OS CONTRABANDISTAS

31/07/23

OS ADEUSES ETERNOS: MEIRA EXPÓN AS PALABRAS QUE NON LEVA O VENTO

Presentación da exposición preparada por Yoani Jartín Salgado, coa colaboración da Parroquia e o Concello de Meira e o Modelo Burela.


Desde o día 30 de xullo de 2023 está aberta ao público unha nova exposición da serie Palabra e Memoria, a iniciativa Modelo Burela de localización, catalogación e divulgación do patrimonio textual das actividades relacionadas coa necroloxía. Dando continuidade aos actos realizados previamente en Burela, o Valadouro, o Vicedo e Rinlo, a Igrexa de Santa María de Meira acolleu a inauguración da mostra. 
No final da misa, o párroco ofreceu unha información xeral e convidou a comunidade a participar no acto que se celebraría inmediatamente despois. Foi precisamente o cura, Miguel Asorey, quen realizou a intervención inicial e deu paso a unhas palabras de Yoani Jartín, técnica de Turismo; Bernardo Penabade, profesor representante do Modelo Burela; e Antonio de Dios, alcalde de Meira.
Inmediatamente a seguir, coas indicacións de Yoani Jartín -que se ocupou do traballo de localización dos epitafios, da realización das fotografías e, xunto co sacerdote, da montaxe da exposición- realizouse a primeira visita colectiva, que contou coa participación das familias implicadas, do representante da Funeraria Lourido e tamén de axentes culturais implicados nas asociacións culturais do ámbito local.

Na imaxe observamos un dos epitafios presentes na mostra aberta na Igrexa de Meira


Unha das persoas máis destacadas na dinamización cultural en Meira é María García Jartín. Aínda que a súa actividade profesional no Instituto Perdouro a obrigou a residir fóra do seu lugar de orixe, continúa moi directamente implicada en todo o relacionado co desenvolvemento das terras do Alto Miño. Reproducimos aquí as súas palabras de saúdo para a exposición.



SEMPRE CONNOSCO

María García Jartín


Moitas grazas a todas as persoas e entidades que fixestes realidade esta exposición e aos seus organizadores: o Concello de Meira, dun xeito especial a Yoani, a súa técnica de turismo; a parroquia encabezada por Miguel Asorey; e o meu compañeiro Bernardo Penabade, docente e alma do Modelo Burela.
A exposición leva por nome os "Adeuses Eternos" pero nesta igrexa non só despedimos os nosos senón que celebramos moitos dos momentos máis importantes das nosas vidas.
O 21 de agosto fará 40 anos que José Sanfiz Díaz me bautizou. Hoxe creo que debemos aproveitar este acto para renderlle unha homenaxe por ser unha das persoas que máis fixo por preservar e difundir o noso idioma, galeguizando os oficios relixiosos coas críticas e traballos que iso conlevaba. Así, en maio cumpríronse 31 anos de cando un bo puñado de quintos fixemos a comunión. Recordo perfectamente a prece que me tocou ler e que Don José redactara (sempre a máquina e logo a ordenador) e que comezaba dicindo: "Polo papa Xoan Paulo, polo bispo Xose, polo noso párroco".
Ao ano seguinte despediríamos a única bisavoa que coñecín, Amalia Casanova Yáñez, cuxa esquela redactou meu pai en galego.
Un ano máis tarde naceu miña irmá, quen tamén recibiu nesta igrexa todos os sacramentos. Confirmeime, amadriñei a miña prima Rita, bauticei os meus fillos Roi e Xan, actos todos eles oficiados sempre en galego, igual que os funerais e pompas fúnebres dos avós, o da avoa Pilar moi recentemente. O epitafio da súa lápida recolle a letra dunha canción dedicada á nosa Virxe de Meira que di "nosa nai, nosa naiciña, connosco vai".
Outra canción de misa afirma que na vida e na morte somos de Deus. Na mesma liña, eu creo que se na vida falamos galego, tendo un fermoso acento que nos caracteriza e que é o único que nos diferencia dunha persoa doutro lugar, por que non na morte? Se eu chegase á Veigadorta ou ao Convento para visitar meus avós e lles falase en castelán, faríaselles moi raro. Por iso, cando lles tivemos que deixar partir, fixemos tamén a despedida en galego.
Todos os adeuses eternos que lles demos aos nosos compoñen esta exposición que será permanente como permanente é o recordo que deles pervive nos nosos corazóns.
Sempre connosco e sempre en galego.
No momento de se abrir a exposición Os Adeuses Eternos. Palabra e Memoria cúmprense 30 anos desde que fora publicada no xornal El Progresoesta necrolóxica que marcaba unha nova etapa. María G. Jartín, bisneta de Amalia, séntese orgullosa do legado cultural que lle transmitiron os devanceiros e destaca pola súa proxección para as seguintes xeracións. 


