01/02/13

Séchu Sende: de escritor a mago?

Din que todo ten o seu remate, mais ás veces hai momentos que non desexamos que rematen nunca. Iso foi o que nos pasou un destes días pasados, porque tivemos a sorte de contar no noso instituto coa presenza dun auténtico mago. Mais non estou a falar dun mago de chisteira e coello, non. É un mago das palabras e dos soños, das linguas e dos sons. Arredor das doce e vinte da mañá reunímonos na biblioteca os trinta estudantes de bacharelato xunto con alumnado doutros cursos. Logo das típicas leas para atopar o sitio adecuado, fíxose o silencio. Diante de nós atopábase un home normal, sen ningunha característica especial, unha desas persoas que vemos pola rúa e non nos chama en absoluto a atención. O home estaba de pé. Detrás del, a longa mesa tras a cal habitualmente se sentan os conferencistas; e na mesa, unha pequena boneca vestida con roupa árabe. O convidado premeu a man da boneca, que comezou a bailar ao son dunha música. Cando o silencio foi absoluto, premeu de novo no botón para silenciala. Tomou a palabra o noso profesor de Lingua e Literatura, que fixo unha brevísima presentación do seu amigo Séchu Sende. Séchu Sende é natural de Padrón, mais viviu noutras localidades, entre elas Viveiro. Á Mariña trasladouse cando tiña trece anos e marchou cando finalizou tras superar a Selectividade no Instituto Vilar Ponte. Desde ben pequeno comezara a escribir relatos breves e poemas, mais di que foi no curso 1989-90 cando de verdade espertou o seu amor por escribir e facelo na que non era a súa lingua materna: o Galego. Cun dos seus primeiros poemas gañou o prestixioso premio Minerva. Despois conseguiu afianzarse e publicou diversos libros: Odiseas (que editou xunto con uns amigos) ou Made in Galiza, un referente para a literatura galega moderna. Na actualidade traballa como profesor, mais non deixa nunca de escribir. Preguntado polos segredos da escrita, Séchu Sende comentounos que para el “o fundamental é ler moito e escoitar a todo o mundo que nos rodea. Fixarse e estar sempre atento ao que poida pasar, porque dunha anécdota, pode saír unha grande historia”. Xa no final fomos partícipes dun momento único. Diversos estudantes fixeron a lectura pública de diferentes versións propias dun texto do Made in Galiza. Crioulo caboverdiano, Castelán, Inglés e Francés foron algúns dos idiomas en que se fixeron as adaptacións. Marabilloso final para unha charla tan agradable. Quen non tivese nunca a oportunidade de escoitar falar este mago, non sabe o que perde. Mais quen o queira facer, debe ter cuidado. Mentres está diante do público, Séchu pode ler na mente da audiencia, como imitando un mago. Porque este escritor é un mago que nuns segundos trasládanos dunha conversa rutinaria a un percorrido polo Kurdistán. Un mago que en menos dunha hora pasa a ser un agradábel amigo ao que escoitar. Un mago que doa os beneficios do seu máis recente libro -Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas- para establecer lazos educativos entre unha escola de Compostela e outra da terra curda. Un mago que transforma as palabras e os sons en imaxes dunha experiencia das que deixan pegada. Ese é Séchu Sende, o mago das letras.


Crónica de Sara Gil Cordido - 1º Bacharelato

Sem comentários:

Enviar um comentário