28/04/18

GRANDES VOCES: O PROGRAMA MÁIS INTERNACIONAL DA MÚSICA GALEGA

O brasileiro Roberto Carlos e a galegas Guadi Galego e María Manuela protagonistas do primeiro programa retransmitido pola Radio Internacional Lusófona

Marco Pereira e Silvera Vicente de Oliveira protagonistas do primeiro programa retransmitido pola Rádio Internacional Lusófona

O programa musical Grandes Voces do Noso Mundo, dirixido por Marco Pereira Oliveira coa colaboración do caboverdiano Edilson Sanches Tavares e do cineasta galego Matias Nicieza, comeza unha nova etapa. Despois de 77 semanas a ser emitido desde Galiza, o 27 de abril de 2018 pasou a ser reproducido en horario de máxima audiencia (as 20:00 horas) a través da Cíber-Radio Internacional Lusófona. A entrega escollida foi a número 40.

O programa con orientación máis universalista da música en língua galega, que semanalmente reproduce doce cancións dos diferentes países en que é falado o noso idioma, conta tamén cun espazo para a conversa. O "Deixe Falar" - título tomado dunha canción da cantora mozambicana Yara da Silva-, de 15 minutos de duración, estivo nesta ocasión dedicado á cantora galega María Manuela.

06/01/18

As Moreninhas


As tres Moreninhas durante o ensaio da súa actuación no Luar acompañadas á guitarra por Xosé Ramón Gaioso

 O Nadal é, de certo, a festa máis importante na liturxia cristián. Unhas datas de recollemento, de opíparas comiolas, de familia e de reivindicación do nacemento do fillo de deus. 
Todo iso aderezado cun pico considerable do consumo doméstico que, co seu paso fugaz, deixa tras de si pesadas dixestións e o comezo da costa de xaneiro. A volta da realidade. As leis de mercado non sempre poden ser un indicador fiable, en ocasións os mellores agasallos non se poden mercar; vellos tópicos que seguen tan vixentes e actuais coma cando naceron.
Deste xeito, sen pensalo, sen pretendelo, coa espontaneidade que define os mellores momentos das nosas vidas coñecín das Moreninhas, un grupo vocal de tres integrantes. Foi na gala de Nadal organizada o día 23 de decembro en Burela pola fundación Eu Son.
Collendo prestada a expresión: as tres “pombas douradas” de Cabo Verde, foron capaces de converter a Casa de Cultura de Burela nun espazo digno do seu nome, na perfecta simbiose musical e cultural galego-cabo verdiana. Toda a gala foi un compendio de humanidade, bo gusto e compromiso por parte dos intervintes. 
Abraiado polo suceso, non ficou aí a cousa, senón que as nosas tres amigas tiveron a oportunidade de facerse ver nun escenario de maior notoriedade, o da Televisión de Galicia no programa Luar. 
Érica Gomes Mendes, Raquel Lopes Ramos e Eliane Tavares Mendes, tres rapazas cabo verdianas afincadas en Burela, as Moreninhas, foron o día 29 de decembro a Compostela ao Plató 1000, o espazo onde se emite o devandito programa. 
Pero o seu canto non é só un gusto para os ouvidos, é tamén o mellor reflexo da integración e da fusión cultural nun tempo triste no que ameaza a vella pantasma da xenofobia, o máis brillante embaixador do modelo Burela, o garante das obrigas constitucionais do dereito á cultura, á liberdade da mesma e ao seu acceso.
 Ano novo, votos renovados. Certo é que esta opinión soe ter por tema cuestións de actualidade dende unha perspectiva xurídica, é verdade que a actualidade mediática destes días anda por outros lares… 
Pero non se confundan, as nosas protagonistas son un faro, elas representan a liberdade cultural consagrada na constitución e só nese espazo poderá forxarse a igualdade ante lei fixada no art. 14 do mesmo texto.
 Que o recén inaugurado ano sexa un camiño de cultura e igualdade. Que a lei recoñeza o dereito fundamental á música e á poesía. Ventureiro 2018.