Vista xeral da exposición


Entrada do cemiterio urbano de Meira
Ficha da revisión realizada no cemiterio urbano de Meira con data de 17/06/2023. 
A visibilidade da cultura galega alcanza agora un 3% sobre o total de 290 familias.
..


A palabra "propiedade" é aínda un eufemismo na maior parte dos cemiterios.
A familia de Pedro da Vara foi a primeira que a usou dentro do cemiterio urbano de Meira.


A palabra "propiedade" está moi presente no cemiterio municipal de Meira, onde sobre un total de 180 familias neste momento son 15 as que fixeron uso escrito do idioma galego (un 8'8%).


22/07/23

LEMBRANZA DE MANUEL HORTA MONTEIRO

Situado entre o Monte Castelo e o mar, o termo municipal de Burela está formado por só unha parroquia. Antes de 1912 os enterramentos facíanse no adro da que naquela altura era a igrexa parroquial, situada na Vila do Medio, mais a partir desa data foi construído un cemiterio a uns 500 metros do lugar. 
Coa expansión urbana motivada polo asentamento da fábrica de aluminio na comarca,  da expansión do sector pesqueiro e da construción do Hospital, o cemiterio pasou a estar englobado do casco urbano  e fíxose necesaria a construción dun novo, de titularidade municipal.
O idioma galego escrito está presente no cemiterio parroquial (o urbano) desde 1997, xusto cando o equipamento chegaba aos 85 anos. Aquela primeira lápida marcou un antes e un despois e converteuse nun modelo a seguir por outras familias.
No cemiterio da Puída, o de titularidade municipal, a entrada do idioma galego produciuse un pouco máis tarde, por volta do ano 2000. Neste período de tempo, a presenza da nosa lingua nos escritos de lembranza non deixou de crecer.

MANUEL HORTA MONTEIRO



Orixinarios da illa de Santiago, no arquipélago de Cabo Verde, Manuel Horta Monteiro (coñecido como Ventura de Ilda) e a súa esposa Antonina Jorge (coñecida como Ilda) chegaron a Burela en 1978. En Burela traballaron intensamente e criaron con éxito os seus catro fillos e fillas. 
No momento da despedida, a familia de Manuel Horta Monteiro tamén marcou un punto de inflexión. Foi a primeira familia caboverdiana que redactou o texto no idioma da comunidade que o acolleu, o mesmo en que se comunicou con armadores e tripulanres dos barcos en que traballou. Así o recolle nestas palabras a súa filla Paula:
"Tanto a necrolóxica (esquela) coma a lápida de meu pai van en galego. Home, non!  Que menos para unha terra que lle deu todo, que deixar na memoria o escrito, na propia lingua ".

Paula Jorge Horta é tamén autora dun emotivo recordatorio publicado nas redes sociais con motivo da celebración da festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros:

 "Hoxe é o día do Carme, patrona dos mariñeiros e que mellor mariñeiro que meu papaíño para nombrar este día, taaaantos aniños no mar, tantas veces como lle pedimos á Virxe que coidara del e de todos, que volveran a terra sáns e salvos  no que puido, cumplíu. Sempre recordo cando marchaba para o mar a esas horas que non debían tar nin as rúas postas, pero aí iba, botar días nun barco para traerlle á familia de todo TODO, que feliz era eu con aquelas 500 pesetas  era rica, pero non máis que agora que grazas a Carme podemos seguir disfrutando, daquela maneira, do meu PAI".

Esta foi a necrolóxica:

 

O SEÑOR

D. Manuel Horta Monteiro

(Ventura de Ilda)
Finou en Burela, o día 7 de marzo de 2023, aos 70 anos de idade

— D. E. P. —

Esposa, Antonina Jorge; fillos, Antonio (Valú), Adriano e Claudina María Jorge Monteiro e Paula Jorge Horta; fillos políticos, Luz Rouco Rubiños, Mª Paulina Otero Barcia, Ibán Rey Díaz e Manuel Anllo Centeno; netos, Borja e Diego Jorge Rouco, Zaira e Carmen Otero Jorge e Ephram Lago Jorge; irmáns, cuñados, sobriños, curmáns e demais familia.
Pregan unha oración pola súa alma e a asistencia á condución do cadáver que terá lugar o xoves, día 9 de marzo, ás CATRO da tarde, dende o tanatorio ata a igrexa parroquial de Burela, onde se celebrará o funeral. A continuación daráselle sepultura no cemiterio municipal da Puída.
Capela ardente: Tanatorio Virxe do Carme, sala nº 3. Rúa da Igrexa, nº 6 – Burela.
Condolencias: www.funerariaburela.es

