Este traballo de animación á lectura de O segredo da Illa Negra foi realizado por sete alumnas do Instituto Perdouro. Trátase dunha colaboración co IES da P. do Caramiñal, concretamente cunha iniciativa xa clásica: os 21 días co galego.
19/02/17
12/02/17
A TOPONIMIA DE BURELA
![]() |
| Xosé Luís González no momento de pronunciar a conferencia no Salón de Actos do Concello de Mañón durante a tarde-noite do pasado día 11 de febreiro |
Nordés, a Asociación de Desenvolvemento das Terras do Sor e a Faladora, tributou no Salón de Actos do Concello de Mañón unha calurosa homenaxe a Xosé Luís González, enxeñeiro de telecomunicacións e especialista na toponimia dos concellos comprendidos entre Cedeira e Ribadeo.
En calidade de especialista nos nomes dos lugares das terras bañadas polo río Sor, o investigador orixinario das Negradas e residente en Madrid desvelou o significado dos topónimos de ambas as ribeiras e situounos cronoloxicamente desde as linguas indoeropeas de hai 4000 anos pasando polas célticas, o latín, os idiomas xermánicos, o árabe e incluso outras máis afastadas como o lituano.
Xosé Luís González ten estudado tamén os nomes dos lugares dos concellos de Viveiro, Xove, Cervo e Burela, entre outros. O resultado dos seus traballos están recollidos en diversos blogs, entre eles estes
Apuntes de Toponimia de Burela
.svg+(1).png)
Esperamos que esta información de topónimos existentes no concello poda ser de utilidade para alguén que sinta curiosidade polo tema.
Non é apenas unha colección de información: procuramos aportar unha interpretación. Tampouco é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.
07/02/17
ANTONINA SEMEDO, MATRIARCA DA PAZ
Para clausurar os actos de conmemoración do día escolar da paz, Loly Chas, orientadora do IES Perdouro, promoveu na mañá do luns 6 de xaneiro un encontro intercultural destinado ao alumnado de 1º e 2º de ESO que levou por título “Antonina Semedo, matriarca da paz”.
Información completa en: http://perdourando.blogspot.com.es/2017/02/antonina-semedo-matriarca-da-paz.html
O ENCONTRO DAS MÚSICAS DA LUSOFONIA
Este é un traballo realizado polo nos colaborador Gabriel André (Seixas -Terra Chá, 1987), licenciado en Filoloxía Portuguesa e Galega polas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. Especialista no procesamento da lingua natural e a tradución, Gabriel André fai o Mestrado en Ensino na Universidade de Vigo, na especialidade de Linguas Oficiais, e no marco dese Mestrado realiza un estaxio de prácticas no IES Perdouro para coñecer en profundidade a intervención educativa Modelo Burela.
29/01/17
María Manuela e Silvera Vicente de Oliveira
Chámase Silvera Vicente de Oliveira. Naceu na Ribeira da Barca, unha localidade meridional da illa caboverdiana illa de Santiago. Chegou á nosa terra sendo unha nena,á que lle ficaron gravadas as imaxes do seu paso polo Senegal por absurdas barreiras administrativas que dificultaban o reencontro con seu pai (que xa levaba un tempo sendo mariñeiro da pescaría galega).
Silvera fai prácticas de comunicación radiofónica desde o mes de decembro de 2016. Unha hora semanal. Unha hora para tentar aplicar as orientación que lle ofrecen Matías Nicieza e Marco Pereira durante o tempo que duran as cancións.
Minuto a minuto, Silvera aprende. Sabe que non só debe locutar. Os seus ollos teñen que ser seus e teñen que ser de Marco. Ela debe atender ao guión e ás indicacións técnicas, mais debe estar atenta ao director do programa. Ten que estar atenta aos folios escritos en braille e ten que colocalos se escapan dos dedos do seu lector. Ten que tomar o mando naqueles momentos en que o seu compañeiro choca contra algún obstáculo.
