Domingo, día 14 de febreiro. Ás oito da tarde tíñamos unha cita no Auditorio de Burela para asistir ao concerto de presentación do novo disco dobre de María do Ceo: De Portugal a Galicia, Fado. Aínda que o tempo climatolóxico era moi adverso, a artista venceu os obstáculos da natureza e o público respondeu ben.
Na interpretación dos primeiros temas pasámolo ben coa mesma María do Ceo e cos mesmos tres músicos acompañantes que xa coñecíamos desde hai anos. Mais chegou o momento de inflexión produciuse cando a artista nos presentou a versión de "Saudade". Nese momento falounos de Xavier Alcalá e de Andrés do Barro; e despois cantou deliciosamente unha versión moi mellorada. Foi impresionante! Xavier e Andrés merecían aquelas palabras cariñosas e merecían aquela paixón interpretativa.
Mais tarde, xa finalizado o concerto, a artista continuou en diálogo co público, desta vez no recibidor do auditorio. Ducias e ducias de persoas quixeron levar o disco dedicado e acompañalo dunha fotografía coa artista e esta non puxo o menor obstáculo. Atendeu pacientemente todas as solicitudes.
Xusto no final chegou o encontro especial. Modelo Burela en estado puro. A simbiose intercultural. Antonina Semedo e María do Ceo son presentadas, saúdanse e comezan a falar. Unha entrega mostras da súa música á outra diante dun nutrido grupo de xente contempla que entre elas hai moi boa comunicación. É a cultura viva. O concerto como fonte de creatividade para o mañá.
A conversa cálida entre Antonina e María do Ceo concitaba interese entre as persoas que as queremos a ambas. A Anxo Rubiños líaselle na cara que estaba moi contento, que era un feliz anfitrión; o mesmo Matías Nicieza; o profesor Ramón Reimunde e María Xosé Figueira, que seguiran o concerto desde a primeira fila; a artista emerxente Helena Valle; e incluso Dona Genucha García, que noutra ocasión tal vez teña oportunidade de cantar en vivo e en directo un dos moitos romances que sabe.
Sem comentários:
Enviar um comentário