BURELA CELEBRA O IVº ENCONTRO “LETRA VIVA” EN RECORDO DE CELSO EMILIO FERREIRO E DO ARMADOR LOCAL JOSÉ ANTONIO LESTAO
No evento, que clausura as 
actividades da área de innovación educativa do Instituto Perdouro, 
participa Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia
A biblioteca do Instituto Perdouro 
acollerá o primeiro dos actos académicos de clausura das actividades do 
Proxecto de Innovación Educativa programados para a xornada do día 27 de
 xuño. Ás 11:00 horas está prevista a recepción das autoridades, entre 
as que figuran o alcalde de Burela, Xosé González Barcia, e o Secretario
 Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. Tras unhas palabras
 de benvida pronunciadas por Juan Sama Díez (director do centro) e por 
María José Andión Fontela (coordinadora da área de Innovación 
Educativa), procederase á proxección de tres vídeo-poemas realizados por
 alumnos e alumnas de 4º de ESO sobre textos de Celso Emilio Ferreiro, 
unha actividade que estivo coordinada pola profesora Miruca Parga 
Valiña. Seguidamente, cerrarán o acto as intervencións de Anxo Lorenzo e
 de Xosé González Barcia.
Ás 11:30 unha comitiva formada polas 
autoridades, acompañadas polo alumnado e por representantes do 
profesorado, fará un paseo urbano entre o Instituto Perdouro e a Praza 
do Concello, con parada na Rúa Celso Emilio Ferreiro. Ao mediodía, 
diante do consistorio procederase á presentación da campaña “Eu Vivo na 
rúa Celso Emilio Ferreiro” impulsada pola Consellería de Cultura, 
Educación e Ordenación Universitaria.
A citada campaña é unha actividade 
programada polo departamento do goberno galego “para favorecer, desde un
 ton sinxelo e vinculado ao lecer, un maior coñecemento do autor entre  
os residentes nas rúas Celso Emilio Ferreiro das 28 localidades de 
Galicia que a incorporan no seu rueiro. A campaña consiste na 
distribución nas casas dun folleto con información detallada sobre o 
autor e sobre a súa obra”.
Ás 12:00 horas tomará a palabra o 
Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, para presentar a campaña a 
desenvolver en diversas localidades da provincia de Lugo. Seguidamente, 
realizarase un recital de poesía no que interveñen persoas estreitamente
 vinculadas ao desenvolvemento do Modelo Burela de Planificación 
Lingüística. A estudante de Medicina Lucía Barrera, o cineasta Matías 
Nicieza, o estudante paquistaní Umer Mohammad, a intérprete Alba García 
Pico e os profesores Karina Parga e Juan G. Sama recitarán diversos 
poemas de Celso Emilio Ferreiro.
A xornada cultural finalizará ás 20:30 
horas, coa descuberta dunha placa de homenaxe a José Antonio Lestao 
Manzano (1893-1974), un veciño de Burela moi implicado na consecución de
 infraestruturas portuarias, educativas e de servizos sociais para a 
localidade. Este acto celebrarase no xardín da vivenda familiar 
construída por iniciativa de Lestao Manzano en 1937 e que está situada 
na intersección da rúa das Flores coa de Celso Emilio Ferreiro.
 
Sem comentários:
Enviar um comentário