TODA A COMARCA NUN “CLIC”. Crónica3.com: cinco anos de xornalismo de proximidade
Por iniciativa da área de innovación
educativa impulsora do Modelo Burela de Planificación Lingüística, a
biblioteca do Instituto Perdouro acollerá ás oito da tarde do próximo
luns, día 11 de xuño, un acto público centrado no labor informativo do Cronica3.com
Baixo o lema TODA A COMARCA NUN “CLIC”. Crónica3.com: cinco anos de xornalismo de proximidade, o centro educativo elaborou un programa de actividades que inclúen un saúdo de Juan G. Sama Díez
(director do IES Perdouro) e unha visita a unha exposición dos diversos
números da revista O Trasno (impulsada no seu día polo Colectivo
Cultural Buril e agora reeditada en facsímil pola mesma entidade co
patrocinio da Deputación de Lugo). A xornada finalizará coa entrega do
recoñecemento “Modelo Burela” aos impulsores deste medio de
comunicación. Ademais dos representantes da área de innovación
educativa, farán uso da palabra Anxo Rivas Pardeiro (de Radio Foz), Alfonso Otero Regal (colaborador de opinión) e Emilio González Legaspi (en representación dos editores do Cronica3.com).
Os organizadores indican que “tras un
lustro de constante traballo informativo ao servizo da vertebración así
como do desenvolvemento económico e cultural da comarca, chega o momento
do recoñecemento público tanto ao Cronica3.com ás persoas que o fan
posible. Con esa intención, tomamos a iniciativa de organizar un
encontro entre os responsables do medio e unha representación plural da
súa audiencia”.
PARTICIPACIÓN DA AUDIENCIA
A entidade convocante espera recoller en
primeiro plano a valoración que fai a propia audiencia sobre este medio
de comunicación. Para iso fai un chamamento á participación colectiva
elaborando un texto específico para esta ocasión. O escrito pode ser
feito a título individual ou en representación “das entidades cívicas
que teñen neste medio do xornalismo dixital un eficaz divulgador das
súas convocatorias e iniciativas”.
Todas aquelas persoas que o desexen, poden enviar as súas opinión a modeloaditivo@gmail.com
antes das 14:00 horas do mesmo día en que se celebran os actos: o luns,
día 11. Todas as colaboracións estarán expostas no instituto durante a
xornada.
Neste momento, a organización xa conta coa participación de diversas entidades representativas do ámbito territorial da Mariña.
Sem comentários:
Enviar um comentário