14/01/11

Primeiros resultados da aplicación do “Modelo Burela” no Vicedo

ENTRE OUTRA DOCUMENTACIÓN, REXISTROUSE O ACHADO DE DÚAS OBRAS LITERARIAS INÉDITAS

A aplicación do sistema de traballo do Modelo Burela está dando resultados moi satisfactorios na localidade do Vicedo. Iso é o que se desprende das palabras da profesora Aida López Vale, a impulsora desta iniciativa, quen mostrou ao alumnado de Bacharelato do IES Perdouro os primeiros resultados obtidos tras unha primeira fase de recompilación documental.
Na última semana de setembro, coincidindo co inicio do curso 2010-2011, a profesora Aida López Vale participou nos XVIII Encontros Pedagóxicos da Mariña e neles asistiu a un obradoiro de divulgación da estratexia didáctica posta en práctica pola Área de Innovación Educativa do IES Perdouro. Tras unha primeira impresión positiva, solicitou a documentación xerada polas actividades realizadas en Burela e estudou a viabilidade dunha intervención de dinamización lingüística semellante no concello do Vicedo e decidiu poñela en marcha.

A primeira fase do proxecto consistiu nunha recompilación documental entre o vecindario da parroquia do núcleo municipal. Para a súa sorpresa, entre a documentación achada xa polo momento están obras literarias inéditas de dous escritores relacionados coa localidade. A reprodución dun fragmento dun poema permitiu á investigadora dar en Barcelona coa familia do poeta Guillermo Carballo Porta (Redes-Ares, 1905 – O Videdo, 1982) e encontrar naquela cidade unha parte importante da creación literaria escrita por este emigrante galego moi especialmente no período comprendido entre 1960 e a data da súa morte.

Sem comentários:

Enviar um comentário