* Pablo Álvarez Ramos (Cervo, 1984) é avogado con actividade profesional na Coruña (Bufete Bellón) e Burela (AR). Está especializado en Dereito Civil Xeral, Laboral e Administrativo.
Este artigo foi orixinalmente publicado na sección "Con pólvora e magnolias" que o autor mantén semanalmente no xornal dixital Crónica3.com

03/01/18

VISITA Á TVG E ACTUACIÓN NO LUAR

Bernardo Penabade

Durante a xornada do 29 de decembro de 2017 unha expedición Modelo Burela realizou unha visita de estudo á TVG con motivo da presentación musical das Moreninhas no Luar

Facer unha intervención educativa Modelo Burela implica que se traballa dentro e fóra do recinto escolar e que se propicia unha relación directa entre o alumnado e a sociedade en que vive. Esta educación para a vida reconforta -porque lle dá pleno sentido ao traballo-, mais tamén implica moitos sacrificios (non só polo tempo e o esforzo particular, senón polo tempo e o esforzo doutras persoas a quen se pide colaboración).
Facer unha intervención educativa Modelo Burela implica motivar o alumnado para conseguir a participación, implica o contacto coas familias -non todas predispostas á colaboración-, cos diferentes órgaos educativos (directivas, claustros e consellos escolares) e implica facer a mediación con persoas e entidades alleas á comunidade educativa. Todo un risco, porque, se falla un dos axentes implicados, o proceso xa non sae ben, os obxectivos non se conseguen e xérase frustración colectiva. Por iso, cando se completa con éxito cada unha das actividades, sentimos un grande alivio e mesmo temos forzas para voltar a vista atrás e contar unha historia bonita como esta.

Esta historia bonita ten o seu comezo durante a segunda semana do mes de decembro, en pleno período de avaliacións escolares. Unha redactora do Luar pídenos colaboración para poñerse en contacto con Eliane, Érica e Raquel.
 "Encántannos! Podedes pasarnos algunha información sobre elas?".
Durante o proceso de documentación soubemos que a nosa interlocutora era Elena Mareque e descubrimos nela unha extraordinaria profesional. Grazas ás súas xestións, o que ía ser unha actuación no Luar pasou a ser unha intervención educativa en toda regra, primeiro na sede da TVG en San Marcos e despois no Plató 1000 de Montouto (en Teo).

A expedición Modelo Burela con Sebi Martínez no plató da Revista

O equipo da Revista deunos todas as facilidades para que puidésemos aprender. Uns minutos antes de entrar en antena, Sebi Martínez saudounos con grande amabilidade e accedeu a facer unha fotografía para o recordo. Despois vimos desde dentro a engranaxe do programa: as indicacións dos momentos previos, a sintonía, a presentación dos contidos e a posterior combinación de condución desde o estudio cos contactos en directo cos diferentes puntos en que estaba a actualidade informativa (Ferrol, Pontevedra, Ribeira...) e coa emisión de contidos recollidos en diferentes vídeos. Comprobamos "in situ" o traballo de realización, iluminación, manexo das cámaras e mesmo o discreto papel do persoal de relacións públicas como ponte de comunicación entre o equipo técnico do programa e as persoas que ían chegando para seren entrevistadas.
Érica, Raquel, Eliane -Moreninhas- e Marco Pereira Oliveira -director do programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo- no momento en que finalizaba a visita de estudo á sede central da TVG en San Marcos
Despois da comida, era o momento de que Érica e Eliane tomasen contacto coas pedras de Compostela, a capital galega que só coñecían a través dos libros e das proxeccións audiovisuais. O paseo pola Rúa Nova desembocou primeiro nas Pratarías e despois na Praza do Obradoiro. En pleno proceso de recoñecemento da Catedral, do Palacio de Raxoi, do Hostal dos Reis Católicos e do Pazo de San Xerome, tivemos a fortuna do encontro con Miguel R. Penas, que nos presentou as persoas que o acompañaban e compartiu uns momentos con nós.
A expedición Modelo Burela na Praza do Obradoiro cunha representación do Concello de Santiago. No centro da imaxe: Miguel R. Penas (responsábel de comunicación) e María Rozas (Tenente da Alcaldía e Concelleira de Economía)

Feito o saúdo a Valle Inclán no paseo da Ferradura, chegou o momento da clásica fotografía coa catedral e a cortina de chuvia como fondo
A recepción no Plató 1000 foi inmellorable. Tomando emprestada a expresión de Séchu Sende, poderíamos dicir que foi "unha recepción Made in Elena Mareque", cun cálido saúdo, coas presentacións do equipo e cunhas explicacións que nos fixeron sentir como na casa.
Unha mostra do ambiente de alegría que se creou durante as presentacións. Elena Mareque tiña preparadas moitas sorpresas.

Fermosa casualidade: as Moreninhas tiñan o seu camerino xusto frente ao dos integrantes de El Consorcio. A ilusión e a veteranía convivían no mesmo corredor. 

As artistas familiarízanse co programa. Xosé Ramón Gaioso acolleunas con moitísimo cariño.