Nestas circunstancias, Silvera ten medo a fallar. Non por ela. Ten medo a non estar á altura, de xeito que o programa de Marco non saia ben. A timidez apodérase dela e a voz só lle sae en susurro, mais ela non se dá por vencida.
No día 27 de xaneiro de 2017 tivo que afrontar unha situación nova. A impresora do sistema braille decidiu que se puña de baixa, sen especificar se sería baixa temporal ou mesmo se sería o momento da reforma total (o que nós chamamos xubilación). Iso implicaba que ou Silvera tomaba o volante ou non habería programa.
E vaia se o houbo. A timidez apretouna, mais a locutora non afogou. No momento da entrevista, do outro lado da liña telefónica estaba unha Grande Voz do Noso Mundo e, sobre todo, unha Grande Persoa. María Manuela, nacida en 1945. Unha artista que comezou a súa carreira musical pouco despois de 1960 e que en 1974 estaba gravando en solitario cancións no idioma da nosa terra. Unha artista que cantaba Idioma Meu, Panxoliñas, Cantigas para nenos e neneiros e Ergueremos a esperanza. Unha cantora que deu vida Á mulata Coromoto de Celso Emilio Ferreiro.
Aínda que se notan os silencios e que por veces a voz se fai fío moi tenue na voz da locutora, o resultado da conversa é excepcional.
28/01/17
COLOQUIO CON AITOR LÓPEZ ANELLO
Aitor López Anello, estudante de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela, retornou ao Instituto Perdouro, desta vez para exercer o voluntariado. Na mañá do día 27 de xaneiro participou nun animado coloquio co alumnado de Inclusión Educativa.
Nove mozos e mozas de entre 12 e 18 anos, chegados a Burela pouco antes do inicio do curso 2016-2017, fixeron práctica de habilidades sociais co apoio doutro mozo que só tres anos atrás estivera nas mesmas mesas e cadeiras do centro educativo que agora o acollía como relator.
A conversa serviu para que o alumnado de recente incorporación coñecese mellor a comarca da Mariña, que obtivese información sobre o noso sistema de vida e que falase en primeiro plano sobre o camiño que debe percorrer un adolescente para pasar dos estudos primarios aos superiores.
Ademais de se interesaren pola vida universitaria, os estudantes que están entrando no noso sistema educativo preguntaron polo aproveitamento dos tempos libres e Aitor López ofreceulles a súa propia experiencia do estudo da música como ferramenta de inclusión social.
13/01/17
O MODELO AGLUTINANTE FAI ESCOLA
Durante a mañá do día 13 de xaneiro de 2017 o Instituto Perdouro recibiu a visita de Gabriel André Iglesias, filólogo e tradutor que está en proceso de alcanzar o Mestrado en Educación pola Universidade de Vigo e que vai realizar o seu correspondente período de prácticas no noso centro educativo.
Coñecedor da metodoloxía Modelo Burela a través das redes sociais así como de publicacións específicas de Pedagoxía, Gabriel André estará durante o mes de febreiro en Burela para coñecer directamente tanto o ambiente educativo como as características esencias da nosa intervención transformadora.
Tras un primeiro contacto con Miruca Parga (coordinadora do Equipo de Dinamización), María José Andión (Xefa de Estudos) e outros integrantes do grupo de traballo da área de innovación, o estudante do Mestrado coñeceu as instalacións do Instituto Perdouro e participou nunha sesión académica con alumnado de procedencia inmigrante.
Gabriel André (Seixas -Terra Chá, 1987) é licenciado en Filoloxía Portuguesa e Galega polas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. As súas áreas de especialidade son o procesamento da lingua natural e a tradución, á cal se dedica profesionalmente desde 2013. Actualmente está a realizar o Mestrado en Ensino da Universidade de Vigo, na especialidade de Linguas Oficiais.
