06/09/16

DONOS DO NOSO DESTINO

Bernardo Penabade

Nunha ocasión, mentres retornábamos de Santiago en dirección á Mariña, na Radio Galega Música puxeron unha canción moi moi linda. Tanto nos interesaron a letra e a música que memorizamos un par de versos e, no primeiro lugar en que puidemos estacionar o coche, anotámolos nun papel para despois localizar canción e información sobre os seus intérpretes. 
A pesquisa feita naquela mesma noite -por volta de agosto ou setembro de 2014- deu como resultado que a peza era de Roi Casal e que estaba incluída nun disco intitulado Donos do noso destino. Aquela foi información suficiente para que nos puxésemos a "bucear"  con intención de escoitar todo o que estivese ao noso alcance e así o fixemos. Desas escoitas saíu a constatación de que a voz feminina correspondía a unha artista neofalante e ese particular tamén nos resultou moi atractivo, entón puxémonos de novo en pesquisa e procuramos solución para o enigma:  "Quen será a neofalante que ten esta voz?".
Silvia Ferre. Cando localizamos o seu nome, pensamos na posibilidade de que ela e Roi nos concedesen unha entrevista para o programa especial do número 100 de Proxecto Neo. E tivemos sorte. Moita sorte. Silvia e Roi colaboraron, dándonos todas as facilidades para o noso modesto programa de radio escolar.
Esa sorte repetiuse dous anos máis tarde, neste 2016, cando tivemos o privilexio de poder gozar do seu directo en dous lugares da Mariña: primeiro en San Cibrao (na altura do Día das Letras) e despois en Ribadeo (con motivo das festas patronais).
En San Cibrao o concerto foi nun interior, no auditorio da Casa da Cultura. Había moito público, na maior parte familias con xente miúda. Mais non se trataba dunha "parroquia" entregada, nin moito menos. De feito, Roi afanábase en presentar a súa música e aludía a Rosalía e a Neira Vilas e a Manuel María e o auditorio non se entusiasmaba. Mais, pouco a pouco, o concerto ía derivando de "maxicamente adolescente" a "maxicamente adulto" e o peito da parroquia ía tamén entrando en calor. O caso foi que, no último cuarto, os nenos e as nenas perderon o medo e deixaron a compaña das mamás e dos papás e pasaron para a primeira fila e batían palmas e cantaban os retrousos... e non dicimos máis, porque non fai falta.
Roi Casal e a súa banda en Ribadeo (Fotografía de Alba Ferro)

En Ribadeo pasou algo parecido. Igual de bonito. O concerto foi o primeiro sábado de setembro ás dez da noite, no parque de San Francisco, e un cuarto de hora antes non chegaba a haber medio cento de persoas. Coa comunidade festeira aínda de viños ou en plena cea, comezou a soar a música. Mentres Roi cantaba as primeiras estrofas da "Ninfa das frescas augas", Silvia notábase un pouco tensa. Tal vez temía que non houbese bon ambiente, precisamente alí, na vila da ponte que une as súas terras galega e asturiana. Temores infundados.
Coa segunda das cancións a soar, parte do público que estaba comodamente sentado nun muro abandonan a comodidade e vanse situando xusto diante do palco ao mesmo tempo que Silvia se pon aos mandos e nos canta aquilo de "Nacín cando as plantas nacen,/ no mes das flores nacín,/ nunha alborada mainiña,/ nunha alborada de abril". Nese mesmo momento, moita xente da parte de diante comeza a botar man dos teléfonos e póñense a gravar a historia de Mauro e Rosa. Todo ten a súa parte positiva: polo menos levan unha das máis fermosas mensaxes de amor que teñan escoitado nunca ("O meu corazón che mando/ cunha chave para o abrir/ Nin eu teño máis que darche/ nin ti máis que me pedir"). Ao acabar a segunda canción, xa somos conscientes de que entre o público aínda hai turistas, que  non coñecían a banda e que fican coa boca aberta ("¡Que sorpresa! ¡Vaya grupo! ¡Me encanta!).
Mentres soan máis cancións e Roi Casal dá unha cumprida información para comprender o seu universo musical, o público aínda continúa escoitando, gravando e aplaudindo "con moderación". Mais nisto chega a sétima canción e a sétima canción titúlase "Din Dan" e Roi dirixe a banda e o espírito de Manuel María sobrevoa e a condenada da Silvia primeiro pide que o público bata as palmas e despois dálle por pedir que a acompañe a cantar... e, como non temos catro mans, os pobres teléfonos desaparecen nos bolsos. E os aplausos crecen. E non marcha ninguén. Moito ao contrario. O concerto faise grande. E aparece Nando Casal, que toca e que fala cordialmente, e o concerto faise máis grande aínda. Entón vibramos con "Por ti" e viaxamos á Habana e coñecemos "Son galego, son cubano" antes de marcharmos para México con La Vieja, a base orixinal sobre a que se fixo a magnífica banda sonora da serie Caseiros.
Como nese momento tamén a nós nos ferve o sangue, botámoslle cara e abordamos unha fotógrafa que non parara de recoller o mellor do concerto en imaxes. "Se nos mandas unha foto, nós poñémoslle o texto e tentamos reproducir o que estamos vivindo aquí", dixémoslle. E ela respondeu : "adiante, Alba Ferro colabora". Co mesmo espírito abordamos outras persoas da parte de diante e preguntámoslles de onde eran: "de Oviedo", "de León", "de Barreiros"... "¿Y a mi no me preguntas? Yo soy de Albacete... y esto me gusta!".
Na parte final aínda máis delicias. A primeira é o "Tecín soia a miña tea" con Silvia acompañada de Roi e de Nando. Enorme Silvia na versión que o poema merecía. Só despois chega o "Vai alborexar", de Donos do noso destino. Daquela o público está entregado. Ribadeo na primeira división. A lástima é que o pobre Marqués de Sargadelos -que seguiu atentamente o concerto desde a escalinata do concello- non pode manifestar a súa alegría, porque ten os pés solidamente atados ao chan. Se non estivese así, faría o mesmo que facíamos todas e todos: cantar e bailar e bailar e cantar. Ao son de Silvia Ferre e Roi Casal.

04/09/16

ASTURIANO ESCRITO EN MÁRMORE (para que non se borre)

Localizar información sobre Xulio Vixil (Bimenes, 1964) é moi fácil. Unicamente temos que poñer o seu nome nun pesquisador e teremos á vista moitas fontes documentais (páxinas académicas, de empresas editoras de libros, hemerotecas dixitais, etc.). Como primeira aproximación, porque non tíñamos referencia do seu nome nin da súa obra -e iso que estamos ben próximos-, botamos man da Wikipedia. Así soubemos o fundamental: que é filólogo e que combina o exercicio da docencia coa investigación e a comunicación a través da literatura e do xornalismo, mais sempre con explícito compromiso co desenvolvemento da cultura asturiana.
Unha vez que o situamos no tempo e no espazo -e unha vez que visualizamos as imaxes e as sinopses das súas obras-, propuxémonos entrar en contacto directo con el. Tampouco isto foi difícil, aínda que non localizásemos vínculos ao seu correo electrónico particular. Un SOS enviado para Aitor García Corte, Inaciu Galán e Pelayu Valduviecu tivo triple resposta rápida.
Falando dous minutos por teléfono con Xulio Vixil somos perfectamente conscientes de que se trata dunha persoa grande. Moito máis alá da súa faceta de profesor ou de escritor. O caso que nos ocupa é bastante máis profundo que unha carreira intelectual, por fonda que esta sexa.
Loxicamente, así de primeiras, a chamada deixa a Xulio desconcertado: cal é a relación de Bimenes con Burela?, a santo de que unhas persoas de Burela viaxan a Bimenes e vanse fixar xustamente na lápida de Dora?, que é o que lles interesa?
Non foi nada complexo explicarllo. Aínda máis: se nos facilitaba un correo electrónico, nós mandábamoslle a ligazón ao Palabra e Memoria e xa o entendería todo. Sen esforzo. Despois tería tempo de ler algún breve traballo xa redactado (sobre Rinlo, ou sobre Barreiros ou sobre Burela ou Cervo...) e podería responder con pormenor ao cuestionario que lle íamos facer chegar.

