29/12/16

MIL PRIMAVERAS MÁIS


Lápida de Xosé Chao Falcón no cemiterio municipal de Mondoñedo

"Aquí xaz alguén que, coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis", deixou escrito Álvaro Cunqueiro para o seu propio epitafio. Mais as palabras de Cunqueiro son válidas para moitas outras persoas que día a día traballan co soño dunha terra nosa máis próspera, cunha identidade revitalizada no futuro dos tempos. É o caso da familia mindoniense Chao Falcón, que cinco anos despois do pasamento de D. Álvaro deulle continuidade ao modelo impulsado polo autor de Merlín e familia e redactaron en idioma galego a mensaxe de lembranza do parente falecido. Algo moi novidoso na comarca da Mariña.

Unha xornada de lembranza no 30º aniversario

Coincidindo co día 30 de decembro de 2016, a data en que se cumpre o 30º aniversario do falecemento de Xosé Chao Falcón, amigos, veciños e familiares prepararon unha xornada de lembranza na súa terra natal. O primeiro dos actos será unha misa, que se oficiará ás 4 da tarde na igrexa parroquial de San Vicente de Trigás. Seguidamente, os participantes desprazaranse ao cemiterio municipal onde pronunciarán unhas palabras na súa memoria e realizarán unha ofrenda floral.

O estudo da lápida abre a porta á divulgación da súa obra literaria

Como resultado do estudo do texto que figura inscrito na súa lápida, reactivouse tamén o interese por diversos textos literarios que foran atopados entre a súa documentación e que durante estes anos estiveron ao coidado de Germán Chao Falcón, o irmán residente en Ferrol, que anualmente desde 2003 promove a edición da revista San Vicente de Trigás (con tres números disponíbeis na rede: http://sanvicentedetrigas.blogspot.com.es/p/la-revista.html)


Perfil biográfico

Nacido en 1928 na parroquia mindoniense de San Vicente de Trigás, Xosé Chao Falcón ingresou no Seminario en 1940 e pasou brevemente pola orde franciscana en Cádiz. Tras cursar o bacharelato en Lugo, estudou Maxisterio en Santiago de Compostela e exerceu a profesión docente en Torea (Muros), Boimorto, Friol, Nogueira de Miño (Chantada), Atán e Ferreira de Pantón.
Estando nesa localidade, participou na primeira liña política e encabezou a candidatura que, en representación da UCD -o partido de Adolfo Suárez e de Calvo Sotelo-, se fixo coa alcaldía nas primeiras eleccións democráticas; e que mantivo, xa baixo as siglas de Coalición Galega, na lexislatura comezada en 1983.
Enfermidade e morte
Tras unha breve enfermidade, Xosé Chao Falcón faleceu en Mondoñedo un 30 de decembro de 1986, con 58 anos. Os seus restos mortais repousan no cemiterio municipal.

18/12/16

CHEA DE VIDA

Bernardo Penabade

Guadi durante o concerto de presentación de "O mundo está parado" (o seu terceiro disco en solitario) no auditorio de Cedeira

