A diversos coloquios co escritor madrileño Matías Escalera únese o concerto do grupo vocal “Son de Nós”
O mes de maio 
comeza con intensa actividade na axenda do Modelo Burela. O escritor 
madrileño Matías Escalera participará en diversos eventos de divulgación
 da lectura e o grupo vocal “Son de Nós” oferecerá na Igrexa da Vila do 
Medio o concerto “Os Camiños da Lingua”.
As actividades comezarán o próximo día 2 de maio, coa participación de Matías Escalera nunha sesión extraordinaria do clube de lectura
 que se reúne na Biblioteca Municipal. O escritor comentará diversos 
aspectos da súa obra cun público que durante estes días estivo lendo 
unha de recente publicación, o volume de relatos titulado Historias de este mundo (Baile del Sol. Tenerife. 2011).
O mesmo escritor manterá encontros co alumnado de bacharelato dos institutos da localidade. Será ás 9:20 horas no IES Monte Castelo e no IES Perdouro ás 12:20.
O mesmo venres, ás 20:00 horas, o acto de animación á lectura celebrarase na Libraría Nobel (Espazo
 Lector), onde –ademais da do autor- se conta coa presenza de 
representantes do Proxecto de Innovación Lingüística e do Clube de 
Lectura así como da profesora Julia María Labrador Ben.
No Camiño da Lingua (Concerto Modelo Burela )
 O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela converterase nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós
 ofrecerá, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de 
ambientación, un concerto que leva por título "Os camiños da Lingua" e 
co subtítulo "Concerto Modelo Burela".  Unha vez máis, coa 
interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa 
fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a
 través do labor de músicos profesionais. Son de Nós, un septeto vocal 
dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso Fernández
 (Viveiro, 1972), preséntase en Burela despois dos éxitos recollidos en 
diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no 
Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo 
libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San 
Martiño.

 
Sem comentários:
Enviar um comentário