17/04/16

O cineasta Licínio de Azevedo en Burela





O cineasta Licínio de Azevedo naceu no Brasil xustamente cando o século XX cumpría a súa primeira metade. Con menos de trinta anos, viaxou para Moçambique e asentouse naquel país, onde entrou no Instituto Nacional de Cinema e desde esta institución mantivo estreito contacto cun dos grandes, o francés Jean-Luc Godard, e comezou a labrar a súa vasta produción cinematográfica.

Licínio de Azevedo retratado por Bruno Almeida para o Público

Antes destes días nada sabíamos nin da súa biografía nin do seu currículo, mais afortunadamente entrou nas nosas vidas. Porque estivo en Burela? Non exactamente. Mais a súa obra si. E a maneira en como chegou a súa obra a Burela é ben interesante. Mesmo podería dar para que Licínio de Azevedo nos fixese unha nova longametraxe. Tal vez algún día.
Silvera Vicente de Oliveira coa profesora Belén López e coa fotógrafa Lucía Rivas

A protagonista desa historia real -que podería dar para versión cinematográfica- chámase Silvera Vicente de Oliveira e naceu na Ribeira da Barca, situada na parte meridional da illa de Santiago de Cabo Verde, hai pouco máis de 17 anos, dos que a metade xa os leva con nós nun porto pesqueiro do Cantábrico galego.
A moza caboverdiana tennos contado de viva voz moitas e moi interesantes historias protagonizadas pola súa familia desde a xeración dos bisavós, mais ningunha tan impactante como a da súa viaxe de emigración ao continente europeo, con parada obrigatoria na cidade de Dakar. E agora, alén de contar oralmente, tamén nos conta por escrito, e estase facendo unha moi boa lectora. Tanto que é unha delicia comprobar diariamente como avanza, tanto na comprensión como na expresión. Unha fermosa épica.
Se xa nos encantou ver un exemplar de Mulleres caboverdianas na Mariña (a tese da antropóloga Luzia Oca) nas mans dunha destinataria ideal como Silvera é, non nos resultou nada menos chamativo que ela mesma nos recomendase a visualización de Virgem Margarida, un filme que dirixiu en 2012 Licínio de Azevedo. "Vouche pasar a ligazón para que o vexas. A min recomendoumo o meu primo e xa o vin varias veces", enfatizaba Silvera.
Afortunadamente, agora somos nós a dicir o mesmo: "aquí está a ligazón. A nós recomendóunolo Silvera e xa o vimos varias veces. Despois non digan que non fomos xenerosos. Tan pronto soubemos da fonte de coñecemento, xa a compartimos". 
E que coñecemento!
Obrigado, Licínio! Obrigado, Silvera!

11/04/16

CULTURA QUE UNE

Vídeo con reportaxe fotográfica realizado pola profesora Maria Adelaide Jordão Costa

Crónica de Marco Pereira Oliveira

A Casa Museo Manuel María acolleu no día 9 de abril de 2016 unha reunión de traballo no seo da iniciativa Cultura que Une na que participaron a Fundación Vicente Risco, a Tertúlia Araújo Correia, a Livraría Traga-Mundos de Vila Real e Ponte nas Ondas, xunto con profesores e profesoras a título individual.
Unha desas persoas a título individual fun eu, que tiven a oportunidade de visitar a Casa de Hortas -sede da Fundación Manuel María- e de asistir ao encontro.
Neste foro falouse, entre outras cousas, sobre futuros intercambios entre as escolas galegas e portuguesas dentro do eixo literario de Manuel María e Miguel Torga.
Confeso que foi un encontro moi especial no cal eu puiden partillar con outras persoas tanto galegas como da terra transmontana algúns temas diversos como a actualidade política. Tamén falamos do labor que no programa Grandes Voces do Noso Mundo realizamos Helena Valle e eu aos micros, Mónica Palacios como encargada do blogue; e aínda outras persoas colaboradoras en materia de produción.
Levo comigo un grandísimo recordo do día de hoxe e espero poder participar noutro encontro semellante porque neste tipo de encontros apréndense moito.

