OS CONTRABANDISTAS

25/10/24

INTERVENCIÓN DE KARINA PARGA NO SEMINARIO DE ATENCIÓN AO ALUMNADO INMIGRANTE

Karina Parga durante a gravación do programa Proxecto Neo. FOTO: Lucía Rivas




O Salón de Actos da Faculdade de Ciencias da Educación, situada no Campus Vida, en Santiago de Compostela, acolle unha nova edición do Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante. Durante toda a xornada do 26 de outubro de 2024 haberá relatorios, obradoiros e unha mesa de experiencias e boas prácticas.
A intervención educativa Modelo Burela estará representada pola profesora Karina Parga. Da moderación da mesa ocúpase Irene Vidal Arnejo, do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); e tamén intervirán Mª Soledad Louro Lestón, do IES Plurilingüe de Ames; Mª do Carme Liñares, do CEIP Agro do Muíño, da mesma localidade; e  Laura Lorenzo Diz, do CEP Plurilingüe de Carreira (Ribeira).
Esta é a décimo sexta edición do Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, organizado polo grupo de investigación Esculca. Nesta edición, o foco de atención céntrase na abordaxe desta realidade dende o emprego das metodoloxías activas e a xestión educativa da diversidade cultural.

Nacida en Joigny (Borgoña; 1975), Karina Parga é licenciada en Filoloxía Francesa pola Univerdidade de Santiago de Compostela. Profesora de Francés no IES Perdouro, preside a Asociación Cultural Os Matos e participa na xestión directiva das Asociación Culural Modelo Burela.
Toda a información sobre o Encontro AQUÍ
Este é o PROGRAMA.

18/10/24

Os XXVI Encontros para a normalización lingüística apuntan que o galego alza o voo nas exequias

 

Abderrahim El Aziri Sounni (da Unión de Comunidades Islámicas); José Luís Zapata (do Consello Evanxélico) e Rubén Aramburu (da Igrexa Católica) acollen nas súas mans o Cancioneiro da Ajuda, como símbolo do diálogo entre culturas.


Un exemplar do Cancioneiro de Ajuda, o máis antigo e verificado dos cancioneiros da lírica galego portuguesa, presidiu a mesa dos XXVI Encontros para a Normalización lingüística, cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Este libro, símbolo do período de esplendor da cultura galega, presentouse como fío de unión das diferentes confesións relixiosas que participaron nesta cita que puxo en evidencia o incremento de uso do galego nos ritos funerarios. Representantes das confesións relixiosas maioritarias que existen en Galicia (católica, evanxélica e islámica), xunto cos empresarios implicados en diferentes partes dun acto funerario...) destacaron que o galego gaña terreo nas exequias e que ven na lingua un fío de unión e de concordia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez destacou na inauguración o carácter de nexo desta cita e avanzou que nos vindeiros días se presentará un documento coas conclusións. Pola súa parte, Valentín García, secretario xeral da Lingua, destacou a importancia do uso do galego nun momento tan familiar e íntimo como é un pasamento. Os relatorios foron gravados e as intervencións pódense consultar no sitio web e as redes sociais.


Representantes das tres confesións relixiosas maioritarias en Galicia reuníronse no marco dos Encontros para coñecer a súa situación no que atende ao idioma. José Luis Zapata, en nome do Consello Evanxélico de Galicia, do que é pastor, explicou que a día de hoxe a igrexa evanxélica conta con 1.700 nenos e nenas matriculados en relixión evanxélica, que está presente nas cadeas e nos hospitais (xa hai capeláns evanxélicos). Lembrou que a primeira igrexa evanxélica se fundou na Coruña hai 150 anos e que despois viñeron Ferrol, Vigo, Marín, Celanova, Arteixo... “Con respecto á liturxia fúnebre, cando alguén falece pensamos que o que morreu está mellor”. O que nos preocupa é a familia e os que sofren a separación. Na nosa forma de actuar están os que teñen a perda. Houbo moitos cambios, os primeiros cemiterios civís eran evanxélicos e había que enterralos de noite. Pero, en que lingua? Depende da zona, pero o idioma predominante é o castelán. Con todo, describiu iniciativas de tradución ao galego de libros básicos para esta confesión relixiosa para os rapaces, “que serán os que tomen o relevo”.