Grazas ás xestións de Elena Mareque, Marco Pereira (director do programa musical Grandes Voces do Noso Mundo) e as Moreninhas coñeceron e conversaron durante uns minutos con Xabier Díaz
Aínda que o ensaio acabou ás cinco da tarde -e aínda que faltaban cinco horas para que dese comezo a realización e emisión do programa-, ninguén quería abandonar aquel lugar máxico. Aprendíase vendo o resto dos ensaios, aprendíase vendo o traballo de guionistas, presentadores, relacións públicas, cámaras, persoal técnico de luz e son... Aprendíase minuto a minuto en contacto directo con todas as persoas implicadas no programa.
Tras ese período de aprendizaxe continuada, chegou o momento clave: a actuación. Superando a limitación dos nervos, Eliane elevou a voz para facer un agradecemento a Rubén Riós, Emilio Rúa e Tania Fuegho. Era de xustiza que o fixese, porque do programa Ruralizarte saíu a súa primeira formación artística.
Despois da entrevista, o vento soou e díxonos que no seu niño novo había unha pomba dourada e que afortunado sería quen puidese namorala. As Moreninhas  tomaban alento de novo e o vento volvía a susurrar acompasado coa guitarra de Gaioso, que non se vía descontento. Cando cantaba o luar ao mencer en frauta de verde olivo, a pombiña dourada xa case tiña un ar de flor recente, como recén casada; era unha sombra de sombra, un andar primeiro de río...

Mentres tanto, no plató e nas casas primeiro foi a sorpresa, despois a complicidade e finalmente o aplauso. Por que? Xustamente, porque estaban vendo algo novidoso: o resultado da interculturalidade tomado na base, ao natural.
Así, deste xeito, a intervención educativa Modelo Burela transcendeu os muros do centro escolar e a través das ondas chegou a millares de fogares galegos concentrados na nosa terra ou distribuídos polo mundo. Magnífica xornada para o director do Grandes Voces, para as tres Moreninhas e magnífico para a audiencia que puido gozar da dimensión internacional da nosa música sen ter saído da casa.
Tania Fuegho con Eliane Tavares Mendes. Mestra e discípula reencontráronse no Plato 1000 da TVG


Finalizado o programa, Xosé Ramón Gaioso despídese de Marco Pereira e das Moreninhas. As vinte horas de intervención educativa entraban xa na recta final, a do retorno á casa.

02/01/18

MORENINHAS

Marco Pereira Oliveira

Érica Gomes Mendes, Raquel Lopes Ramos e Eliane Tavares Mendes son Moreninhas, tres raparigas de Cabo Verde que onte pasaron un dos mellores días da súa vida.
Ás nove da mañá, elas, Bernardo Penabade e eu saímos de expedición en dirección a Compostela. Durante o traxecto houbo breves momentos de silencio intercalados entre outros de risos e cánticos.
Arredor do mediodía chegamos a Santiago e o primeiro que fixemos foi visitar a TVG. Estivemos no plató dos Servizos Informativos, mentres estaban facendo os preparativos técnicos de luces e son para novas emisións e despois asistimos á realización en directo do programa A Revista.
Durante a comida, que fixemos no casco histórico de Santiago -xusto entre a Rúa do Franco e a Praza Doutoral- puidemos conversar tranquilamente con Cristina Montgomery, afillada do "xefe" da expedición. Falamos dos nosos respectivos estudos, das perspectivas laborais e tamén do que as Moreninhas ían cantar no Luar.
Érica, Eliane, Marco e Raquel na praza das Pratarías durante o percorrido
que serviu para que Érica e Eliane coñecesen o casco histórico da capital galega.

Despois dun breve percorrido pola Rúa Nova, as Pratarías e o Obradoiro -onde coincidimos con Miguel Penas (coordinador do gabinete da Alcaldía de Santiago de Compostela)-, dirixímonos ao Plató 1000, lugar no que se realiza e desde o que se emite o programa Luar. Alí nos recibiu cos brazos abertos Elena Mareque e despois presentounos a Xosé Ramón Gaioso, a Xavier Díaz e a unha longa lista de artistas de diversos lugares.
A continuación chegou o momento do ensaio. As Moreninhas prepararon dous temas: nun estiveron acompañadas por Gaioso coa guitarra e noutro cantaron "a capela".
Para pasarmos o tempo, antes da cea e do comezo do programa, aprendemos un xogo de mesa que resultou ben divertido.
A expedición "Modelo Burela" con X. Ramón Albo e Manuel de Andrade.

Mentres Eliane, Érica e Raquel se preparaban no camerino, Bernardo e eu estivemos observando como un grupo de xente ensaiaba un número moi simpático e moi participativo.
Finalmente, chegou o momento! Gaioso tomou a palabra e presentounas as cantoras polo seu nome artístico -Moreninhas-, mais quixo dar a coñecer ao público o nome de cada unha. A entrevista seguímola con moitos nervos e acabamos moi contentos porque responderon moi ben.
Ao finalizar o programa, aínda fixemos fotos con Xosé Ramón Albo, con Manuel de Andrade, con Tania Fuegho... e de novo con Gaioso.
Foi unha experiencia moi gratificante. Espero e desexo que as Moreninhas continúen aprendendo e que nos ofrezan máis actuacións. Eu estarei encantado de acompañalas.

