13/08/20

"XUNTOS PRA SEMPRE" en SAN TIRSO DE ABRES

Bernardo Penabade 


Por moi raro que pareza  -que o é-,  se queremos facer unha rápida radiografía do estado de saúde dunha lingua nun determinado lugar, hai un sistema que resulta moi rápido, de moi fácil acceso e que nos transmite unha información moi certeira: a visita ao cemiterio. Imaxino os risos de moitas persoas ao leren isto -porque relacionan estes lugares unicamente coas persoas falecidas e non coas vivas, que son as responsábeis de atender aqueles recintos e de colocar as placas cos textos que alí lemos-, mais despois de termos analizado millares de casos sabemos que alguén que foi capaz de romper un costume ancestral alienante -como é cambiar de lingua cando non é necesario- e decidiu lembrar os seus defuntos na lingua de uso familiar, ese alguén ten un sentido da identidade moi forte. Son esas persoas que se mostraron capaces de superar o medo "ao que dirán" as que poden abrir portas a unha rexeneración cultural, a través de iniciativas de carácter íntimo (como, por exemplo, a literatura) ou  de carácter público na comunicación comercial ou asociativa.

Tendo en conta este criterio, propúxenme coñecer "in situ" o panorama lingüístico da comarca eo-naviega e decidín comezar por un lugar tan emblemático como é o concello de Taramundi. Por que? Xustamente porque Taramundi representa para min un deses lugares onde se fixo unha excelente xestión de recuperación patrimonial orientada ao desenvolvemento económico local. Movido por esa admiración, quixen comprobar se esa iniciativa tamén tiña continuidade no ámbito cultural.

Antes de chegar a Taramundi, fixen unha breve visita a un lugar moi próximo: o Santuario da Virxe do Conforto, que forma conxunto co museo de arte sacra e co cemiterio anexo. Na atenta observación dos escritos, chamáronme a atención as placas institucionais que recordan as obras de restauración feitas no lugar, un comunicado da asociación de veciños e os epitafios postos por tres familias (un do final dos '80 do século pasado e outros dous do decenio que agora clausuramos).

Información pública da Asociación de Veciños do Conforto. No cemiterio desa parroquia a lingua oral deu o paso para a escrita hai agora 32 anos, en 1988. Máis tarde reafirmouse a través dunhas placas institucionais colocadas en 2004, para lembrar as obras de restauración do conxunto histórico.


A só 5'5 kilómetros de distancia, xa nin sequera existían aquelas mínimas mostras testemuñais que atopamos no Conforto. En Taramundi o cemiterio estaba ben cuidadiño tanto no exterior como no interior e percibíase a continuidade cultural a través dos apelidos e dos nomes das casas, mais a cultura local non tiña nin unha mínima representación en ningunha plaquiña e iso que había varios centos. Aínda que polo camiño non chegamos a visualizala, estaba claro que había unha raia ben clara. Ou máis que raia... fronteira!

Coa constatación desta evidencia, decidín continuar gozando da paisaxe, falando coa xente dos diferentes lugares e fixándome ben nas rotulacións e nos anuncios dos comercios e das asociacións locais. O lugar de destino foi San Tirso de Abres, onde, despois de tomar un refrixerio e dar unha voltiña, fixemos visita á igrexa de San Salvador e ao cemiterio.

Nada máis entrar no campo santo, chamoume a atención unha placa colocada no mes de outubro de 2019 por unha asociación de recuperación da Memoria Histórica. Evidentemente, aquelas palabras reivindicando verdade, xustiza e reparación chegáronme á alma e tiven un recordo emocionado para aquelas cinco persoas a quen recordan. Con todo, o que eu buscaba era outro tipo de mensaxe, a da espontaneidade, a que manifestase única e exclusivamente o cariño íntimo da propia familia. Mentres avanzaba o paseo demorado con observación para un lado e outro, arriba e abaixo, matíñase a ilusión por encontrar algo e a desilusión de non localizar nada. Feito un 25%, só aparecían como tenue fondo os apelidos e os nomes das casas. Mesmo pasado xa o intermedio, tiven diante de min escritos en francés -que recordaban persoas que tiñan sido emigrantes-, mais a lingua familiar estaba desaparecida, fora unha Fala e non se desenvolvera.