Rubén Aramburu, sacerdote de doce igrexas de varias parroquias de Bergondo, explicou que ás novas incorporacións ao clero proceden do mundo urbano e non son galegofalantes, como tampouco o son os que chegan doutros países e que non entenden a nosa realidade cultural: “Onde máis penetrou foi na música que se canta nas igrexas”, apuntou Aramburu.

Abderrahim el Aziri Sounni, voceiro da Comunidade Islámica e secretario do Centro Cultural Islámico de Vigo, contabilizou en 40.000 os membros repartidos por toda Galicia en 33 comunidades. Explicou que esta entidade vela polos seus dereitos e celebra actividades culturais. Abderrahim, que explicou que aprendeu o galego vendo a serie de televisión Pratos combinados, contou que o 40% dos membros xa naceron aquí, mais non asumiron como propia a lingua galega. Con todo, a nivel de convivencia, afirmou, “quérennos copiar o modelo desde outras partes da península porque é exemplar".

A lingua e a relixión católica
“A relación entre a relixión católica e a lingua galega está entre o surrealismo, xa que a Igrexa non apostou pola lingua galega”, apuntou na súa intervención Victorino Pérez Prieto. Explicou que no ano 1965, cando o Concilio Vaticano II pediu a mudanza do latín polas linguas vernáculas na liturxia, “a xerarquía galega decidiu que non debería ser o galego, contra a opinión de moitos cristiáns.” “Cando se fixeron os grandes esforzos galeguizadores, nas décadas dos sesenta e setenta, xa era tarde”, apuntou, ao tempo que fixo un percorrido polas diferentes iniciativas galeguizadoras. “Hoxe xa dispoñemos dun misal galego e dos manuais dos rituais para os funerais e o enterro en galego. Só falta a vontade”, explicou. Pola súa parte, Manuel Regal engadiu algunhas razóns que explican a situación actual: non se elaborou nin se puxo en práctica ningún plan de introdución do galego na liturxia, diminuíron os transmisores do galego, así como a designación de bispos de fóra, e tamén a presenza actual de curas non galegos.

Presentación dos mapas de uso do galego
O xornalista David Canto Veiga fixo a presentación de dous mapas que recollen en panorámica o uso do idioma galego en diferentes concellos. Nun deles aparecen sinalados os máis de 140 termos municipais en que foi constatada a existencia de inscricións feitas no noso idioma -53 deles visualizados coa metodoloxía Modelo Burela-; e no outro aparecen recollidas as porcentaxes de uso, que oscilan entre o excepcional 0% de parroquias en proceso de despoboación total e o 20% de Rianxo e o Porto do Son ou o 17% de Castro de Rei.

O galego nos servizos funerarios
Pola tarde falouse dos servizos funerarios e da lingua empregada. Jorge Balado Blanco, da Asociación Galega de Servizos Funerarios, explicou que o uso do galego nas esquelas é baixo. Na súa opinión “temos un problema para normalizar a morte, e máis aínda na nosa lingua, porque se negocia todo en galego pero á hora de plasmalo, prefiren facelo en castelán”. Canda el, Manel Pardo, de Lindeiros, achegou a experiencia “de dúas décadas lendo esquelas en galego na radio” mentres que Ana Fraga, empresaria de arte floral deu un exemplo positivo, xa que apuntou que o 95% dos traballos florais encargados á Funeraria Fabeiro están en galego. Ademais, a responsable de Luz Verde Eventos, Rocío Vázquez, apuntou que o importante “é romper a barreira dos inicios, da reticencia inicial das familias por inercia e falta de costume”.

Finalizou a xornada de relatorios cunha selección de intervencións e recursos dinamizadores deseñados para o eido dos actos funerarios. Yoani Jartín Salgado amosou o tema “Visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira”; Manuel Campos Sanmartín falou do “Día da Restauración da Memoria Lingüística”, e Marta Besada fixo a presentación da campaña “Galeg@ para sempre”. A xornada pechou coa ruta guiada “As mil caras da morte compostelá”, conducida por Manuel Gago, director do portal de divulgación cultural culturagalega.gal, que tratou o tema das culturas da morte na trama urbana de Santiago.