22/11/17

As visitas de nenas e nenos a Radio Burela

Matías Nicieza
Reprodución do presente que Paula lle deu a Matías Nicieza como recordo
da súa visita a Radio Burela


En Radio Burela seguimos recibindo visitas felices. Se hai uns poucos días se achegaba ás nosas instalacións o gato dos Castros xunto cunha morea de gatiños e gatiñas de dúas patas desde o colexio Virxe do Carme, este mércores visitou o noso programa de Radio Escolar unha pequena artista. 
Chámase Paula, e terá sobre catro anos. Non falou polos micros, mais mentres a súa mamá estaba a ser entrevistada pola masa coral Modelo Burela, Paula, moi concentrada, estaba a prepararnos este regaliño para a emisora. Unha casa que, desde hoxe, convirto na sede oficial da programación Modelo Burela para a xente máis nova.
Tedes as portas abertas  para vir visitala desde o voso colexio cando queirades. 
Agardámosvos!

14/11/17

IN MEMORIAM: D. Ramón Marful

Matías Nicieza

Hai uns poucos anos puxéronse de moda nas redes sociais grupos que celebraban a pertenza a determinadas localidades, con nomes como “Es de tal sitio se…” Burela, por suposto, tamén ten un deses grupos, e no seu día lembro perfectamente que unha persoa escribiu algo así: “Es de Burela se, independentemente das túas crenzas ou de que vaias á igrexa, estás orgulloso do noso don Ramón”. Don Ramón, o noso don Ramón, Ramón Marful Rodríguez, tiña esa capacidade: era imposible non querelo, non admíralo, non sentir orgullo por el. 

Crego, humanista, posuidor dunha retranca e un sentido do humor envexable que o facía ter sempre a resposta xusta para todos os temas e sempre acompañada dun sorriso, galeguista de xeito espontáneo, activo no uso útil da nosa lingua en todos os eidos e no seu, o eclesiástico, onde tantas veces era e segue a ser marxinada, don Ramón era Modelo Burela desde moito tempo antes de que existise o Modelo Burela. El foi a alma do noso proxecto desde o primeiro momento, sempre estivo aí, apoiando e colaborando, e cando fixemos o audiovisual de apoio tiñamos claro que só el podía pechalo. No entorno inigualable da Igrexa da Vila do Medio, o noso templo histórico, un home que era historia viva concedeunos unha entrevista fermosísima que en poucos minutos resumía unha traxectoria vital que era, toda ela, Modelo Burela. Fixemos máis gravacións con el, audiovisuais e radiofónicas, que simplemente non teñen prezo. El foi o modelo do Modelo. 

Agora don Ramón marchou e estamos tristes, mais tamén estamos felices por telo coñecido, tratado e querido. Diciamos no audiovisual: “leva dentro de si o orgullo de ser, como Manuel María, como Marica Campo, como don Ramón Otero Pedrayo”. E nós levamos dentro o orgullo de telo tido como mestre, como amigo, bo e xeneroso. 

Querido don Ramón: GRAZAS.



Texto tomado de www.cronica3.com

FOZ : FINOU MONCHO DE COSME

suso-fernadezO xornal de onte informaba do pasamento de don Ramón Marful Rodriguez, focego de Marzán, crego que ó longo da vida rexíu diversas parroquias e nunha delas, a veciña Burela permañecera preto de vinte anos, onde se fixo moi respetado e querido polas xentes da industriosa vila, dadas as dotes humanas que dende a mais temperá idade o adornaban.
A súa bonomía; a humildade, o talante dialogante con todos, sen tipo algún de discriminación; o humor retranqueiro, que sempre o acompañaba; a súa honestidade e altruismo facían del persoeiro singular, sempre identificado coa problemática: as venturas e desventuras dos pobos nos que exercía a labor de apostolado; coas súas necesidades ou aspiracións, xa fosen de orde laboral, socio-económicas, culturais-deportivas e, en xeral,en canto puidera incidir nunha mellora para a vida da veciñanza.
A triste nova circulou por Foz como regueiro informativo; para algúns vellos do lugar, mais desinformados, houbo que aclarar a personalidade de quen se trataba, coa nominación entrañable dos pobos: “ Falamos de Moncho de Cosme…”. Aclarado!.
O cronista, un día mais vello que él, mantivo ó longo da vida unha entrañable amizade e non sabe por canto tempo vai botar de menos a grande aperta que nos dabamos cada vez que se producía o encontro.Estamos seguros de que o “Monchiño de Cosme”, da nosa tan afastada nenez compartida, xa nos olla dende o ceo.
Vaia para a súa familia, todos benqueridos amigos, unha vez mais, a expresión da nosa dor.

