OS CONTRABANDISTAS

30/12/20

EXPOSICIÓN "PALABRA E MEMORIA DE RINLO"

Horario de visitas da exposición aberta na igrexa parroquial de Rinlo (Ribadeo). A imaxe é de Lucía Rivas.


Inspirada nunhas simples anotacións feitas segundo o método de traballo "Modelo Burela", Rosana Posada Expósito tomou a iniciativa de mostrar ao público o patrimonio documental da igrexa e o cemiterio da parroquia de Rinlo, no concello de Ribadeo.

Coincidindo cunha visita á familia, realizou a primeira tarefa: na igrexa fixo dúas fotografías (a dunha placa colocada no ano 1993 en homenaxe ao sacerdote Alfonso Pampín e a doutra que recorda a construción e a restauración dunha embarcación votiva existente no templo) e despois achegouse ao cemiterio, fixo unha visualización xeral dos epitafios e tomou media ducia de fotografías dos máis significativos.

Consciente do valor dos documentos reunidos, Rosana Posada reuniuse co cura párroco de Rinlo -José Boullosa Canda- e propúxolle facer unha exposición na igrexa, exposición que quedou axendada para o día 27 de decembro, coincidindo coa época de reencontro das familias durante as festas do Nadal.

Durante a semana, a promotora da exposición aproveitou as novas tecnoloxías (especialmente o whatsapp e o correo electrónico) e púxose en comunicación coas diferentes familias implicadas para comentarlles a idea da mostra e para pedirlles uns breves textos sobre as circunstancias en que estes foron feitos (autoría, data, acollida, etc). Simultaneamente, imprimiu as fotografías e as súas correspondentes explicacións e concertou con Matías Nicieza a gravación do acto e a realización dunha sinxela reportaxe audiovisual que deixe constancia para o futuro tanto dos materiais recollidos como das persoas implicadas e da posta en escena da iniciativa.

Finalmente, na tarde do sábado desprazouse de novo a Rinlo e fixo unha sinxela montaxe da exposición: sobre unha rede mariñeira reutilizada combinou as fotografías cos seus respectivos textos explicativos elaborados por cada unha das familias protagonistas da mostra, inaugurada durante a mañá do día seguinte en presenza do párroco e dunha nutrida representación veciñal.

Rosana Posada Expósito, a impulsora desta iniciativa de dinamización cultural levada a cabo en Rinlo, apostou por un proceso rápido e simple, ao alcance de calquera persoa que desexe facer o mesmo no seu ámbito máis inmediato. 

INFORMAÇOM COMPLEMENTAR

Información no portal O MEU POBO DE RINLO

A noticia no CRÓNICA3 e no Xornal da Mariña

A historia do San Pedro Mariñeiro ou o San Pedro Negro (La Voz de Galicia)

As visitas á exposición (Portal Galego da Língua)


28/12/20

CLAUSURADA A MOSTRA "DON RICARDO DE FINGOI" NO MUSEO ÁLVARO CUNQUEIRO DE MONDOÑEDO

O proxecto DON RICARDO DE FINGOI foi promovido polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega, o Colexio Fingoi e  familia do escritor.

Participantes no acto de clausura da exposición en "foto de familia" na praza da catedral de Mondoñedo, xusto diante da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro.

Mondoñedo (Lugo), 27 de decembro de 2020.- A exposición  Don Ricardo de Fingoi foi clausurada na Casa Museo Álvaro Cunqueiro, de Mondoñedo, coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o escritor Xulio Xiz, en representación do colectivo organizador Egeria; a deputada autonómica Elena Candia, e o alcalde do Concello de Mondoñedo, Manuel Otero, así como de outros membros da corporación. No acto participaron os netos do homenaxeado Faustino e Margarita Cela, acompañados das súas familias, o especialista no escritor e amigo da familia Bernardo Penabade e o Presidente da Asociación do Camiño Norte, José Luis Fernández Ansedes.

A exposición forma parte do proxecto do mesmo título que comprende a web www.carballocaleroenlugo.org, o catálogo cos contidos íntegros da Mostra, e o libro CARBALLO CALERO EN LUGO-DON RICARDO DE FINGOI, no que participan unha trintena de antigos/as alumnos/as de Carballo no Colexio Fingoi de Lugo.

A mostra sobre o autor, a quen este ano se dedicou o Día das Letras Galegas, reflicte a través de 13 paneis, os quince anos de Carvalho Calero en Lugo, de 1950 a 1965, á fronte do Colexio Fingoi. Trátase dunha exposición itinerante que trala súa inauguración en Lugo, no Colexio Fingoi, o pasado 15 de  xaneiro, co obrigado descanso pola pandemia, foi visitando vinteoito cidades (Ferrol, Santiago, Ourense, Lugo...) e capitais de concello e centros educativos da provincia, nun proxecto do Colectivo Egeria, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

26/12/20

INICIATIVA DE EDUCACIÓN SOCIAL EN RINLO

 A exposición, que tributa homenaxe ao sacerdote Alfonso Pampín e ao escritor Carvalho Calero, está aberta desde as 11.00 horas do día 27 de decembro. 

Horarios de visita da exposición. Para visitas guiadas
á exposición e ao patrimonio do templo, recoméndase
a visita concertada


Rinlo abre exposición de fotografías de placas e lápidas da igrexa e o cemiterio locais. A mostra, preparada por Rosana Posada Expósito, reúne un conxunto de imaxes de epitafios e de placas colocados na igrexa con dous motivos difentes: a restauración dunha embarcación exposta no templo e a homenaxe ao sacerdote Alfonso Pampín, que exerceu nesta parroquia de Ribadeo durante trinta e nove anos, entre 1954 e 1993.
A embarcación fora construída en 1871, por iniciativa do mariñeiro local Eleuterio Posada, e, unha vez transcorrido case século e medio, foi restaurada por iniciativa das familias de tres dos seus bisnetos (JoséCayetano e Benigno) no ano 2002. “Pola súa parte, o sacerdote -orixinario de Melide– deixou en Rinlo os beneficios dun intenso traballo de educación social orientado ao desenvolvemento económico da localidade”, remarcan os organizadores da mostra.
No transcurso da inauguración intervirán as familias que propiciaron as inscricións recollidas na exposición “e que supoñen a constatación de que o legado do sacerdote continúa con pleno vigor varias décadas despois do seu falecemento”, expoñen. A actividade, que segue a metodoloxía Modelo Burela, serve tamén como homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle dedica neste ano a celebración das Letras Galegas.
Placa que lembra a construción e a restauración da embarcación rinlega


22/12/20

DIDÁCTICA EXPANSIVA EN HOMENAXE A RICARDO CARVALHO CALERO

Integrantes da equipa participante na Leitura Expansiva en representación do IES Perdouro. De esquerda a dereita: Anxo Díaz, Alejandro Bermúdez, Moémy Cardoso, Xoel Iglesias e Beatriz Botelho.
Anicados diante están Hugo Losada e Bernardo Penabade. Raquel Lopes Ramos e Idiana Mendes acompañábannos desde as súas casas.