26/03/16

FELIZ RESULTADO DUN DOBRE ESFORZO




A integración é o resultado dun dobre esforzo: dunha comunidade por acoller e por entender os costumes de quen chega; doutra comunidade por asentar os pés na terra e por tomar a iniciativa para favorecer a convivencia.
Quen nos poden falar diso con moito coñecemento de causa son Albano González Cancio e todas e cada unha das persoas que participan na Asociación Dambara (as que participan na docencia e as que asisten aos ensaios e despois participan na banda). Entre esas persoas saben moitísimo dese dobre esforzo Álex Landim Correia e Marcelo e Doroteia Tavares Correia.

No mes de maio pasado publicábamos un escrito en que o propio Álex L. Correia nos comentaba as súas vivencias da primeira sesión de ensaio en Dambara. Agora, menos dun ano despois, as mostras dos resultados son inequívocas. O dobre esforzo mereceu a pena.

Parabéns colectivos por esa integración exemplar.

19/03/16

A MÚSICA DE M.J.Pérez


Helena e Marco tomaron a iniciativa para que coñecésemos máis en profundidade tanto a artista (M.J. Pérez) como as súas letras e as súas músicas. O resultado está recollido nesta gravación. Primeiro escoitamos o seu "Grito de guerra". Despois chegou a sonoridade do seu timbre de voz na distancia curta. Así pulsamos dez anos de traxectoria musical.

11/03/16

INNOVACIÓN EDUCATIVA DE VANGARDA EN CANIDO




A través da voz dun dos seus protagonistas, o profesor Xosé Francisco Noia, en conversa con Marco Pereira e Matías Nicieza, coñecemos unha intervención educativa exemplar que está sendo implementada no Instituto de Canido, na cidade de Ferrol. Trátase dun proxecto pedagóxico caracterizado polo fomento da aprendizaxe significada, interactuando co ambiente social máis próximo ao centro escolar. O alumnado ten unha oportunidade única para deixar a un lado os prexuízos e abrir as portas do seu interior a todo un mundo creativo de vangarda. Trátase da aplicación práctica nun dos barrios de Ferrol dun modelo de escola en valores ao estilo do que defendeu para a periferia urbana da Coruña o artista Xurxo Souto no seu libro Fumareu.
A explicación tan pedagóxica que nos fixo o profesor Noia,é o complemento ideal para os vídeos que disponibilizaron para a divulgación do GZ Música da Filial, a innovación educativa de vangarda que se nos ofrece desde Canido.
Momento final do primeirl programa (22/01/2016)
Helena, Marco e Matías estiveron acompañados por Marcelo e Doroteia Landim Tavares; 
Silvera Vicente de Oliveira; e Álex Landim Correia.


06/03/16

ZARAGALLADA



"Marco, coñecerte, saber de ti, supón para min unha alegría profunda.
Cada día demostras que os límites só poden existir en mentes rexidas por patróns de crenzas adquiridas, sen fundamento real.
Nas mentes libres como a túa, os límites están para rompelos. Polo tanto, Grazas! Grazas pola túa xenerosidade, grazas por poñer tanta orde arredor de ti.
Como mostra do meu afecto e gratitude, gustaríame dedicarche unha canción: os Cantos de Mouzo, cantada por Guadi Galego e Xavier Díaz (incluída no Hepta de Berrogüetto), dúas das grandes voces do noso mundo". (Dolores O. Rodríguez, profesora de Música no Instituto Perdouro)
Chega o novo disco da Banda Migallas. Helena e Marco non deixan pasar a oportunidade sen contribuír á súa divulgación. A conversa que manteñen con Carlos Yus é verdadeiramente magnífica. Un magnífico documento sonoro para sabermos cal é o contido do disco e para coñecermos mellor a oferta artística de Migallas.

29/02/16

O FUMAREU DE XURXO SOUTO


Chegou Xurxo Souto ao Grandes Voces do Noso Mundo e fíxose o Fumareu. O ambiente caldeouse e fervía Marco, porque quería que cantasen Helena e Xurxo; e fervía Helena, que tamén quería cantar; e fervía Matías Nicieza, porque ese momento xa lle tardaba. 
E Xurxo cantou sen que llo pedisen. E Helena cantou. E Marco non cantou, porque estaba atendendo ao Sr. Braille. Aínda así o Sr. Braille tivo o seu momento de descanso, porque Marco -sen lle dar vacacións- deixouno libre por momentos.
Un programa de premio.

