31/03/17

ATENCIÓN Á DIVERSIDADE DO ALUMNADO DE ESO ANALIZADA NUN ACTO CELEBRADO NO PERDOURO

Natalia Riego e Gabriel André no momento da participaren no IES Perdouro no coloquio dedicado á atención á diversidade do alumnado de Ensino Secundario Obrigatorio

Os diferentes sistemas de atención ao alumnado con necesidade de reforzo educativo foron expostos e valorados no decurso dun evento celebrarado na mañá deste venres, día 31 de marzo, no IES Perdouro de Burela.
A través da tecnoloxía dixital, tomou a palabra Paulo Vilar, docente en prácticas no Instituto de Rodeira, en Cangas do Morrazo. Vilar respondeu por este medio as consultas que un grupo de alumnos e alumnas de 2º de ESO lle fixeran chegar individualmente en mensaxes de correo electrónico.
Outra das convidadas, Natalia Riego Arredondas -especialista en docencia de Español como segunda lingua, con Mestrado nesta materia pola Universidade de Oviedo e docencia no IES El Pando da capital do Principado- falou da súa experiencia como estudante de Mestrado especializada no ensino de Español para persoas estranxeiras (Universidade de Oviedo) e fixo unha commparativa entre as súas experiencias docentes no IES El Pando, de Oviedo; e no IES da Pontenova. "Na Universidade de Oviedo existe profesorado con moita experiencia e moito prestixio no ensino das segundas linguas. Por iso recibín unha formación moi boa -asegurou-, que me serviu de grande axuda para superar con éxito a fase de prácticas con alumnado procedente de Marrocos, Senegal, Gambia, China, Brasil e aínda outros diversos países. Nese centro, as aulas de inmersión lingüística contemplaban unha atención específica a ese alumnado de vinte horas semanais, catro diarias, durante un período de tres meses, que habitualmente eran prorrogados por resultaren insuficientes para alcanzar a fluidez comunicativa".
Pola súa parte, o filólogo e tradutor Gabriel André comentou que escolleu Burela como lugar de realización das súas prácticas docentes do Mestrado da Universidade de Vigo por dúas razóns: a existencia dunha alta porcentaxe de poboación migrante; e "porque no IES Perdouro existen diversas modalidades de atención específica ( PEMAR; Agrupamentos Específicos; Reforzos; e Agrupamento de Atención a Alumnado Estranxeiro) que supoñen unha referencia non só a nivel local".

24/03/17

Burela estivo presente no primeiro plano da recepción ao Presidente de Cabo Verde no Concello de Santiago de Compostela


O Presidente da República de Cabo Verde chegou á nosa terra e foi recibido pola corporación municipal de Santiago de Compostela.
Na recepción, o alcalde da capital de Galiza -Martiño Noriega- referiuse aos "moitos elementos de unión e amizade entre Galiza e Cabo Verde, e especialmente entre Santiago de Compostela e Cabo Verde" e díxolle ao ilustre visitante que "Santiago de Compostela é a capital do noso país, é unha cidade de vocación universal e internacional. O seu nome foi espallado polo mundo e hoxe recoñecemos cidades como Santiago de Chile, Santiago de Cuba, Santiago de Guayaquil,… hai numerosos Santiagos… e tamén en Cabo Verde".
A seguir, o primeiro edil de Compostela referiuse ao orgullo que supón para Galiza que "a principal illa de Cabo Verde sexa a illa de Santiago. A illa máis poboada e onde se sitúa a capital do país, a

cidade de Praia" e foi o encargado de mostrar simbolicamente os nosos brazos abertos para recibilo: "Da illa de Santiago até Santiago de Compostela, sentídevos como na vosa casa".