 


"Amigo, sem necessidade de incentivos crematísticos" -en adaptación dun poema do propio escritor-, a leitura expansiva intercentros para divulgar a obra de Ricardo Carvalho Calero "Aos Quatro Ventos" é xa unha realidade. A idea naceu no IES do Milladoiro e o convite rapidamente circulou pola rede e comezaron os traballos nas diferentes comunidades educativas, entre elas a do IES Perdouro de Burela . Finalmente, ese traballo concretizouse no envío de arquivos audiovisuais desde estes 31 centros:

1) CPI Antonio Failde, de Coles

2) CPI AS Revoltas, de Cabana de Bergantiños

3) IES de Ames, de Bertamiráns

4) IES Antón Fraguas, de Santiago

5) IES Aquis Celenis, de Caldas

6) IES de Arzúa

7) IES Blanco Amor, de Culleredo

8) IES A Cachada, de Boiro

9) IES Cacheiras, Teo

10) IES Castro Alobre, de Vilagarcía

11) IES Cidade de Antioquía, de Xinzo

12) IES Félix Muriel, de Rianxo

13) IES Fontexería, de Muros

14) IES de Foz

15) IES Isidro Parga Pondal, de Carballo

16) IES Leliadoura, de Ribeira

17) IES Marco de Camballón, de Vila de Cruces

18) IES Maximino Romero de Lema, de Baio

19) IES do Milladoiro

20) IES Monte Castelo, de Burela

21) IES Monte das Moas, da Coruña

22) IES Número 1, de Ribeira

23) IES Pedra da Aguia, de Camariñas

24) IES Perdouro, de Burela

25) IES do Caramiñal

26) IES Pontepedriña, de Santiago 

27) IES A Sangriña, da Guarda

28) IES Virxe do Mar, de Noia

29) IES Xelmírez I, de Santiago

30) IES XElmírez II, de Santiago

31) IES Xulián Magariños, de Negreira


No programa de radio tentamos recoller unha panorámica das diferentes gravacións, procurando un resultado final que ofrecese unha visión global da obra do escritor homenaxeado. Obviamente, a audiencia debe ter en conta as limitacións técnicas provocadas polo contexto sanitario. 

Se este programa chega a ser unha porta aberta para coñecer máis en profundidade o que foi a realidade da didáctica expansiva, teremos cumprido o noso obxectivo fundamental.


CLICA AQUÍ PARA VER E ESCOITAR O REPOSITORIO COMPLETO

14/12/20

BEATRIZ PENEDOS, COLABORADORA DO MODELO BURELA DESDE LISBOA


O programa radiofónico Proxecto Neo entrevistou unha nova colaboradora do Modelo Burela. Chámase Beatriz Penedos (Coimbra, 1998) e é estudante de Estudos Portugueses e Lusófonos na Faculdade de Ciências Sociais da Universidade Nova de Lisboa.

Beatriz Penedos, con óptima capacidade de comunicación, integra con Marco Pereira o seu primeiro proxecto de xornalismo radiofónico no programa Grandes Vozes do Nosso Mundo, emitido por cinco emisoras: as galegas Radio Burela, Radio Fusión e Rádio Filispim; a Rádio Universitária do Minho, en Braga; e a Rádio Internacional Lusófona de São Paulo (Brasil).


01/12/20

NUTRIDA PRESENZA DA MARIÑA NO VÍDEO DEDICADO A CARVALHO CALERO




A AGAL fixo público o vídeo da lectura continuada do Scórpio, o derradeiro romance publicado por Ricardo Carvalho Calero (1997). No audiovisual chama a atención a nutrida presenza de participantes da Mariña, en parte debida á colaboración da intervención educativa Modelo  Burela.
O evento de lectura continuada estaba destinado a festexar as Letras Galegas de 2020 e ía decorrer no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela o día 30 de outubro, mais tivo que ser cancelado pelo feche perimetral da cidade. Como alternativa, a entidade organizadora decidiu convidar a comunidade lectora a participar desde a casa gravando en vídeo un fragmento da obra.
A Mariña, tan querida por Don Ricardo Carvalho e Dona María Ignacia Ramos (que pasaban unha parte do ano en Foz), está moi ben representada no listado de 99 participantes na iniciativa. A encargada de abrir as intervencións é Marga Cela Carballo, neta do escritor, asentada en Ribadeo; continúa o Reitor da USC, Antonio López, de Barreiros; seguido de Carme Cociña Cociña, de Xove, profesora no IES Monte Castelo, e de Dolores López Caión, burelá, funcionaria do sector sanitario no HULA.
Na colaboración do Modelo Burela, tras dúas horas e once minutos de gravación, as primeiras voces son as de Beatriz Botelho e Xoel Iglesias, estudantes no IES Perdouro. Inmediatamente despois é o momento de Anxo Díaz, Hugo Losada, Alejandro Bermúdez, Raquel Lopes, Idiana Mendes, Noémy Cardoso, Gerson L. Semedo e Taísa Gonçalves, estudantes de ESO e Bacharelato. Complétase a participación do Modelo Burela coas lecturas da asesora de comunicación Nilda Borges, do cineasta Matías Nicieza e de Miruca Parga (directora da revista Maruxía), Natalia Irimia (coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística), Neves Cando e Bernardo Penabade, docentes no IES Perdouro.
Xunto coa publicación do vídeo, a AGAL -entidade académica da que foi Presidente de Honra o profesor Carvalho Calero- enviou a cada participante un exemplar da obra, unha máscara e unha bolsa conmemorativa. A actividade contou co apoio económico da Deputación da Coruña e da Conselleria de Cultura e Educación. Colaboraron o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela e o Parlamento de Galicia.

En representación do alumnado de ESO participaron na lectura Taísa Gonçalves e Gerson L. Semedo, que recibiron os seus obsequios de mans de Natalia Irimia (coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística) e da súa titora, a profesora Alba Monteagudo.

O grupo de estudantes de bacharelato recibiu de mans de Bernardo Penabade os presentes ofrecidos polo Concello de Santiago.


27/11/20

PROXECTO NEO ENTREVISTA A PROFESORA ANA MOREIRAS


A profesora Ana Moreiras durante unha exposición didáctica sobre o uso das novas tecnoloxías da comunicación.



Ana Moreiras estudou Físicas na USC e traballa como profesora de Tecnoloxía en Boiro, onde coorganiza un festival audiovisual de ámbito galego dirixido ao ámbito escolar (Festival Olloboi).

A súa formación en debuxo é freelance e o ámbito en que ten máis experiencia é o urbansketching, hobby co que vai enchendo cadernos nas súas viaxes. 

No ano 2017 colaborou cunha historieta no fanzine de Amnistía Internacional que editan para a Feira do Cómic Viñetas do Atlántico.

