O SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA FAI UN "CHEQUEO" AO MODELO BURELA
Valentín García
participou nunha sesión de dinamización lingüística e reuníuse cos
diversos sectores sociais implicados nesta iniciativa cultural
O
Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia visitou
Burela para coñecer en profundidade o desenvolvemento do programa de
integración intercultural "Modelo Burela", impulsado pola área de
innovación educativa do Instituto Perdouro, en colaboración con outros
centros educativos da Mariña e co propio Concello de Burela, que aprobou
un Proxecto de Planificación Lingüística en abril de 2008.
O
pasado luns, día 30 de abril, Valentín García Gómez foi recibido ás
16:00 horas no Instituto Perdouro polo director do centro, Juan G. Sama,
e pola coordinadora da área de innovación, María José Andión Fontela.
Seguidamente coñeceu persoalmente o profesorado implicado no Proxecto de
Innovación Educativa, que recibiu por quinta vez consecutiva un dos
premios outorgados pola Consellería de Educación en colaboración con
Política Lingüística e que este ano traballa no impulso do comercio e a
empresa locais.
No propio IES Perdouro, o Secretario Xeral asistiu á proxección de
Txalapartaris no Eido Dourado.
O
audiovisual, que recolle fragmentos dunha actuación de músicos que
acompañan habitualmente a Kepa Junquera, foi presentado polo seu autor, o
fotógrafo
Javier Sánchez, quen animou o público a visitar o museo do pintor
Celso Dourado en Barreiros.
Fóra
do recinto escolar, Valentín García visitou diversas entidades
comerciais da localidade, acompañando unha sesión de dinamización
lingüística realizada por profesorado e alumnado dos institutos de
Burela. A primeira parada foi nos locais do
Ximnasio Breogán, onde a comitiva puido visualizar en primicia os primeiros resultados da montaxe dun
videoclip
de homenaxe ao célebre grupo musical "Os Resentidos", un produto
musical que recolle traballos de dous grupos musicais da Mariña -
Orquestra Alma Latina (Burela); e Safari Orquestra (Lourenzá)- e que proximamente se presentará ao público xeral en diversas localidades galegas.
A
xornada finalizou co encontro dos participantes na sesión educativa cos
responsables da ACIA local, que aproveitaron para explicarlle os seus
proxectos ao Secretario Xeral de Política Lingüística ao tempo que lle
fixeron entrega dun arquivo que recolle mostras das numerosas
actividades realizadas por esta asociación desde que foi revitalizada.
Modelo Burela
O
coñecido “Modelo Burela” de Planificación Lingüística constitúe xa todo
un referente no ámbito da dinamización lingüística no ensino. O IES
Perdouro botou a andar o proxecto no curso académico 2005-2006 e foi
precisamente no presente curso 2011-2012 un dos cinco aos que a
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través
da Secretaría Xeral de Política Lingüística- lles outorgou cadanseu
premio de innovación en dinamización lingüística, no marco da
convocatoria anual de Cultura e Educación dirixida ao fomento do
desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso
da lingua galega e o coñecemento da cultura de Galicia.
O “Modelo
Burela” busca dinamizar a lingua galega desde a adquisición da
competencia lingüística do alumnado en tres idiomas: galego, castelán e
unha terceira lingua internacional. Durante este curso académico, o
proxecto chega aos seis cursos en desenvolvemento e dá novos pasos coa
posta en marcha iniciativas dinamizadoras no comercio e na empresa
local.
Proxecto Neo
No
marco do "Modelo Burela" desenvólvese, desde o mes de xaneiro,
"Proxecto Neo", a nova iniciativa radiofónica sobre a lingua galega
impulsada desde o IES Perdouro, en colaboración con Radio Burela. O
programa, que se centra na integración lingüística das persoas
neofalantes, emítese cada mércores en horario de 17:00-18:00 horas e
está dirixido e conducido por Bernardo Penabade, profesor de Lingua
galega e literatura no instituto burelao e coordinador do "Modelo
Burela". Tamén conta con emisión a través de Internet e con presenza nas
redes sociais.