Os Encontros para a Normalización Lingüística
Os Encontros para a Normalización Lingüística celébranse desde o ano 1993 e consisten nunha xornada de periodicidade anual impulsada polo Consello, co obxectivo de promover e dinamizar o galego para toda a sociedade. En edicións anteriores tratáronse temas como a economía, lingua e sustentabilidade, a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva ou a transmisión interxeracional da lingua galega. O CCG quere ser, deste xeito, un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición ao redor da lingua de Galicia e os diversos aspectos que a rodean: a súa sociedade, os seus retos e as perspectivas para o seu futuro. Os Encontros están coordinados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro.



16/10/24

PRESENZA DA LINGUA GALEGA NAS INSCRICIÓNS FUNERARIAS

 O xornalista David Canto presentou os mapas que recollen as porcentaxes de uso por concellos


Segundo o estudo presentado o día 15 de outubro  nos XXVI Encontros pola Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega, os concellos con maior presenza de inscricións en galego nos cemiterios galegos son Rianxo (con algo máis do 20%), Porto do Son, Castro de Rei e Lourenzá (por volta do 15%).


MAPA DA PRESENZA DAS INSCRICIÓNS EN GALEGO





PORCENTAXE DE USO DAS INSCRICIÓNS EN GALEGO


No mesmo encontro, Bernardo Penabade salientou que "por fin, nos rituais funerarios o uso da lingua galega abandona o confinamento. Xa non serve aquela resposta estandarizada: “Aquí non hai nada”. Haberá máis ou haberá menos, mais haberá. E poderase saber desde cando e por iniciativa de quen".

O representante da iniciativa Modelo Burela, unha de cuxas liñas de traballo é a difusión da lingua galega neste tipo de inscricións, enfatizou que "a colleita non apareceu por xeración espontánea. É o resultado dun traballo intenso e prolongado de moitas persoas e entidades: a AFNL, co Día da Restauración da Memoria Lingüística e co En galego agora e sempre; e sempre co estímulo orientador de Xosé González Martínez, a máxima autoridade nesta materia; o Bienio Irmandiño; o apostolado de Irimia e Encrucillada; coa intervención dos diferentes servizos municipais integrados na CTNL; e mesmo co grupo Lápidas en galego, activo nas redes sociais, con intervencións moi destacadas de Estanislao Fernández de la Cigoña; Carme Varela; Soledad Pintos Peñaranda; Óscar Franco Barros; Isaac González; Miro Martínez Cerredelo e un longo etcétera".

Finalmente, agradeceu as colaboracións de Emma Pedreira, especialista, que acaba de publicar un libro dedicado a esta temática; o historiador Gerónimo Martínez, de Ortigueira; Diego Cabarcos, da Universidade da Coruña; o filólogo Brais Costas Fragueiro, da Unidade Pastoral Baredo-Belesar, de Baiona; Socorro Cea, de Melide; Mariña Area, de Cambados; Charo Baleirón, das Escolas Católicas; Rosa Espiñeira, da Escola de Arroxo (Lourenzá); Rosario Pérez Magdalena (do Consello da Cultura Galega) e do estudante Álex Quintáns, do instituto Agra de Raíces de Cee.




10/10/24

RADIO FOZ: ANXO RIVAS CONVERSA CON ANA FABEIRO

 Ana Belén Fraga Dorado (Alfoz; 1975) estudou Filoloxía galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela (1993-1998).

Traballa na Funeraria Fabeiro desde o ano 2000. No 2006 pasou a ocuparse tamén de Fabeiro Arte Floral S. L., unha empresa destinada nun primeiro momento ao negocio das flores. Desde 2017 é xerente do grupo.

DAVID CANTO EXPLICA A VISIÓN PANORÁMICA DO USO DA LINGUA NOS RITUAIS FUNERARIOS

 

David Canto Veiga (Castro de Rei, 1988)

Criado en Burela até a idade adulta, comecei a interesarme na situación do noso idioma e a tomar parte activa na preocupación pola normalización, por interese familiar e a través do profesorado no ensino medio. Previo ao ensino universitario participo en certames literarios como o Trapero Pardo (3º premio en 2003 na categoría de 15 a 18 anos) ou na Semana da Galiza en Braga.