No ano 2018 foi seleccionada para un proxecto de ilustración de xacementos arqueolóxicos da Deputación de Pontevedra (aínda por publicar).

As súas ilustracións poden verse en Instagram na conta @moreiras26

25/11/20

OS CONTRABANDISTAS EN BURELA

 Dolores López Caión fala de Burela e a Mariña no programa "Os Contrabandistas" da Rádio Metropolitana do Porto

Funcionaria do SERGAS no Hospital Lucus Augusti (HULA), Dolores López Caión foi a protagonista da oitava entrega do programa radiofónico "Os Contrabandistas", de Christian Salles e Nilce Costa, na grella da Rádio Metropolitana do Porto.

"Burela pode parecer pequeno, mais é moi urbano. É un lugar tranquilo, onde vive moita xente de diversos lugares do mundo. Temos un problema co eucalipto. Estamos inzados".

Despois dese punto de partida, a conversa foi pasando por diversos temas: os montes comunais, a arqueoloxía, a pesca do bonito, a gastronomía, o Modelo Burela...


ARTIGO DE DOLORES LÓPEZ CAIÓN

LEITURA DO SCÓRPIO


21/11/20

Cantar en galego e bailar en berdiano



SARA GIL (*)



Que valor debemos darlle ao galego? Que protagonismo debe adoptar nun contexto  educativo? Cal é a maneira de acoller alguén nunha comunidade plurilingüe, como Galiza? 
Se agora mesmo saísemos á rúa formulando estas preguntas, habería tantas respostas diferentes… E de todas elas, cales serían de verdade prácticas e cales se resumirían na teoría? Que asunto! A lingua galega ruborízanos cando temos que comezar a actuar e deixar a un lado os papeis. Todos os documentos postos uns enriba doutros nunha mesa de escritorio dalgún despacho semellan esvaecerse cando a realidade nos fai tremer e se nos pon no camiño con todo o seu esplendor. 


Durante a xornada do luns 16 de novembro no marco dos XXII Encontros para a Normalizacón Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega, os investigadores Belén Fernández, da Universidade da Coruña e Vicent Climent-Ferrando, da Universitat Pompeu Fabra, reflexionaron sobre a lingua e a diversidade cultural. Burela foi posta como exemplo, xa que aquí, dende a costa de Lugo, sabemos ben o que son as correntes multiculturais. Estamos contentos e orgullosos da nosa pluralidade e así o mostramos en numerosas ocasións.

E agora ben, cal é o papel do galego en todo isto? Témolo tan desaproveitado! Coas correntes migratorias na nosa terra, o galego debería representar ese lazo enorme, fermoso e ben forte que unise a abrupta costa galega coas illas de Cabo Verde. Que mellor maneira de integrar que aproveitando as vantaxes da lingua compartida! Pois xa o temos! E si, só temos que aproveitalo. E a abundante migración de América Latina?

Ben, logo entenderían que cunha lingua tan fácil de aprender e tan útil para a vida diaria no seu lugar de acollida todo pinta moito máis doado. Está claro que non temos unha chave do éxito e, se cadra, tampouco a queremos. Un modelo en que basear algo tan importante como a vida do día a día de cada persoa debe ser flexible, amable e adaptarse a todas as realidades que poidan xurdir.

Ei, ei, ei, pero… Primeiro, antes de nada, debemos querela nós! Coller a nosa lingua, abrazala, coidala, mimala, desgastala de tanto uso e volver a reparala cando haxa algún dano. Debemos desenvolvela como un lazo grandioso que pode unir territorios, que nos fai ser irmáns dos portugueses, dos caboverdianos, dos mozambicanos… De tantos millóns de persoas! E debemos xogar con ela, e rir con
ela, e rir dela, e chorar en galego, e construír soños en galego.

Nese luns das xornadas pola lingua, baixo o tema do plurilingüismo e a inmigración, sacouse a idea máis clara de todas: o plurilingüismo comeza en nós, en todos, con veciños chegados de calquera lugar do mundo… Para cantar en galego e para bailar en berdiano, para ler a Carvalho Calero mentres comemos un arroz chaufa ou para escoitar a Sés mentres cociñamos un nasi goreng. Adiante con todo! Somos moitos, estamos mesturados e podemos construír a torre máis alta peza a peza.

Imos! Hai que arrimar o ombro! Hai que facer historia.

ARQUIVO GV: Sara Gil en Compostela nunha colaboración para o Grandes Vozes. Na fotografía aparece con Carlos Blanco, Uxía Senlle, Socorro Lira e Sérgio Tannus.

(*) Sara Gil Cordido (Burela, 1996) estudou xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén realizou voluntariado cultural. Alén de se ocupar da área de comunicación do Grandes Voces do Noso Mundo durante o lanzamento do programa, continúa a colaboración en tarefas de asesoramento.
Recentemente defendeu na Faculdade de Comunicación e Relacións Internacionais da Universidade Ramón Lull o traballo de Fin de Mestrado co título Historias da comunidade caboverdiana en Burela. Dos dez "graozinho di terra" á costa galega

19/11/20

BERNARDO PENABADE E O MODELO BURELA PROTAGONISTAS DUN PROGRAMA DA RÁDIO METROPOLITANA DO PORTO

 

Christian Salles e Bernardo Penabade, dous dos protagonistas
do programa radiofónico, diante da pintura mural da redeira 
que decora o restaurante A Chabola na localidade de Viveiro.



O profesor Bernardo Penabade foi entrevistado por Nilce Costa e Christian Salles no programa Os Contrabandistas da Rádio Metropolitana do Porto. Durante unha hora os contertulios conversaron sobre diversos temas sempre cun fondo musical de cancións dos Diplomáticos de Monte Alto, Guadi Galego ou Caxade.

Alén de referencias biográficas de Bernardo Penabade como o nacemento nas Grañas do Sor, os estudos de bacharelato en Ortigueira e de Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, no programa tamén se fixo referencia a Ricardo Carvalho Calero, de quen o convidado se manifestou discípulo. Nos minutos finais da emisión radial a conversa centrouse na pedagoxía e nos vínculos lingüísticos entre os países de raíz galega. Christian Salles confesou ter coñecido o Modelo Burela a través da orientación de Matías Nicieza, que lle recomendou o visionado dos blogues e a audición dos programas Proxecto Neo e Grandes Vozes do Nosso Mundo nas respectivas radios á carta. 




18/11/20

Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero


HENRIQUE RABUÑAL

O volume XL dos Cadernos Ramón Piñeiro baixo a coordinación de Armando Requeixo (director dos Cadernos) e Anxo Tarrío Varela (tamén autor dunha significativa lembranza autobiográfica) recolle un feixe de Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero no que tivemos a honra de colaborar. Laura Caamaño Pérez ocupouse da corrección editorial e da revisión lingüística. A cuberta é obra de Xurxo Alonso.
Desde diversas perspectivas, o mundo caleriano é abordado no seu conxunto. Confírmase a centralidade e relevancia de Carvalho na historia política, cultural, literaria e académica no seu século.







