OS CONTRABANDISTAS

26/06/12

IVº Encontro "Letra Viva”

BURELA CELEBRA O IVº ENCONTRO “LETRA VIVA” EN RECORDO DE CELSO EMILIO FERREIRO E DO ARMADOR LOCAL JOSÉ ANTONIO LESTAO

No evento, que clausura as actividades da área de innovación educativa do Instituto Perdouro, participa Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia

A biblioteca do Instituto Perdouro acollerá o primeiro dos actos académicos de clausura das actividades do Proxecto de Innovación Educativa programados para a xornada do día 27 de xuño. Ás 11:00 horas está prevista a recepción das autoridades, entre as que figuran o alcalde de Burela, Xosé González Barcia, e o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. Tras unhas palabras de benvida pronunciadas por Juan Sama Díez (director do centro) e por María José Andión Fontela (coordinadora da área de Innovación Educativa), procederase á proxección de tres vídeo-poemas realizados por alumnos e alumnas de 4º de ESO sobre textos de Celso Emilio Ferreiro, unha actividade que estivo coordinada pola profesora Miruca Parga Valiña. Seguidamente, cerrarán o acto as intervencións de Anxo Lorenzo e de Xosé González Barcia.
Ás 11:30 unha comitiva formada polas autoridades, acompañadas polo alumnado e por representantes do profesorado, fará un paseo urbano entre o Instituto Perdouro e a Praza do Concello, con parada na Rúa Celso Emilio Ferreiro. Ao mediodía, diante do consistorio procederase á presentación da campaña “Eu Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro” impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A citada campaña é unha actividade programada polo departamento do goberno galego “para favorecer, desde un ton sinxelo e vinculado ao lecer, un maior coñecemento do autor entre  os residentes nas rúas Celso Emilio Ferreiro das 28 localidades de Galicia que a incorporan no seu rueiro. A campaña consiste na distribución nas casas dun folleto con información detallada sobre o autor e sobre a súa obra”.
Ás 12:00 horas tomará a palabra o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, para presentar a campaña a desenvolver en diversas localidades da provincia de Lugo. Seguidamente, realizarase un recital de poesía no que interveñen persoas estreitamente vinculadas ao desenvolvemento do Modelo Burela de Planificación Lingüística. A estudante de Medicina Lucía Barrera, o cineasta Matías Nicieza, o estudante paquistaní Umer Mohammad, a intérprete Alba García Pico e os profesores Karina Parga e Juan G. Sama recitarán diversos poemas de Celso Emilio Ferreiro.
A xornada cultural finalizará ás 20:30 horas, coa descuberta dunha placa de homenaxe a José Antonio Lestao Manzano (1893-1974), un veciño de Burela moi implicado na consecución de infraestruturas portuarias, educativas e de servizos sociais para a localidade. Este acto celebrarase no xardín da vivenda familiar construída por iniciativa de Lestao Manzano en 1937 e que está situada na intersección da rúa das Flores coa de Celso Emilio Ferreiro.

11/06/12

Acto de recoñecemnto a CRÓNICA3 - Discurso da coordinadora do PIL

Sras. e Sres. convidados, compañeiras e compañeiros:

A piques de rematar este curso, rematamos tamén unha fase máis do noso Proxecto de Innovación en Dinamización Lingüística, longa e oficial etiqueta tras a que se agocha o noso benquerido Modelo Burela de integración intercultural e normalización lingüística. Un Proxecto que naceu neste Instituto aló polo curso 2005-2006 e que conseguiu, nesta súa andaina de sete anos, ser premiado cinco veces consecutivas pola Consellería de Educación a través de Política Lingüística.
Se ben naceu no ámbito educativo, axiña o traspasou para aniñar no eido político e servir de base motivadora para o Modelo Burela de Planificación Lingüística. Pasiño a pasiño, foi adentrándose  nos distintos ámbitos da sociedade tendo sempre como punto de saída o noso Centro educativo. Así, chegou a ámbitos como o relixioso, o deporte, a música, a sanidade, o comercio ou os medios de comunicación.
Ao tratarse dun Proxecto cun claro carácter continuador, ao longo destes sete cursos, a comunidade educativa deste Instituto foi ampliando cada curso o seu ámbito de traballo pero sen abandoar os anteriores. Todas e cada unha das persoas representantes destes sectores tiveron e seguen tendo un papel clave no desenvolvemento e no éxito do noso Proxecto. Entre eles, como xa dixemos, están os medios de comunicación e este curso dunha forma especial, xa que a colaboración entre o I.E.S. Perdouro e Radio Burela deu como resultado o programa Proxecto Neo, a través do cal os neofalantes da nosa lingua dan a coñecer á sociedade o seu sentir e a súa experiencia neste senso.
Os medios de comunicación foron e seguen sendo, sen dúbida, os que nos permitiron e permiten que o noso traballo chegue cada vez a máis xente. Coa súa axuda, o Modelo Burela espallouse por toda a comarca de A Mariña, polas catro provincias galegas, por diversos puntos da xeografía española e incluso por varios países europeos e hispanoamericanos.
Un destes medios que nos permite, como se soe dicir, "traspasar fronteiras" é, sen dúbida, Crónica3.com.
A este xornal dixital mandamos a redacción das nosas novas co convencemento de que:
1º.- van ser publicadas.
2º.- van ser publicadas con rapidez e
3º.- van ser publicadas con rapidez e sen manipular a forma e o contido.
Por iso, vemos obrigatorio este acto de agradecemento e de recoñecemento a todas as persoas que fan posible o exemplar funcionamento de Crónica3.com.
Ese bon facer diario fai que este xornal dixital nos inspire confianza xa sexa como lectores ou como informadores e por iso o temos no primeiro posto á hora de enviar as novas referentes ao noso Proxecto.
Reitero, pois, en nome de todos os que formamos parte deste Proxecto de Innovación en Dinamización Lingüística do I.E.S. Perdouro, o noso sincero agradecemento pola vosa sempre boa acollida das nosas novas, pola rapidez coa que as publicades e pola fidelidade á información enviada.
Moitísimas grazas por permitirnos -a nós e á nosa lingua- camiñar con vós e parabéns polo traballo destes cinco anos na rede!