O cuestionario chegou e Xulio respondeu, unha vez máis. Con lágrimas, si; con brillantez tamén. Con paixón, mais con obxectividade. Foi así como soubemos que Dora Vixil Castañón naceu en Bimenes en 1969, que era licenciada en Xeografía e Historia e que exerceu a docencia no Instituto de Ibias, antes de conseguir destino definitivo en Avilés. Soubemos tamén que estaba casada e que tiña unha nena pequena. Incluso soubemos máis.
En calquera caso, non é coas nosas palabras coas que deben coñecer o perfil biográfico. Mellor as orixinais, que non necesitan tradución:

La mio hermana Dora, nacida en Bimenes (primer conceyu en declarar la oficialidá del idioma), yera madre d'una neña, cola que tuvo de colar pa Zarréu, nel conceyu d'Ibias, bien lloñe de casa, cuando Nora tenía un añín, pa desendolcar el so llabor profesional (yera profesora d'Hestoria n'Educación Secundaria). Taba percontenta porque consiguiera la plaza definitiva n'Avilés (vivía n'Uviéu), cerquina casa, nun IES onde trabayábemos xuntos. Nun pudo acabar el cursu por cuenta d'esa terrible traxedia que ye'l cáncer.

 No cuestionario preguntábamos tamén pola información necrolóxica, tanto pola que se pon no fogar fúnebre como pola que se distribúe pola parroquia ou que se publica nos medios de comunicación. O noso informante respondeunos que as fixeron, en asturiano, como ela querería, e tamén nos explica o contexto, como se nós non fósemos catedráticos nesa materia de precariedade. Sentimos en primeira persoa os esforzos por concentrarse para redactar ou corrixir un texto nun local de servizos fúnebres, un texto destinado para unha persoa querida que acaba de morrer. Sentimos en primeira persoa os esforzos por dar explicacións e xustificar:


Fiximos esqueles n'asturianu, como a ella-y prestare. Mándote copia axunta. Equí sí que tuvi de tar mui atentu, porque yera la primer vez que facíen una n'asturianu y, anque la revisé, salió con un fallu ("mayo" en llugar de "mayu"). Vese que nun taba yo pa fixame muncho, avezáu como toi a la revisión de testos (tamién me muevo daqué nel terrén editorial). Dixéronme los de los servicios fúnebres que diben garrala como modelu pa futures ocasiones.

Aínda ben que na funeraria foron atentidos con sensibilidade -non sempre temos esa sorte-. En relación con este servizo, formulámoslle outra pregunta a Xulio: como foi o funeral, civil ou relixioso?, puido oficiarse en asturiano (o idioma de comunicación oral da familia e o idioma que explicitamente figuraba nas notas necrolóxicas)?
O irmán da falecida respondeunos que o funeral relixioso non se oficiou en asturiano porque "Nun hebo tiempu nin posibilidaes de consiguir un cura que lo fixera". Unha vez máis, sentímonos plenamente identificados. Resulta que o sentido común necesita tempo e posibilidades! Ou estamos atentos en todo momento e pedimos... ou somos totalmente ignorados. En fin...

Chegados aquí, xa tíñamos claro quen se encargara da composición da lápida. Aínda así, necesitábamos confirmalo. 
Efectivamente, o texto foi escrito polo irmán, en homenaxe a Dora e tamén en homenaxe ao cura sandinista Gaspar García Laviana, parente do que se senten orgullosos:

El testu redactélu yo mesmo. Les pallabres qu'apaecen ellí tán garraes d'una espresión mui utilizada polos sandinistes na revolución que fixeron en Nicaragua, cuando falaben de los sos muertos, esos que nunca muerren. Un destacáu revolucionariu sandinista, el cura guerrilleru Gaspar García Laviana, yera familia de nós y ella tenía-y munchu ciñu, por eso sé qu'a Dora diba presta-y enforma esi epitafiu.

O gravado fixérono nun obradoiro de mármore, onde tamén foron moi receptivos, aínda tendo en conta a falta de costume:  "Nun punxeron torga dala pa facelo n'asturianu, tolo contrario, pero sí que tuvi de tar mui enriba pa que nun saliere con fallos, pola falta de vezu de facelo na nuesa llingua".

A colocación produciuse "entre o 10 e 15 de xuño" de 2009 e desde ese momento a xente que por alí pasa e ve o epitafio sente unha enorme emoción. Non só a familia, a xente veciña, os homes e mulleres que traballaron con ela e os mozos e mozas de quen fora profesora. Non só.
Tamén todas as outras persoas que levamos en nós o espírito da interculturalidade.
Todo o que rodea a figura de Dora Vigil Castañón é auténtico Modelo Burela.

03/09/16

DORA VIGIL CASTAÑÓN


Antes de saír de Bimenes, xa temos moi claro que o nome de Dora Vixil será unha porta aberta ao encontro da cultura xenuinamente asturiana. No tardamos en confirmar que é así. Instalados comodamente na casa, facemos as primeiras pesquisas e nun instante conseguimos dous resultados moi importantes: un blogue de didáctica do asturiano e unha carta publicada nun dos xornais de máxima difusión na comunidade.
Entramos no blogue e vemos que o título da entrada é inequívoco: "Na alcordanza: Dora Vigil Castañón". A publicación recolle dúas fotografías, un vídeo e un poema que leva por título "Candela" e que está dedicado a Dora, de quen se di: "Fuiste, yes y serás cabezalera". Nós lemos o poema e despois recreámonos escoitando o recitado no vídeo e acompañando o ritmo da voz coa lectura dos versos. Baixamos un pouco a vista e temos diante unha fotografía comentada. Parece que foi feita para nós, porque o conxunto resulta autenticamente Modelo Burela. A imaxe é da autoría da fotógrafa camerunesa Angele Etoundi, quen nos aclara que o seu traballo está focalizado na representación da muller negra como símbolo para transgredir os estereótipos. Aínda insiste en que pretendeu capturar a vitalidade, a forza interior e o orgullo que emana desas mulleres. Mentres lemos iso, obviamente pensamos en Antonia Semedo e nas súas compañeiras de Batuko Tabanka e das Raventolas.
O blogue da profe de Asturiano. Informacións para entender mellor a súa cultura. Gústanos. E como nos gusta, buscamos o perfil de quen o fai, mais non atopamos maneira de entrar en contacto. Resúltanos unha publicación algo unilateral, porque si podemos deixar comentarios, mais non podemos pedir información confidencial, como era este caso. Ben é certo, que esa falta de información no perfil resultou estimulante para que estudásemos o blogue con moito pormenor e mereceunos moito a pena (porque ten un moi bon informe sobre a situación actual do asturiano, unha preciosa banda deseñada moi pedagóxica e unha entrada ao dicionario da Academia). Unha boa fonte de recursos feita por unha profesora, Paz, cun currículo impresionante.
Saímos do blogue e procuramos a entrada á carta publicada no xornal. O primeiro que chama a nosa atención é a autoría do texto: Xulio Vigil Castañón. O primeiro que pensamos, loxicamente: un irmán de Dora. Con esa evidencia, comezamos a ler:

