Karina Parga
Estamos de aniversario. Xustamente agora cúmprense 15 anos desde que comezamos coa iniciativa. Desde aquel 2004 mantivémonos constantes en facer escola en diálogo permanente con múltiples axentes sociais. Comezamos cun amplísimo traballo de campo que nos puxo en contacto directo con centenares de familias e despois falamos con todas as asociacións, coa comisión parroquial e con todos os partidos políticos e sindicatos.
Aínda case non sabemos como, mais fomos capaces de gravar e editar unha radiografía sociolingüística de Burela nunha longametraxe que ten máis de medio cento de protagonistas. Para nós foi un reto. Como o foi tamén colaborar co Concello para redactar o Programa de Planificación Lingüística Municipal e servir de ponte entre os partidos para conseguir a aprobación por unanimidade.
Nós damos fe de que, con constancia, vaise facendo o camiño. Así como nun xogo, comezamos coqueteando coa radio hai agora sete anos e agora mesmo andamos xa rondando o medio millar de emisións. Fácil non foi, mais a meta está aí e, se por nós é, esa meta há de ir avanzando cada día máis alá.
Amigas e amigos, o mellor do Modelo Burela é que somos comunidade. Sinto orgullo de podervos presentar hoxe aquí a Equipa de Proxecto Neo, o programa do diálogo entre culturas, con protagonismo para a comunidade neofalante. Este premio que hoxe recollemos vai para Noé, para Nuria, para Alba e para Cristian.
Mais este premio tamén é para a equipa do programa musical Grandes Vozes do Nosso Mundo, emitido desde Burela, desde Ferrol, desde A Coruña e mesmo desde San Paulo. Cento cincuenta semanas en antena. Un enorme éxito colectivo e un enorme éxito persoal de Marco Pereira.
Se o Modelo Burela alcanzou proxección exterior fóra dos límites da Mariña, é grazas Matías Nicieza, que nos acompaña. Non só por ter dirixido a longametraxe, non só por coordenar os centenares de programas radiofónicos durante tantos anos. Tamén por ser durante todos estes anos unha peza fundamental da nosa intervención educativa, desde fóra do patio escolar.
Amigas e amigos: do desafío 48 de Oleiros, do proxecto Youtubeiras e Youtubeiros, de Falemos de ti e de min, da Ciencia Galega Industrias Creativas e de Eu presumo de Galego, moitos parabéns! Tede claro que vos admiramos e tede a certeza de que desde hoxe traballaremos en conxunto.
Para todas as persoas que integraron o xuri do premio, para o Concello e a Deputación de Pontevedra, e para a a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua vai o noso agradecemento infinito. Con este premio dádesnos o alento que necesitamos. Sabede que desde agora mesmo nos sentimos moito máis reforzados.
Sem comentários:
Enviar um comentário