Burela

No discurso de Martiño Noriega chamou a atención a referencia a Burela e á comunidade caboverdiana; "Se falamos de Cabo Verde e de Galiza, non podemos esquecer mencionar Burela. Aínda hai pouco aquí mesmo estivemos cun colexio de Burela que estaban de visita en Santiago. Coñeceron o noso Auditorio, a nosa cidade, e no centro da praza do Obradoiro encontráronse comigo, co alcalde. Un breve encontro que valeu para poder ver de primeira como os burelenses descendentes de caboverdianos eran uns mais. Galegos e galegas ao mesmo tempo que caboverdianos e caboverdianas. É posible, certamente".

05/03/17

A progresión de Lucía Rivas, a nosa fotógrafa


A fotógrafa oficial de Proxecto Neo en plena sesión de traballo durante o programa de celebración do Entroido
Comezou facendo fotos que deixasen constancia do desenvolvemento do programa. Facía case un cento delas para despois seleccionar media ducia. Traballaba sempre baixo a dirección de Karina Parga, que se ocupaba de orientala. Iso foi só no comezo, porque paulatinamente Lucía Rivas foi gañando en autonomía. Ela mesma deuse conta de que debía mellorar e matriculouse en actividades de formación, con magnífico aproveitamento.
No momento presente, Lucía Rivas continúa ocupándose da imaxe do programa, mais esta é só unha das súas responsabilidades. Co paso do tempo, foi desenvolvendo labores de adxunta en materia de coordinación xeral do programa. O mesmo está pendente das publicacións nas redes sociais que das tarefas da produción ou da orientación das novas incorporacións.
Unha vez máis, agradecémoslle publicamente o compromiso, a dedicación e os valores que nos transmite.

04/03/17

Non foi fada nin princesa. Foi a auténtica SES, encheu e colleitou un exitazo

A artista, no final do concerto, partillou máis momentos felices co alumnado do Instituto Gamallo Fierros de Ribadeo


Bernardo Penabade

Era unha idea coa que se traballaba desde había tempo, mais -por diversas razóns- sempre ficaba en tentativa. Felizmente, desta vez o desexo cumpriuse e o día 18 de febreiro María Xosé Silvar, SES, actuou coa súa banda ao completo no Auditorio da Casa da Cultura en Burela.
O concerto estaba para as nove da noite, mais desde antes das oito o público xa se congregaba diante do local e comezaba a situarse en ringleiras, ben para coller un bon sitio ben para coller a entrada. Había xente do Vicedo, de Viveiro, de Xove, de Burela e Foz, da Mariña toda, e mesmo chegou un autobús de Ribadeo cargado de mozas e mozos do instituto, acompañados por varias das súas profesoras.
Cos primeiros acordes, a artista entrou e recolleu o entusiasmo que lle transmitía un auditorio repleto, desexoso daquel momento. Comezou entón a festa, con entrega dun lado e doutro. Tito Calviño sorría. Notábase moi contento. E aquela muller que non se sente nin fada nin princesa pediu a un da casa que entrase no escenario. E o da casa entrou e recibiu un cento de aplausos. Pode incluso que fosen cento e un. Ningún máis. Iso durante trinta segundos. Porque trinta segundos foi o tempo que lle levou meter o auditorio no peto. Non lle fixo falta dicir unha palabra. Conseguiuno apenas co acordeón. O ferro-gaita. Despois  de interpretar unha das pezas do Opoñerse á extinción -que boa falta fai-- aínda houbo tempo para reinterpretar a música de Ana Kiro e entrar de cheo no sétimo ceo, momento en que aquela xente se puxo de pé e se puxo a danzar e a bater palmas.
Despois dun concerto en que non escatimou o tempo -ben ao contrario-, a artista aínda compartiu outra longa hora co público que lle reclamaba autógrafos, que lle pedía dedicatorias nos libretos dos discos ou inclusive nas camisolas que se puideran adquirir alí mesmo. 
Para nós non corría o tempo.
Grazas, Gaiteira!