"Ei, xentiña: O mundo está parado", alertou Guadi. Mais lonxe de o dicir con ton derrotista. xunto coa chamada de atención para que nos puxésemos en movemento, tamén nos marcou un par de citas de encontro:  unha en Vigo e outra en Cedeira. 
A Guadi (Fonte de dinamismo) chegou á cita de Cedeira acompañada dunha constelación de artistas e alí, no seu berce, constatou que a xentiña tivera moi en conta a súa chamada e que o mundo non está tan parado, aínda que lle veñan moi ben estas chamadas de atención.
En Cedeira había cita dobre. Primeiro ás oito da tarde e despois ás dez da noite. Mais non era unha primeira e unha segunda convocatorias. Eran chamadas independentes e tiveron idéntico resultado: cheo total ás oito e lotación completa ás dez. Amigas e amigos de Ares e Mugardos, de Ferrol e Narón, de Cedeira, de Cerdido, do Ortegal, da Terra Faladora... e incluso de máis lonxe.
Un ambiente magnífico merecía un espectáculo magnífico. E o espectáculo comezou. E, no lado esquerdo, Antón Cortizas quedou caladiño. E, no lado dereito, o Maestro Pichi contiña o alento á espera de que aparecese a súa discípula gaiteira. E, no centro, Marco Pereira, que pedía detalles sobre a configuración do escenario ("cóntame o que hai. Quero velo"), quedou caladiño, como caladiñas estaban a Silvera V. de Oliveira e a ex-profesora de Literatura de Guadi, que entrara entre as primeiras para coller sitio privilexiado.
E Guadi entrou e foi directa ao grande piano negro que ocupaba o centro do escenario. Parecía como se se refuxiase no teclado mentres loitaba por facer saír un tenue fío de voz, case silenciado por cordas e ventos (seis a un lado e  outros tantos ao outro). O público respondeu cun aplausiño morno, porque a noite estaba fresca (fóra chovía).
Mais a Guadi non lle facía falta leña para aquecer o ambiente. Chegáballe coa súa voz, que nos cantaba unha canción tras outra. Case sen presentacións. E con Guadi estaban os violinos e os violonchelos, e Pablo Pascual, e as cordas de Guillerme Fernández e Carlos Abal, e os ventos de Cedeira e de Viveiro, e a percusión de Isaac Palacín. Por se todo isto fose pouco, por veces tamén aparecían Abe Rábade e Santi Cribeiro e o escenario facíase aínda máis máxico. 
"Que delicia! Que ben está soando todo", dicía Marco Pereira, que se alegraba de ter saído ás oito en punto de Burela, xusto despois da emisión do seu programa Grandes Voces do Noso Mundo, que unhas semanas antes dedicara ao novo disco de Guadi. "Sempre a quixen escoitar en directo e hoxe, por fin, chegou o momento. Estou feliz aquí". Notábase ben que era así. E tanto se notaba que o público púxose en pé e comezou a moverse ao ritmo do mundo (que non estaba parado). Foi así como centenares de voces cantaron ás Matriarcas.
Así foi como a tribo se manifestou chea de vida. Da vida que nos dá a música que sae de dentro.
Enorme, Guadi!

03/12/16

A PEDAGOXÍA DA INCLUSIÓN SOCIAL: TODOS E TODAS SUMAMOS (O caso do autismo)





Chegou unha nova entrega do programa de Marco Pereira e Silvera V. de Oliveira. Desta vez o  convidado do "Deixe Falar" foi José Manuel Durán ("Seso Durán"), o profesor de Música do IES As Barxas, en Moaña.
Dos moitos contidos tratados, o máis importante foi o da Integración da Diversidade Funcional, cunha idea compartida: "Todos e todas sumamos".
Nos minutos finais do programa, non falou o docente. Quen abriu o corazón á audiencia foi o pai dun neno con autismo. Para comprender a profundidade da conversa, lean a letra e escoiten a música deste poema:

CANCIÓN DE MANUEL

Se me dixesen que chegabas,
se me dixesen que viñas,
estariate  esperando
cos brazos abertos.

Diríalle ao meu corazón
que se fixese máis grande
e as miñas mans máis suaves.

Pediríalle á miña voz
que se fixese máis doce
para cantarche cancións
polas noites.

Teríache preparado
un xardín cun bambán dourado
que chegase ás nubes..

Se o soubese,
teríache cosido
unha manta de bicos
para arrouparte cando dormes.
Pediríalle á miña voz...

Non estou disposto/a a renderme
non estou disposto/a a deixar pasar
unha oportunidadade para dicir o que quero.

Non estou disposto/a a disimular,
non estou disposto a deixar pasar unha oportunidade
para dicirlle ao mundo
que hai moito que facer,
que hai moito que aprender
que hai moito que facer.

(Letra: Olga Lalín   Música: Seso Durán)