25/02/16

A FACTORÍA DOS SOÑOS DE RINLO (Conversa con Ugia Pedreira)



O programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo chegou á quinta entrega. Celebrámolo con Ugia Pedreira, que nos atendeu desde Rinlo (onde está a súa factoría de soños).

17/02/16

MODELO BURELA: A PONTE MUSICAL CON CABO VERDE

 

Antonina Semedo Lopes de Barros (Santa Ana, Illa de Santiago, Cabo Verde) chegou á Mariña un 23 de xullo de 1978, no momento en que se realizaban as obras da fábrica de aluminio en San Cibrao.
Marco Pereira e Helena Valle falan demoradamente con ela. Iso no comezo da conversa. Despois chega a simbiose. Marco conduce... Antonina canta... Helena tamén canta... e o programa faise Modelo Burela.

15/02/16

A PONTE MUSICAL "MODELO BURELA"


Domingo, día 14 de febreiro. Ás oito da tarde tíñamos unha cita no Auditorio de Burela para asistir ao concerto de presentación do novo disco dobre de María do Ceo: De Portugal a Galicia, Fado. Aínda que o tempo climatolóxico era moi adverso, a artista venceu os obstáculos da natureza e o público respondeu ben.
Na interpretación dos primeiros temas pasámolo ben coa mesma María do Ceo e cos mesmos tres músicos acompañantes que xa coñecíamos desde hai anos. Mais chegou o momento de inflexión produciuse cando a artista nos presentou a versión de "Saudade". Nese momento falounos de Xavier Alcalá e de Andrés do Barro; e despois cantou deliciosamente unha versión moi mellorada. Foi impresionante! Xavier e Andrés merecían aquelas palabras cariñosas e merecían aquela paixón interpretativa.
Mais tarde, xa finalizado o concerto, a artista continuou en diálogo co público, desta vez no recibidor do auditorio. Ducias e ducias de persoas quixeron levar o disco dedicado e acompañalo dunha fotografía coa artista e esta non puxo o menor obstáculo. Atendeu pacientemente todas as solicitudes.
Xusto no final chegou o encontro especial. Modelo Burela en estado puro. A simbiose intercultural. Antonina Semedo e María do Ceo son presentadas, saúdanse e comezan a falar. Unha entrega mostras da súa música á outra diante dun nutrido grupo de xente contempla que entre elas hai moi boa comunicación. É a cultura viva. O concerto como fonte de creatividade para o mañá.

A conversa cálida entre Antonina e María do Ceo concitaba interese entre as persoas que as queremos a ambas. A Anxo Rubiños líaselle na cara que estaba moi contento, que era un feliz anfitrión; o mesmo Matías Nicieza; o profesor Ramón Reimunde e María Xosé Figueira, que seguiran o concerto desde a primeira fila; a artista emerxente Helena Valle; e incluso Dona Genucha García, que noutra ocasión tal vez teña oportunidade de cantar en vivo e en directo un dos moitos romances que sabe.



08/02/16

GRANDES VOCES DO NOSO MUNDO: Miro Casabella


Terceira entrega do programa de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle, desta vez en conversa con Miro Casabella. A través das palabras do cantautor do Valadouro coñecemos os seus comezos na música durante o curso 1966-67 -con Pi de la Serra, María del Mar Bonet e Lluís Llach, entre outros- mentres estudaba Arquitectura Técnica en Barcelona; e coñecemos tamén as impresións do célebre concerto de Voces Ceives no Cine Capitol en Santiago de Compostela.
Por iniciativa de Marco e Helena, Miro comentounos as súas vivencias de dous concertos moi especiais, en Nigrán e Ortigueira, con Luar na Lubre, para acompañar as voces de Rosa Cedrón e Sara Vidal.
Especialmente interesante é a resposta de Miro Casabella á petición de que fixese recomendacións musicais. 

30/01/16

Maria do Ceo

María do Ceo presentaba o seu duodécimo disco en Ourense. A cita estaba axendada para as oito e media da tarde do día 29 de xaneiro de 2015 e -xustamente nese día- Marco Pereira realizaba a segunda entrega do seu programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo. Marco quería ter entrevista de María do Ceo, como manifestación de agradecemento a todo o que a súa familia leva feito por el. Aínda que a data non era a mellor, Marco conseguiuno e brindoulle o programa ao pai, á mãe e á irmá.
Ás sete e cuarto da tarde, María atendeu a chamada e Marco púxose moi contento. Os nervos querían traizoar, mais non puideron. Non foron capaces de coutar a forza vital de Marco, alimentada polo saber facer de Helena Valle e polo Humanismo inmenso da María do Ceo.