12/11/17

Bulló


Por iniciativa do profesor Xoán Xosé Fernández Expósito, fomos comer ao Bulló, un restaurante que non coñecíamos. O lugar xa nos cautivou antes de entrar. A pedra pedra da parede ben coidadiña. A oferta gastronómica manuscrita sobre unha lousa colocada a un lado da porta. O nome moi orixinal que nos lembraba o sabor e o calor das castañas asadas que nos traían quentiñas para animar o corpo alá pola media tarde dunha xornada de traballo. O queixo, os mexillóns e o xamón... todos eles polo seu nome! Son moitas cousas boas xuntas.
Obviamente, quen atende tan ben estes pormenores non atende menos ben as persoas que chegan e os produtos que ofrece para comer. Por iso felicitamos a xerencia e o persoal da cociña. E por iso pedimos permiso para facer as fotos da comunicación "Modelo Burela"... en pleno corazón de Lugo!

10/11/17

O GATO DOS CASTROS

Fermoso presente co que nos obsequiaron os Gatiños e Gatiñas dos Castros.
Desde agora, terémolo con nós durante as nosas emisións da Radio Educativa. 

Por iniciativa das profesoras Mari Carmen Vila e Pili Vázquez, nesta semana tivemos o privilexio de participar nun encontro escolar moi gratificante. Aproveitando que entrábamos nunha hora libre, xusto cando tocou o timbre, escapamos  rápidos como raposos e fomos ao encontro do gatiño dos Castros. A sorpresa foi maiúscula, porque atopamos non un senón moitos. Gatos e gatiñas. Máis pequenos, máis grandes e medianos, o caso é que todos miañaban moi ben.
Alí polo medio andaba o noso querido amigo D. Jesús Arranz, director do Colexio Público Virxe do Carme. Xusto despois de o saudar, entramos na Casa da Xuventude e fomos directamente para o local de Radio Burela, onde nos agardaba o coordinador da actividade: Matías Nicieza.
Todo o que pasou despois está gravado e documentado con fotos. Así temos claro que foi unha experiencia real e non só un soño. 
Para todas as persoas implicadas nesta actividade (as mestras e os mestres, o equipo directivo do colexio, as nenas e os nenos, a AMPA, Matías Nicieza, Lucía Rivas, Sara Gil...), moitas grazas!!
A fotógrafa Lucía Rivas acompañounos nesta sesión didáctica. Karina Parga "cazouna" en plena acción.
Unha vez finalizado o breve obradoiro de comunicación radiofónica, a expedición dos Castros sacou varias fotos de grupo no estudio de Radio Burela. 

31/10/17

Xosé Manuel Carballo Ferreiro: "O primeiro acto do seu proxecto vital rematou"


PALABRAS DA AFILLADA

Padriño, aquí estamos. Parece imposible que chegase este momento, coa vitalidade que sempre tiveche, pero chegou. Non che deu tempo a despedirte, porque tiñas moito traballo estes días e estabas a cousas máis importantes como organizar festival contra o cancro ou ultimar un libro de memorias duns amigos. Non pasa nada, porque para ti a morte non era o final senón O PRINCIPIO tal e como o repetiche miles de veces dende os altares. Na terra estarás sempre presente, porque o corpo desaparece pero as obras perduran e as túas están por todas as partes e en todos os ámbitos nos que te moviche e o que queira sentir a túa presenza que siga a túa estela porque nunca abandonache a ninguén e tampouco agora nos vas deixar sós.

*.*

Todos os que estamos aquí, sabemos que meu padriño foi cura, ANTE TODO, pero non só iso -ou, mellor dito, precisamente por iso-, foi tamén ilusionista, dinamizador cultural, locutor de radio, político, escritor, director teatral e moito máis.
O primeiro acto do seu proxecto vital rematou, así que pídovos un aplauso -deses que tanto desfrutou- para el e para a persoa que sempre estivo entre bastidores, porque nunca xamais quixo roubarlle un ápice de protagonismo. Ela foi a verdadeira responsable de que a obra se puidese representar. A súa irmá: FE CARBALLO FERREIRO.
Dende a túa chaira querida: ADEUS, PADRIÑO. ATA SEMPRE.