A guerreira de Tronzar os valos con Adilson Sanches, Santinha Varela, Carme Cociña, Silvera V. de Oliveira, Matías Nicieza, María Areán, entre outras persoas que a acompañaron no concerto de Burela

19/02/17

HOMENAXE A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


Este traballo de animación á lectura de O segredo da Illa Negra foi realizado por sete alumnas do Instituto Perdouro. Trátase dunha colaboración co IES da P. do Caramiñal, concretamente cunha iniciativa xa clásica: os 21 días co galego.

12/02/17

A TOPONIMIA DE BURELA

Xosé Luís González no momento de pronunciar a conferencia no Salón de Actos do Concello de Mañón durante a tarde-noite do pasado día 11 de febreiro

Nordés, a Asociación de Desenvolvemento das Terras do Sor e a Faladora, tributou no Salón de Actos do Concello de Mañón unha calurosa homenaxe a Xosé Luís González, enxeñeiro de telecomunicacións e especialista na toponimia dos concellos comprendidos entre Cedeira e Ribadeo.

En calidade de especialista nos nomes dos lugares das terras bañadas polo río Sor, o investigador orixinario das Negradas e residente en Madrid desvelou o significado dos topónimos de ambas as ribeiras e situounos cronoloxicamente desde as linguas indoeropeas de hai 4000 anos pasando polas célticas, o latín, os idiomas xermánicos, o árabe e incluso outras máis afastadas como o lituano.

Xosé Luís González ten estudado tamén os nomes dos lugares dos concellos de Viveiro, Xove, Cervo e Burela, entre outros. O resultado dos seus traballos están recollidos en diversos blogs, entre eles estes

Apuntes de Toponimia de Burela

Esperamos que esta información de topónimos existentes no concello poda ser de utilidade para alguén que sinta curiosidade polo tema. 
Non é apenas unha colección de información: procuramos aportar unha interpretación. Tampouco é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.

07/02/17

ANTONINA SEMEDO, MATRIARCA DA PAZ



Para clausurar os actos de conmemoración do día escolar da paz, Loly Chas, orientadora do IES Perdouro, promoveu na mañá do luns 6 de xaneiro un encontro intercultural destinado ao alumnado de 1º e 2º de ESO que levou por título “Antonina Semedo, matriarca da paz”.

Información completa en: http://perdourando.blogspot.com.es/2017/02/antonina-semedo-matriarca-da-paz.html

O ENCONTRO DAS MÚSICAS DA LUSOFONIA



Este é un traballo realizado polo nos colaborador Gabriel André (Seixas -Terra Chá, 1987), licenciado en Filoloxía Portuguesa e Galega polas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. Especialista no procesamento da lingua natural e a tradución, Gabriel André fai o Mestrado en Ensino na Universidade de Vigo, na especialidade de Linguas Oficiais, e no marco dese Mestrado  realiza un estaxio de prácticas no IES Perdouro para coñecer en profundidade a intervención educativa Modelo Burela. 

29/01/17

María Manuela e Silvera Vicente de Oliveira



Chámase Silvera Vicente de Oliveira. Naceu na Ribeira da Barca, unha localidade meridional da illa caboverdiana illa de Santiago. Chegou á nosa terra sendo unha nena,á que lle ficaron gravadas as imaxes do seu paso polo Senegal por absurdas barreiras administrativas que dificultaban o reencontro con seu pai (que xa levaba un tempo sendo mariñeiro da pescaría galega).

Silvera fai prácticas de comunicación radiofónica desde o mes de decembro de 2016. Unha hora semanal. Unha hora para tentar aplicar as orientación que lle ofrecen Matías Nicieza e Marco Pereira durante o tempo que duran as cancións.

Minuto a minuto, Silvera aprende. Sabe que non só debe locutar. Os seus ollos teñen que ser seus e teñen que ser de Marco. Ela debe atender ao guión e ás indicacións técnicas, mais debe estar atenta ao director do programa. Ten que estar atenta aos folios escritos en braille e ten que colocalos se escapan dos dedos do seu lector. Ten que tomar o mando naqueles momentos en que o seu compañeiro choca contra algún obstáculo.

