11/12/10

Asinando convenio para a difusión do “Modelo Burela” nas verbenas populares

A promoción da interculturalidade é un dos obxectivos principais do convenio asinado o venres 10 de decembro na Biblioteca do Instituto Perdouro. No acto de presentación pública e do protocolo de sinatura do documento subscrito polo Grupo Musical Alma Latina C.B., a área de Innovación Educativa e o Equipo de Dinamización Lingüística do citado centro educativo participaron Alberto Prado e Sandra García Martínez (en representación do grupo musical) e María José Andión (da Área de Innovación Educativa) e Miruca Parga (do Equipo de Dinamización Lingüística), ambas do IES Perdouro.

O convenio, destinado á divulgación do Modelo Burela de convivencia lingüística nas verbenas populares, é o resultado de diversas reunións de traballo conxunto realizado entre o centro educativo e a empresa de espectáculos. Entre as súas cláusulas figura que para a confección do repertorio das actuacións terase en conta o criterio da interculturalidade, reservando un 33% para a interpretación de temas cantados en idioma galego (ben sexa de pezas orixinais da nosa música ou de adaptacións das cantadas orixinariamente noutros idiomas). Outros aspectos que se abordan no documento son os da animación e comunicación co público, a comunicación corporativa da empresa así como a documentación administrativa para os contratos laborais e mercantís.

Alma Latina

A Orquestra Alma Latina de Burela foi cofundada por Sandra García Martínez (Tapia de Casariego; 1982) e Alberto Prado (Cervo; 1968). A vocalista principal ten estudos de acordeón e, antes de participar na fundación de Alma Latina, exerceu como vocalista nas orquestras Planeta, Occidente e Doble Fila. Alberto Prado entrou en contacto coa música a través da asociación Airiños do Xunco, onde aprendeu a tocar a gaita. Posteriormente nos conservatorios de Viveiro e Vilalba realizou estudos regrados de frauta e saxofón, obtendo o Grao Profesional. No seu currículo figura a gravación de dous discos e numerosas actuacións co grupo Nordés.

Iniciativa aberta

O Instituto Perdouro tiña xa promovido un acordo destas características coa Sociedade Deportiva Burela, nunha iniciativa que favorece a moi satisfactoria colaboración entre estas dúas entidades desde o ano 2007. Este novo convenio asinado é unha continuación da disposición do centro educativo para o traballo conxunto coas diversas entidades comerciais e empresariais da Mariña interesadas na actualización dos canais de comunicación coa clientela. Neste sentido, o IES Perdouro conta con diversos modelos de convenios e ofrece a empresas e particulares a posibilidade de visualizar a documentación orientativa recollida no Arquivo Documental de Burela.

Sem comentários:

Enviar um comentário