A obra aparece organizada en varios apartados. En “O autor e o seu tempo” estúdase a decisiva ferrolanía de don Ricardo (Man Castro Tomé), a súa militancia nacionalista na etapa de preguerra (Justo Beramendi), os anos da guerra a través dunha correspondencia inédita que achega Claudio Rodríguez Fer, a intensa participación de Carvalho no proxecto Galaxia (María Dolores Villanueva Gesteira) e finalmente os últimos anos cando a escola de Carvalho serve de referente do Modelo Burela (Bernardo Penabade).
Na sección “Panorámicas” abórdase a figura do intelectual construtor da nosa lingua e literatura (María Pilar García Negro), do académico (Victor Fernandez Freixanes), do lingüista (Manuel González), do narrador (Mario Regueira), do poeta (Miro Villar), do dramaturgo (este é o meu traballo), do autor infantoxuvenil (Carmen Ferreira Boo), do tradutor (Xosé Manuel Dasilva) e do estudoso da literatura de tradición oral (José Luís Forneiro).Na última sección, “Escritas” figuran referencias ao voluminoso epistolario con Paco del Riego (Luís Alonso Girgado e Ánxela Lema París), a unha carta sobre Fingoi de don Ricardo a Gonzalo Fernández Puentes, á celebrada obra Scórpio (Henrique Dacosta López e Carlos Quiroga) e ao Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea (Blanca-Ana Roig Rechou).
Estes Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero complementan, matizan, amplian, confirman moitos dos fíos que neste 2020 nos encamiñan a unha personalidade única no seu tempo. Unha figura cuxa pegada é fecunda para moitas xeracións de discípulos e discípulas e para quen lonxe de prexuízos, dogmatismos e sectarismos quixer abrazar o exemplo e a obra dun dos seres máis bos e xenerosos da Galiza contemporánea. Dun intelectual verdadeiramente senlleiro.









Enviaste a mensagem: Hoxe ás 19:41

15/11/20

XXII EDICIÓN DOS ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

 



Migrantes, galegos e galegas que retornan, conveciños e conveciñas que non teñen o galego como lingua familiar ou colectivos non galegofalantes de orixe. Sobre todos eles se centra a XXII edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita ten como título “A integración lingüística como ferramenta de cohesión social” e desenvolverase os días 13 e 19 de novembro. Hai cen prazas e a inscrición está aberta a través do web.


O programa desta edición desenvólvese en tres sesións. Na tarde do xoves 16 de abril abordará o debate da diversidade como riqueza cultural e tentará responder ao interrogante sobre que linguas queren aprender as persoas migrantes. A mañá do venres está conformada por tres mesas que darán a coñecer as experiencias de integración do colectivo inmigrante desde o punto de vista do sistema educativo e desde o dos servizos de normalización lingüística. Ademais, nesta segunda sesión ampliarase a perspectiva para coñecer que acontece nos casos de inmigración e de acollida lingüística en Euskadi e Cataluña. A terceira e última sesión prestará especial atención ao Celga, por ser este o sistema de formación lingüística que se ofrece desde a Administración autonómica e requisito para a integración laboral das e dos migrantes.
Para falar destes asuntos estarán expertos como Belén Fernández Suárez, da Universidade da Coruña; Vicent Climent-Ferrando, da Universitat Pompeu Fabra; Valentina Formoso, do Programa de adquisición de linguas do IES do Milladoiro; Bernardo Penabade, do Modelo Burela do IES Perdouro; ou Loli Castiñeira, integrante do programa de apoio lingüístico do concello de Salceda de Caselas. Como vén sendo habitual, o programa dos encontros remata cun espectáculo, que este ano correrá a cargo de Soledad Felloza.

Máis de vinte anos falando da normalización
Os Encontros para a Normalización Lingüística son unha iniciativa do CDSG e poñen o foco cada ano en aspectos concretos relacionados co idioma. En edicións anteriores analizaron o deporte, a lingua nos máis novos, a realidade plurilingüe de España ou a divulgación científica na lingua galega, entre outros temas.

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia
O CDSG é un dos catro arquivos dos que dispón o Consello da Cultura Galega para a recollida, recuperación e organización sistemática de documentación relacionada co patrimonio cultural galego. O seu principal obxectivo é participar, como axente activo, no proceso de normalización do idioma galego, propiciando o intercambio e difusión dos materiais xerados neste proceso e creando foros de debate e reflexión arredor da planificación lingüística en Galicia.

Como Arquivo de Planificación Lingüística, compila a documentación relacionada coa planificación tanto do galego como doutras linguas minorizadas con situacións sociolingüísticas semellantes á nosa. Mentres que como Centro de Documentación Sociolingüística, xestiona a documentación e información que xera a planificación lingüística para que volva reverter nos diferentes axentes sociais implicados no proceso.

(Información recollida do Consello da Culura Galega)

01/11/20

EU, NIN TRUCO NIN TRATO




Para min hai dous momentos no ano que son sagrados, pola seriedade e importancia do que hai en xogo e pola fonda información que nos dá sobre o que somos como pobo: o Entroido e o Día de Defuntos.
Chega o Día de Defuntos e para moitos é un día triste, para outros é un día de festa e disfraces, para min é o día do orgullo, do orgullo de saber de onde vés e grazas a quen estás aquí. Para min é o día de escenificar e ritualizar a lembranza dos meus defuntos, dos meus antepasados ou, como acertadamente din algúns paisanos sen sabelo, dos meus santospasados. É un día de dignidade persoal. Por suposto que todos os días do ano son bos para lembrar os que xa non están desta beira da vida, pero convertir esa lembranza nun rito de renovación anual é, como sempre digo, un fantástico mecanismo de reforzo e reafirmación da identidade grupal. 

Este é o día no que honro á miña avoa, á miña segunda nai, que tivo a sorte de morrer o ano pasado e poder ser enterrada como o seu deus mandaba. É o día que contemplo, cos ollos dun neno, os libros que me deixou en herdanza meu pai mentres lembro historias de mariños, viaxes e aventuras. É o día que agradezo cunha vela ao meu padriño que sempre estivese aí cando o necesitei; a data na que recordo todo o que me ensinou meu avó o Sr. Pepe sendo un exemplo de honradez, sacrificio e bondade. É ese tempo liminal onde aínda podo ver a cara do meu bisavó mentres lle pelaba as castañas ao Sol da tardiña con apenas cinco anos. É cando recordo ao meu tío avó Guillermo, filósofo adiantado ao seu tempo, dicindo “a min este mundo non me vale”, e que razón tiña. Cando me reafirmo na máxima do meu tío avó Manolo de que o traballo ben feito “é o orgullo dun obreiro”. Cando añoro aquelas festas de Noite Boa todos xuntos na casa da miña tía avoa Maruja, que en paz descanse. É un dos moitos días nos que desexaría tomar unha caña co meu amigo Angel “Papigil” ou botar unha partida ao xadrez co meu tío Pastor. 

