María Fuente
Vouvos facer partícipes da miña viaxe por Turquía. Todo comezou hai uns anos en Bulgaria. Fixera unha viaxe para participar nun encontro de música a celebrar na cidade de Sofía por iniciativa dun proxecto europeo. Nesa viaxe fun co meu amigo Juan, tamén músico-terapeuta, con quen comparto iniciativa de músico-terapia en Asturias.
Estando en Bulgaria, Juan coñeceu unha moi linda rapariga turca chamada Ceren e o que parecía ser un romance de Erasmus+ continuou no tempo e chegou á celebración dunha voda en Ankara.
Considérome un pouco responsábel desa relación xa que fora eu quen convidara o amigo Juan a vir comigo a aquel encontro de emprendemento social e de cultura sustentábel celebrado en Bulgaria.
A voda foi moi divertida, con moita música en directo e moito baile, e observei diferenzas coas vodas en España. Por exemplo, os noivos comen antes da cerimonia porque despois non teñen tempo. A música e o baile fanse ao mesmo tempo que se fai a comida. Os convidados teñen o costume de dar diñeiro aos músicos mentres estes tocan. Tamén se venden as fotografías da voda no mesmo día.
Este é un dos motivos polos que estou aquí. Tamén porque me gusta moito viaxar e quería coñecer a Capadocia, un lugar máxico. Encantoume!!
Agora escribo estas impresións mentres estou no tren camiño de Istambul, onde estaremos uns días.
Vémonos! Apertas!!!
![]() |
A autora da crónica durante a viaxe á Capadocia. |
MARÍA FUENTE naceu en Madrid e vive en Lourenzá. É doutoranda na Universidade de Santiago de Compostela. A súa tese titúlase Do pensamento musical grego clásico á Musicoterapia: unha exploración filosófica e científica. Con ela quere buscar os vínculos entre o pensamento musical e a evidencia científica.
Esta crónica é tamén un exercicio para o Curso de Lingua Galega para Neofalantes, celebrado na Escola de Arroxo.
Sem comentários:
Enviar um comentário