Conto coa licenciatura en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, o Grao Profesional en Gaita Galega polo Conservatorio Profesional de Vilagarcía de Arousa, así como o Mestrado de Profesorado. Na idade adulta desenvolvo de xeito interdisciplinar diversas actividades profesionais, desde o xornalismo ata o ensino musical, todas elas con forte compromiso na normalización en calquera que for o ámbito de acción. Desde 2022 traballo man a man na recompilación de datos arredor dos usos lingüísticos nos rituais funerarios, así como a difusión e coordinación dos traballos de todo o país.


09/10/24

Vivir e perdurar na nosa lingua

XXVI ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Consello da Cultura anuncia unha nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística. Para alén de Manolo Maseda e Bernardo Penabade, integrantes da comisión técnica que preparou o programa, a Mariña estará representada polo xornalista David Canto, que participará na sesión inaugural, e por Ana Fabeiro, con tanatorios e comercios de arte floral en Foz e Lourenzá, que participa nunha das mesas de debate.


NOVOS TEMPOS

“Aquí están os nosos ósos esperando polos vosos”, di o epitafio gravado en pedra na lápida que cobre unha sepultura do cemiterio de Sofán, en Carballo; esa é tamén a advertencia que figura na entrada do camposanto de Trobo, en Begonte. Máis ca polo fondo –a evidencia de que somos mortais–, o enunciado é rechamante pola forma: amosa a reversión do cambio de idioma imposto e feito costume nas comunicacións relacionadas coa morte. Durante cinco séculos, entre o final da Idade Media e o comezo do XXI, os cemiterios dos territorios de cultura galega foron campos vedados para a expresión escrita da lingua común ás persoas defuntas e ás súas familias. Nin rastro de certas palabras, feitas tabú nese contexto: nin “fillos”, nin “netos”, nin “xenros”, nin “noras”...

Mais esta situación anómala está a mudar. Se antes do ano 2000 era difícil visualizar palabras galegas na fitas de ramos ou coroas, nas mensaxes de pésame, nas necrolóxicas ou nas campas, nos últimos anos a estabilidade lingüística vai gañando terreo. De ser raro localizar un camposanto en que houbese un epitafio confirmando o rumbo certo cara ás mil primaveras máis, pasouse a seren excepcionais os lugares en que aínda non deu entrado, mesmo que sexa en pequenas doses, o galego escrito.

Como xa vén sendo tradición, o Consello da Cultura Galega convoca no outono os Encontros para a Normalización Lingüística como un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición. Facémolo baixo o lema Vivir e perdurar na nosa lingua e, á vista de que o cambio social está acompañado dunha mudanza cultural significativa, promovemos o diálogo entre diferentes axentes sociais. Convidamos a reflexionar sobre a importancia da lingua escollida para os actos funerarios, coa presentación dunha visión panorámica das porcentaxes de uso neste primeiro cuarto do século XXI. Na primeira das mesas pretendemos mostrar como son os rituais funerarios nas cerimonias civís e nas habituais das confesións relixiosas maioritarias. No comezo da tarde, reuniremos diversos axentes que prestan servizos funerarios que mostrarán de que recursos dispoñen as empresas para atenderen a demanda de servizos en galego. O programa de relatorios finaliza cunha mesa de traballo na que se exporán iniciativas dinamizadoras presentadas por entidades públicas e privadas.

Despois das exposicións, a xornada remata cun relatorio de campo: en camiñada polas culturas da morte no escenario urbano compostelán, conducidos por Manuel Gago.

Esta peza audiovisual compila epitafios e mandas testamentarias recollidos de fontes históricas, literarias, redes sociais e proxectos dinamizadores. De maneira especial, de En galego, agora e sempre, da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia.

29/09/24

VIAXE POLOS CEMITERIOS DE ORTIGUEIRA, A CORUÑA, ORDES e RIANXO








O filólogo Diego Cabarcos, da Universidade da Coruña, realizou o traballo de campo de visualización e estudo do uso lingüístico en tres cemiterios: o de Santo André de Lesta (en Ordes) e os de San Cristovo das Viñas e Santa María de Oza (na Coruña). As porcentaxes oscilan entre o 2'2% da parroquia de Ordes e a coincidencia entre o 0'7% das dúas parroquias da Coruña.