Así que para min esta celebración non é un cachondeo comercial e banal para andar por aí, de bar en bar, vestido de zombi, bruxa ou o conde Drácula. Respecto a opción persoal de cada quen a banalizar e valeirar de sentido esta celebración tan importante para entender a alma do pobo galego. Alá cada un, pero a min non me vale. Para min esta data non é un sucedáneo cutre de festa do consumo yanki, american style. Non é, ou non debería ser, un produto comercial máis deste mundo capitalista e consumista. Para min é algo serio, importante, sagrado. Tan sagrado como a miña identidade e o meu acervo cultural como galego. Para min é o momento de acender lampadiñas de aceite para guialos a todos na súa viaxe polo Alén; de tallar calacús como me ensinou a miña avoa e polas na porta, non vai ser que veña algún que non debe vir; tempo de cocer castañas con anis que seica lle son moi saborosas aos que xa non están; de pór flores nas tumbas como xa facían os neandertais. Para min é a data sagrada do ano na que aínda podo ver, como un regueiro de candeas acesas na noite, o fío infinito que me conecta co que son e co que fomos. Así que eu non vou caer no voso truco, nin quero trato ningún. O meu trato é só con eles e elas. Que a terra lles sexa leve.

04/10/20

CENIMA acolle exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, en Foz

 



A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegará o vindeiro luns, 5 de outubro, ao Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz (Lugo), onde será inaugurada ás 12:00 horas, coa colaboración co concello focense. 

A este acto de inauguración asistirán familiares do profesor homenaxeado, representantes do concello de Foz, o profesor Bernardo Penabade (amigo da familia) e representantes do Colectivo Egeria.

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro que recollerán opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e publicou a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

A exposición ten carácter itinerante, tendo iniciado o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Superados os maiores rigores da pandemia, esta é a segunda localidade onde se ofrece esta exposición, despois das dúas semanas que permaneceu na Casa Habanera de Guitiriz (coa colaboración de Xermolos e o Concello de Guitiriz), como actividade complementaria da especial celebración este ano do Festival de Pardiñas. Nas vindeiras semanas chegará a centros culturais e concellos de toda Galicia.


26/09/20

DESCONFINAMOS A OBRA DE CARVALHO CALERO



Rosana Posada Expósito



Afincada en Burela, son rinlega de pro, con moito  apego e paixón polo meu povo de Rinlo. A lingua galega é o meu idioma; non teño outro na identidade. Non se podería entender a miña  existencia sen o idioma galego: nacín falándoo e así finarei. Gosto moito de ler, aínda que non o fago todo o que me gostaría. Non teño un autor ou xénero preferido, mais recoñezo que novelas e narracións vanme mellor. Leo indistintamente galego ou castelán.

A Carvalho Calero coñecino no confinamento. Moito tardei!! Ao dedicárenlle o ano das Nosas Letras vin o Scórpio no andel e pensei: “Vou ler este libro; malo será que non entenda o que dí”. E alá fun! En cousa de 5 días xa acabei. Non era capaz de parar de ler e aínda me custou algún enfado (pequeniño). Sorprendeume moi gratamente. Foi tanto, que ao xurdir a creación do clube de lectura non dubidei en unirme para o volver a ler de forma diferente: con xente de diversos lugares -unhas que o leran e outras non- e con diversos puntos de vista e posta en común.

Nunca tivera relación coa norma internacional do galego, mais ese descoñecemento non me supuxo ningún esforzo maior á hora de ler o Scórpio. Aínda máis: gústame!! Por todo iso, a experiencia está a resultarme moi grata, moi enriquecedora. As descricións e os recursos que Carvalho emprega son dunha maxestuosidade que enganchan desde a primeira páxina dunha forma que non son capaz de parar de ler, É tal o dinamismo e mesmo a cor que transmite que a imaxinación xoga libre e visualizo como real todo canto leo.

Reitero: non me resultou difícil a lectura do Scórpio”,  máis ben debo dicir que me entristeceu ter que pechar a derradeira folla sabendo que non ten continuación nun segundo libro. Á vista da miña experiencia, animo a todas as persoas -mozas e adultas- a entrar en contacto co mundo desta magnífica obra. 

Tomade a iniciativa e desconfinade o Scórpio vós tamén.

27/08/20

Na memoria da "Mestra de Vida"





Ana Hermida Meilán              


Nacín nunha pequena aldea labrega próxima a Friol, O Carregal, onde acabei asentándome e formando unha familia.

Amo a miña terra e amo a miña língua nai, e non concibo a idea dunha sen a outra. Desde que teño memoria emprego o galego, ese que me ensinaron meus pais e avós, usando moitas palabras en castelán. Co paso dos anos pretendo achegarme máis ao galego segundo a norma da RAG, e así o quero transmitir as miñas crianzas.

Desde ben pequena gústame ler e nos libros acho a maneira de vivir unha morea de vidas e é algo que me apaixona e me enriquece.

Inicialmente,con respecto á lectura do Scórpio, pensei que a escritura en galego-portugués ía ser unha traba para min e ao final converteuse nun aliciente máis. Quedei prendada do tan variado e escollido uso de adxectivos para presentarnos os personaxes e situacións, de como o autor nos transmite a realidade dunha época ao redor da figura de Rafael e remata case nun diario de guerra.
A temática de Scórpio levoume a un tempo que tiña algo adormilado na memoria. Veredes... tiven a sorte de ter conmigo unha "mestra de vida", a miña avoa paterna, que desde sempre me falou de xeito moi claro da súa infancia, dos seus tempos mozos, dos tempos da guerra ... sempre me dixo que era moi importante coñecer o noso pasado e por ela se incrementou o meu interese.

Foi para min un pracer descubrir Scórpio.

26/08/20

MEMORIA HISTÓRICA PARA O FORTALECEMENTO DEMOCRÁTICO

 Crónica dun emotivo acto dedicado a Hilda Farfante en Boal


Bernardo Penabade

Hilda Farfante conversando con Quique Roxíos mentres Verónica Bermúdez e Pilar Acero, en representación de Forum Boal 3000, mostran o val aos familiares desde a terraza do Hotel-Restaurante Zángano


Ás seis e media da tarde do pasado día 24 de agosto celebrouse no auditorio de Boal un acto moi emotivo dedicado á profesora Hilda Farfante Gayo, que estivo acompañada na mesa por Verónica Bermúdez, presidenta da entidade organizadora "Forum Boal 3000", e polo escritor Quique Roxíos. O que resultou ser un auténtico "reencontro público" de Hilda Farfante coa localidade en que viviu durante 14 anos -cando ela tiña entre 5 e 19- puxo fin a un longuísimo Guadiana que se prolongou desde 1949 a 2020 (durante 71 anos). Precisamente, tendo en conta estas especiais circunstancias, a entidade organizadora puxo moito empeño para que todo saíse ben e conseguiuno moito máis que sobradamente. Como ten que ser, os traballos de planificación comezaron moito antes de seren feitos públicos, discretamente, contactando con todos os axentes implicados, que foron moitos. Mereceu a pena.