PALABRAS DE FRANCISCO PIÑEIRO
(Dramaturgo, actor e director teatral)

O ADEUS BALURO A XOSÉ MANUEL CARBALLO FERREIRO

Chegada a hora da despedida, no nome do grupo de teatro OS BALUROS, quero adicarche unhas palabras:
Non é fácil, X. Manuel, definir a túa presenza nin será fácil encher o teu baleiro.
Queremos agradecerche a túa faceta teatral, pois grazas a esta actividade coñecemos moitos recunchos de Galicia e outros do resto de España; de todos gardamos anécdotas e moi gratos recordos.
Coñecías perfectamente a cada membro do grupo. Aínda nos últimos días estabas pendente de todo e de todos, wasapeabas para dar ánimo e consellos tanto á hora dos ensaios como das actuacións.
Grazas, X. Manuel, pola túa forza, a túa constancia, a túa ensinanza e o teu compromiso con nós.
Sabíamos que eras un bo mago e un bo ilusionista, pero este truco, amigo, non nolo explicaras; esquenceuche falar co teu MENCIÑEIRO que se cadra che tiña unha pócima reservada.

Grazas, mestre, por ensinarnos a ser un grupo de amigas e amigos. D.E.P.


PALABRAS DE XULIO XIZ RAMIL 
(Tomadas de Galiciadigital.com

Xosé Manuel Carballo Ferreiro

Medio século de amizade da para moito, e máis se sabes que ese amigo di sempre o que sinte, e cumpre o que fala. Carballo Ferreiro facía honra aos seus apelidos, á súa familia, ao seu concello, á súa terra, e á súa vocación.

Sempre foi por cura por riba de todo… Por riba de ser xornalista na escrita, falador pola radio, presentador na televisión, humorista sempre, ilusionista ilusionante, predicador co exemplo, educador e amigo. Por riba de todo, cura. Cura de Goberno, de Castro de Rei, e algunhas parroquias máis.

Cando o coñecín, no final dos sesenta, era formador do seminario de Mondoñedo, e viña de verquer ao galego “Le medecín malgre lui”, de Moliere, a súa "ópera prima". Despois pediu o traslado para ser crego rural e vir a Goberno a axudar aos seus veciños e coidar de súa nai e súa irmá, enfermas.

Logo fíxose aínda máis grande na escrita e na palabra; entendeu e atendeu a todas as formas de comunicación, técnicas ou directas; conquistou milleiros de amigos e amigas; encantou a numerosos rapaces; foi mentor de magos, conselleiro de mozos, formador de almas… era un xigante nun corpo aparentemente flebe, todo cerna cun samo aparentemente floxo; todo ollos para ver e comprender; todo palabra para atender e consolar. Xosé Manuel Carballo era un todo, un valor absoluto, un elemento que non cabía na Taboa de elementos imprescindibles para entender este mundo convulso no que el sempre mantiña o sentidiño preciso para comprender e decidir.

Na hora en que o Señor decidiu que xa estaba ben de aproveitarnos de Carballo e quixo ter consigo (“Vide, benditos do meu pai, ao ceo que vos teño preparado…”) a este home aparentemente fráxil, cerna pura de carballo chairego, corazón grande e mente clara, que presumía de ser o que mellor coxeaba na provincia de Lugo por mor dun encontro desafortunado cun tractor no pasado sécuo, tócanos decirlle “Ata logo” a Xosé Manuel de Goberno, célibe dedicado a todos nós, ao que nunca dixemos “Grazas”, porque ao mellor non o comprendía nin lle gustaría, pero ao que si temos que chamar con maiúsculas AMIGO, e erguer a man e decirlle como quen non quere a cousa: Para onde ti xa estás agora, gustaríanos ir cando nos toque. Así que, se podes botarnos unha man, xa sabes… que seguro vas ter aí un posto de honra e gostaríanos estar preto de ti, tamen aí, cando chegue o momento.

Apertas, amigo.


MAGO ANTÓN


No ano 1973, hai agora 44 anos, vin actuar por primeira vez no desaparecido Gran Teatro de Lugo a Xosé Manuel Carballo. Ese día de primavera soñei con facerme mago.
Onte recibín a noticia de que o home que transformou a miña vida un día de primavera, pasou á outra banda do rio como diría o poeta.
Non sei que dicir pero teño que dicilo:

Hoxe non se foi un amigo. Foise o AMIGO, e foise para sempre. Foise o meu mestre, o home que me ensinou a facer e a falar a maxia en Galego.
Miles de pombas están tristes pero grazas á túa maxia elas poderán voar ata o infinito.
Unha fonda aperta Xosé Manuel e dálle recordos da miña parte a D. Alvaro Cunqueiro.


REFERENCIAS TOMADAS DA REDE
Xosé Manuel Carballo, IN MEMORIAM
Ben tristes quedamos, querido amigo. Fuches dos bos e xenerosos, pero de verdade. O Deus no que criches e serviches achegándoo ao pobo na lingua que inda fala e parecéndote á túa xente, acollerate no seu colo. Descansa en paz.

