O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato foi partícipe duns obradoiros de comunicación en linguas inglesa e galega a cargo da sociolingüista Bernie O'Rourke os días 21 e 22 de febreiro respectivamente. Toni Galdo, profesor de lingua inglesa, moderou un candente debate sobre as similitudes entre o gaélico e o galego. O alumnado puido coñecer de primeria man a realidade sociolingüística de Irlanda asi como debater sobre as políticas lingüísticas de Galicia e Irlanda. Bernie suscitou dúbidas ao respecto en ambos países e compartiu co noso alumnado puntos de vista sobre a convivencia lingüística en Galicia.
22/02/13
21/02/13
Proxecto Neo nº 44 coa sociolingüista irlandesa Bernie O'Rourke
Bernie O'Rourke
protagonizou o programa radiofónico de hoxe. Estudou tradución en
Dublín e continuou facendo sociolingüística. Viaxou a Galicia hai dez
anos como lectora na Facultade de Filoloxía Inglesa da Coruña. Tivo a
oportunidade de traballar ou coñecer varios sociolingüistas galegos: Celso Alvaréz Cáccamo, Fernando Ramallo, e Olga Castro. De volta de Galicia doutorouse en Dublín.
Sendo neofalante en
gaélico, estivo comentando as similitudes entre o gaélico e o galego.
Expresouse con total fluidez en galego. Fermosísimo!
Para escoitar o programa e coñecer de primeira man a realidade irlandesa preme aquí. Neofalante en gaélico e neofalante en galego!!! |
20/02/13
Obradoiro de comunicación "Modelo Burela"
A convidada da presente edición é a sociolingüista irlandesa Bernadette O’Rourke
Bernadette O’Rourke, profesora do Departamento de Linguas e Estudos Interculturais da Heriot-Watt University de Edimburgo, estará entre os días 20 (mércores) e 22 (venres) do presente mes de febreiro en Burela para coñecer de xeito directo o Modelo de Planificación Lingüística aplicado na localidade. Aproveitando a súa visita, o Instituto Perdouro convidouna a participar nunha nova edición dos Obradoiros de Comunicación “Modelo Burela”, actividade que botou a andar en marzo de 2010 coa colaboración do profesor hindú Anik Nandi.
Desenvolvemento da actividade
Esta actividade de comunicación ten como obxectivo o fomento da fluidez comunicativa nos idiomas inglés e galego. Bernie O’ Rourke (con aprendizaxe inicial de inglés e neofalante en galego) e Héctor Canto (galegofalante inicial e neofalante de inglés) aproximarán aínda máis as culturas galega e irlandesa, xa relacionadas entre si desde tempo inmemorial.
As primeiras actividades destas xornadas celebraranse na tarde do mércores. Ás 5 da tarde, a profesora O’ Rourke participará en directo no programa radiofónico escolar Proxecto Neo, emitido por Radio Burela todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Seguidamente, comezará a realizar un traballo de campo consistente en diversas entrevistas coas que pretende obter un diagnóstico do panorama cultural de Burela.
Tanto nas xornadas do xoves como do venres, a profesora convidada participará en actividades didácticas con alumnado de ESO e Bacharelato (en horarios aínda en elaboración) e continuará cos traballos da súa investigación.
A profesora convidada
Pouco despois do cambio entre séculos chegou á Coruña para traballar na Universidade como lectora de Lingua Inglesa. Do seu contacto coa realidade cultural galega, surxiu o tema da súa tese de doutoramento: a comparación da situación sociolingüística de galego e gaélico. Posteriormente iniciou outras investigacións en colaboración coa Universidade de Vigo e realizou o curso de Lingua e Cultura Galegas celebrado no CUVI en 2011.
Outras referencias:
http://hw.academia.edu/BernadetteORourke
A profesora convidada
Pouco despois do cambio entre séculos chegou á Coruña para traballar na Universidade como lectora de Lingua Inglesa. Do seu contacto coa realidade cultural galega, surxiu o tema da súa tese de doutoramento: a comparación da situación sociolingüística de galego e gaélico. Posteriormente iniciou outras investigacións en colaboración coa Universidade de Vigo e realizou o curso de Lingua e Cultura Galegas celebrado no CUVI en 2011.
Outras referencias:
http://hw.academia.edu/BernadetteORourke
Artigo de opinión de Bernie O’Rourke
Chámome Bernie O'Rourke. Son irlandesa, mais levo varios anos vivindo en Edimburgo (Escocia), onde traballo na universidade de Heriot-Watt. Desde o ano 1998, cando fixen un lectorado na universidade da Coruña, levo moitos anos visitando Galicia.