En vista da situación de crise sanitaria que vive o país, o fácil tería sido suspender o evento, mais as organizadoras optaron pola solución comprometida: manter a convocatoria sendo inflexíbeis en materia de aforo e de medidas de distanciamento social. Exactamente como ten que ser. Nese contexto, en menos o listado de persoas que poderían entrar no auditorio xa estaba completo, mais o apoio das novas tecnoloxías serviu finalmente para que o acto puidese seguirse simultaneamente desde o exterior da casa consistorial e mesmo desde calquera lugar do mundo, como fixeron case un centenar de persoas.

Abriu as intervencións a presidenta do Forum Boal 3000, Verónica Bermúdez, que contextualizou o encontro tanto para o público presencial como para o que o seguía a distancia e que lle foi presentando a Hilda as persoas que a acompañaban nese momento. Despois tomou a palabra o escritor Quique Roxíos, que pronunciou un breve discurso no que glosou resumidamente o perfil biográfico de Hilda Farfante e sinalou as razóns fundamentais do acto a ela dedicado (o amor a Boal, o empeño no estudo, a determinación á hora de reivindicar os dereitos da muller, o compromiso coa renovación pedagóxica, o "grito pola Memoria", o espírito solidario...). Inmediatamente despois produciuse a intervención da homenaxeada, que respondeu a varias preguntas formuladas desde a mesa e desde o público. Foi un discurso espontáneo que o público agradeceu con aplausos en varias ocasións. Xa na parte final, tomaron a palabra o alcalde -José Antonio Barrientos-, que entregou á homenaxeada unha reprodución en cerámica das Escolas Graduadas en que ela tiña estudado sendo nena; e, de novo, a presidenta da entidade organizadora que cerrou o acto.


O VÍDEO: DOCUMENTO FUNDAMENTAL

Durante a celebración, resultou fundamental o traballo técnico realizado pola empresa de Comunicación Social BARENTA REPORT. A retransmisión en directo a través do Facebook fíxose cunha extraordinaria cualidade de imaxe e son e iso serviu para que pouco a pouco se fose incrementando o número de persoas que sintonizaban desde moi diversos lugares, como se puido comprobar nas numerosas mensaxes de adhesión publicadas nas redes sociais ou enviadas a través de whatsapp.

Está claro que agora a sociedade ten acceso cómodo ao fundamental: a explicación da motivación da asociación organizadora, o perfil biográfico da homenaxeada e o desenvolvemento do acto. A sociedade ten como nun espello dous minutos antolóxicos: unha muller de case 90 anos e un home de pouco máis de 50 unindo as súas voces no recitado dun poema. Dúas xeracións distantes -a dos anos 50, representada por Hilda Farfante; e a dos 90, representada por Quique Roxíos- dándose a man e fundindo as voces para facer cultura. En conxunto, unha hora de diálogo intercultural auténtico e moi fluído.

A pelota está agora no centro do campo, en aberto. Agora é o momento das asociacións culturais e veciñais, dos centros de ensino -moi especialmente os institutos- e tamén dos medios de comunicación. A materia prima é de dominio público. Que o público a faga súa xa non depende de quen tomou a iniciativa.

Finalizado o acto, os coloquios continuaron no exterior da casa consitorial. Na imaxe observamos a Verónica Bermúdez, Pilar Acero e Alfonso Valderas Farfante axudando a Hilda a baixar as escaleiras. A un lado e a outro están José Antonio Barrientos, alcalde de Boal, e o escritor Quique Roxíos. Ao fondo as amigas de toda unha vida.



REFERENCIAS CONCRETAS:

SECUENCIAS:
1) Presentación de Verónica Bermúdez, en representación de Forum  Boal 3000: do minuto 5:00 aos 10' 30''.
2) Intervención de Quique  Roxíos: de 10' 30'' a 23' 40''
3) Intervención de  Hilda  Farfante: de 23' 40' a 40' 00''
4) SIMBIOSE DE VOCES: de 41' 38'' a 43' 19''
5) Coloquio:  de 43' 20'' a 1:00:00
6) Intervención de José Antonio  Barrientos, alcalde de  Boal: de 1:00:00 a 1:01:00  
6) Entrega de obsequios e clausura del acto: 1:01:00 a 1:07:00

DISCURSO DE QUIQUE ROXÍOS: https://www.facebook.com/ForumBoal3000 (Entrada de 24 de agosto, 23: 32 horas)

24/08/20

GRATA SORPRESA COA LECTURA DO SCÓRPIO

 


Pilar Rueda                    

 

Son natural de Moaña -no Morrazo - e afincada en Friol desde hai xa 24 anos. Gústame a lectura aínda que non creo que sexa moi boa analista, simplemente a disfruto. Non teño preferencia por ningún tipo de libro especial, escollo segundo o momento da vida e o que me apeteza.

Eu non comecei a falar en galego ata que tiven 14 ou 15 anos. Na miña casa sempre se falou máis ben o castrapo e na escola onde fixen EXB falábase castelán. Aínda así, recordo unha anécdota que quizá foi o me levou a fixarme no galego. Eu tería xa 12 anos e entrou no colexio un neno pequeno que falaba en galego e correuse a voz de que se lle falase en galego para que non perdese o costume.

Con estes precedentes, aos 15 anos decidín que ía falar en galego. Na casa non me dixeron nada en contra e no instituto só algúns amigos me dicían que non o falase, mais non tiven que superar obstáculos maiores.

Son da idea de que temos que saber falar en castelán e que cada quen decide a lingua que máis lle gusta, mais como galega gústame o meu idioma. Sobre a lectura, leo desde sempre. Non moito en galego, porque non me cadrou. Cando me gusta un libro ou me atrae para ler non me fixo no idioma. Aínda así, a partir de agora hei fixarme máis na literatura escrita na nosa lingua.

Con Ricardo Carvalho Calero levei unha sorpresa. Temía que fose resultar unha lectura aburrida, mais xa na primeira folla -centrándome na historia e non tanto na escritura- gustoume. Gústame o formato do libro, mostrando a subxectividade de cada personaxe. E gústame a época en que está ambientada a historia porque me fai coñecer algo máis o noso pasado.

Cando vin o anuncio do club de lectura en facebook -a través de Loli Cayón-, non o pensei e pedín información. Recoñezo que cando me dixo que ía ser virtual case me boto para atrás, pero alégrome moito de non telo feito xa que o disfruto moito e aprendo outro tanto .