Silicosis, planta 7.ª, cuartu 728 A. Éstes fueron les últimes señes que tuvo la mio hermana Dora, la so última direición, la so postrer morada. Figúraseme que la meyor manera de despidise desti mundu ye arrodiáu de los tuyos, na to cama y selemente. Paeciera que la mio hermana nun tuvo esa suerte en dos de les tres coses, porque los suyos tuviemos con ella naquella especie de ritual onde toos morríemos un poco. Fueron y siguen siendo los díes más escuros que tuviemos na vida. Son díes nos quuna llábana grande y pesada va tapándolo too y nun dexa salir el sol. Son los momentos de la impotencia, de la desesperación y dun dolor desos quesgarrapa per dientro con mancaúres que nun sanen. Y que duelen tanto que lleguen a ser insoportables. Paezte quun dolor asina nun lu pudo sentir nenguna otra persona, cuando tanta xente hai víctima de la desgracia.
Sin embargu, estes lletres nun son pa recordar que nos dexó hai más dun mes la mio hermana Dora, ún de los cuatro pegollos de mio casa, del mio mundu, que queda irremediablemente coxu. Estes pallabres quieren ser dagradecimientu sinceru, fondu y emocionáu de tola familia, empezando per so madre Marta, so padre Mino, el so home Xurde, la so neña Nora (el meyor regalu que nos pudo dexar), Lelol so hermanu, so padrín, tolos tíos, tolos primos y yo mesmu (olvidábame de la so casi güela Gloria). Estes pallabres son dinfinita gratitú y almiración pa toles persones que tánto la ayudaron nos momentos más difíciles, igual na planta de quimioterapia, como nesa 7.ª, onde nun atopó más que sofitu, profesionalidá y consuelu. Había momentos quen vez de trabayadores del hospital de Silicosis, a ella paecíen-y ánxeles que veníen a traye-y laire que tanto necesitaba. La mio hermana descansó colos suyos abrazándola y esos trabayadores de Silicosis fixeron tolo posible pa que paeciera so casa. Agora nosotros dicímos-yos que la nuestra casa ye la suya. Y el nuestru corazón. Un abrazu.
As palabras de Xulio transmítennos moita dor, claro que si, mais tamén nos transmiten moitísima ternura, moitísimo amor á súa xente e á súa terra. Son un pranto, certo, mais son un canto á profesionalidade, ao humanismo que desprenden moitas das persoas que traballan nos servizos sanitarios. Saúde e Sensibilidade, pensamos.
Unha vez e outra lemos o texto de cabo a rabo e sentímolo noso e así o reproducimos, sen tradución, que non fai ningunha falta. Porque, como di, Anik Nandi: é a lingua do corazón.
A través de Dora, chegamos a Paz e a Xulio; e a través de Paz e Xulio chegamos a Asturias.
Iso si: desde ese momento, Xulio deixou de ser só irmán de Dora e pasou a ser simplemente Irmán.

02/09/16

Amor a Asturias



No consistorio de Bimenes, o alcalde -Aitor García Corte- esfórzase por dar resposta a todas as preguntas que lle formulamos sobre a convivencia lingüística naquel concello do centro de Asturias. Mentres nos explica, sempre pendente de se entendemos correctamente, busca na mesa, no ordenador e mesmo nos arquivadores a documentación que corrobore as súas palabras. Nós insistímoslle en que non queremos abusar do seu tempo e que nos sentimos agradecidos pola acollida que nos dispensou e por todas as orientacións que nos deu tanto para facer visitas como para procurar informantes, mais el non perde un minuto na procura de documentación para ofrecernos. Impresionante.
Cando xa nos estamos despedindo, dicímoslle:

-Alcalde, queremos levar algunha imaxe inequívoca de que ese sentimento se traduce en feitos... Queremos fotos ou vídeos que demostren como é a realidade.

O alcalde dinos que podemos tirar fotografías da rotulación interior do concello, que podemos saír e ir ver o taboleiro de anuncios e que mesmo podemos levar algúns cartaces que anuncian espectáculos teatrais. Parécenos ben -e tomámoslle a palabra-, mais aínda insistemos en que queremos algo que teña saído da sociedade civil:

-Non entendo.
-Entendes. Claro que entendes. Por exemplo: queremos comer nun sitio que, para elexir, tamén haxa comida asturiana, feita con produtos asturianos... e que nos atendan en asturiano, porque estamos aquí para aprender.

Xa no corredor da casa do concello, o alcalde de Bimenes ponnos a man no ombro, ri e tranquilízanos. Dinos que non teremos o menor problema para gozar da boa cociña tradicional e cítanos media ducia de lugares, todos descoñecidos para nós. Repentinamente, cala, pensa e adiántanos que en todos eles haberá un ambiente de fala asturiana, mais que descoñece se hai algún en que o menú apareza escrito tamén en asturiano. "Non hai problema por iso, xa o comprobaremos nós": foi o que pensamos.

-E no cemiterio?
-No cemiterio?
-Si... Haberá algunha familia que puxese epitafio en asturiano...

Aitor García Corte fica sorprendido. Pensa. E, nuns segundos, dinos que non o sabe con certeza, que nunca tiña reparado no uso do asturiano nun contexto así e que é case seguro que non haxa ningunha. Ainda así, nós sabemos que non debemos marchar de Bimenes sen facer a comprobación. Vinte anos depois da iniciativa de oficialización promovida pola corporación presidida por Joaquín Garcia Gutiérrez, sería un pouco triste que a semente non prendese.

Non nos deu tempo a desanimarnos, porque decidimos tomar un aperitivo e, simultaneamente, botar un ollo ao menú nunha das casas de comida de Bimenes. O ambiente era magnífico. Na barra había varios traballadores -camioneiros, viaxantes, traballadores da construción...- que chegaban con sede e querían tomar algo antes de sentar a comer. Non había que afinar moito o oído para comprobar que case todos falaban en asturiano. Con absoluta fluidez. Totalmente vivencial.
Aínda que era cedo, xa non saímos buscar outro lugar. Para que? Tempo habería de tomar despois un café nalgún dos outros establecementos para facer a observación lingüística. Esta xa estaba feita e ben feita: en Bimenes era perfectamente posíbel degustar a gastronomía asturiana en ambiente asturiano. Encantounos.

Pola tarde, chegou o momento para o cemiterio de Bimenes. Preguntamos polo emprazamento e conseguimos localizalo rapidamente. Nada máis entrar, alegrounos ver un recinto moi ben coidado e con esa enerxía positiva comezamos o visionado. Avanzamos en horizontal cara a dereita -un, dous, tres... vinte nichos- e nada de nada: todo igual que nas nosas parroquias (identidade non visíbel). Xusto despois, chegamos ao ángulo recto e encaramos  o muro vertical. E, con tres ou catro metros andados, ali diante dos nosos ollos apareceron aquelas palabras: "N'Alcordanza"
Primeiro vímolas. E despois pronunciámolas case en silencio: "N'Alcordanza". Uns segundos máis tarde, baixamos un pouco a vista e continuamos lendo: "Tu yes de los...". E chegamos á marca identitaria final: "La to familia".

Nese momento, volvemos a ler e fixámonos no nome (Dora Vigil Castañón), na data do falecemento (o 27 de maio de dous mil... e algo) e naquelas palabras de significado intenso "Tu yes de los muertos que  nunca muerren". Daquela sentímonos da súa familia. Por que? Pola forza da palabra auténtica.

Poderíamos saír do recinto e preguntar nas casas veciñas. Temos a certeza de que conseguiríamos información. Moita. Mais non o fixemos. 
Dedicimos tirar unha fotografía e regresar.
Tempo habería de saber quen foi Dora e quen foron as persoas que se encargaron de gravar o seu nome para a eternidade ao tempo que lle daban vida a súa cultura.
Tempo habería...
... e hóuboo.
Asturianos con amor a Asturias. Eses son os nosos irmáns. Modelo Burela.
Delas e deles falaremos na próxima entrega. 