MÁIS INFORMACIÓN

Modelo Burela

Crónica de El Progreso

29/10/17

XOSÉ MANUEL CARBALLO, REFERENTE VITAL

Foto tomada de www.mondonedoferrol.org

Marchou. Chorámolo porque sentimos emoción profunda. Mais reconfórtanos saber que Xosé Manuel Carballo non marcha da Historia de Galiza. Está como crego, como mestre, como orientador, como mago, como actor e director, como conferencista, como confesor e predicador, como fonte do alento que finalmente a el lle faltou, como falante-estímulo-para-neofalantes, como escritor de palabras-que-non leva o vento.
Desde o Aquén ou desde o Alén, Xosé Manuel Carballo é un dos referentes da intervención educativa Modelo Burela. 
D.E.P


23/10/17

Xornadas sobre a Normalización Lingüística nos Concellos asturianos



O "Centru de Cultura Antigu Institutu" de Xixón vai acoller entre os días 13, 14 e 15 de novembro as II Xornadas sobre a Normalización Lingüística nos Concellos asturianos, organizadas pola Oficina de Normalización Lingüística de Xixón.

Nestas xornadas vanse dar a coñecer diferentes experiencias de normalización lingüística implementadas con éxito en Aragón, Baleares, Euskadi, Galiza, Valencia, León e outros territorios. Ao mesmo tempo, analizaranse os resultados da posta en marcha de servizos de normalización lingüística nos concellos de Asturias.

Para as 5 da tarde do primeiro dos días, o luns 13, está prevista a presentación da intervención educativa Modelo Burela.

PROGRAMA COMPLETO
Luns, 13 de novembro
Sala de Conferencias (Primeiro Andar do CCAI)
10.00 horas
Entrega de materiais
10.15 horas
Presentación das Xornadas: a cargo de Ana Montserrat López Moro, Concelleira de Educación e Cultura do Concello de Xixón.
10.30 horas
La Oficina de Normalización Llingüística de Xixón: catorce años faciendo camín, pasu ente pasu, pola normalización llingüística
María Xosé Rodríguez López, Responsábel da Oficina de Normalización Lingüística de Xixón
12.00-12.30 horas
Pausa para café
12.30 horas
Una amuesa de los servicios pa la normalización de la llingua gallega: el SNL del Conceyu de Pontevedra
Unha mostra dos servizos para a normalización da lingua galega: o SNL do Concello de Pontevedra
Concepción Cochón Rodríguez, Responsábel do SNL de Pontevedra
17.00 horas
El Modelu Burela de Planificación Llingüística. Proyeutu d’anovación del IES Perdouro
O Modelo Burela de Planificación Lingüística. Proxecto de innovación del IES Perdouro
Bernardo Penabade, Responsábel do Proxecto
18.00 horas
El llionés: marxinación, desprotección ya inicitivas privadas pa la súa recuperación
Nicanor García Álvarez, Representante de l'Asociación Cultural Faceira
Martes, 14 de novembro
Sala de Conferencias (Primeiro Andar do CCAI)
10.30 horas
L’eusquera nel Conceyu de Pamplona: reiniciando
Euskara Iruñeko Udalean: berrabiarazten
Inma Errea, Xefa do Servizo de Eusquera do Concello de Pamplona
12.00-12.30 horas
Pausa
12.30 horas
Agora x l'aragonés: abriendo buelga pa normalizar la llingua más amenazada d'Europa
Agora x l'aragonés:fendo traña ta normalizar a luenga más menazata d'Europa
Francho Beltrán Audera, Xefe do Servizo de Política Lingüística de Aragón
17.00 horas
Una ventana abierta a la normalización social del asturianu
Experiencias de asociacións, entidades e colectivos de Asturias
Mércores,  15 de novembro
Sala de Conferencias (Primeiro Andar do CCAI)
10.30 horas
El Serviciu d’Asesoramientu Llingüísticu del Conceyu de Palma, ente l’asesoramientu y la dinamización
El Servei d'Assessorament Lingüísticde l’Ajuntament de Palma, entre l’assessorament i la dinamització
Miquel Vives Mascaró, Responsábel do Servizo de Asesoramento Lingüístico do Concello de Palma
12.00-12.30 horas
Pausa
12.30 horas
La Unidá de Normalización Llingüística y los conceyos, ¡Coneutaos pol valencianu!
La Unitat de Normalització Lingüística i els ajuntaments. ¡Connectats pel valencià!
Inmaculada Cerdà, Directora da Unidade de Normalización Lingüística da Diputación de Valencia
17.00 horas
Servicios de Normalización n’Asturies, 15 años trabayando pol futuru
Penélope Miranda Fernández, Representante da Asociación de Traballadores de Normalización Lingüística
18.00 horas
Mesa redonda
Penélope Miranda Fernández, Representante da Asociación de Traballadores de Normalización Lingüística de Asturias
Xabiel García Pañeda, Delegado de Coordinación e Estratexia Universitaria da Universidade de Uvieu
Fernando Padilla Palicio, Director Xeral de Planificación Lingüística e Normalización do Principado de Asturias
19.30 horas
Clausura das Xornadas
Información e matrícula:
Antes do 7 de novembro -en horario de 9.00 a 14.00 horas- na Oficina de Normalización Lingüística de Xixón (R/ Xovellanos, 21 33201 Xixón), chamando para o 985 18 13 89/14 28 ou escribindo un correo electrónico a llinguaasturiana@xixon.es