Inicialmente, pensei que o libro estaba escrito en portugués. Só cando tivemos a primeira reunión entendín que non tiñamos que lelo como o farían en Portugal ou no Brasil. Aínda que hai palabras que non entendo ben, non me é difícil de entender o sentido. Ademais, non quero presionarme a sabelo todo. Conténtome con entendelo, aprender algo e disfrutalo .

A experiencia estame resultando gratificante. O libro mantenme interesada no que vai ocorrer. De feito, estou desexando comezar a ler a segunda parte.

15/08/20

ANCHA AUSENCIA

 Quique Roxíos


Capa do poemario de Quique Roxíos publicado por Editorial Canela.

En Lezo, Guipúzcoa, celebraron úa homenaxe civil a úa muller mui apreciada que moriu víctima dúa enfermedá grave. A amiga que se foi era orixinaria de Abadín (Concello da provincia de Lugo) e inda que amañou vida en terras vascas nunca perdeu el vínculo coa súa terra de nacimento.

Na organización del acto quixeron dedicarlle un baile tradicional vasco (un Agurra) -a terra que la acolleu- i un poema en gallego. Por as casualidades da vida escolleron el meu poema "Ancha ausencia" que nel poemario "Personaxe desconocido" dediquei ás ausencias da "boalesa de corazón" Hilda Farfante Gayo.
Foi úa sorpresa emocionante. Reconozo que a min costaríame ller ese poema nun funeral pos peime mui duro.
Certo que quizáis os vascos son màis de celebrar as despedidas sin disfrazallas da retórica del reencontro na vida eterna, pero tamén é certo que solo hai que entrar nun camposanto vasco pra ver que tein grande sensibilidá por dedicar as despedidas nel sou idioma propio.
El ser capaces de atreverse a utilizar el idioma propio superando "el que dirán", el dar un paso en mostrar a identidá e despedirnos dos que se foron sin utilizar outro idioma que el que falábamos con ellos, é algo que temos pendiente de conseguir en Asturias.
Por eso lo que fixeron en Lezo pareceume un acto dúa sensibilidá enorme e condo me dixeron que fora mui emocionante entendinlo.
Recordei que ese mesmo poema llinlo núa festa cultural organizada por a empresa "Pitasana" de Boal. Aquel día un vellín emocionado acercouse a min e felicitoume. Díxome que lle fixera recordar a súa muller fallecida e añorada.
Creo que el idioma é úa porta que lle dá a ese poema un camín de entrada privilixiado nas emociois máis íntimas porque acércanos ás vivenzas compartidas núa cultura que precisamente se articula e ten sentido absoluto na nosa fala.
Conteille este suceso i el impacto que causou en min que el meu poema tuvese presente nun acto tan emotivo al amigo e profesor Bernardo Penabade (que resulta ser un estudioso da presencia del galego nas lápidas dos cemiterios). Aos poucos días el profesor Bernardo Penabade llevou pralante úa investigación que recolle a iniciativa de Inmaculada Folgueiras Bermúdez que, nel cemiterio de Santiso de Abres, colocou úa pequena plaquía de cerámica dedicada al pai, mai i a un irmao cun "Xuntos pra sempre" que representa úa historia de amor familiar.
Esa placa ten el valor tamén de ser úa esperanza na dignificación del idioma propio i un exemplo na superación da alienación que algún día terá que ser vista con normalidá nas terras eonaviegas.

13/08/20

"XUNTOS PRA SEMPRE" en SAN TIRSO DE ABRES

Bernardo Penabade 


Por moi raro que pareza  -que o é-,  se queremos facer unha rápida radiografía do estado de saúde dunha lingua nun determinado lugar, hai un sistema que resulta moi rápido, de moi fácil acceso e que nos transmite unha información moi certeira: a visita ao cemiterio. Imaxino os risos de moitas persoas ao leren isto -porque relacionan estes lugares unicamente coas persoas falecidas e non coas vivas, que son as responsábeis de atender aqueles recintos e de colocar as placas cos textos que alí lemos-, mais despois de termos analizado millares de casos sabemos que alguén que foi capaz de romper un costume ancestral alienante -como é cambiar de lingua cando non é necesario- e decidiu lembrar os seus defuntos na lingua de uso familiar, ese alguén ten un sentido da identidade moi forte. Son esas persoas que se mostraron capaces de superar o medo "ao que dirán" as que poden abrir portas a unha rexeneración cultural, a través de iniciativas de carácter íntimo (como, por exemplo, a literatura) ou  de carácter público na comunicación comercial ou asociativa.

Tendo en conta este criterio, propúxenme coñecer "in situ" o panorama lingüístico da comarca eo-naviega e decidín comezar por un lugar tan emblemático como é o concello de Taramundi. Por que? Xustamente porque Taramundi representa para min un deses lugares onde se fixo unha excelente xestión de recuperación patrimonial orientada ao desenvolvemento económico local. Movido por esa admiración, quixen comprobar se esa iniciativa tamén tiña continuidade no ámbito cultural.

Antes de chegar a Taramundi, fixen unha breve visita a un lugar moi próximo: o Santuario da Virxe do Conforto, que forma conxunto co museo de arte sacra e co cemiterio anexo. Na atenta observación dos escritos, chamáronme a atención as placas institucionais que recordan as obras de restauración feitas no lugar, un comunicado da asociación de veciños e os epitafios postos por tres familias (un do final dos '80 do século pasado e outros dous do decenio que agora clausuramos).

Información pública da Asociación de Veciños do Conforto. No cemiterio desa parroquia a lingua oral deu o paso para a escrita hai agora 32 anos, en 1988. Máis tarde reafirmouse a través dunhas placas institucionais colocadas en 2004, para lembrar as obras de restauración do conxunto histórico.


A só 5'5 kilómetros de distancia, xa nin sequera existían aquelas mínimas mostras testemuñais que atopamos no Conforto. En Taramundi o cemiterio estaba ben cuidadiño tanto no exterior como no interior e percibíase a continuidade cultural a través dos apelidos e dos nomes das casas, mais a cultura local non tiña nin unha mínima representación en ningunha plaquiña e iso que había varios centos. Aínda que polo camiño non chegamos a visualizala, estaba claro que había unha raia ben clara. Ou máis que raia... fronteira!

Coa constatación desta evidencia, decidín continuar gozando da paisaxe, falando coa xente dos diferentes lugares e fixándome ben nas rotulacións e nos anuncios dos comercios e das asociacións locais. O lugar de destino foi San Tirso de Abres, onde, despois de tomar un refrixerio e dar unha voltiña, fixemos visita á igrexa de San Salvador e ao cemiterio.