01/09/16

AS FESTAS DE RÚA

Actuación da Banda da Balbina nunha festa popular

Bernardo Penabade

De novo unha historia de A e B. Non se molesten en buscarlle referentes únicos, que non compensa. Chamámoslles así xustamente para mostrar dúas actitudes, que se poden concretizar en moitos lugares do mundo. Non importa se A e B son homes ou se son mulleres; se militan neste ou naquel partido; ou mesmo se non militan en nada. Son A e B: persoas que poden vivir en Viveiro, en Triacastela, en Ferrol ou en Vigo; e que poderían perfectamente vivir en Avilés, en Baracaldo, Tarragona ou na famosa Lorient, punto de encontro.
Neste caso, A e B viven na mesma localidade galega e manteñen unha relación institucional do tipo administración (B)-administrado/a (A), porque ambas son persoas moi dinámicas e porque ambas acudiron á chamada da participación cidadá.
A persoa A ten un perfil moi semellante ao do escritor Xavier Alcalá. Con orixes nas terras da Mancha, por razóns laborais, a súa familia veu  para a nosa terra e na nosa terra os seus integrantes desenvolveron unha segunda identidade: con espírito aglutinante, sen perderen a cultura da raíz, abríronlle as portas á do lugar de acollida, como é moi lóxico. De todo iso esta persoa A sabe moito, primeiro porque o viviu desde dentro, segundo porque o estudou tanto no Grao de Educación Social na USC como nos cursos complementares de animación sociocultural; e, terceiro, porque leva anos practicándoo no asociacionismo de base.
No inicio deste 2016, a persoa A entusiasmouse porque a persoa B púxose en contacto con ela e convidouna a integrarse na comisión das festas patronais:
 "Que alegría teño! Sabes que? Falou comigo B e convidoume a entrar na comisión das festas. Díxome que quería unhas festas participativas e que xa falara con todas as asociacións e que a idea fora moi ben acollida...
Ai, por fin chegou o cambio. Menos mal.
Xa verás, este vai haber unhas festas auténticas"
No mes de maio, o gozo de A xa estaba no pozo. Que tería pasado en tan pouco tempo? Cal sería o motivo de tan magna desilusión? 
A actitude de B.
A oferta participativa de B marcaba unha clara división do traballo: B pensaba, o resto executaba e todos xuntos reuníanse nunha foto para mandar á prensa. Perseverante, a persoa A nas primeiras reunións procurou o seu mellor discurso pedagóxico para tentar mudar o sistema, mais os esforzos foron infructuosos. Porque ab-so-lu-ta-men-te to-do estaba xa precociñado.
Todiño.
Cando recoñeceu a evidencia, o activista aínda tivo folgos para tentar facer algunhas modificacións e propuxo grupos e orquestras para actos puntuais.

-Eu as festas manchegas xa as vivo na Mancha, -e o ton co que o di enfatiza a evidencia. 

O tempo pasou e a evidencia naufragou. Primeiro por pasiva e despois por activa, as persoas do tipo A foron convidadas a saír exactamente por onde entraran. Actitude B.

-Como vamos a traer a la Banda de la Balbina?!!!! Eso para las fiestas de Rúa... Pero no para Mis-Fiestas.
Actitude B.

Aínda que resulte traballoso -e por veces pouco agradábel-, se esta actitude tipo B provoca unha alteración das normas de convivencia, hai que facer discurso pedagóxico preventivo. Tanto se esa actitude aniña nun partido como se pretende aniñar noutro; o mesmiño se está nunha persoa de aquí como se está nunha persoa de acolá.
Hai que facer prevención a tempo.

31/08/16

O CASO DE VALENTINA HERNÁNDEZ ORELLANA: AS TRISTES CONSECUENCIAS DO ANTIMODELO

Capa da obra narrativa de Patricia C. Beltrán
con deseño de Matías Nicieza


Bernardo Penabade

Coñecedora do noso empeño en colaborar no proceso de integración das comunidades inmigrantes chegadas a esta nosa comarca, a escritora Patricia C. Beltrán convidounos a acompañala na Feira do Libro de Viveiro para presentar a súa novela El fiel reflejo de la nada (Ed. Cardeñoso; 2016). 
O convite tiña moita razón de ser non só porque coñezamos o texto literario desde o mesmo momento en que se xestou, senón porque a novela está protagonizada por unha moza inmigrante sudamericana que aterrou en Europa hai agora pouco máis de dez anos.
Non menos razón de ser tiña a presentación nunha vila -Viveiro- con alta porcentaxe de inmigración e nunha comarca -A Mariña- que asistiu recentemente ao intercambio de acusacións a través dos foros públicos entre dous alcaldes, que non tiveron o menor reparo en utilizar a inmigración como obxecto contundente contra o adversario. (Quen non teña reparado nos discursos desafortunados dun lado e do outro non ten máis que consultar as hemerotecas dixitais e ler atentamente as respectivas notas de prensa, que mostran moi ás claras como está o panorama no plano institucional).
O contido de El fiel reflejo de la nada ten moitísimo que ver con todo este revoltillo que aflorou na Mariña no pasado mes de xullo con motivo da celebración dunha festa popular.  Xa sabemos que o libro é novela e que a novela é ficción. Certo. Mais non é menos certo que o libro terá sido escrito con vontade de que fagamos nosa a historia e que aproveitemos a súa luz para as nosas vidas. Pois para iso, necesariamente, teremos que o relacionar coa realidade, mais ou menos inmediata.

Valentina
A protagonista da historia chámase Valentina Hernández Orellana. Naceu na capital da República de El Salvador nun momento impreciso de entre 1980 e 1985, filla dunha xente moi traballadora, que grazas ao traballo conseguiu unha situación acomodada.
En principio, durante a infancia e a adolescencia, a nena -e despois mociña- respondeu moi positivamente á educación en valores que lle deron, con moito esforzo, tanto o pai e a nai como o resto das persoas da familia. Valentina caracterizouse pola súa educación, por ser moi aplicada na casa e na escola e por cultivar a aprendizaxe a través do hábito da lectura. 

Lázaro de Tormes
Até chegar aos vinte anos, todo lle foi  moi ben na vida a Valentina, aínda que ela non gozase do período da adolescencia porque -ó, estupidez- sentíase acomplexada polo físico, o que non deixaba de ser o resultado do seu equivocado autoconcepto.
Durante os primeiros cursos universitarios, desafortunadamente a estudanta non leu o Lazarillo de Tormes e foi por iso que a colleu desarmada a visita do Lázaro en persoa. O Lázaro chegou e Valentina seguiu os seus pasos, de xeito acrítico, e entrou pola porta grande da autoestrada dos antivalores. Os estudos deixaron de ser unha prioridade, porque na súa inxenuidade creu que o mundo a alcanzar no seu percorrido vital non tería límites.
O certo é que non todo é chao, aínda que nolo pareza e aínda que moitas veces nos animen a velo así. Valentina coincidiu na universidade con estudantes comprometidos co futuro do seu país, xente que se xuntaba, que debatía, que aprendía o xogo dialéctico e que experimentaba en carne propia as diferenzas entre o soño teórico e a realidade práctica. Insistimos en que "coincidiu", estivo ao lado; mais foi como se non estivese, porque ela tiña outros horizontes (moito máis pracenteiros) e lanzouse á aventura por Centroamérica. Foi así como descubriu os luxos dos resort guatemaltecos que a facían sentir "como unha princesa en tempos ancestrais, capaz de o poñer todo patas arriba" mentres gozaba de ceas suculentas, vivía festas rachadas e se recuperaba en lindos aparthoteis. E foi así como papanateou diante da idea dunha Europa glamourosa e xa se imaxinou pateando as rúas de Ámsterdam, París, Praga, Berlín e Venecia, obviamente, en calidade de turista que viaxa en clase A.

Europa
En xaneiro de 2006, Valentina chega a Madrid, en principio para completar estudos de Dereito na Universidade de Alcalá de Henares, e pouco tempo tivo que pasar para que se deixase guiar polo espírito de Lázaro de Tormes: Alcalá era pouco para ela... e os estudos de Dereito unha anécdota. As súas seguintes peripecias xa as poden supoñer, mais poden observalas en pormenor a através da conversa que mantén cunha paciente, Leonor, que se mantén hierática e non lle dá un bon tirón de orellas mentras escoita algunha das súas aventuras (disparatadas).
Con esa preparación vital, Valentina recibiu a visita do lobo e, en vez de tentar pechar a portar, púxoselle rapidamente na boca. Na boca do lobo.

