27/06/25

NECROLÓXICAS HISTÓRICAS

 Son moitas as persoas que nos envían colaboracións para a iniciativa de educación social Palabra e Memoria. Agora mesmo non temos capacidade para estudalas e ofrecelas publicamente acompañadas de explicacións que por veces resultan necesarias. Por iso resolvemos gardar a información en soporte informático, de maneira que no futuro alguén a poda converter en materia prima para un traballo de investigación.

Entre esas colaboracións está a de Roberto Lavandal, que realizou consulta nas hemerotecas de diversos xornais -por agora: El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, El Progreso, Diario de Pontevedra e El Correo Gallego- e que nos mandou a información no momento inmediato á súa localización.

A máis antiga das que visualizou foi a de Joán Chao Fernández, marido de Carmen Maciñeira Bouzamaior, pai de Joán, Micaela, Teresa e Carmen Chao Maciñeira e sogro dos irmaos Antón e Ramón Vilar Ponte.


Segundo Suso Permui Saavedra, un dos biógrafos da familia Chao Maciñeira, Joán Chao naceu en Devesos (Ortigueira) en data de 29 de xuño de 1842 e faleceu na Coruña no día anterior á publicación desta necrolóxica en El Pueblo Gallego, o 18 de decembro de 1918 (poucos meses despois da fundación das Irmandades).

Da mesma familia Chao Maciñeira, é a de Micaela -a esposa de Antón Vilar Ponte-, falecida na Coruña no mes de novembro de 1928. A información foi tamén publicada en El Pueblo Gallego.


Do ámbito das Irmandades é a de Manuel Bao Gacio, publicada no mesmo xornal no día 12 de xaneiro de 1933, tamén por iniciativa da familia: a filla era a pedagoga Elvira Bao Maceiras (Coruña, 1890-1971).



A de Salvador Cabeza de León foi publicada, como agradecemento, polo Seminario de Estudos Galegos -entidade da que foi presidente- con data de 22 de maio de 1934.

 


Con posterioridade á guerra civil, xa na última parte da ditadura, foi publicada  tamén por iniciativa da familia a de Antón Beiras García, con data de 2 de abril de 1968. 


Ano e medio despois, un 24 de decembro de 1969, publicouse a de Virxinia Pereira (viúva de Castelao).  Neste caso, tomou a iniciativa unha entidade emerxente: a Asociación Cultural de Vigo.



Por iniciativa da familias e tamén na cidade de Vigo foi publicada a de Antón Fernández Fernández. Era un 15 de xuño de 1972; o cemiterio, o de Santo Tomé do Freixeiro. Ben diferente era a publicada pola empresa no mesmo xornal El Pueblo Gallego, como todas as anteriores.



A primeira que rexistrou Roberto Lavandal na cidade de Lugo e neste caso no xornal El Progreso foi a do cabodano de Ángela Losada Sánchez,  oficiado en abril de 1973. A falecida era a sogra de Avelino Pousa Antelo.


A comunidade dos padroneses residentes en Pontevedra, sempre moi activa, sufragou o recordo a Arturo Reboiras San Martín, publicado no Diario de Pontevedra en data sinalada: 17 de maio de 1975. O inspector de Facenda repousa en Dodro. 



Dous anos despois de ter aparecido a da sogra de Avelino Pousa Antelo  (que desde 1948 dirixía en Sarria a Granxa de Barreiros, dependente do Colexio Fingoi), tamén por iniciativa da familia publicouse en El Progreso a necrolóxica de Eudosia Rodríguez. Foi no día 25 de setembro de 1975. 


Do ámbito literario é a de  Modesto Rodríguez Figueiredo publicada  con data de 12 de decembro de 1976 no Diario de Pontevedra. A iniciativa foi do Patronato do Pedrón de Ouro.



Tamén no Diario de Pontevedra e novamente por iniciativa do grupo de padroneses na cidade do Lérez, un 17 de decembro de 1976 foi publicada a necrolóxica de Casilda Vidal Sende, cuxa familia estivo sempre vinculada á Casa Museo de Rosalía de Castro.

 


Despois da morte do ditador, apareceron unha serie de necrolóxicas dedicadas a militantes de partidos que defendían a recuperación da Democracia. Un deles foi Paco Fernández Filgueira, de Mugardos, lembrado pola agrupación luguesa do PCG o 4 de setembro de 1976.



Neste caso en Ribadeo Claudio Pérez Prieto é lembrado en febreiro de 1977 como "Galeguista". A necrolóxica foi publicada pola Agrupación Francisco Lanza.


Poucos meses despois tamén as páxinas de El Progreso recollen a necrolóxica do candidato carlista á coroa de España, falecido no exilio: Francisco Javier de Borbón y Parma. O carlismo lucense dedicoulle a misa en Lugo  7 de maio de 1977. 


Só un día despois,  8 de maio de 1977, El Progreso publicou a de Xesús Piñeiro Landeiro, veterinario de Reigosa, na Pastoriza. Neste caso a iniciativa foi da familia.


Tamén por iniciativa da familia, publicouse en El Progreso a celebración do IV cabodano do falecemento de Avelino Sánchez Rodríguez, da Casa Sánchez de Lugo. A publicación é de 12 de xuño de 1977.


Con data de 4 de outubro de 1977, por iniciativa da familia do finado, publicouse en El Progreso a necrolóxica de Xosé Fernández Rodríguez.


Un mes máis tarde, en novembro de 1977, publicouse outro recordo a un activista político. Neste caso trátase de Xesús Ascariz Morandeira, que foi lembrado polos compañeiros do P.S.P.G. de Lugo. O partido fundárase un ano antes e posteriormente integrouse no P.S. de G. -PSOE.



Xa en decembro de 1978, por iniciativa de Isaac Díaz Pardo e do grupo Sargadelos, publicouse en El Progreso a lembranza a María Maximina Pena Oroza, cuxos restos descansan na actualidade no cemiterio municipal da Puída, en Burela.





Sem comentários:

Enviar um comentário