Mª José Andión Fontela

Acto de recoñecemento a CRÓNICA3


Tras un lustro de constante traballo informativo ao servizo da vertebración así como do desenvolvemento económico e cultural da comarca, chega o momento do recoñecemnto público tanto ao Crónica3.com ás persoas que o fan posible. Con esa intención, a Área de Innovación Educativa do IES Perdouro tomou a iniciativa de organizar un encontro entre os responsables do medio e unha representación plural da súa audencia.

No acto celebrado o luns 11 de xuño ás oito da tarde interviron, Juan Sama Diez, Director do IES Perdouro, Karina Parga Chao (Vicedirectora), Miruca Parga Valiña (Área de Innovación Educativa), Anxo Rivas Pardeiro (Locutor de Radio Foz) e Alfonso Otero Regal (Ceramista). En representación de Crónica3.com, Emilio González Legaspi expresou o seu profondo agradecemento a este apoio e recoñecemento público ao labor xornalístico e desinteresado dos membros de Crónica3.



Logo de contextualizar a xenese de Crónica3, Emilio González Legaspi explicou aos participantes os contidos da páxina web Crónica3.com. Ademais, fíxoselle entrega da placa "Modelo Burela".



Na entrada do centro educativo, está exposta unha exposición dos diversos números da revista O Trasno, e un mural coas testemuñas de recoñecemento da audiencia.



No seguinte documento, pódese ver unha pequena mostra do cariño e recoñecemento por parte da audiencia de Crónica3.

06/06/12

A audiencia recoñece o labor informativo deste medio

TODA A COMARCA NUN “CLIC”. Crónica3.com: cinco anos de xornalismo de proximidade
Por iniciativa da área de innovación educativa impulsora do Modelo Burela de Planificación Lingüística, a biblioteca do Instituto Perdouro acollerá ás oito da tarde do próximo luns, día 11 de xuño, un acto público centrado no labor informativo do Cronica3.com

Baixo o lema TODA A COMARCA NUN “CLIC”. Crónica3.com: cinco anos de xornalismo de proximidade, o centro educativo elaborou un programa de actividades que inclúen un saúdo de Juan G. Sama Díez (director do IES Perdouro) e unha visita a unha exposición dos diversos números da revista O Trasno (impulsada no seu día polo Colectivo Cultural Buril e agora reeditada en facsímil pola mesma entidade co patrocinio da Deputación de Lugo). A xornada finalizará coa entrega do recoñecemento “Modelo Burela” aos impulsores deste medio de comunicación. Ademais dos representantes da área de innovación educativa, farán uso da palabra Anxo Rivas Pardeiro (de Radio Foz), Alfonso Otero Regal (colaborador de opinión) e Emilio González Legaspi (en representación dos editores do Cronica3.com).

Os organizadores indican que “tras un lustro de constante traballo informativo ao servizo da vertebración así como do desenvolvemento económico e cultural da comarca, chega o momento do recoñecemento público tanto ao Cronica3.com ás persoas que o fan posible. Con esa intención, tomamos a iniciativa de organizar un encontro entre os responsables do medio e unha representación plural da súa audiencia”.

PARTICIPACIÓN DA AUDIENCIA

A entidade convocante espera recoller en primeiro plano a valoración que fai a propia audiencia sobre este medio de comunicación. Para iso fai un chamamento á participación colectiva elaborando un texto específico para esta ocasión. O escrito pode ser feito a título individual ou en representación “das entidades cívicas que teñen neste medio do xornalismo dixital un eficaz divulgador das súas convocatorias e iniciativas”.

Todas aquelas persoas que o desexen, poden enviar as súas opinión a modeloaditivo@gmail.com antes das 14:00 horas do mesmo día en que se celebran os actos: o luns, día 11. Todas as colaboracións estarán expostas no instituto durante a xornada.

Neste momento, a organización xa conta coa participación de diversas entidades representativas do ámbito territorial da Mariña.