Carlos Pascual Garcés Sánchez
A Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María volvéronnos a agasallar coa publicación dun libro: A NOITE QUE SE FOI A LUZ, de Manuel Castro Santamaría.
Para min é unha lectura amena que nos leva á Galicia rural dos anos 50 e 60 a través dos contos dun avó ao seu neto. Tróuxome lembranzas da miña infancia cando podía vivir na aldea onde pasaba as vacacións.
A trama: debido a un apagamento, avós e neto atópanse enfrascados en conversas arredor da cociña de leña. Estas conversas levan avó e neto a dar paseos pola zona onde o patrón conta ao rapaz as súas experiencias de neno.
Non darei máis detalles para que o lector goce da lectura, se se atreve.
A estrutura quizais podería ser máis dinámica, mais aínda así a lectura resulta moi amena. É ben certo que pode ser necesario ter un dicionario á man, xa que hai palabras que poden resultar descoñecidas para un público xeral, mais con respecto a isto último salientamos a importancia de recuperar expresións e ditos que nos identifican como galegos.
Finalmente, fago unha reflexión sobre a nosa actual dependencia das tecnoloxías que nos illan como individuos e nos impiden comunicarnos de xeito que nos farían máis solidarios e, polo tanto, máis humanos. O apagamento que vivimos en todo o Estado hai uns días podería ter sido unha boa oportunidade para poñer en práctica o que propón Manuel Castro Santamariña.