Reflexión

No noso exercicio docente temos tratado con moitos valentíns e valentinas (o que quere dicir "persoas procedentes da inmigración que non entenden a integración como o resultado dun dobre esforzo"). Por iso entendemos que a lectura desta obra é moi interesante para facer reflexión conxunta sobre os valores e os contravalores e a súa influencia na vida. Valentina interésanos como muller (adolescente e após-adolescente), como inmigrante, como alumna e como cidadá. Aprender dos seus erros non nos vai solucionar a vida, mais non temos dúbida de que nos axudará a navegar por ela. As cartas mariñas non dan garantía de éxito na travesía, mais contar con elas e entendelas é moi importante para afrontar os riscos.

REFERENCIAS

1) O SAQUE
2) A CONTINUACIÓN DA XOGADA
3) UNHA REFLEXIÓN
4) O PROBLEMA NA BASE

30/08/16

Cando a "Feira" é metamorfoseada en "Feria"

Para Antonio Reigosa (autor das Memorias dun raposo)

Bernardo Penabade

Se non foi a primeira, Burela foi das primeiras localidades en impulsar o fútbol-sala feminino na máxima categoría. Agora que xa pasaron uns anos, botamos a vista atrás e pensamos sen paixóns que aquela aposta valente resultou moi ben; que para o número de habitantes que temos xa sería un exitazo ter un equipo na elite; e que aínda o é moito máis ter dous, o que nos sitúa -cando menos simbolicamente- en posición de vangarda na longa carreira cara a igualdade de xénero.
A historia que agora evocamos está ambientada no Pavillón Vista Alegre durante a celebración dun dos primeiros partidos en que as mozas xa estaban na División de Honra. Nas bancadas non chegaba a haber un cento de persoas, mais aquelas que había -capitaneadas pola señora Salomé- conseguían facer unha animación enorme e transmitíanlle moitísimo ánimo ao equipo. 
Dos primeiros en chegar, foron dous matrimonios, cada un co seu neno de catro ou cinco anos. Os homes apoiáronse na varanda do corredor superior e as mulleres e os nenos situáronse nas primeiras bancadas. Mentres as xogadoras facían a preparación previa ao partido, as mamás estenderon un pequeno mantel e coocaron encima un pequeno aperitivo que pretendían dar aos nenos no medio dunha mañá en que se ía comer tarde. Mais os nenos, obviamente, xa non estaban nin para atender a quen sería o quinteto inicial nin para tomar o aperitivo; aproveitando a liberdade que lles ofrecía a bancada, xa se dedicaban a xogar por aquí e por acolá.

-Javi, toma el bocadillo! Tómalo ahora, que ya juegas después...
-Espera un pouco, má... Estoooou xogandooooo...

Aqueles "Un pouco" e "Estooou xogandoooo..." resultaron suficientemente chamativos para que desde ese momento houbese dous focos de atención: a pista e a bancada máis próxima.
As mamás eran dúas persoas moi coñecidas na vila. Xente normal, concentrada no traballo e en superar con éxito a etapa da crianza; mais con tempo para colaborar nesas iniciativas sociais que ilusionan. Pola súa procedencia, dous auténticos símbolos da heteroxeneidade da poboación local. Unha delas -nacida en Castela e filla de familia castelá- chegou á Mariña en plena adolescencia, como consecuencia da oferta de emprego surxida arredor da fábrica de Aluminio. En Burela cursou o último curso de bacharelato e o COU, con xente de Burela foi para Lugo ou Santiago para cursar os estudos universitarios; e con xente de Burela acabou emparentando oficialmente pouco despois de ter o título na man.
A outra -nacida en Burela, resultado da unión de dúas familias "de Burela de toda a vida"- criouse á sombra do ambiente burocrático-comercial surxido como consecuencia da industrialización, do desenvolvemento do sector pesqueiro e da implantación do Hospital da Costa. Un pouquechiño precoz, en plena etapa do instituto compartiu un amor de intensidade tal que os levou a casaren moi novos e a entraren de cheo na vida laboral.

Para quen non viva "in situ" o tecido social desta vila de aluvión situada á beira do Cantábrico resultará chamativo que a mamá do Javi sexa a de natureza autóctona. Na mesma medida, tamén os sorprenderá que, estando nunha vila mariñeira, unha muller de trinta e tantos anos lle fale con naturalidade ao seu fillo en castelán e que o neno responda con non menos naturalidade en galego. Desde logo, se fose ao revés, seguro que chamaba moito menos a atención.
Todo ten a súa explicación, desde logo. E, tendo os pés na terra, penso que non é difícil nin explicalo nin entendelo. Moi especialmente vivindo en Burela e podendo dar unha volta polo parque Rosalía de Castro.
 Mais deixemos a un lado a comunicación materno-infantil para focar a atención na conversa entre as dúas persoas adultas. Durante case todo o tempo, a mamá do Javi expresouse en castelán, unicamente acudindo ao galego para facer determinadas parodias. E, durante o tempo todo, a outra mamá expresouse en galego, tanto dirixíndose aos nenos como na interacción coa súa colega. O paradoxo adquiría aínda un certo ton surrealista se reparábamos na fonética e nalgún vocabulario da nosa veciña de sempre:

- Entre atender ao traballo e atender o neno, eu case non teño tempo para min... Non sei como dan feito outras, que os levan a Viveiro ao conservatorio ou ao fútbol... -dicía a de orixe castelá.

- Ay, espero que lle chegue Burela. Yo a Vivero no pienso llevarlo. Aún si fuese a la piscina de Jove..., -respondía a de natureza autóctona.

Así tal cal. A vida mesma.

E ten isto relación coa metamorfose das feiras en ferias? Claro que ten. Por iso evocamos aquel episodio que vimos repetido nestes días pasados.  O contexto e os protagonistas eran diferentes, mais o substrato é idéntico.

En plena Feira do libro -metamorfoseada persistentemente en Feria- interviñan na mesa dúas persoas: A e B. Sentadiñas ao lado, unha estaba na Feira e outra estaba na Feria. O espectáculo era tristemente cómico de por si, mais aínda estaba por chegar o momento culminante. Chegou xusto cando a B se lle ocorreu preguntar por que A ambientou unha das súas historias en París e outra en Barcelona.
Antes de responder, a persoa A fixo unha brevísima pausa para tomar forza e comezou a falar de transformación, aprendizaxe, interculturalidade, simboloxía, prestixio, autoestima e normalidade.
A falaba puña tanta intensidade en expresar a súa emoción... tanta tanta... como tiña posto B en facer desconexión da resposta que lle daba. B xa estaba na Feria... e iso que aínda faltaban sete meses para que chegue o mes de abril de 2017.

- Ai, Señor, que fixemos?, -escribiu Luís Pimentel.
E nós tomamos emprestados os seus versos e adaptámolos para a ocasión:
"Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falta
para facer unha cultura!"