Nestas circunstancias, Silvera ten medo a fallar. Non por ela. Ten medo a non estar á altura, de xeito que o programa de Marco non saia ben. A timidez apodérase dela e a voz só lle sae en susurro, mais ela non se dá por vencida.

No día 27 de xaneiro de 2017 tivo que afrontar unha situación nova. A impresora do sistema braille decidiu que se puña de baixa, sen especificar se sería baixa temporal ou mesmo se sería o momento da reforma total (o que nós chamamos xubilación). Iso implicaba que ou Silvera tomaba o volante ou non habería programa.

E vaia se o houbo. A timidez apretouna, mais a locutora non afogou. No momento da entrevista, do outro lado da liña telefónica estaba unha Grande Voz do Noso Mundo e, sobre todo, unha Grande Persoa. María Manuela, nacida en 1945. Unha artista que comezou a súa carreira musical pouco despois de 1960 e que en 1974 estaba gravando en solitario cancións no idioma da nosa terra. Unha artista que cantaba Idioma Meu, Panxoliñas, Cantigas para nenos e neneiros e Ergueremos a esperanza. Unha cantora que deu vida Á mulata Coromoto de Celso Emilio Ferreiro.

Aínda que se notan os silencios e que por veces a voz se fai fío moi tenue na voz da locutora, o resultado da conversa é excepcional. 

28/01/17

COLOQUIO CON AITOR LÓPEZ ANELLO



Aitor López Anello, estudante de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela, retornou ao Instituto Perdouro, desta vez para exercer o voluntariado. Na mañá do día 27 de xaneiro participou nun animado coloquio co alumnado de Inclusión Educativa. 
Nove mozos e mozas de entre 12 e 18 anos, chegados a Burela pouco antes do inicio do curso 2016-2017, fixeron práctica de habilidades sociais co apoio doutro mozo que só tres anos atrás estivera nas mesmas mesas e cadeiras do centro educativo que agora o acollía como relator.
A conversa serviu para que o alumnado de recente incorporación coñecese mellor a comarca da Mariña, que obtivese información sobre o noso sistema de vida e que falase en primeiro plano sobre o camiño que debe percorrer un adolescente para pasar dos estudos primarios aos superiores.
Ademais de se interesaren pola vida universitaria, os estudantes que están entrando no noso sistema educativo preguntaron polo aproveitamento dos tempos libres e Aitor López ofreceulles a súa propia experiencia do estudo da música como ferramenta de inclusión social. 

13/01/17

O MODELO AGLUTINANTE FAI ESCOLA

Durante a mañá do día 13 de xaneiro de 2017 o Instituto Perdouro recibiu a visita de Gabriel André Iglesias, filólogo e tradutor que está en proceso de alcanzar o Mestrado en Educación pola Universidade de Vigo e que vai realizar o seu correspondente período de prácticas no noso centro educativo. 
Coñecedor da metodoloxía Modelo Burela a través das redes sociais así como de publicacións específicas de Pedagoxía, Gabriel André estará durante o mes de febreiro en Burela para coñecer directamente tanto o ambiente educativo como as características esencias da nosa intervención transformadora.
Tras un primeiro contacto con Miruca Parga (coordinadora do Equipo de Dinamización), María José Andión (Xefa de Estudos) e outros integrantes do grupo de traballo da área de innovación, o estudante do Mestrado coñeceu as instalacións do Instituto Perdouro e participou nunha sesión académica con alumnado de procedencia inmigrante.

Gabriel André (Seixas -Terra Chá, 1987) é licenciado en Filoloxía Portuguesa e Galega polas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. As súas áreas de especialidade son o procesamento da lingua natural e a tradución, á cal se dedica profesionalmente desde 2013. Actualmente está a realizar o Mestrado en Ensino da Universidade de Vigo, na especialidade de Linguas Oficiais.