Freguesía

Total familias

Uso do galego  

Data da 1ª

Inscricións de propiedade

Data de revisión

Autoría da revisión

LESTA (Ordes)

221

5

(2'2%)

2010

 0

Setembro de 2024

Diego Cabarcos

VIÑAS

1180

9

(0'7%)

1990

 0

Setembro de 2024

Diego Cabarcos

OZA

805

6

(0'7%)

1979

 0

Setembro de 2024

Diego Cabarcos



Pola súa parte, a través de David Canto Veiga, chéganos o resultado doutro traballo de campo: o do escritor Xosé Manuel Lobato (Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación). Segundo este profesor de Matemáticas no IES Félix Muriel, na parroquia do centro urbano do concello a porcentaxe de uso do noso idioma está no outro extremo: pasa do 20% (a máis alta que temos localizado neste momento).

Freguesía

Total familias

Uso do galego  

Data da 1ª

Inscricións de propiedade

Data de revisión

Autoría da revisión

RIANXO

539

112

(20'7%

Sen referencia

Sen referencia

Setembro de 2024

Xosé Manuel Lobato


No termo municipal de Ortigueira, o traballo de campo foi realizado polo historiador Gerónimo Martínez, que preparou a exposición titulada Palabra e Memoria nas parroquias de Ortigueira, que pode ser visitada na Escola da Sociedade de Instrución e Recreo A Devesana. Segundo esta investigación, hai lápidas en galego en 15 dos 20 cemiterios parroquiais. A cifra máis alta (6%) alcánzase en Couzadoiro e o momento de partida é o ano 1972, onde foi colocada a primeira, por iniciativa do mestre César Martínez Yáñez, que naquel momento tiña 24 anos. Chaman a atención tres inscricións de propiedade: unha na parroquia de Cuíña e outras dúas no citado Couzadoiro.

Freguesía

Total familias

Uso do galego  

Data da 1ª

Inscricións de propiedade

Data de revisión

Autoría da revisión

20 freguesías de Ortigueira

2905

48

(1'6%)

1972

3

Setembro de 2024

Gerónimo

Martínez


Video didáctico preparado polo historiador Gerónimo Martínez



28/09/24

“Premios Bacelos de Prata 2024”


                                                                                                 Xosé González Martínez
                                                                                              (Presidente do Foro E. Peinador)


Lembro moi ben a primeira vez que visitei a Casa dos Ulloa, pazo de aboengo, situado en Esposende do concello de Ribadavia. Acababa de mercala o amigo Cándido Vázquez coa finalidade de convertela nunha casa rural. Aquel pazo fora moradía da familia dos Ulloa coa que emparentara o catedrático Álvaro das Casas, un home clave no rexurdimento do galeguismo na década dos anos trinta do século pasado. Sendo catedrático no Instituto de Noia fundara o grupo xuvenil “Ultreia”, un movemento asociativo sen precedentes na historia de Galicia. Chegou a ter inscritos máis de tres mil mozos; as mulleres eran ben poucas, por certo. Moitos deles foron cualificados militantes da causa galeguista anos
despois, desepeñando postos relevantes na reconstrución da identidade galega.
Naquela visita Cándido Vázquez amosarame unha amplísima documentación que atopou arrombada nunha das dependencias do pazo. Carteis das festas da parroquia de Esposende editados en lingua galega, e moitos recordatorios ou obituarios, que así se lles chamaba a este tipo de publicacións, para anunciar as exequias de persoas falecidas, todas elas impresas tamén en lingua galega.
Álvaro das Casas foi tamén fundador da UCRA (Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avía) en xaneiro de 1936. Pouca vida tivo aquel proxecto asociativo, que foi tronzado pola sublevación militar. Pero os seus obxectivos prevaleceron, e aínda hoxe teñen vixencia. 
Facía moito fincapé na necesidade de recuperar as castes de viño autóctonas, o control de calidade, e, sobre todo, identificalos coa cultura galega. Entre a morea de papeis atopada sorprendéronnos os centos de etiquetas destinadas a identificaren os envases da marca do viño que Álvaro das Casas pensaba comercializar en lingua galega.
Por volta dos anos noventa recuperamos o orixinal discurso galeguizador de Álvaro das Casas. Constituímos unha asociación co seu nome e convocamos os premios “Bacelos de Prata” para premiar aos adegueiros que etiquetan as botellas en lingua galega. Os premios ampliámolos a outros produtos agroalimentarios que fan o mesmo.
Este ano o xurado concedeullelos a dúas marcas comerciais ben coñecidas: unha de viños e outra de produtos lácteos.
A Adega Pazo Lalón, que está situada na localidade de Barro de Gomariz, no veciño concello de Leiro. Elaboradores de viños desde o ano 1992, botando man da máxima tecnoloxía, pero sendo fieis a unha maneira tradicional de facelos. Cómpre dicir que pola súa calidade foron distinguidos con premios ben reputados no sector vinícola.
Kalekói, constituída en 2014 no concello de Rodeiro (Pontevedra), elabora iogures naturais con froitas de tempada, e leite envasado procedente das vacas que pacen na propia explotación agrícola de 42 hectáreas de extensión. A marca converteuse nun produto de referencia nos máis recoñecidos centros de distibución de produtos de alimentación.
Estas dúas marcas comerciais son a expresión do éxito empresarial baseado na excelencia das súas ofertas comerciais, que decidiron, ademais, aliarse estratexicamente co idioma galego como un elemento diferenciador, e reforzar así a autenticidade da oríxe xeográfica onde se elaboran. Un amplísimo sector do consusmidores ávidos da galeguización da economía prefiren estes produtos por esa peculiar característica.
O próximo sábado, día 5, ás 12:00 horas, as portas da adega da Casa dos Ulloa estarán abertas para recibir a todas as persoas que miran con simpatía este proceso galeguizador da economía galega. A cantora María do Ceo animará o acto coas súas celmosas melodías.

