O PROFESOR BERNARDO PENABADE E A ESCOLA INCLUSIVA “MODELO BURELA” RECIBEN O PREMIO MEENDINHO
O próximo sábado, día 9 de setembro, será entregada en Vilar
de Santos a décimo cuarta edición do Prémio Meendinho. O momento de partida
está marcado para as 12 do mediodía na prestixiosa sala “Arca da Noe”, onde
diversas personalidades galegas e portuguesas van participar na “laudatio” do
premiado: o profesor Bernardo Penabade, representante da iniciativa educativa
Modelo Burela. Inmediatamente a seguir á parte musical, protagonizada polo cantor
Sérgio Mirra acompañado da súa banda, o encontro finalizará cun almorzo de
irmandade. Os convites, a un prezo de 20 euros, poden ser reservados comunicando directamente para o local (988 44 71 28) ou para a entidade organizadora (661 41 86 61).
Bernardo Penabade
Nacido nas Grañas do Sor -Mañón- en 1964, Bernardo Penabade
estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago e desenvolveu
unha intensa actividade de dinamización cultural no ‘Burgo das Nacións’. Desde
1985 mantivo colaboración artística no sector audiovisual vinculado á TVG e entre
1987 e 1988 foi colaborador habitual de Volvoreta, suplemento do xornal El
Correo Gallego. Tras un breve período no Colexio Paulo VI da Rua de Valdeorras,
foi docente no institutos Otero Pedraio (Ourense), Joán Carballeira (Bueu),
Ortigueira e no Vilar Ponte (Viveiro). Actualmente traballa no IES Perdouro de
Burela. No ámbito asociativo en 1984 entrou no consello directivo da AGAL,
entidade da que foi secretario en 1996 e presidente entre 2002 e 2007.
Desde 2003 é un dos impulsores do Modelo
Burela, iniciativa de didáctica e planificación lingüística pensada para a
aplicación no ámbito local, e coordina o programa radiofónico Proxecto
Neo (dedicado á comunidade neofalante) e colabora na produción do Grandes
Vozes, dirixido por Marco Pereira Oliveira. En 2021 foi nomeado integrante
da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega.
Bernardo Penabade é un referente do fomento da comunicación
entre os sistemas educativos de Galiza e Portugal. Durante un período de 17
anos (1988-2005) introduciu as grandes obras das literaturas portuguesa, brasileira
e africana como complemento do ensino da lingua galega e en 2005 foi un dos
precursores da introdución da materia específica de Lingua Portuguesa na rede
de ensino secundario galego, unha medida que contribúe para o aproveitamento de
recursos pedagóxicos do mundo lusófono, para a normalización da presenza de
personalidades das letras portuguesas nas escolas galegas e para a consolidación
das viaxes de estudo “en dirección ao sur”.
Modelo Burela: 20 anos de ensino integrador
En funcionamento desde 2003, o Modelo Burela é unha
intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na
comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. As primeiras
actividades, ponte entre a escola e o
conxunto da cidadanía, consistiron na recompilación e estudo de escritos do
ámbito familiar (convites, recordatorios, lápidas...), das comunicacións
comerciais e empresariais, da xestión de comunidades de vivendas e das
actuacións xurídicas e notariais. A realización de xornadas de animación á
lectura e a promoción do diálogo intercultural a través de intercambios
educativos completouse coa posta en práctica dunha escola de comunicación a
través da radio, coa emisión de dous programas semanais: Proxecto Neo e Grandes
Vozes.
Proxecto Neo é a intervención destinada á incorporación á
cultura galega de persoas que non tiveron a nosa como a súa primeira lingua.
Desde o mes de xaneiro de 2012 dá a coñecer experiencias de neofalantes que
poden servir de modelo para outras persoas que necesitan estímulo para iniciar ese proceso.
Grandes Vozes, ponte musical bidireccional entre as dúas
beiras do Atlántico, unindo Europa con África e América, é un diálogo musical
feito partindo da música galega e fortalecendo os vínculos co noso mundo
lingüístico internacional.
No ámbito da atención á diversidade, o Modelo Burela traballa
con alumnado en situación de fracaso escolar extremo e impulsa unha acción
educativa en colaboración cos servizos sociais e asociacións culturais,
deportivas e recreativas, como axentes de inclusión social.
Recoñecemento social
O premio de innovación educativa outorgado pola Consellería
de Educación en 2007 (e consecutivamente nas seguintes convocatorias) foi primeiro
recoñecemento para a intervención educativa Modelo Burela, que en 2010 obtivo o
recoñecemento da Fundación Peña Novo, recollido por Alfredo Llano (alcalde) e Antonina
Semedo (integrante de Batuko Tabanka). Con posterioridade, tamén foi distinguido
pola Fundación Donostia, Capital Europea da Cultura (2016) e pola Coordenadora
de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) co premio Mil Primaveras
(2019).
Sérgio Mirra
Licenciado en Educación Musical, comezou os seus estudos no
Centro de Cultura Musical nas Caldinhas (Santo Tirso). Mais tarde ingresou na
Escola Profesional de Música de Viana do Castelo, onde concluíu o curso profesional
de instrumento. Fixo a licenciatura no Instituto Piaget en Canelas (Gaia) e a
profesionalización en servizo na Universidade do Minho.
Como músico, fixo parte do Grupo de cavaquiños "Seara Nova" de Ronfe;
do Grupo Musical Pedra D´Água, do grupo Canário & Amigos; e aínda dos
Minhotos Marotos. O proxecto SÉRGIO MIRRA surxe da súa grande paixón pola
música tradicional portuguesa.
Premios Meendinho
A Fundaçom Meendinho outorga un premio destinado a persoas e
entidades que destaquen no campo da dinamización cultural e lingüística tendo
en conta a dimensión internacional do noso idioma. En 2013 foi galardoado o Concelho
de Montalegre; en 2015 Gilvan Müller, Presidente do Instituto Internacional da
Língua Portuguesa; e posterioremente a rede de escolas Semente (2016), a cantora
Uxía Senlle (2017), a profesora Dores Fernández Abel (2019), a divulgadora cultural
Noemí Vázquez Nogueiras (2020), a asociación cultural Ponte nas Ondas (2021) e
os youtubeiros Artai Miragaia, Nee Barros (Neeumátiko) e Mario Brión
(Olaxonmario), na edición do ano pasado (2022).
Sem comentários:
Enviar um comentário