29/12/16

MIL PRIMAVERAS MÁIS


Lápida de Xosé Chao Falcón no cemiterio municipal de Mondoñedo

"Aquí xaz alguén que, coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis", deixou escrito Álvaro Cunqueiro para o seu propio epitafio. Mais as palabras de Cunqueiro son válidas para moitas outras persoas que día a día traballan co soño dunha terra nosa máis próspera, cunha identidade revitalizada no futuro dos tempos. É o caso da familia mindoniense Chao Falcón, que cinco anos despois do pasamento de D. Álvaro deulle continuidade ao modelo impulsado polo autor de Merlín e familia e redactaron en idioma galego a mensaxe de lembranza do parente falecido. Algo moi novidoso na comarca da Mariña.

Unha xornada de lembranza no 30º aniversario

Coincidindo co día 30 de decembro de 2016, a data en que se cumpre o 30º aniversario do falecemento de Xosé Chao Falcón, amigos, veciños e familiares prepararon unha xornada de lembranza na súa terra natal. O primeiro dos actos será unha misa, que se oficiará ás 4 da tarde na igrexa parroquial de San Vicente de Trigás. Seguidamente, os participantes desprazaranse ao cemiterio municipal onde pronunciarán unhas palabras na súa memoria e realizarán unha ofrenda floral.

O estudo da lápida abre a porta á divulgación da súa obra literaria

Como resultado do estudo do texto que figura inscrito na súa lápida, reactivouse tamén o interese por diversos textos literarios que foran atopados entre a súa documentación e que durante estes anos estiveron ao coidado de Germán Chao Falcón, o irmán residente en Ferrol, que anualmente desde 2003 promove a edición da revista San Vicente de Trigás (con tres números disponíbeis na rede: http://sanvicentedetrigas.blogspot.com.es/p/la-revista.html)


Perfil biográfico

Nacido en 1928 na parroquia mindoniense de San Vicente de Trigás, Xosé Chao Falcón ingresou no Seminario en 1940 e pasou brevemente pola orde franciscana en Cádiz. Tras cursar o bacharelato en Lugo, estudou Maxisterio en Santiago de Compostela e exerceu a profesión docente en Torea (Muros), Boimorto, Friol, Nogueira de Miño (Chantada), Atán e Ferreira de Pantón.
Estando nesa localidade, participou na primeira liña política e encabezou a candidatura que, en representación da UCD -o partido de Adolfo Suárez e de Calvo Sotelo-, se fixo coa alcaldía nas primeiras eleccións democráticas; e que mantivo, xa baixo as siglas de Coalición Galega, na lexislatura comezada en 1983.
Enfermidade e morte
Tras unha breve enfermidade, Xosé Chao Falcón faleceu en Mondoñedo un 30 de decembro de 1986, con 58 anos. Os seus restos mortais repousan no cemiterio municipal.

18/12/16

CHEA DE VIDA

Bernardo Penabade

Guadi durante o concerto de presentación de "O mundo está parado" (o seu terceiro disco en solitario) no auditorio de Cedeira