ETAPA DE TRANSICIÓN (setembro de 2017 a xuño de 2018)


Superados algúns dos obstáculos que implicaban a desaparición da nosa iniciativa, durante o curso 2017-2018 manteremos activo o Modelo Burela de Atención á Diversidade. Neste período transitorio tentaremos conseguir un maior grao de implicación da dirección e da comisión pedagóxica do centro, da asociación de nais e pais (ANPA) e da inspección educativa. Sen o compromisto activo destes axentes, o Modelo Burela de Atención á Diversidade non é viábel.

Vaia o noso agradecemento para todas as persoas e institucións que, dun ou outro xeito, nos transmitiron o seu apoio, como foi o caso de Valentín García (SXPL); as deputadas e os deputados Daniel Vega (PP), Olalla Rodil (BNG), Paula Verao e Miguel Anxo Fernán Vello (En Marea).

16/09/17

MODELO BURELA DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE. FIN DE ETAPA (2014-2017)

Bernardo Penabade

Burela é unha localidade duns 10.000 habitantes con case medio centenar de nacionalidades diferentes. Esa heteroxeneidade social maniféstase, obviamente, nos centros de ensino. Así, por exemplo, entre o alumnado do IES Perdouro unha porcentaxe do 20% naceu noutro país.
Tradicionalmente, as necesidades educativas destes alumnos e alumnas atendéronse con reforzos convencionais pensados para alumnado autóctono con problemas de aprendizaxe ou con problemas de conduta ou mesmo atendéronse nas aulas de Pedagoxía Terapéutica. Os resultados eran estes: o alumnado de procedencia inmigrante concentrábase nos dous primeiros cursos de ESO e na FP Básica, vía reducida notabelmente a porcentaxe en 3º e pasaba a ter presenza testemuñal en 4º, nos ciclos superiores e no bacharelato.
Neste contexto comezamos a traballar con obxectivos transformadores. Conscientes da dificultade de conseguir cambios substanciais impulsados polo claustro e o consello escolar, confiamos na forza da pedagoxía e planificamos unha intervención "desde abaixo" con media ducia de destinatarios principais: 1) o propio alumnado en risco de exclusión social; 2) as súas familias; 3) o equipo directivo do centro; 4) a Comisión Pedagóxica; 5) o conxunto do profesorado; e 6) a administración educativa.
Mes a mes e curso a curso, fomos completando e mellorando un protocolo de actuación e fomos "afinando" a metodoloxía didáctica específica para este tipo de alumnos e alumnas. Ao mesmo tempo, consolidamos un grupo de seis profesionais con compromiso decidido con esta iniciativa. Tíñamos sentado as bases dunha escola inclusiva e transformadora e os resultados positivos ían agromando.

Mais a "a intervención pedagóxica desde abaixo" fracasou: a administración eliminou os mínimos recursos con que a dotara (tres medias xornadas) e a comunidade educativa non soubo defender a conquista.

Fin dunha etapa.

O "Modelo Burela de Atención á Diversidade" explicado
en sete minutos (5:00 a 12:04)

02/09/17

A NOSA RADIO Á CARTA: SERVIZO 24 HORAS



Durante os meses de xullo e agosto a nosa radio á carta non deixou de dar servizo á audiencia. En anos anteriores, coa chegada do período estival o número de audicións reducíase notablemente, mais o incremento de programas e a consolidación dun público interesado na nosa oferta favoreceron que a demanda de programas chegase a diario desde os máis diversos lugares do mundo.

Durante as últimas semanas, a nosa audiencia estivo interesada en programas de cada unha das etapas desde que comezamos as emisións en xaneiro de 2012. Ademais do especial dedicado ás 200 semanas en antena ou o dedicado á Fundaçom Artábria (que é demandado con frecuencia practicamente diaria), continuou habendo demanda para as entrevistas protagonizadas por Ton Formoso (do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo), pola pintora Zili Katova (realizado na terceira etapa) ou pola escritora Iria Misa e a axente de desenvolvemento Nedi Mallada.