A biblioteca do
Instituto Perdouro foi o escenario dunha actividade moi especial de
fomento da lectura. Nela realizouse a primeira presentación de Soños chuchados en apreixos furtados, á súa vez a primeira publicación do profesor Luís Ramilo, docente da área de Imaxe Persoal neste centro educativo de Burela.
No acto, o autor estivo acompañado na
mesa pola vicedirectora, Karina Parga, e polo profesor de Lingua e
Literatura Bernardo Penabade. A presentadora do acto indicou que tiñan
escollido esta data para commemorar o Día das Bibliotecas Escolares e a
seguir aproveitou a ocasión para presentar o programa de actividades a
realizar nesta primeira parte do curso así como tamén as melloras
infraestruturais realizadas no propio Salón de Lectura onde se celebrou
esta presentación literaria.
Pola súa parte, Bernardo Penabade
indicou que a obra é unha síntese de artes plásticas e literarias, moi
ao estilo das publicacións vangardistas que veñen aparecendo desde hai
agora un século por todo o continente europeo: “os collages, as pinturas
así como as fotografías de pequenas esculturas están acompañadas de
relatos ou poemas que contan coa particularidade de estaren escritos con
entre 10 e 100 palabras, sempre en números redondos (10, 25, 50, 100).
En todas as composicións están presentes unhas mensaxes moi nobres: a
defensa da paz, o rexeitamento da violencia, o estímulo da forza vital, o
fomento do equilibrio entre os xéneros e, incluso, a rebeldía contra
os anti-valores”.
O autor, Luís Ramilo, comentou que a
xénese da obra procede dunha súa experiencia docente nun centro de
integración de menores da cidade de Vigo. Á vista das especiais
circunstancias en que debería desenvolver o seu traballo, resolveu
realizar unha práctica docente moi vinculada coas manualidades e as
artes plásticas, que máis tarde completou con pequeniñas “cousas”
literarias. A seguir, explicou os motivos que o animaron a decantarse
pola autoedición apoiándose nunha empresa de comunicación dixital.
Quen tamén fixo uso da palabra a
coordinadora do Proxecto de Innovación Educativa do Instituto Perdouro, a
profesora María José Andión, quen tivo palabras de eloxio para Ramilo
Machado polo seu apoio para a implantación do Modelo Burela de
convivencia lingüística. De todos os xeitos, as intervencións máis
aplaudidas de toda a velada literaria foron as das alumnas do ciclo de
Imaxe Persoal Tamara Cuba e Silvia Cotarelo que, en clave de humor,
deron a súa visión da obra, felicitaron o autor e simultaneamente
aproveitaron o acto para reivindicar a implantación na Mariña do ciclo
de estética.
Juan Sama cerrou este acto literario con
parabéns para o autor e agradecemento para a participación do público,
onde destacaba unha nutrida representación do profesorado e de alumnado
dos ciclos formativos. O director do Instituto Perdouro mostrou o desexo
do centro de que a biblioteca acolla no futuro actividades con
características semellantes.
Sem comentários:
Enviar um comentário