"Ei, xentiña: O mundo está parado", alertou Guadi. Mais lonxe de o dicir con ton derrotista. xunto coa chamada de atención para que nos puxésemos en movemento, tamén nos marcou un par de citas de encontro:  unha en Vigo e outra en Cedeira. 
A Guadi (Fonte de dinamismo) chegou á cita de Cedeira acompañada dunha constelación de artistas e alí, no seu berce, constatou que a xentiña tivera moi en conta a súa chamada e que o mundo non está tan parado, aínda que lle veñan moi ben estas chamadas de atención.
En Cedeira había cita dobre. Primeiro ás oito da tarde e despois ás dez da noite. Mais non era unha primeira e unha segunda convocatorias. Eran chamadas independentes e tiveron idéntico resultado: cheo total ás oito e lotación completa ás dez. Amigas e amigos de Ares e Mugardos, de Ferrol e Narón, de Cedeira, de Cerdido, do Ortegal, da Terra Faladora... e incluso de máis lonxe.
Un ambiente magnífico merecía un espectáculo magnífico. E o espectáculo comezou. E, no lado esquerdo, Antón Cortizas quedou caladiño. E, no lado dereito, o Maestro Pichi contiña o alento á espera de que aparecese a súa discípula gaiteira. E, no centro, Marco Pereira, que pedía detalles sobre a configuración do escenario ("cóntame o que hai. Quero velo"), quedou caladiño, como caladiñas estaban a Silvera V. de Oliveira e a ex-profesora de Literatura de Guadi, que entrara entre as primeiras para coller sitio privilexiado.
E Guadi entrou e foi directa ao grande piano negro que ocupaba o centro do escenario. Parecía como se se refuxiase no teclado mentres loitaba por facer saír un tenue fío de voz, case silenciado por cordas e ventos (seis a un lado e  outros tantos ao outro). O público respondeu cun aplausiño morno, porque a noite estaba fresca (fóra chovía).
Mais a Guadi non lle facía falta leña para aquecer o ambiente. Chegáballe coa súa voz, que nos cantaba unha canción tras outra. Case sen presentacións. E con Guadi estaban os violinos e os violonchelos, e Pablo Pascual, e as cordas de Guillerme Fernández e Carlos Abal, e os ventos de Cedeira e de Viveiro, e a percusión de Isaac Palacín. Por se todo isto fose pouco, por veces tamén aparecían Abe Rábade e Santi Cribeiro e o escenario facíase aínda máis máxico. 
"Que delicia! Que ben está soando todo", dicía Marco Pereira, que se alegraba de ter saído ás oito en punto de Burela, xusto despois da emisión do seu programa Grandes Voces do Noso Mundo, que unhas semanas antes dedicara ao novo disco de Guadi. "Sempre a quixen escoitar en directo e hoxe, por fin, chegou o momento. Estou feliz aquí". Notábase ben que era así. E tanto se notaba que o público púxose en pé e comezou a moverse ao ritmo do mundo (que non estaba parado). Foi así como centenares de voces cantaron ás Matriarcas.
Así foi como a tribo se manifestou chea de vida. Da vida que nos dá a música que sae de dentro.
Enorme, Guadi!

03/12/16

A PEDAGOXÍA DA INCLUSIÓN SOCIAL: TODOS E TODAS SUMAMOS (O caso do autismo)





Chegou unha nova entrega do programa de Marco Pereira e Silvera V. de Oliveira. Desta vez o  convidado do "Deixe Falar" foi José Manuel Durán ("Seso Durán"), o profesor de Música do IES As Barxas, en Moaña.
Dos moitos contidos tratados, o máis importante foi o da Integración da Diversidade Funcional, cunha idea compartida: "Todos e todas sumamos".
Nos minutos finais do programa, non falou o docente. Quen abriu o corazón á audiencia foi o pai dun neno con autismo. Para comprender a profundidade da conversa, lean a letra e escoiten a música deste poema:

CANCIÓN DE MANUEL

Se me dixesen que chegabas,
se me dixesen que viñas,
estariate  esperando
cos brazos abertos.

Diríalle ao meu corazón
que se fixese máis grande
e as miñas mans máis suaves.

Pediríalle á miña voz
que se fixese máis doce
para cantarche cancións
polas noites.

Teríache preparado
un xardín cun bambán dourado
que chegase ás nubes..

Se o soubese,
teríache cosido
unha manta de bicos
para arrouparte cando dormes.
Pediríalle á miña voz...

Non estou disposto/a a renderme
non estou disposto/a a deixar pasar
unha oportunidadade para dicir o que quero.

Non estou disposto/a a disimular,
non estou disposto a deixar pasar unha oportunidade
para dicirlle ao mundo
que hai moito que facer,
que hai moito que aprender
que hai moito que facer.

(Letra: Olga Lalín   Música: Seso Durán)