Burela, 9 de marzo de 2023


Este é o mapa da normalización lingüística que presentaba o Cemiterio da Puída no comezo deste ano 2023 e que no momento presente xa está moi superado:



ACTUACIÓNS MODELO BURELA 

PALABRA E MEORIA 



20/07/23

CERVO: HOMENAXE Á COMUNIDADE MARIÑEIRA

 

Aproveitando o descanso estival, realizamos unha nova revisión do uso lingüístico no cemiterio da parroquia da capitalidade municipal, Santa María de Cervo. O que máis chama a atención son dúas placas institucionais colocadas hai agora 18 anos, en agosto de 2005. Realizadas en cerámica de Sargadelos, nunha delas aparece a imaxe da Virxe do Carme que está na igrexa parroquial; na outra un recordo aos mariñeiros náufragos.

No ámbito familiar, sobre un total de 184 familias, 5 usaron o idioma galego (o que representa un 2'7%, moi próximo ao índice xeral).

Freguesía

Total familias

Uso do galego  

Data da 1ª

Inscricións de propiedade

Data de revisión

Autoría da revisión

CERVO

184

5

(2'7%)

En estudo

 0

20/07/23

Modelo Burela






19/07/23

MUDAMOS FRONTEIRAS POR PONTES: O CAMINHO DA GEIRA (de Braga a Compostela)



O programa radiofónico "Galiza Mais Perto" da Rádio Universitária do Minho (RUM), oferece um conteúdo de especial interesse: é uma conversa entre vários agentes galegos e portugueses a respeito do Caminho da Geira e dos Arrieiros, que conecta a cidade de Braga com Santiago de Compostela.

Contamos com as intervenções de José Manuel Almeida, Presidente da União de Freguesias de Caldelas, Sequeiros e Paranhos: Carlos da Barreira, da Associação Codeseda Viva; Henrique Malheiro, co-autor junto com o Carlos da "Guia do peregrino: Caminho de Santiago da Geira e dos Arrieiros"; e Pepe Balboa, concelheiro do Concello de Beariz.

Alberto Páz Félix, professor da Universidade do Minho e condutor do programa, no papel de anfitrião da viagem escolar do IES Perdouro entre Burela e Espinho celebrada no mês de junho de 2022. Na fotografia está acompanhado de Núria Ramos Cuba (estudante) e Samuel Silva (jornalista)

A expedição de Burela chega a Dume. José Manuel Almeida, um dos participantes no programa radiofónico, foi o guia da visita.


04/07/23

PALABRA E MEMORIA EN LUBIÁN (AS PORTELAS)

Situado nas Portelas, na comarca da Seabra, Lubián é un concello administrativamente pertencente a Zamora. Próximo á  Terra de Viana e e a Tras os Montes, os seus habitantes están repartidos entre Aciveiros, Os Chous, As Hedradas, Hedroso, Lubián e Padornelo. 
A primeira autoridade dese termo municipal leva a identidade da súa terra nos seus propios apelidos. Chámase Felipe Lubián Lubián (1952). Foi mestre na escola local, en Cataluña e entre 1978 e 1994 pasou a responsabilizarse da dirección do CRA Tuela Bibey. Posteriormente foi profesor de Matemáticas no IES Valverde de Lucerna da Seabra. Desde 2004 é correspondente da Real Academia Galega.
Por xentileza do alcalde, recollemos aquí a información sobre o uso escrito do idioma no cemiterio da localidade principal do concello. A grande novidade produciuse en 2006. O idioma falado en Lubián pasou tamén a ter presenza escrita en recordo de Felipe Lubián Álvarez (1925-2006). Seis anos despois  tamén foi usado para lembrar a memória de Lola Rubián Rodríguez (1930-2012) e en 2013 para o recordo de Vicente Fernández, a quen o seu alcalde define como "un veciño labrego, moi bo falador, amante da súa muller, dos seus fillos e dos seus netos".

Estes son os números que recollen resumidamente a información:

Freguesía

Total familias

Uso do galego  

Data da 1ª

Inscricións de propiedade

Data de revisión

Autoría da revisión

LUBIÁN

80

2

(3%)

2006

 0

03/07/23

Felipe Lubián

Lápidas de Felipe e Lola Lubián. A primeira foi colocada en 2006;
a segunda en 2012.

 
Lápida de Vicente Fernández Rodríguez, no cemiterio de Lubián.


RELACIONADOS: 

SAN TIRSO DE ABRES: https://modeloburela.blogspot.com/2020/08/xuntos-pra-sempre-en-san-tirso-de-abres.html