Nada máis entrar no campo santo, chamoume a atención unha placa colocada no mes de outubro de 2019 por unha asociación de recuperación da Memoria Histórica. Evidentemente, aquelas palabras reivindicando verdade, xustiza e reparación chegáronme á alma e tiven un recordo emocionado para aquelas cinco persoas a quen recordan. Con todo, o que eu buscaba era outro tipo de mensaxe, a da espontaneidade, a que manifestase única e exclusivamente o cariño íntimo da propia familia. Mentres avanzaba o paseo demorado con observación para un lado e outro, arriba e abaixo, matíñase a ilusión por encontrar algo e a desilusión de non localizar nada. Feito un 25%, só aparecían como tenue fondo os apelidos e os nomes das casas. Mesmo pasado xa o intermedio, tiven diante de min escritos en francés -que recordaban persoas que tiñan sido emigrantes-, mais a lingua familiar estaba desaparecida, fora unha Fala e non se desenvolvera.

Moi pertiño xa da porta de saída, os ollos localizaron e o corazón bateu. Alí estaba a  mensaxe: "Xuntos pra sempre". Era unha plaquiña pequeniña, moi discreta, feita en cerámica. Sobre un fondo branco, unha estampa familiar, un nome, as datas de nacemento e defunción; o desexo de descanso; e o epitafio.

Na imaxe vemos a placa de cerámica posta por iniciativa de Inmaculada Folgueiras Bermúdez no panteón familiar de San Tirso de Abres. O "Xuntos para sempre" está dedicado ao pai, á nai e a un irmán. Se non é o único, si é dos escasos textos que reflicten na escrita a lingua da comunicación espontánea.


Uns días máis tarde compartín a alegría do achado con Quique de Roxíos e pedinlle axuda para a investigación das circunstancias en que foi redactado o texto. Á súa vez, o escritor de Boal púxose en contacto con Ángel Prieto Souto, auténtico motor da dinamización cultural e económica de San Tirso, e as xestións rapidamente deron magníficos resultados. Así cheguei a Inmaculada Folgueiras Bermúdez, que me atendeu esplendidamente e que me contou que a inscrición foi colocada no mes de maio de 2016: "O texto redacteino eu. Ainda que San Tirso de Abres está mo occidente de Asturias, o galego sempre foi a miña lingua materna e non entendería un texto en recordo de miña mai estivese escrito doutra maneira".

 Despois de falarmos sobre o traballo de gravado, feito por Yanes Lombardero da Ponte Nova ("leveille a foto escaneada e o texto escrito"), abordamos tamén o resto da comunicación que acompaña o ritual funerario: as esquelas e as liturxias. A fidelidade lingüística nas esquelas aínda é moito máis difícil que nas lápidas, precisamente pola inmediatez e a conseguinte toma de decisións precipitada: "Que eu recorde ninguén de por aquí  fixo nunca as esquelas no idioma noso. O funeral relixioso tampouco. O noso párroco é do oriente de Asturias".

Cando lle pedimos que nos fixese unha semblanza da falecida, Inmaculada Folgueiras Bermúdez accedeu: "Era miña mai, M Dolores Bermúdez Méndez. Naceu en San Tirso de Abres.  A menor de catro irmás, viña dunha familia de labradores, educadas moi estrictamente e con base moi relixiosa debido a que seu pai fixera estudos para ser sacerdote. Miña mai casouse namorada con meu pai, Pepe, en 1963, cando o seu primeiro fillo, José Waldo, tiña 6 anos. O neno faleceu dunha enfermidade do corazón en  1971. En 1983 faleceu meu pai e miña mai expresou o seu desexo de ser enterrada co seu neno e así o cumprimos. De aí o texto do epitafio e a foto dos tres:  "Xuntos pra sempre", como eles querían que fose".

 Como desde maio de 2016 xa pasaron catro anos, quixemos coñecer as reaccións que levantou este escrito tan espontáneo e natural como rompedor de moldes. Inmaculada respondeu con absoluta franqueza:  "É certo que a miña filla filla, durante un funeral, viu que unhas señoras pasaban por diante do nicho e que pararon a mirar a plaquiña. Unha delas díxolle á outra: "Quedaría ben mellor Juntos para siempre". Notei tamén o silencio por parte persoas achegadas e entendino como que non gustaba.  Imaxino que non o viron ben, porque pensan que así somos menos asturianos. Esa é a explicación que lle dou. En calquera caso, teño clarísimo que á familia, amigos e veciños gustoulles a lápida. Houbo incluso unha veciña que me chamou  e que  falou comigo en privado para dicirme canto lle gustara e canto se emocionara".

Será este epitafio algo único entre Ibias, as Figueiras e Navia? Non o sabemos con certeza, mais todo se andará. Por diante temos en mente saber se houbo alguén que se atrevese cun convite nupcial, cun recordatorio de comuñón ou cunha publicidade dun modesto negocio familiar. O caso é dar co primeiro. Despois xa está o camiño aberto.


21/07/20

A SAÚDE DA POBOACIÓN XUVENIL DE BURELA OBXECTO CENTRAL DUNHA TESE DE DOUTORAMENTO NA USC

 A profesora Ainara Díaz Geada é a autora desta investigación Modelo Burela


Capa do libro que recolle a tese de doutoramento defendida
pola profesora Ainara Díaz Geada na USC

A saúde do estudantado matriculado nos centros de ensino secundario de Burela é o tema central dunha tese de doutoramento defendida na mañá do día 17 de xullo de 2020 por Ainara Díaz Geada, profesora na Faculdade de Enfermaría da Universidade de Santiago. Co traballo titulado Desigualdades en saúde no estudantado de Ensino Secundario Obrigatorio dunha poboación multicultural (Burela, Lugo), a autora superou con éxito a participación no programa  de doutoramento en epidemioloxía e saúde pública, onde contou coa orientación do Doutor Francisco Caamaño Isorna e da Doutora Lucía Moure Rodríguez.
Graduada  pola mesma Faculdade en que actualmente exerce docencia, Ainara Díaz Geada (Nois-Foz, 1992)  combinou os estudos do Mestrado en Epidemioloxía e Saúde Pública (2016) co  traballo como enfermeira no Hospital Público da Mariña e no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (2014-2019).
A autora da tese no momento da defensa, acompañada por Lucía Moure e Francisco
Caamaño, responsábeis da orientación da investigación
Segundo consta na propia tese, nesta investigación avaliánse as desigualdades sociais en materia de saúde entre os estudantado adolescente de Burela: "propuxémonos avaliar o efecto do xénero, a procedencia e as desigualdades en saúde sobre consumo de alcol, tabaco e cannabis; así como coñecer a relación entre o consumo destas substancias psicoactivas e o bullyng co estado de ánimo negativo e afondar nas influencias contextuais nestas condutas, en poboacións con características socioeconómicas e número de habitantes similar, mediante a comparación destas asociacións en adolescentes de Burela fronte aos da Cataluña Central".

Lembramos que a intervención educativa Modelo Burela tentou tender pontes de comunicación entre escola e centros de saúde a través do documental Saúde e sensibilidade, producido polo IES Perdouro e dirixido e realizado por Matías Nicieza.