29/12/16
MIL PRIMAVERAS MÁIS
Lápida de Xosé Chao Falcón no cemiterio municipal de Mondoñedo
"Aquí xaz alguén que, coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis", deixou escrito Álvaro Cunqueiro para o seu propio epitafio. Mais as palabras de Cunqueiro son válidas para moitas outras persoas que día a día traballan co soño dunha terra nosa máis próspera, cunha identidade revitalizada no futuro dos tempos. É o caso da familia mindoniense Chao Falcón, que cinco anos despois do pasamento de D. Álvaro deulle continuidade ao modelo impulsado polo autor de Merlín e familia e redactaron en idioma galego a mensaxe de lembranza do parente falecido. Algo moi novidoso na comarca da Mariña.
Unha xornada de lembranza no 30º aniversario
Coincidindo co día 30 de decembro de 2016, a data en que se cumpre o 30º aniversario do falecemento de Xosé Chao Falcón, amigos, veciños e familiares prepararon unha xornada de lembranza na súa terra natal. O primeiro dos actos será unha misa, que se oficiará ás 4 da tarde na igrexa parroquial de San Vicente de Trigás. Seguidamente, os participantes desprazaranse ao cemiterio municipal onde pronunciarán unhas palabras na súa memoria e realizarán unha ofrenda floral.
O estudo da lápida abre a porta á divulgación da súa obra literaria
Como resultado do estudo do texto que figura inscrito na súa lápida, reactivouse tamén o interese por diversos textos literarios que foran atopados entre a súa documentación e que durante estes anos estiveron ao coidado de Germán Chao Falcón, o irmán residente en Ferrol, que anualmente desde 2003 promove a edición da revista San Vicente de Trigás (con tres números disponíbeis na rede: http://sanvicentedetrigas.blogspot.com.es/p/la-revista.html)
Perfil biográfico
Nacido en 1928 na parroquia mindoniense de San Vicente de Trigás, Xosé Chao Falcón ingresou no Seminario en 1940 e pasou brevemente pola orde franciscana en Cádiz. Tras cursar o bacharelato en Lugo, estudou Maxisterio en Santiago de Compostela e exerceu a profesión docente en Torea (Muros), Boimorto, Friol, Nogueira de Miño (Chantada), Atán e Ferreira de Pantón.
Estando nesa localidade, participou na primeira liña política e encabezou a candidatura que, en representación da UCD -o partido de Adolfo Suárez e de Calvo Sotelo-, se fixo coa alcaldía nas primeiras eleccións democráticas; e que mantivo, xa baixo as siglas de Coalición Galega, na lexislatura comezada en 1983.
Enfermidade e morte
Tras unha breve enfermidade, Xosé Chao Falcón faleceu en Mondoñedo un 30 de decembro de 1986, con 58 anos. Os seus restos mortais repousan no cemiterio municipal.
18/12/16
CHEA DE VIDA
Bernardo Penabade
![]() |
| Guadi durante o concerto de presentación de "O mundo está parado" (o seu terceiro disco en solitario) no auditorio de Cedeira |
"Ei, xentiña: O mundo está parado", alertou Guadi. Mais lonxe de o dicir con ton derrotista. xunto coa chamada de atención para que nos puxésemos en movemento, tamén nos marcou un par de citas de encontro: unha en Vigo e outra en Cedeira.
A Guadi (Fonte de dinamismo) chegou á cita de Cedeira acompañada dunha constelación de artistas e alí, no seu berce, constatou que a xentiña tivera moi en conta a súa chamada e que o mundo non está tan parado, aínda que lle veñan moi ben estas chamadas de atención.
En Cedeira había cita dobre. Primeiro ás oito da tarde e despois ás dez da noite. Mais non era unha primeira e unha segunda convocatorias. Eran chamadas independentes e tiveron idéntico resultado: cheo total ás oito e lotación completa ás dez. Amigas e amigos de Ares e Mugardos, de Ferrol e Narón, de Cedeira, de Cerdido, do Ortegal, da Terra Faladora... e incluso de máis lonxe.