29/06/24

Avaliación do Modelo Burela: entrevista a Pedro López Morillo

En Radio Foz, David Val conversou con Pedro López Morillo. Falaron do Traballo de Fin de Mestrado (TFM) co que conseguiu a máxina cualificación: «Análise e avaliación do Modelo Burela de planificación lingüística: cara unha xestión integral da diversidade idiomática».

Uns días antes, nunha entrevista realizada por Ramón González Rey, publicada en La Voz de Galicia, o autor da investigación salientaba o seguinte:

«Este proxecto racha con ideas preconcibidas, como que nas cidades, vilas e poboacións grandes ou densas en xeral a mocidade vai tender a falar menos galego. Aquí hai un exemplo de que iso se pode cambiar. No ámbito da normalización lingüística tivo un éxito rotundo, dino os datos das enquisas realizadas».

«O único que falta é dar a coñecer un proxecto que me parece que debe ser un referente a nivel nacional e un modelo a seguir, que demostra que a planificación lingüística é posible, e que a integración tamén».
Capa do Traballo Fin de Mestrado presentado e defendido na Universidade de Vigo
no mes de xuño de 2024 por Pedro López Morillo


O autor da investigación e a súa orientadora, a profesora Ana Elina Martínez Insua, diante do proxector
utilizado por Pedro L. Morillo durante a defensa da investigación


31/05/24

O PROBLEMA É VIVEIRO?

Un comentario do lingüística Víctor Bargiela provoca polémica na Mariña

O lingüista catalán Víctor Bargiela é modelo de neofalante en galego, unha das varias linguas que reúne no seu repertorio persoal. Despois de participar nun curso ministrado pola profesora Romina Bal a través de internet en 2020, propúxose realizar no noso idioma as conversas xeradas pola investigación para a súa tese de doutoramento. Conseguiuno plenamente. A súa aprendizaxe do galego foi tan profunda e acelerada que en menos de seis meses as persoas con quen interactúa non chegan a sospeitar da súa procedencia de fóra da nosa comunidade. 
Durante o seu paso pola Mariña tivo a amabilidade de comentar con varios medios de comunicación as características da súa investigación e incluso de adiantar as súas primeiras impresións sobre as entrevistas xa realizadas. Foi concretamente unha peza publicada polo xornal El Progreso a que levantou a polémica. 

