18/06/11

“Saúde e Sensibilidade”, novo audiovisual do IES Perdouro

“Saúde e Sensibilidade”, un novo audivisual producido polo IES Perdouro, está dirixido e realizado por Matías Nicieza, que de novo colaborou estreitamente no desenvolvemento do Proxecto de Innovación Educativa durante o curso académico 2010-11.

O documental presenta o panorama da comunicación entre o colectivo de profesionais da Sanidade na localidade de Burela, tanto dos que traballan no Hospital da Costa como dos que o fan no Centro de Saúde. Elaborado desde unha perspectiva integradora, a cámara e o micrófono recolleron unicamente os casos “en positivo” e tribútanlle así homenaxe a aqueles profesionais que destacan precisamente pola súa naturalidade, sendo sensibles co sistema cultural das persoas atendidas.

Incialmente, Cándida Pico –da área de recursos humanos do Hospital da Costa- explica o contexto socio-xeográfico da área sanitaria da Mariña indicando os concellos abarcados, o volume de poboación atendida e ofrécenos as cifras de cada un dos sectores implicados na sanidade comarcal (cifras de persoal médico, de enfermaría, de celadores, administrativos, mantenemento, etc). Pola súa parte, Adelina Fernández lembra como se produciu a tímida introdución da lingua galega na administración e rotulación do Hospital da Costa, por iniciativa de Alfonso Bueno Gallardo (exdirector de xestión). Pedro López Beade fai historia do sistema de comunicación dos menús aos doentes, tanto desde o final dos anos 80 como na actualidade, cando se producen cambios importantes motivados pola implantación de novos sistemas informáticos no hospital. A enfermeira María do Carme Martínez Lamas explica cal é o modelo lingüístico imperante nas escolas universitarias de enfermaría e cal é a súa influencia no exercicio profesional das persoas tituladas. A súa intervención consegue facernos partícipes do seu traballo tanto no contacto cos doentes como na xestión informática da atención diaria. O doutor Iago Villamil –nunha entrevista antolóxica- dános a coñecer as razóns polas que realiza dúas versións dos seus informes clínicos. Pola súa parte, o doutor Carlos Fraga e a enfermeira Victoria García Leiras explican cal é o panorama da comunicación no Centro de Saúde de Burela.

Sem comentários:

Enviar um comentário