Moi pertiño xa da porta de saída, os ollos localizaron e o corazón bateu. Alí estaba a  mensaxe: "Xuntos pra sempre". Era unha plaquiña pequeniña, moi discreta, feita en cerámica. Sobre un fondo branco, unha estampa familiar, un nome, as datas de nacemento e defunción; o desexo de descanso; e o epitafio.

Na imaxe vemos a placa de cerámica posta por iniciativa de Inmaculada Folgueiras Bermúdez no panteón familiar de San Tirso de Abres. O "Xuntos para sempre" está dedicado ao pai, á nai e a un irmán. Se non é o único, si é dos escasos textos que reflicten na escrita a lingua da comunicación espontánea.


Uns días máis tarde compartín a alegría do achado con Quique de Roxíos e pedinlle axuda para a investigación das circunstancias en que foi redactado o texto. Á súa vez, o escritor de Boal púxose en contacto con Ángel Prieto Souto, auténtico motor da dinamización cultural e económica de San Tirso, e as xestións rapidamente deron magníficos resultados. Así cheguei a Inmaculada Folgueiras Bermúdez, que me atendeu esplendidamente e que me contou que a inscrición foi colocada no mes de maio de 2016: "O texto redacteino eu. Ainda que San Tirso de Abres está mo occidente de Asturias, o galego sempre foi a miña lingua materna e non entendería un texto en recordo de miña mai estivese escrito doutra maneira".

 Despois de falarmos sobre o traballo de gravado, feito por Yanes Lombardero da Ponte Nova ("leveille a foto escaneada e o texto escrito"), abordamos tamén o resto da comunicación que acompaña o ritual funerario: as esquelas e as liturxias. A fidelidade lingüística nas esquelas aínda é moito máis difícil que nas lápidas, precisamente pola inmediatez e a conseguinte toma de decisións precipitada: "Que eu recorde ninguén de por aquí  fixo nunca as esquelas no idioma noso. O funeral relixioso tampouco. O noso párroco é do oriente de Asturias".

Cando lle pedimos que nos fixese unha semblanza da falecida, Inmaculada Folgueiras Bermúdez accedeu: "Era miña mai, M Dolores Bermúdez Méndez. Naceu en San Tirso de Abres.  A menor de catro irmás, viña dunha familia de labradores, educadas moi estrictamente e con base moi relixiosa debido a que seu pai fixera estudos para ser sacerdote. Miña mai casouse namorada con meu pai, Pepe, en 1963, cando o seu primeiro fillo, José Waldo, tiña 6 anos. O neno faleceu dunha enfermidade do corazón en  1971. En 1983 faleceu meu pai e miña mai expresou o seu desexo de ser enterrada co seu neno e así o cumprimos. De aí o texto do epitafio e a foto dos tres:  "Xuntos pra sempre", como eles querían que fose".

 Como desde maio de 2016 xa pasaron catro anos, quixemos coñecer as reaccións que levantou este escrito tan espontáneo e natural como rompedor de moldes. Inmaculada respondeu con absoluta franqueza:  "É certo que a miña filla filla, durante un funeral, viu que unhas señoras pasaban por diante do nicho e que pararon a mirar a plaquiña. Unha delas díxolle á outra: "Quedaría ben mellor Juntos para siempre". Notei tamén o silencio por parte persoas achegadas e entendino como que non gustaba.  Imaxino que non o viron ben, porque pensan que así somos menos asturianos. Esa é a explicación que lle dou. En calquera caso, teño clarísimo que á familia, amigos e veciños gustoulles a lápida. Houbo incluso unha veciña que me chamou  e que  falou comigo en privado para dicirme canto lle gustara e canto se emocionara".

Será este epitafio algo único entre Ibias, as Figueiras e Navia? Non o sabemos con certeza, mais todo se andará. Por diante temos en mente saber se houbo alguén que se atrevese cun convite nupcial, cun recordatorio de comuñón ou cunha publicidade dun modesto negocio familiar. O caso é dar co primeiro. Despois xa está o camiño aberto.


Sem comentários:

Enviar um comentário