Durante esa estancia comecei a interesarme pola realidade sociolingüística de Galicia e, sobre todo, polo uso do galego. En Irlanda tamén, como sabedes, temos outra lingua que é o gaélico irlandés da que hai cada vez menos falantes tradicionais, aínda que si vemos un aumento no número de neofalantes, isto é, a xente que non ten a lingua como lingua materna ou familiar senón que a aprendeu na escola.
O tema dos neofalantes é algo que me interesa moito. Levo varios anos taballando sobre o mesmo, sobre todo con colegas na universidade de Vigo. Actualmente estamos recollendo datos sobre persoas con estas características e o ano pasado pasei varios meses en Vigo entrevistando a neofalantes de diferentes idades que viven nesa cidade. As súas historias son moi diversas pero moi interesantes.
Durante o meu traballo de campo coñecín un rapaz de Burela, Héctor Canto, un enxeñeiro de telecomunicacións que me falou do Modelo Burela e das medidas inovadoras do proxecto para promover o uso da lingua entre toda a cidadanía, especialmente entre a xente chegada de fóra. Tamén coñecín outro investigador da India, Anik Nandi, que agora está facendo o seu doutoramento comigo en Edimburgo. Anik é un exemplo dun neofalante; aprendeu o galego en Santiago e dende entón fálao con case todo o mundo.
O Modelo Burela demostra que a lingua galega é un ben común para todos e que hai xente de fóra que a ve como unha parte importante da súa identidade. Durante a miña visita á localidade, na próxima semana espero coñecer un pouco mellor a realidade sociolingüística deste lugar de referencia.
01/02/13
Séchu Sende: de escritor a mago?
Din que todo ten o seu remate, mais ás veces hai momentos que non desexamos que rematen nunca. Iso foi o que nos pasou un destes días pasados, porque tivemos a sorte de contar no noso instituto coa presenza dun auténtico mago. Mais non estou a falar dun mago de chisteira e coello, non. É un mago das palabras e dos soños, das linguas e dos sons.
Arredor das doce e vinte da mañá reunímonos na biblioteca os trinta estudantes de bacharelato xunto con alumnado doutros cursos. Logo das típicas leas para atopar o sitio adecuado, fíxose o silencio. Diante de nós atopábase un home normal, sen ningunha característica especial, unha desas persoas que vemos pola rúa e non nos chama en absoluto a atención. O home estaba de pé. Detrás del, a longa mesa tras a cal habitualmente se sentan os conferencistas; e na mesa, unha pequena boneca vestida con roupa árabe. O convidado premeu a man da boneca, que comezou a bailar ao son dunha música. Cando o silencio foi absoluto, premeu de novo no botón para silenciala. Tomou a palabra o noso profesor de Lingua e Literatura, que fixo unha brevísima presentación do seu amigo Séchu Sende.
Séchu Sende é natural de Padrón, mais viviu noutras localidades, entre elas Viveiro. Á Mariña trasladouse cando tiña trece anos e marchou cando finalizou tras superar a Selectividade no Instituto Vilar Ponte. Desde ben pequeno comezara a escribir relatos breves e poemas, mais di que foi no curso 1989-90 cando de verdade espertou o seu amor por escribir e facelo na que non era a súa lingua materna: o Galego. Cun dos seus primeiros poemas gañou o prestixioso premio Minerva. Despois conseguiu afianzarse e publicou diversos libros: Odiseas (que editou xunto con uns amigos) ou Made in Galiza, un referente para a literatura galega moderna. Na actualidade traballa como profesor, mais non deixa nunca de escribir.
Preguntado polos segredos da escrita, Séchu Sende comentounos que para el “o fundamental é ler moito e escoitar a todo o mundo que nos rodea. Fixarse e estar sempre atento ao que poida pasar, porque dunha anécdota, pode saír unha grande historia”.
Xa no final fomos partícipes dun momento único. Diversos estudantes fixeron a lectura pública de diferentes versións propias dun texto do Made in Galiza. Crioulo caboverdiano, Castelán, Inglés e Francés foron algúns dos idiomas en que se fixeron as adaptacións. Marabilloso final para unha charla tan agradable.
Quen non tivese nunca a oportunidade de escoitar falar este mago, non sabe o que perde. Mais quen o queira facer, debe ter cuidado. Mentres está diante do público, Séchu pode ler na mente da audiencia, como imitando un mago. Porque este escritor é un mago que nuns segundos trasládanos dunha conversa rutinaria a un percorrido polo Kurdistán. Un mago que en menos dunha hora pasa a ser un agradábel amigo ao que escoitar. Un mago que doa os beneficios do seu máis recente libro -Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas- para establecer lazos educativos entre unha escola de Compostela e outra da terra curda. Un mago que transforma as palabras e os sons en imaxes dunha experiencia das que deixan pegada. Ese é Séchu Sende, o mago das letras.
Crónica de Sara Gil Cordido - 1º Bacharelato
Subscrever:
Mensagens (Atom)