Un ambiente magnífico merecía un espectáculo magnífico. E o espectáculo comezou. E, no lado esquerdo, Antón Cortizas quedou caladiño. E, no lado dereito, o Maestro Pichi contiña o alento á espera de que aparecese a súa discípula gaiteira. E, no centro, Marco Pereira, que pedía detalles sobre a configuración do escenario ("cóntame o que hai. Quero velo"), quedou caladiño, como caladiñas estaban a Silvera V. de Oliveira e a ex-profesora de Literatura de Guadi, que entrara entre as primeiras para coller sitio privilexiado.
E Guadi entrou e foi directa ao grande piano negro que ocupaba o centro do escenario. Parecía como se se refuxiase no teclado mentres loitaba por facer saír un tenue fío de voz, case silenciado por cordas e ventos (seis a un lado e outros tantos ao outro). O público respondeu cun aplausiño morno, porque a noite estaba fresca (fóra chovía).
Mais a Guadi non lle facía falta leña para aquecer o ambiente. Chegáballe coa súa voz, que nos cantaba unha canción tras outra. Case sen presentacións. E con Guadi estaban os violinos e os violonchelos, e Pablo Pascual, e as cordas de Guillerme Fernández e Carlos Abal, e os ventos de Cedeira e de Viveiro, e a percusión de Isaac Palacín. Por se todo isto fose pouco, por veces tamén aparecían Abe Rábade e Santi Cribeiro e o escenario facíase aínda máis máxico.
"Que delicia! Que ben está soando todo", dicía Marco Pereira, que se alegraba de ter saído ás oito en punto de Burela, xusto despois da emisión do seu programa Grandes Voces do Noso Mundo, que unhas semanas antes dedicara ao novo disco de Guadi. "Sempre a quixen escoitar en directo e hoxe, por fin, chegou o momento. Estou feliz aquí". Notábase ben que era así. E tanto se notaba que o público púxose en pé e comezou a moverse ao ritmo do mundo (que non estaba parado). Foi así como centenares de voces cantaron ás Matriarcas.
Así foi como a tribo se manifestou chea de vida. Da vida que nos dá a música que sae de dentro.
Enorme, Guadi!
03/12/16
A PEDAGOXÍA DA INCLUSIÓN SOCIAL: TODOS E TODAS SUMAMOS (O caso do autismo)
Chegou unha nova entrega do programa de Marco Pereira e Silvera V. de Oliveira. Desta vez o convidado do "Deixe Falar" foi José Manuel Durán ("Seso Durán"), o profesor de Música do IES As Barxas, en Moaña.
Dos moitos contidos tratados, o máis importante foi o da Integración da Diversidade Funcional, cunha idea compartida: "Todos e todas sumamos".
Nos minutos finais do programa, non falou o docente. Quen abriu o corazón á audiencia foi o pai dun neno con autismo. Para comprender a profundidade da conversa, lean a letra e escoiten a música deste poema:
CANCIÓN DE MANUEL
Se me dixesen que chegabas,
se me dixesen que viñas,
estariate esperandocos brazos abertos.
Diríalle ao meu corazón
que se fixese máis grande
e as miñas mans máis suaves.
Pediríalle á miña voz
que se fixese máis doce
para cantarche cancións
polas noites.
Teríache preparado
un xardín cun bambán dourado
que chegase ás nubes..
Se o soubese,
Se o soubese,
teríache cosido
unha manta de bicos
para arrouparte cando dormes.
Pediríalle á miña voz...
Non estou disposto/a a renderme
non estou disposto/a a deixar pasar
unha oportunidadade para dicir o que quero.
Non estou disposto/a a disimular,
Non estou disposto/a a disimular,
non estou disposto a deixar pasar unha oportunidade
para dicirlle ao mundo
que hai moito que facer,
que hai moito que aprender
que hai moito que facer.
(Letra: Olga Lalín Música: Seso Durán)
12/11/16
Máis felices resultados do dobre esforzo
![]() |
| Marco Pereira e Silvera V. de Oliveira durante a realización do nº 31 do programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo |
O programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo, de Marco Pereira, chegou ao seu número 31 xustamente no día 11 de novembro (11 do 11) de 2016, a mesma data en que tivemos noticia da morte de Leonard Cohen.
