OS CONTRABANDISTAS

24/06/21

O GALEGUISMO ADIANTE

A Irmandade Galega de Bos Aires é unha entidade composta por patriotas galegos que teiman coseguir para Galiza as liberdades e dereitos que lle son propios e precisos para o seu vivir digno e libre. É unha institución que, sen se atribuír exclusividade ao patriotismo, ten rectoría en canto ao espallamento dos ideais galeguistas e, polo tanto, asume unha categoría de dirixente cumprindo con ese deber que lle impoñen os seus mesmos ideais e os principios que deron base ao seu ser, como organismo orientador da colectividade galega da Arxentina e exemplo para outras colectividades galegas dos países americanos, tendo o seu labor tamén unha grande proxección en Galiza.

Neste sentido, nesta acción patriótica, non rexeita nin subestima a contribución das demais entidades galegas de aquí, as que -por certo- cooperan ben con ela; mantén a vinculación co Consello de Galiza, que -pola función específica que ten- abranxe unha certa potestade que non pode ser descoñecida por ningún galego que se aprecie de ser tal. Paralelamente, favorece o desenvolvemento doutras entidades novas e préstalles o seu calor para que nelas vaian xerminando as inquitudes mozas en favor da nosa Terra; tal é o caso das Mocidades Galeguistas que, desde a súa fundación, veñen dando unha actividade digna de cálido aplauso e sendo a reserva do galeguismo para o mañá.

 O galeguismo comprende en si unha doutrina e un ideal que abarcan o político, o social, o económico, o cultural, o idiomático, o racial, o histórico, o xeográfico, etc, en todo aquilo que atinxe á nosa terra e en relación cos demais pobos peninsulares e, máis alá, aínda con todos os pobos do mundo. Mais tamén hai que crear unha mística galega, algo así como un mito relixioso que por deidade a Terra e o seu Pantheos, facendo da Terra mesma unha divindade a quen render homenaxes con fervososa emoción e sentimento de firme crenza nela e nos seus destinos.

O galeguismo teima soerguer, amplificar e estender os valores espirituais e morais do noso pobo, de xeito que eles, irradiante a todos os ámbitos do mundo, sexan coñecidos e aprezados e donen a tónica do noso ser racial e nacional, así como da nosa personalidade, sendo índice da capacidade dos galegos en todas as ordes e manifestacións viventes e vixentes, do que somos, do que valemos e representamos no concerto da humanidade. Xa se ten dito e repetido: Galiza, célula universal. E engadimos: Galeguismo: universalidade que, para o ser con sentido recto, comeza na Galiza e esténdese, como idea de liberdade, ao mundo todo.

O galeguismo é liberal e democrático, limpo de noxentas concomitancias con todo aquilo que negue ou pospoña a liberdade e a democracia, non somente na Galiza, senón tamén en calquera outro país; porque a liberdade e a democracia son esencias da vida mesma, se é que os seres humanos han de vivir con dignidade como tais.

En relación con Hespaña, o galeguismo é republicano e autonomista; mais, convén declarar, para que ninguén se chame a engano, que, se se nos furtando a República, ou, cando ela retorne, dentro dela se nos nega a Autonomía, o galeguismo ten de ser separatista, pois, non ficará outra alternativa. Sáibase isto e non  se esqueza que os procesos históricos e evolutivos dos pobos non poden ser detidos; non hai que descoñecer estas cousas nin subestimalas. Alguén, con autoridade e acerto, dixo que esta é a hora dos pobos. E o pobo galego non pode estar fóra desta hora que xa está vivindo o mundo.

Os galeguistas como tais, individualmente e á marxe da institución de que formamos parte, temos absoluta liberdade para expresar os nosos pensamentos, en forma exclusivamente persoal, sobre outros temas, sen que por iso o ideal galeguista -ou a entidade que o acuvilla- se vexan comprometidos polos feitos ou palabras individuais (sempre, claro está, que non sexan indecorosos) e sempre que quen fala ou acciona o faga por el mesmo, sen atribuírse representación. Por este principio de liberdade e democracia que sustentamos na Irmandade Galega, os afiliados a ela podemos expresarnos libremente, con independencia, sobre calquera asunto, a título -repetimos- exclusivamente persoal. De non ser así, a Irmandade Galega non sería democrática nin liberal, estaría en desacordo cos principios que sustenta e cometería un atentado contra a liberdade mesma. Nin a Irmandade nin os seus afiliados estamos suxeitos a consignas que rebaixen a nosa personalidade e nos convirtan en escravos de dogmas alleos aos nosos puros sentimentos.

Isto, claro está, non autoriza ningún irmandiño a facer -ou dicir- cousas contrarias ao galeguismo, o cal -por outra banda- fica a cargo do bon senso de cada un; e todos temos a nosa responsabilidade persoal para non comprometer a da entidade.

Tampouco o dito autoriza ninguén para que, cando un membro da Irmandade, á marxe dela, emita un xuízo sobre tal ou cal tema, supoña que con el -ou por el- fala a Irmandade Galega, xa que esta fala sempre por si, por medio das súas autoridades ou das persoas que, en certos casos, exercen unha representación que lles foi conferida para fins determinados. Por outra banda, na Irmandade Galega non hai, nin pode haber, defencións. Non recuamos nin nos detemos.

A Irmandade Galega, o galeguismo en conxunto, mantén a súa liña de conduta rexa e firme, sustenta os seus ideais con claridade e non abdica dos postulados que vén defendendo desde hai moitos anos, mantén a solidariedade con todas as entidades que nos son afíns e persiste na loita contra o falanxismo hespañol, en defensa da democracia, da República e da Autonomía de Galiza. Non en valuto somos discípulos do noso inesquecido guieiro: Castelao.

(Avelino Díaz: A Nosa Terra, nº 498, outubro de 1955)

Sem comentários:

Enviar um comentário