orixe galega, e por outra coordina o proxecto Galauda (Ensino da lingua e cultura galegas na Secundaria catalá), no marco do cal dirixiu o libro Vencello. Lingua e cultura galegas para estudiantes de fóra de Galicia (2001). No tocante á fonética, contribúe, desde unha perspectiva acústica, á descrición da materia sonora da lingua galega. Adaptou ao galego o manual Introducción á fonética. O son na comunicación humana, de E. Martínez Celdrán (2002). Entre os seus traballos máis recentes no eido da fonética sobrancea An acoustic approach to the Galician gheada (15th ICPS, 2003).
A cultura galega expresou a súa dor pola perda de Sabela Labraña e destacou a súa contribución á pedagoxía, ao fomento da interculturalidade e aos estudos de lingüística galega. A información está nas páxinas do Sermos Galiza, do Olláparo de Cedeira, El Correo Gallego e Cultura Galega, entre outras publicacións. As liñas de loito da comunidade educativa do centro de ensino en que traballaba están nesta ligazón.
De entre as súas numersas publicacións, salientamos aquelas moi directamente relacionadas coa nosa intervención educativa:


•
(2012). "Usos lingüísticos dels gallecs a Catalunya", in VILA I MORENO, F. (ed.): Posar-hi la base: usos i aprenentatge lingüístics en el domini català. Barcelona: Institut d'Estudis Catalans / Xarxa CRUSCAT. pp. 57-63.
•
(2012). "Transmisión interxeracional do galego no contexto multilingüe catalán", in RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, O.; CARBALLO PIÑEIRO, L.; BALTRUSCH, B. (eds.): Novas achegas ao estudo da cultura galega. II. Enfoques socio-históricos e lingüístico-literarios. A Coruña: Universidade da Coruña / Asociación Internacional de Estudos Galegos. [DVD] pp. 59-76.
•
(2009). EuroComRom - As sete peneiras: Saber ler axiña todas as linguas románicas. Aachen: Shaker Verlag. (Amb I. Vázquez; H.G. Klein; T.D. Stegmann)

•
(2008). "Crea identitat la llengua gallega?", in MASSIP, À. (coord.): Llengua i identitat. Barcelona: Publicacions de la Universitat de Barcelona, pp. 83-95.

•
(2007). "O galego na secundaria de Catalunya. Cara a unha educación multicultural", in GONZÁLEZ, H.; LAMA, M.X. (eds.): Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003. Sada-A Coruña: Ediciós do Castro / Asociación Internacional de Estudos Galegos / Filoloxía Galega (Universitat de Barcelona). [DVD] pp. 803-816. (Amb Concha Castroviejo Bolívar, Alexandre Fernández Nerín i Joaquín Mindán Navarro) 
•
(2007). "Catalán e galego. Do coñecemento das linguas á convivencia das culturas", in GONZÁLEZ, H.; LAMA, M.X. (eds.): Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003. Sada-A Coruña: Ediciós do Castro / Asociación Internacional de Estudos Galegos / Filoloxía Galega (Universitat de Barcelona). [DVD] pp. 817-830. (Amb E. del Castillo Velasco) 
•
(2007). Vencello. Lingua e cultura galegas para estudiantes de fóra de Galicia. Ensino secundario e adultos. Dir. Sabela Labraña Barrero. Cabrera de Mar: Galerada. 2a. ed. act. e corr.
•
(2003). "Ampliació de la consciència lingüística plural en els alumnes a través de l'educació multicultural", in PERERA, J. (ed.): Plurilingüisme i educació: els reptes del segle XXI. Ensenyar llengües en la diversitat i per a la diversitat. Barcelona: Institut de Ciències de l'Educació. pp. 251-258.
•
(2001). Vencello. Lingua e cultura galegas para estudiantes de fóra de Galicia. Ensino secundario e adultos. Dir. Sabela Labraña Barrero. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
•
(2000). "Identidade e usos lingüísticos. Segunda xeración de inmigrantes galegos en Cataluña", in RIQUER, I.; LOSADA, E.; GONZÁLEZ, H. (eds.): Ensinar a pensar con liberdade e risco. Homenaxe a Basilio Losada.Barcelona: Universitat de Barcelona. pp. 463-471. 
•
(1999). "Prexuízos lingüísticos e identificación social", in ÁLVAREZ BLANCO, R.; VILAVEDRA, D. (coords.): Cinguidos por unha arela común. Homenaxe a Xesús Alonso Montero. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. pp. 519-532.