Pois xustamente nun programa tan sinalado produciuse unha novidade moi importante: a incorporación dunha nova voz na locución. Introducida por Karina Parga e co programa en marcha, Silvera Vicente de Oliveira asumiu as tarefas de colaboración na locución e de axuda persoal a Marco.
Chegada á nosa terra no tránsito na etapa final da infancia, Silvera Vicente de Oliveira é o paradigma do esforzo para a superación persoal. Combinando os estudos co traballo extraescolar, superou a etapa do Ensino Secundario Obrigatorio, posteriormente implicouse no voluntariado a través do Concello de Burela e agora continúa estudos de bacharelato.
Non é esta a primeira colaboración de Silvera Vicente con Marco. No mesmo momento de chegada do alumno cego ao Instituto Perdouro (en setembro de 2015), Silvera Vicente -xunto con Álex Landim e Lavilson R. Monteiro- ofrecéronse para o acompañar nos tempos de recreo, nun momento en que aínda carecía de amizades entre o alumnado e tiña moi reducida a capacidade de movemento polo recinto escolar.
Alén da incorporación da nova locutora, o programa 31 tivo outros momentos moi destacados. Antes da entrevista do Deixe Falar, puidemos escoitar unha intervención de Sara Gil, responsábel de comunicación do programa, que fixo unha chamada en directo para suxerir unha canción en recordo de Leonard Cohen: o "Aleluia" interpretado en versión galega por Xoán Eiriz.
Entre canción e canción tamén se estrearon novas cuñas promocionais con diversas voces, desta vez as de Cristian Gómez Mesa, Serxio Alonso Mon e Alba Geada.
Son os felices resultados dun dobre esforzo: o da escola de comunicación e o de cada unha das persoas que nela participan.
04/11/16
31/10/16
CON TONIÑO MOLINA E CÁNDIDA DÍAZ EN TRASBAR
Bernardo Penabade
No mes de decembro de 2012 fixemos un percorrido de visualización do patrimonio documental polas parroquias do concello de Cervo, tal e como tíñamos feito antes na de Burela e como fixeran no seu día Alva G. Pico no Valadouro e Aida López Vale no Vicedo. Era un paso máis do Proxecto Palabra e Memoria, iniciativa enmarcada dentro do Modelo Burela de pedagoxía social.
Na parroquia de Castelo atopamos un cemiterio pequeno, moi ben coidado, e dispuxémonos a observar as 236 lápidas dos, aproximadamente, 70 panteóns familiares. Cando estábamos xa case no final, tivemos diante de nós a que xustificaba a nosa visita, tal como nos ocorreu en moitas ocasións (raro é aquel lugar en que non hai alguén que depositase a semente da nosa cultura). Tanto nos impresionou aquel documento que no caderno de campo anotamos: "ademais da análise sociolingüística, hai que facer un estudo máis completo. Interesa quen fixo o deseño e o obradoiro en que se preparou).
Coa alegría que dá ter descuberto algo importante, seguimos visualizando a escasa ducia que nos faltaba, xa no fondal do recinto. E, entre aquela ducia, aínda nos agardaba algo non menos importante. Eran estas palabras que reproducimos na imaxe:
En varias ocasións, especialmente nos meses do verán de 2014, en pleno proceso de investigación das descubertas, tentamos localizar a persoa que redactara o texto. Non nos foi nada fácil.
-Xosé Díaz Díaz?!... Non vive por aquí... Debe ser alguén que naceu aquí e que conserva o nicho. Agora seguro que non ten relación coa parroquia, -díxonos unha veciña.
- Ai dese Xosé Díaz hai herdeiros... Tivo un fillo... Creo que está pola Coruña, -díxonos outra.
En calquera caso, a localización do fillo de Xosé Díaz estaba difícil, porque o herdeiro gardaba pouco vínculo co lugar de orixe. Mais había algo que nos intrigaba: dado que o panteón estaba vacío, a onde tería levado o tal fillo os seus defuntos pais?, ou, acaso, os pais serían maiores e vivirían tamén na Coruña?