29/01/16

TEMOS PRIMICIA


Por xentileza de Radio Burela, temos o privilexio de ofrecer en primicia a gravación da primeira emisión do programa Grandes Voces do Noso Mundo, que chega ás ondas por iniciativa de Marco Pereira coa colaboración de Helena Valle.


Agora xa dispoñemos da versión sonora daquelas palabras da cabeceira: 

En RADIO BURELA
GRANDES VOCES DO NOSO MUNDO
Un programa de
Marco Pereira 
e
Helena Valle

Tamén temos algunhas fotografías que dan testemuño para a historia do que foi o ambiente en que se desenvolveu a primeira das entregas deste programa que vai facer de ponte cultural entre os diversos países de raíz galega.



O primeiro alento. Xa antes de comezar a realización
do programa, Marco e Helena recolleron o apoio dunha 
persoa especial: Ester Gómez (a impulsora de Luz Acesa)


En plena emisión. Marco comezou comido polos nervos, mais 
ao seu lado estaba Helena Valle. Cabeza e corazón. Corazón e cabeza.

O apoio incondicional. En plena retransmisión do programa chegaron
varias desas "persoas que sempre están aí". Marcelo, Carla, Silvera, Doroteia, Álex 
e Lavilson estiveron con Marco e Helena.

Nos días seguintes chegaron as felicitacións:

Felicidades Marco Pereira Oliveira polo teu primeiro programa radiofonico desta etapa e desexarche que teñas moito exito!Sorte!!😊😊 (Silvera)

Ola, meu amigo Marco! Hai meses que nos coñecemos e xa estás con ánimo de facer un novo programa na Radio Burela. Deséxoche sorte. Oxalá alcances éxito. Foi un gustó enorme coñecerte e aprender algunhas cousas da túa vida, como a leitura e as letras en braille.
Hoxe quero felicitarte por ese programa radiofónico: as Grandes Voces do Noso Mundo. (Álex)

22/01/16

GRANDES VOCES DO NOSO MUNDO


En RADIO BURELA
GRANDES VOCES DO NOSO MUNDO
Un programa de
Marco Pereira 
e
Helena Valle


Esta é a cabeceira dun programa musical de Radio Burela, dirixido por Marco Pereira coa colaboración especial de Helena Valle. Un espazo dunha hora semanal, emitido todos os venres entre as sete e as oito da tarde. Unha iniciativa feita desde a Mariña do Cantábrico para favorecer o diálogo musical entre todas as grandes voces do noso mundo. As da música galega e as dos países que acolleron e deron vida ao noso idioma: as grandes voces de Portugal e do Brasil, de Cabo Verde, Angola e Mozambique... e aínda máis.
Grandes Voces do Noso Mundo nace de mans dadas cos Cantos na Maré, a referencia, con quen partilla o espírito universalista e integrador, a interculturalidade e a fluidez comunicativa entre todos os pobos de raíz galega.


Marco Pereira Oliveira é un auténtico símbolo de interculturalidade Modelo Burela. Orixinario de Cerva, no distrito de Vila Real, vive na Mariña, mais en constante contacto coa súa outra terra. Sente paixón por Uxía Senlle e por Amália Rodrigues. Por Sés e por Rodrigo Leão. Pola música do Brasil e pola de Cabo Verde, que descubriu no momento en que chegou ao Instituto Perdouro.
A súa voz dá vida ao alfabeto braille en que están escritos os guións da súa autoría.



Helena Valle é unha Artista. Coñece as nosas melodías que ela mesma reinterpreta. Vive e anima a vivir a música. Como integrante do Proxecto Neo, xa ten no seu haber un premio O Galego na Onda, que se vén unir a outros premios conseguidos en certames literarios de poesía e narrativa. Os seus coñecementos das linguas inglesa, francesa e castelá, asentados sobre a base da galega, fan que represente outro símbolo Modelo Burela (o que vai da nosa terra para o mundo).