A diversos coloquios co escritor madrileño Matías Escalera únese o concerto do grupo vocal “Son de Nós”
O mes de maio
comeza con intensa actividade na axenda do Modelo Burela. O escritor
madrileño Matías Escalera participará en diversos eventos de divulgación
da lectura e o grupo vocal “Son de Nós” oferecerá na Igrexa da Vila do
Medio o concerto “Os Camiños da Lingua”.
As actividades comezarán o próximo día 2 de maio, coa participación de Matías Escalera nunha sesión extraordinaria do clube de lectura
que se reúne na Biblioteca Municipal. O escritor comentará diversos
aspectos da súa obra cun público que durante estes días estivo lendo
unha de recente publicación, o volume de relatos titulado Historias de este mundo (Baile del Sol. Tenerife. 2011).
O mesmo escritor manterá encontros co alumnado de bacharelato dos institutos da localidade. Será ás 9:20 horas no IES Monte Castelo e no IES Perdouro ás 12:20.
O mesmo venres, ás 20:00 horas, o acto de animación á lectura celebrarase na Libraría Nobel (Espazo
Lector), onde –ademais da do autor- se conta coa presenza de
representantes do Proxecto de Innovación Lingüística e do Clube de
Lectura así como da profesora Julia María Labrador Ben.
No Camiño da Lingua (Concerto Modelo Burela )
O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela converterase nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós
ofrecerá, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de
ambientación, un concerto que leva por título "Os camiños da Lingua" e
co subtítulo "Concerto Modelo Burela". Unha vez máis, coa
interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa
fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a
través do labor de músicos profesionais. Son de Nós, un septeto vocal
dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso Fernández
(Viveiro, 1972), preséntase en Burela despois dos éxitos recollidos en
diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no
Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo
libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San
Martiño.
Sem comentários:
Enviar um comentário