A mostra "Palabra e memoria" abre no Museo Histórico de Sargadelos con fotos de Burela, O Vicedo e O Valadouro
"PALABRA E MEMORIA"EXPÓN FOTOGRAFÍA DO PATRIMONIO DOCUMENTAL DE BURELA, O VICEDO E O VALADOURO
A mostra estará aberta entre de 2 de agosto a 14 de setembro no Museo Histórico de Sargadelos.
"PALABRA E MEMORIA"EXPÓN FOTOGRAFÍA DO PATRIMONIO DOCUMENTAL DE BURELA, O VICEDO E O VALADOURO
A mostra estará aberta entre de 2 de agosto a 14 de setembro no Museo Histórico de Sargadelos.
Baixo a coordinación de Elisa Pérez e
Alba García Pico, en Sargadelos ultímanse os preparativos da exposición
fotográfica Palabra e Memoria, que estará aberta ao público entre os
días 2 de agosto e 14 de setembro no Museo Histórico da Casa da
Administración.
A exposición recolle en 60 fotografías
unha antoloxía dos mellores epitafios dos cemiterios de Burela así como
dos existentes nas diferentes parroquias dos concellos do Vicedo (Santo
Estevo, San Román, Negradas, Riobarba e Cabanas) e do Valadouro
(Moucide, Budián, A Laxe, Ferreira, Santa Cruz, Recaré, Santo Tomé, O
Cadramón e Vilacampa). As fotografías, realizadas por Pepa Losada, Aida
López Vale e María Mon Geada, están acompañadas de textos explicativos e
de ilustracións realizadas para a ocasión polo artista plástico Xosé
Blanco.
Esta iniciativa cultural do Instituto
Perdouro é un complemento divulgativo a unha extensa investigación de
campo realizada desde 2005 á actualidade (sete anos consecutivos) pola
área de innovación do propio centro educativo. A primeira intervención
realizouse en Burela, en cuxa igrexa parroquial se celebrou unha
exposición que recollía 7 fotografías da fotoxornalista Pepa Losada.
Posteriormente, no Vicedo a encargada de coordinar os traballos de
identificación, catalogación e exposición foi a profesora Aida López
Vale; os resultados foron expostos na igrexa de Santo Estevo en febreiro
de 2010. No Valadouro a coordinación estivo a cargo de Alba García Pico
(Ferreira; 1984). Esta licenciada en Tradución e Interpretación pola
Universidade de Vigo, coñeceu o documental do mesmo título (Palabra e
Memoria) realizado polo burelés Matías Nicieza e dispúxose a localizar,
catalogar e estudar as máis relevantes inscricións funerarias dos
cemiterios do termo municipal e, posteriormente, completou a súa
documentación con entrevistas personalizadas a cada unha das vinte
familias implicadas.
A exposición será inaugurada ás 12:30
horas do próximo día 2 de agosto nun acto que contará con intervencións
de Bernardo Penabade, Aida López Vale, Alba García Pico e José Carlos
Rodríguez Andina. Ademais do servizo de visita guiada de luns a venres,
terá un acto complementario previsto para as 18:00 horas do próximo día 9
coa proxección de documentais e a celebración dunha mesa-redonda na que
os responsables destas iniciativas oferecerán unha panorámica dos
resultados conseguidos nestes anos de traballo.
Sem comentários:
Enviar um comentário