25/03/10

Un lingüista hindú participa en obradoiros de inmersión en inglés

Como resultado da colaboración dos institutos Perdouro de Burela e San Rosendo de Mondoñedo co Concello de Burela, o próximo venres (día 26 de marzo) estará na Mariña o sociolingüista hindú Änik Nandi co obxectivo de participar nuns obradoiros de inmersión na lingua inglesa dirixidos a alumnado preuniversitario.
O investigador bengalí, acompañado pola burelesa Antía González Ben (Premio Extraordinario de Fin de Carreira na Facultade de Ciencias da Educación e Premio Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia), estará primeiro en Mondoñedo (10:00 h), onde realizará a actividade baixo da coordinación da profesora María José Cuesta (directora do centro). Posteriormente, ás 12:35 h. desprazarase a Burela e no IES Perdouro participará nun coloquio moderado pola profesora María Dolores Prieto, do Departamento de Lingua Inglesa.

Desenvolvemento da actividade

Esta actividade de comunicación ten como obxectivo o fomento da fluidez comunicativa nos idiomas inglés e galego. Änik Nandi (con aprendizaxe inicial de inglés e neofalante galego) e Antía G. Ben (galegofalante inicial e neofalante de inglés) aproximarán aínda máis as culturas galega e oriental, xa relacionadas entre si desde a noite dos tempos do século XVI.

MÁIS INFORMACIÓN:

1) Referencias:

2) Planificación das actividades feita pola profesora María Dolores Prieto:

Divididos en grupos de 4 ou 5, os alumnos recollen datos sobre 9 apartados:

Biografía de AniK : nome, orixe, familia e educación.
Carreira e acontecementos significativos
A India e a súa realidade.
Temas sociolingüísticos:
  • Paralelismo entre a Bengala do Oeste e Galicia
  • Literatura
  • Arte
  • Celebracións
  • Discusión sobre dúas afirmacións que lles chocaron :

A FOLCLORIZACION DOS IDIOMAS MINORITARIOS
A DIVERSIDADE LINGÜISTICA E IGUAL DE IMPORTANTE QUE A BIODIVERSIDADE
DEBATE FINAL PEDINDO A ANIK SUXERENCIAS SOBRE AS MEDIDAS QUE PODEMOS TOMAR PARA PROTEXER AS LINGUAS MINORITARIAS.”

3) Biografías:

Anik Nandi

Naceu o 19 de setembro de 1981 en Burdwan, vila pertencente á rexión india de Bengala Occidental. Estudou dende os tres aos dezaseis anos no colexio público Burdwan C. M. S High School e, a continuación, estudou no Burdwan Town School, tamén público. Durante estes anos, a súa lingua materna e mais a primeira lingua da súa educación foi o bengalí, e posteriormente aprendeu inglés como segunda lingua e o hindi como terceira lingua.

Entre os anos 2000 e 2005 estudou un grao e mais un mestrado en Filoloxía Inglesa en The University of Burdwan, e ao rematar estivo impartindo docencia durante un ano nesa mesma universidade.

No ano 2007, Anik veu a Galicia a través dun intercambio cultural e ficou enormemente atraído pola nosa terra e pola nosa lingua. Por iso, decidiu solicitar unha axuda ao Ministerio de Asuntos Exteriores do Estado español e quedar aquí a realizar os seus estudos de terceiro ciclo sobre a área de Lingüística, na Universidade de Santiago de Compostela.

Actualmente está a elaborar un Traballo de Investigación Tutelado, paso previo para a realización da tese doutoral. Anik compatibiliza esta actividade académica co traballo de profesor de comunicación en inglés no Centro de Recursos de Idiomas da mesma universidade, e a asistencia a numerosos cursos e xornadas, tanto en calidade de poñente como de asistente.

Por último cómpre dicir que Anik posúe así mesmo un diploma de español de nivel C1 expedido pola Universidade de Vigo, un diploma de galego nivel A2 expedido pola la Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela e mais un certificado de asturiano de nivel elemental expedido pola Academia de la Llingua Asturiana.

Antía González Ben

Naceu en Burela o 17 de novembro de 1988. É filla de Toño, un mariño mercante e de Beni, una traballadora da fábrica de cerámica de Sargadelos (que tivo que abandonar no ano 1991 por mor dunha enfermidade laboral).

Estudou educación infantil no Parvulario da Igrexa, educación primaria no CEIP Vista Alegre e educación secundaria (ESO e Bacharelato humanístico) no IES Monte Castelo, todos eles públicos e emprazados na súa vila natal. Obtivo o Premio Extraordinario de Bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia e o Premio de Excelencia Académica para o alumnado que inicia estudos universitarios no Sistema Universitario de Galicia.

A continuación, cursou a titulación de Mestre, especialista en Educación Musical na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo o Premio Extraordinario Fin de Carreira da Facultade de Ciencias da Educación e o Premio Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na actualidade está a cursar o segundo ciclo da titulación de Licenciatura en Pedagoxía.

Cursou tamén estudos musicais coa especialidade de violín na Escola Municipal de Música de Burela e mais no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba. É membro activo da Orquestra de Xove e recentemente obtivo o título de Patroa de Embarcacións de Lecer.

María Dolores Prieto González (Viveiro; 1961)

É licenciada en Filoloxía Xermánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Componente do Seminario de Lingua Inglesa no IES PErdouro, é un dos exemplos do “Modelo Burela” de planificación lingüística. Filla de galegos das parroquias de San Pedro e Valcarría (Viveiro), recibiu a educación primaria e parte da secundaria en Francia, de xeito que considera linguas propias o galego, o castelán, o francés e o inglés.

Sem comentários:

Enviar um comentário