29/08/16

O Caxoto Pillabán



O Caxoto Cativo estivo outra vez en Burela. Como había Feira do libro, pareceulle que andarían por alí nenas e nenos na compaña das súas familias e decidiu parar un momento -antes de se encamiñar á Vila de Suso- para falar con eles e contarlles un contiño divertido.
O moi pillabán xa coñecía o camiño, porque o tiña moi ben memorizado do ano pasado. Daquela deu un par de voltas pola praza, así medio de incógnito, e, cando lle pareceu ben, escondeuse un pouco, puxo outra roupa por encima, colleu unha bicicleta e apareceu alí no medio dos libros dicindo que era o carteiro.
Como xa lle coñecíamos as súas artes, este ano estivemos moi atentos a ver se o víamos chegar e así foi. O Caxoto presentouse na praza e moi caladiñamente colocou uns atrís, catro ou cinco, e en cada un deles puxo unhas fotos dunhas persoas con pinta de importantes. Inmediatamente despois, foise...
Menos mal que andaba por alí o Comandante Ardito e que o tal Comandante é boa persoa, porque -tan pronto como o Caxoto Cativo marchou para nos dar a sorpresa de vir outra vez disfrazado- apareceu o vento e tirou con todas aquelas personalidades. Deulle por soprar tanto que mesmo parecía que as ía levar. Mais non foi así. Abofé que non foi, porque o noso Ardito moveuse con axilidade, colleu as imaxes e colocounas no seu sitio (non sen antes mirar para o público que alí había, porque o bon do home non sabía se estaba facendo as cousas ben).
Xusto despois da refolada de vento, apareceu o pillabán. E que bonito viña. Desta vez nada de bicicleta. Presentouse encima dun cabalo, vestido cunha capa elegante e protexendo a cabeza cun casco nada a xogo coa capa, porque o tal casco era medio trapalleiro.
O cabalo viña brioso. Aínda ben que o xinete era grande e forzudo e deuno dominado. Unha vez que o "sooooooooooo" fixo efecto, o Caxoto viaxeiro desmontou, puxo o cabalo a beber dun caldeiro branco e daquela xa tivo tempo e tranquilidade para falar coa cativaxe e con toda a armada protectora que a acompañaba.
Tal como correspondía, o primeiro que fixo o ilustre visitante foi presentarse, como debe facer calquera persoa de boa educación. Certo é que xa foi pillabán na presentación e non se lle ocorreu outra cousa que preguntar aos infantes e infantas se o coñecían.
-Quen son eu?
- D. Quixote -dicían uns.
-Sancho Panza -dicían outros.
- Ooooooooooooooooooooo -sorprendíanse algúns
-                                             - pensaban moitos, coa mente dominada pola brancura.
-Nin son D. Quixote, nin son Sancho Panza... Eu son o Caxoto Cativo.

Caxoto... Cativo? 
No de Caxoto podía ter razón. Igual era verdade que ese fose o seu nome. Mais no do apelido si que non tiña razón ningunha. Como raios se ía presentar como Cativo aquel individuo grande, barbado... e vestido todo de negro?!!
Un pillabán.
Moi simpático, mais un pillabán.
Un pillabán Caxoto, que se facía chamar Cativo.

Despois de se presentar, e xa coa complicidade de toda a concorrencia (alevín, infantil, cadete, xuvenil, amateur, profesional, senior e moi senior), o xinete contounos quen era toda aquela xente importante, xente a quen Ardito salvara de escapar voando. Así foi como nos familiarizamos con Gutenberg e con Copérnico e con Colón e con Cervantes e con Shakespeare... O Xograr Lourenço, que estivera dous días antes, ese xa non andaba por alí. Por iso os nenos e as nenas non se familiarizaron con el.
O caso foi que o Caxoto Pillabán deuse conta de que a selección alevín e infantil non se emocionaba con aqueles señores tan aseñorados e entón comezou a contar un contiño. Daquela foi outra historia. O Caxoto contaba e a cativaxe escoitaba. O Caxoto seguía contando e a cativaxe abría a boca coa sorpresa. O Pillabán recitaba e a selección repetía o recitado. Cando quería que sentísemos medo, xogaba coas palabras e a grandes e pequenos latíanos moito o corazón; e, cando lle apetecía sorprendernos, conseguíao como quería e acabábamos todas e todos facendo a coro un "Óóóóóóóóóóóó" como se todas e todos fósemos pampos.
Ai, atraídos polas caretas que nos puña, con aqueles ollos arregalados; co xogo de voces que nos facía, fomos chegando ao final como sen sentir. E só nos demos conta de que chegara, porque escoitamos falar de perdices
E as perdices facían xogo con felices
e felices nos fomos...
... un bocadiño máis tarde
despois de escoitarmos unha música linda

Mais aquela música linda xa a escoitamos na intimidade, porque o resto do auditorio xa se fora sen pedir pan para o camiño.
O camiño da casa.

26/08/16

O ESCRITOR MATÍAS ESCALERA DE NOVO NA MARIÑA



Tras o seu paso pola Feira do libro da Coruña, onde estivo acompañado por Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer e César Morán, o escritor madrileño Matías Escalera recala de novo en Galiza. Desta vez o destino é a comarca da Mariña, a onde se desprazou para participar nas Xornadas da Memoria que se celebran no Barqueiro e na segunda edición da Feira do libro de Burela.

Ademais de participar nos diferentes eventos programados dentro das Xornadas da Memoria, está previsto que Matías Escalera interveña no acto de homenaxe ás vitimas a celebrar na ponte do Barqueiro ás 13 horas do sábado, día 27 de agosto, onde pronunciará unha breve disertación e participará nun recital poético, xunto a outras persoas entre as que destaca a presenza de Hilda Farfante Gayo, a mestra asturiana -activista pola Memoria- que conseguiu o premio Goya pola súa participación no documental Las maestras de la República.

Dentro do programa da Feira do libro de Burela, a participación de Matías Escalera está prevista para o domingo, día 28, ás 12 da mañá. Presentado pola filóloga Julia María Labrador -unha das organizadoras do evento-, o escritor de Alcalá de Henares falará sobre o seu novo libro Del Amor (de los amos) y del Poder (de los esclavos), editado por Amargord.

Este novo periplo galego de Matías Escalera finalizará o luns, día 29, en Mondoñedo, onde se reunirá con algúns dos integrantes do Grupo Literario Leiras Pulpeiro, do que é membro fundador e "embaixador" na capital de España.

Profesor e intelectual adscrito á "Poesía da conciencia crítica"

Nacido en Madrid (1956) e licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade Autónoma, Matías Escalera foi bolseiro do Instituto Pushkin en Moscova e posteriormente exerceu a docencia de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Ljublijana (Eslovenia). Actualmente combina a docencia en Alcalá de Henares coa dedicación ao xornalismo especializado e á literatura a través da edición e da escrita en todos os xéneros. Como dramaturgo, conseguiu o premio Margarita Xirgu en 2009; e como narrador, nas modalidades de relato curto e novela, busca "integrar todas as estratexias experimentais ou tradicionais, dun modo libre e non dogmático, na elucidación poética da realidade presente".

Vinculos coa cultura galega

Con raíces familiares na área metropolitana de Vigo, Matías Escalera tomou contacto coa cultura galega durante a realización do servizo militar a través da relación con escritores en galego. Posteriormente, a visualización do documental Modelo Burela e o coñecemento desta iniciativa en favor da interculturalidade aproximouno á Mariña, onde coñeceu a obra do médico de ideoloxía republicano-federal Manuel Leiras Pulpeiro. En colaboración con Ramón Reimunde, Xe Freire, César Morán e outras personalidades animadas por Luís Fernández Ansedes, Escalera intregrouse no Grupo Literario que celebrou diversos encontros en Mondoñedo, Lugo, A Coruña e Madrid; que editou audiovisuais e que impulsou a creación do roteiro que, centrado na figura do escritor, sae do centro da cidade e chega a enclaves como a área recreativa da fervenza, a fonte de augas sulfurosas ou a Pena do Unto. 

 Do Amor (dos amos) e do Poder (dos escravos)

Este é o título do último poemario de Matías Escalera. Baixo o selo de Amargor Ediciones (2016), a obra que agora se presenta en Burela é o resultado da convicción do seu autor de que "o amor e o poder son as dúas paixóns sobre as que se fundamenta a experiencia material e concreta do espírito humano". Sabedor de que "esta certa certeza foi expresada ao longo do tempo de innumerábeis maneiras", o propio Escalera é consciente de que a súa é "unha máis, non a definitiva".

Activista social

Desde 2011, con motivo da "Acampada de Sol" (15M, Madrid) participou en diversos eventos reivindicativos e converteeuse nun dos impulsores da “Marea Verde”, exercendo como portavoz da Asociación de Profesores de Alcalá de Henares en defensa da escola pública.
No referente á Memoria Histórica, Matías Escalera Cordero  implicouse  activamente a través de AMECECA, a asociación de familiares das vítimas, e de cidadáns e historiadores, que promoveu o levantamento dun memorial no cemiterio de Cáceres  que lembra as vítimas da represión franquista durante la Guerra Civil e a posguerra na cidade;  unhas vítimas entre as que se encontraba oo seu avó, Matías Escalera González, asasinado no Nadal de 1937.