A investigación da outra lápida do mesmo cemiterio tampouco nos ofreceu luces sobre esta en cuestión e esa foi a razón que nos levou a dar preferencia a outros casos e a deixar este en espera do momento oportuno.
E o momento chegou da mellor das maneiras:
-Eu sei onde vives!, -dixonos de brincadeira Noé, un mociño de 13 anos con tanta forza interior como se tivese 20.
-Que me dis? Sabes?
-Sei! Paso moitas veces por diante. Eu vivo en Castelo...
-En Castelo?
Cando falamos de Xosé Díaz, Noé parou a facer memoria e concluíu que non debía ser persoa próxima, mais rapidamente se lle iluminaron os ollos, porque tiña a solución perfecta:
-Se é unha persoa de Castelo ou de Trasbar, miña avoa ten que coñecelo. Mañá mesmo xa está solucionado.
Con esta idea chegou Noé a Castelo e preguntou á sabia da casa, mais a sabia da casa ficou de boca aberta e non soubo quen era Xosé Díaz e moito menos quen eran a súa esposa e o seu fillo. Iso non desanimou o rapaz felizmente teimudo, que botou man do whatsapp:
-Es persoa que buscas é de Castelo Castelo... ou da parroquia de Castelo?
(...)
-Aquí na casa dinme que os Díaz normalmente son de Trasbar...
(...)
-Que queres saber exactamente?
-Quería saber quen redactou unhas palabras que aparecen no seu nicho...
Acabáramos! Ter comezado por aí!!
Entón comentamos a situación do nicho e, con esa información na cabeza, o servicial Noé colleu a bicicleta e foi ao lugar concreto para situarse no contexto e transmitir a información á avoa, que tería nos testantes un apoio para a localización.
Non fixo falta continuar coas pesquisas, porque, cando o investigador chegou ao destino, atopou un señor e unha señora facendo a limpeza. Nada máis e nada menos que os tan buscados Xosé Díaz e a súa esposa.
![]() |
| Cándida Díaz e Xosé Díaz ("Toniño Molina") recibíronnos na súa casa de Trasbar (Cervo) |
En poucos minutos tíñamos a Sra. Cándida Díaz ao teléfono e recibíamos dela a primeira das leccións. Era como se nos falase frente a frente: preguntaba, escoitaba as respostas e respondía as preguntas. Ela foi quen nos resolveu o enigma:
-O meu marido chámase Xosé Díaz, mais os veciños non o coñecen polo nome oficial. Todos lle chaman Toniño Molina -porque cantaba moi ben, ao estilo do artista famoso- e pensan que se chama Antonio.
(...)
-E quen redactou ese texto, Sra. Cándida?
-Fun eu. Eu mesma o levei e o encarguei. Como xa tíñamos o fillo -e podía haber máis-, pedinlle que deixase un espazo libre debaixo da palabra "esposa", por se nalgún momento había que poñer unha letra máis.
-Estou asombrado, Sra. Cándida!
-Asombrada tamén estou eu. Agora que nos coñecemos, a ver cando nos vemos; tomamos un café e xa me contará por que se fixou nel e por que lle gustou tanto.
Certo é que contamos por ambas partes. Moi certo. Tanto é así que acabamos abrindo unha porta para coñecer moito mellor o Burgo de Trasbar, un magnífico Modelo de desenvolvemento rural.
ENSINO DE VANGARDA: A "ESCOLA DE PRENSA" de EL PROGRESO
Unha vez máis o Instituto Perdouro participa nunha iniciativa educativa de vangarda. Nesta ocasión o proxecto naceu como resultado dunha colaboración do xornal El Progreso e de Leyma, unha das empresas de referencia do sector lácteo, e foi inmediatamente secundado polo equipo docente do Perdouro, capitaneado por Miruca Parga (Coordinadora do ENL) e Karina Parga (Vicedirectora).
Toda a información sobre o proxecto está recollida nesta reportaxe con texto de Susana Rodríguez e fotografías de José María Álvez:
Subscrever:
Mensagens (Atom)













