23/05/25

XOSÉ LASTRA MURUAIS EXPLICA EN RADIO FOZ UNHA DESPEDIDA EN GALEGO EN VILAMEÁ (1969)



Foi un 22 de maio de 1969. Un estudante de Maxisterio perdeu a muller que o trouxera á vida. Pouco despois, ese mesmo estudante redactoulle unha mensaxe de eterno recordo. O novidoso: superou o tabú e puxo por escrito as mesmas palabras que falaría con ela. Durante 30 longos anos foron as únicas de todo o recinto. Xustamente pasados tres decenios, aquel mesmo fillo, que xa levaba tempo exercendo o Maxisterio, insistiu no empeño e puxo no mesmo idioma o recordo ao pai.Agora ese idioma está por todo o recinto e está na boca de toda a descendencia de Asunción e Eladio. Explícao Xosé Lastra Muruais en Radio Foz, en conversa con Anxo Rivas.
Que felices estarían nun concerto da súa neta Xiana, escoitándoa cantar acompañada pola Banda da Loba.
Impresionante todo o patrimonio documental de Vilameá, da Ponte Nova e de todas as parroquias do termo municipal!



12/05/25

"PALABRA E MEMORIA" no "Con outra voz", de Félix Jorquera, en RADIOVOZ



"Con outra voz" é o título do programa de Félix Jorquera en RadioVoz, un programa que se emite nas xornadas matinais dos sábados e os domingos entre as 10 e as 14:00 horas. Na primeira hora do domingo, día 11 de maio, o condutor do programa entrevistou o alvanel Enrique García, que fixo a revisión das inscricións funerarias colocadas por máis de 3.000 familias en 16 parroquias dos concellos de Miño, Vilarmaior, Monfero, Paderne e Pontedeume. Son 6 minutos de conversa que constitúen un auténtico modelo de boas prácticas ao servizo da dinamización cultural e da cohesión social.