24/08/16

BICO DE LEITE

Imaxe tomada de http://bicodeleite.blogspot.com.es/

"Cae a tarde e permanezo aloulada e case durmida, o rostro impávido, enervada, o tempo suspendido neste empardecer de outono, os ollos moi abertos, sen vontade sequera para pestanexar. Só o suave recendo a leite morno que mana dos meus peitos é quen de me acordar e de  me volver paseniño á realidade, ao gozo do plácido mamar do meu pequeno, aos seus olliños fechados, ás súas enxivas núas que se  manteñen agora quietas, poida que cansas de tanto chuchar, en calquera caso relaxadas e compracidas. Se de min depender, ficaría así eternamente. Eternamente mirándoo, bebéndolle o seu maino durmir, notando a delicadeza sutil da súa pel tocando a miña, acougando os espasmos reflexos que de cando en vez sacoden a súa manciña pousada sobre o meu peito mol. Suspiro. De pracer, suspiro. Premo un case nada cos dedos sobre o meu seo esquerdo e fago que a mamila encha de leite outra vez a súa boca desdentada, a súa boca que reaccionou inconsciente e volve chuchar ávida e instintivamente. Vexo a súa cabeciña, aínda sen fechar, vexo como lle latexa na fontanela, a fraxilidade quebradiza que provoca en min un aluvión de amor e delicadeza, unha enxurrada irrefreábel que os meus peitos converten novo en tépedo manancial. Intúo que isto que agora estou a sentir é o máis parecido á felicidade"
(Manuel Portas: Lourenço, xograr, Ed. Galaxia, 2015)


Quen está aleitando? Onde? En que momento?

O texto non está publicado nun folleto informativo da Asociación Bico de Leite. É un fragmento dunha obra literaria de Manuel Portas, Lourenço, xograr, editada por Galaxia.
A resposta aos interrogantes daránola o propio escritor na Feira do Libro de Burela, nunha presentación que está axendada para as 18:30 horas do venres, día 26 de agosto.
A LITERATURA DE MANUEL PORTAS A TRAVÉS DE VOCES DA MARIÑA
(Despois do minuto 25)

20/08/16

PARA VOAR CON NASTASIA ZÜRCHER NO EIDO DOURADO

"Eu son de Suíza. Nacín en Xenebra, no cantón francés, mais levo apelido alemán. O explicar como se pronuncia é o meu pan de cada día.
Aos doce anos, de pequeniña, vin para Galiza, a terra dos meus avós maternos -eles emigraran a Suíza coa miña nai hai moitos anos- e agora vivo nun auténtico paraíso, na terra do Barbanza".


 No minuto 39 soa unha canción de Nastasia Zürcher. Inmediatamente despois, Karina Parga encárgase de que coñezamos os perfís humano e humanístico da artista


Quen así se expresa é Nastasia Zürcher, en conversa con Karina Parga, en pleno desenvolvemento do programa Proxecto Neo, a emisión radiofónica dedicada especialmente a aquelas persoas que son auténticos modelos de interculturalidade.
Despois de a escoitar a través da radio e de gozar coa súa música, agora chega a oportunidade de asistir a un dos seus concertos e comprobar como soa así "ao vivo". O marco é único: nada máis e nada menos que os xardíns do Eido Dourado, ese palco privilexiado polo que vai pasando o mellor da música galega. O horario da cita tamén está marcado: as dez da noite do día 21 de agosto (domingo).

Currículo brillante

Con Diploma Profesional de Voz en Jazz e Música Moderna en ‘Estudio, escola de música’ -entidade moi vinculada á Mariña, a través do Seminario de Jazz de Burela-, Nastasia Zürcher está tamén graduada en Canto, Interpretación e Técnicas de Escenario pola madrileña Escuela Internacional de Artistas de Jesús Yanes.
Na súa traxectoria interpretativa figuran numerosas colaboracións con grupos das máis diversas procedencias como o galego Xoán Curiel, a cántabra Susa Herrera ou o tunesino Karim Slama. En solitario, comezou tento moitísimo éxito co tema "Voar", que despois recolleu no seu primeiro disco: My Flight (2015).

En primicia na Mariña

Novamente o Eido Dourado ofrécenos o privilexio de coñecer en primicia na Mariña unha grande artista. Desta vez é Nastasia Zürcher, a "Mellor artista" e autora da "Mellor Canción Orixinal" no Certame da Canción de Autor en Galego na edición de 2014; e, sobre todo, a flamante gañadora do Premio Martin Codax na categoría de blues, funk e soul na edición de 2016.

19/08/16

BALBINA NA NOITE MEIGA DE CERVO

(Sábado, 20 de agosto de 2016) 

Como saben, o protagonista das Memorias dun neno labrego chámase Balbino e a súa infancia tivo moito en común coa infancia de Xosé Neira Vilas, o escritor, a quen moita xente tamén chamaba cariñosamente Balbino.  Ese home, nacido por volta de 1947 e a puntiño de cumprir os setenta anos, deuse a coñecer ao mundo en 1961, cando xa abandonara a infancia.
O que pode que non saiban é que inspirada naquel Balbino, en plena Transición naceu Balbina, unha muller de carácter forte, con vocación para a música. Tanto é así que, comezado o século XXI, decidiu montar e dirixir a súa propia banda, na que exerce de trovadora e de xograresa (porque Balbina non só compón as cancións e marca o ritmo de como deben ser tocadas, senón que tamén manda no escenario, onde anima, canta e toca o baixo eléctrico).

"Música galega para o mundo. Espectáculo sen complexos"

A Balbina tivemos a fortuna de coñecela máis en profundidade no pasado mes de abril, grazas á iniciativa de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle, que lle fixeron unha entrevista para o programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo.
Así foi como soubemos que a relación que existía entre Xosé Neira Vilas e Balbino -o rapaz da aldea de Gres- era idéntica á que manteñen entre si Silvia Cerneira Montes -de Valga, en Pontecesures- e Balbina. Por iniciativa de Marco e Helena, soubemos da súa experiencia nas orquestras de verbena, da participación no concurso A Polo Ghit coa canción Estomballada e dos éxitos posteriores con O fillo do mar.

Actuación na Queimada de Cervo

A Banda da Balbina compartilla cos Festicultores o cartaz do concerto de celebración da Queimada de Cervo. Como as actuacións están previstas para pouco despois da medianoite, os seus ritmos amenizarán a madrugada cervense do xa domingo, día 21.
A presenza da Banda da Balbina en Cervo é moi especial, dado que a esta localidade estiveron moi vinculados Balbino e Neira Vilas, a través de Isaac Díaz Pardo. Agora a presenza deste grupo musical nas festas patronais é, en certa maneira, unha fermosa homenaxe á memoria de ambos.


PREGÓNS CURTOS E FESTAS LONGAS (RECEITA DE MARICA CAMPO)


Momento en que o alcalde de Xove presenta a pregoeira das festas patronais, "un referente
na defensa da xustiza social e no cultivo literario do idioma galego"

Recordóunolo no auditorio do Concello de Xove durante o pregón das festas do San Bartolo de 2016. E o caso foi que non se limitou a recordárnolo, senón que tamén o aplicou ao pé da letra e o pregón resultou tan curtiño como intenso. Outra fermosa peciña literaria, esta escrita con paixón para un público moi concreto: veciños e veciñas do lugar en que pasou vinte anos da súa vida.
Acostumados como estamos a ver uns perfís moi reiterativos oficiando noa pregóns, chamounos moi positivamente a atención ver o nome de Marica Campo no programa das festas de Xove. Naquel mesmo momento pensamos en quen serían as persoas que formaban a comisión; preguntámolo e tivemos os nomes: Benigno Canoura, Luís Pico, Carlos Cociña e Andrés G. Piñeiro. Gustounos saber a quen debíamos felicitar.
Vista do auditorio de Xove no momento en que Marica Campo pronunciaba
o pregón das festas patronais

Boa proba do acerto da comisión, era o magnífico aspecto que presentaba a sala xa uns minutos antes de comezar o evento. Moita xente e moi animada. O alcalde, Demetrio Salgueiro, tomou a palabra para transmitir o saúdo e para presentar a convidada. Fíxoo: primeiro "polo libro" para non equivocarse en títulos de libros e premios; e despois, moito máis solto, falando como veciño para resumir a implicación de Marica en diversas iniciativas que conduciron ao desenvolvemento de Xove. "É un orgullo presentar a Marica Campo, un referente na defensa da xustiza social e no cultivo do idioma galego", dixo o primeiro edil en representación do vecindario do concello.