Recollemos aquí as referencias do seu contacto cos medios de comunicación da Mariña: 

 Reportaxe en El Progreso
 Noticia editada por Cronica3.com.
 Entrevista en Proxecto Neo.
Conflito nas redes sociais

24/05/24

JENNIFER BALSEIRO FERNÁNDEZ: A FORZA DA PEDAGOXÍA NA BASE


A profesora Jennifer Balseiro durante a entrevista en Proxecto Neo



A profesora Jennifer Balseiro foi protagonista da edición 421 de Proxecto Neo, onde foi entrevistada por Sara Villarquide e polos seus alumnos Nicolás Amorín e Omar Veiga, coa colaboración de Tristán Gómez, Iago Rodríguez e Hugo F. Galdo.
Despois de ubicarnos en San Claudio -equidistante entre Ortigueira e Cariño-. a entrevistada falou da súa experiencia como alumna no IES de Ortigueira e tivo un especial recordo para dúas docentes -unha de Matemáticas e outra de Lingua Francesa-, a quen considerou como "moi relevantes" na súa vida. Tras unha breve referencia á Escola de Imaxe e Son da Coruña falounos de dous prestixiosos intelectuais a quen tratou durante a súa experiencia laboral: Manuel Lourenzo e Gustavo Pernas Cora. Durante a entrevista referiuse tamén aos estudos de Linguas Modernas e á experiencia docente.

Biografía da entrevistada

Jennifer Balseiro Fernández (San Claudio - Ortigueira; 1995), estudou o ensino básico e secundario na súa localidade de orixe e entre os anos 2013 e 2015 cursou un ciclo superior de Realización de proxectos audiovisuais e espectáculos na Escola de Imaxe e Son da Coruña; e fixo a formación en centros de traballo na compañía Voz Audiovisual, durante a gravación da segunda tempada da serie Serramoura.
Para alén de dirixir varias curtametraxes documentais e de ficción, foi auxiliar de dirección e produción de videoclips. Coa dirección de Gustavo Pernas Cora, colaborou na escrita da peza teatral Medos e demos (2015) e foi unha das actrices que representaron o espectáculo. 
Posteriormente, estudou o Grao de Linguas e Literaturas Modernas na USC, especializándose na lingua francesa. Tras rematar o mestrado de formación do profesorado en Lugo, comezou a exercer a docencia. Desde setembro de 2023 é profesora de francés no IES Perdouro.



No centro da imaxe, a profesora Jenifer Balseiro compartiu con toda a Masa Coral Modelo Burela esta fotografía de recordo.


A actual profesora do IES Perdouro con Sheila Fariña durante a gravación dun dos capítulos de Serramoura.

18/01/24

MODELO BURELA ABRE NOVA ETAPA BAIXO A COORDENACIÓN DE VANESSA VILA-VERDE



Coa entrada en 2024, a intervención educativa Modelo Burela iniciou unha nova etapa, que estará coordenada pola profesora Vanessa Vila-Verde, quen se incorporou ao grupo de traballo en setembro de 2022.
Licenciada en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago (USC), Vanessa Vila-Verde Lamas (Pontevedra, 1979) comezou a súa vida laboral no ámbito empresarial dos servizos informáticos. Desde 2007 traballou como tradutora e localizadora de software en Imaxin Software. 
En 2015, o ano de entrada na profesión docente, comezou a leccionar nas Escolas Oficiais de Idiomas de Compostela, Montijo (Extremadura), Pontevedra e Lugo. Posteriormente, pasou a ser profesora de Ensino Secundario con destino na EPAPU de Albeiros (Lugo) e no IES Cacheiras en Teo.
Desde o inicio do curso 2022-2023 está no IES Perdouro de Burela, onde se ocupa da docencia da materia de Lingua Portuguesa no Bacharelato, no Programa de Cualificación Lingüística (CUALE) para a preparación dos niveis B1 e B2 e na Atención á Diversidade. 
Entre o ano 2009 e 2014 fixo parte de Filmes de Bonaval, un colectivo audiovisual que produciu e realizou diversas filmaxes sobre o noso património lingüístico, nomeadamente en zonas de fronteira. Unha parte destes traballos de campo están recollidas en tres documentarios: Entre Línguas (2010), Em companhia da morte (2012) e A fronteira será escrita (2014).

A profesora Vanessa Vila-Verde (no centro da imaxe) e a directora do IES Perdouro, María José Paradiñas, acompañan o grupo de traballo que realizou o programa 405 na tarde do día 17 de xaneiro de 2024.