"Volvo porque recordo e porque recordades"

Con esta manifestación de cariño mutuo abriu Marica Campo a súa intervención. Despois deixounos breves pinceladiñas para compoñer un fermoso cadro: presentounos o perfil do santo, lembrounos a historia de Xúpiter e a súa relación co topónimo, sobrevoou pola historia dos concellos de Portocelo e Xove, pola da provincia de Mondoñedo e non esqueceu a referencia é lenda do Monte Medulio, obviamente para que tomásemos boa nota das vivencias do pasado e que procurásemos aprender delas.
"Aquí transcorreron os vinte anos centrais da miña vida" -dixo- "E aquí non son unha visitante e quero axudar como unha máis a esta celebración". E axudou animando á festa, a través da música pedagóxica:
Alégrate, corazón,
aunque sea por la tarde:
corazón que no se alegra,
nunca cría buena sangre.

O pregón literario-reivindicativo finalizou cunha fermosa alegoría. No mundo da imaxinación, o territorio das parroquias que conforman o concello de Xove converteuse nun navío e este navío botouse a navegar ao estilo de como o fixo a Península Ibérica na Jangada de pedra de José Saramago. Marica pediunos a todas as persoas que a escoitábamos que lle demostrásemos á vida "que a vela aguanta // se o corazón canta" -como dicía, con orgullo, o neno Pirata por un día (de Guillém Sansó e Joan Bibiloni).
"Sexan días de pleno encontro
e de amor. (...)
Brindemos cos que están
polos que non están"

 Aínda como broche de ouro, a mestra-escritora recitou un poema dedicado a Xove e a súa xente. Neste momento non temos o texto, mais tempo haberá para o recoller e o reproducir.

O traballo intenso do Técnico de Cultura

Finalizado o pregón, o Técnico de Cultura do Concello de Xove tivo un traballo extra. Durante varios minutos exerceu de fotógrafo por solicitude de numerosos alumnos e alumnas que se reencontraron coa súa mestra e que non querían marchar sen un recordo.

Gravación

Durante eses momentos de saúdos agarimosos, algúns tivemos un recordo especial para dous grandes discípulos de Marica Campo: o infortunado poeta Gustavo Adolfo Lois (autor de Ansias de vento) e o escritor e politólogo Óliver Escobar Rodríguez, docente universitario en Edimburgo. Foi precisamente este último, Óliver Escobar, o autor dunha magnífica entrevista en que Marica Campo explica o proceso en que renaceu galega, sendo xa docente na Terra Chá.

17/08/16

Federico Mosquera e Gelría: "Contaxiamos ilusión"

Coñecemos a existencia do grupo musical Gelría a través das redes sociais cando o seu libro-disco Cantos de poeta era aínda unha criatura descoñecida. Xusto antes de faceren a primeira das presentacións en Barcelona, a iniciativa comezou a ser divulgada a través dos medios de comunicación e a nós resultounos tan atractiva que rapidamente nos puxemos a procurar información sobre o grupo. Así foi como chegamos aos tres nomes: Federico Mosquera, Elena Tarrats e Mario G. Cortizo.
Capa do libro-disco que recolle unha antoloxía musicada da poesía galega
dos séculos XIX a XXI. A banda Gelría recolleu en disco e en papel cebola
o mellor das nosas letras e deulle vida coa música de creación propia.
Unha auténtica alfaia.

Unhas semanas despois, tivemos a fortuna de coñecer Gelría e Cantos de poeta dun xeito moito máis próximo: a través das ondas. Foi nunha entrevista de Marco Pereira e Helena Valle a Federico Mosquera dentro do programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo. A tal entrevista escoitámola en directo e reescoitámola despois na radio á carta, porque nos deixou impresionados.
Deixounos impresionados escoitar de viva voz a presentación dun proxecto tan universalista e ao mesmo tempo feito con inmenso amor á terra. Amor á terra presente na escolma das voces literarias, do século XIX, de todo o XX e actuais; e con coidada presenza dos dous xéneros (Rosalía e Curros; Manuel Antonio; Celso Emilio, Luz Pozo e Manuel María; Méndez Ferrín e Chus Pato). Amor á terra no prólogo de Xosé Lois Romero, na gravación de Pablo Barreiro, no poema de Manuel Rivas...
Encantounos que pensasen nunha antoloxía musicada e que o universalismo da música o complementasen no libro con versións en diferentes idiomas. Cantas máis facilidades, mellor.
O caso é que aínda había  outras sorpresas e Marco Pereira e Helena Valle souberon tirar do fío para que Federico Mosquera nolas dese a coñecer aos poucos. 

-Federico, acláranos isto: escoitamos que es de Burela, tamén que es de Foz e mesmo que es da Coruña.

Federico respondeu que todas as afirmacións teñen algo de certeza e así descubrimos a identidade do neto do Dr. José Martínez Pérez -cántabro asentado na Mariña-, soubemos dos seus vínculos familiares con Cangas -a través da familia Mosquera- e con Burela, onde pasou temporadas con moita frecuencia.
Entre silencios de timidez -por un lado e por outro-, Federico continúa desvelando indentidades e fálanos de Gelría. Cóntanos que é unha palabra holandesa que lle deu nome ao derradeiro barco en que navegou Manuel Antonio e nós sentimos a emoción coa que nos fala da embarcación como símbolo da navegación do grupo a través da historia da nosa literatura. "Contaxiamos ilusión", afirma el. E nós dámoslle a razón.

Feira do Libro de Viveiro
Feira do Libro de Viveiro. Elena Tarrats, Marcos G. Cortizo e Federico Mosquera
compartiron xornada de presentación coa escritora Patricia C. Beltrán 

Con esa ilusión fomos á Feira do Libro de Viveiro para asistirmos á presentación do libro-disco. E tamén coa ilusión de que estivese Elena Tarrats e nos cantase algo. O que non imaxinábamos é que a caseta das presentacións de libros estivese reconvertida en mini-auditorio. que no sitio da mesa das presentacións estivesen un pequeno piano, un mar de instrumentos de percusión e -no centro- un micro...
Federico encargouse de acollernos e de nos explicar as características do evento en que se ían combinar as intervencións individuais para falar da antoloxía e as intervencións colectivas para nos presentar as músicas. Nun par de minutos, como sen sentir, xa estábamos escoitando as primeiras notas e con elas chegou a voz de Elena Tarrats. Impresionante. Unha moza da Cataluña estaba na vella cidade do norte e púñalle voz a Luz Pozo. Era o "Far Blues" do Códice Calixtino, o poema que evocaba "unha rapaza que escribía un diario secreto" e escoitábamolo ao vivo e tíñamos diante de nós "as cordas vibrando coma labios" e estábamos ao lado do río Lando -que nese momento non era un "río esvaído do soño"- e da Praza Maior de Pastor Díaz -que neste momento non estaba en "silencio curvado" e non era "praza deserta"-. Colosal. Como colosais foron as interpretacións do "Zocas" de Manuel María e da "Luz que se afasta e nos dirixe" de Chus Pato. 
Xustamente, o poema de Chus Pato tamén se transformou nese momento, igual que xa o fixera o de Luz e así as 
"Palabras
núas
sen traxe de gloria"
transformáronse en
"Palabras
vestidas
con traxe de gloria".
Porque a literatura e a música son xustamente iso: poder de transformación,