Imaxe do momento en que Inés Pardo Parra comeza a conducir
o acto literario celebrado na Libraría Nobel. Á súa esquerda: Patricia Beltrán,
Matías Nicieza e Marco Pereira
Marco Pereira e Patricia Beltrán coñecéronse por un feliz acaso. Os dous axentes culturais coincidiron no estudio de Radio Burela, con Matías Nicieza de anfitrión. Marco ía emitir o seu Grandes Voces do Noso Mundo e Patricia Beltrán estaba visualizando e comentando o audiovisual de presentación do seu primeiro libro con Matías, que foi quen se encargou da realización do mesmo.
Marco Pereira, paradigma de discreción, entrou sen facer ruído, foi consciente de que había ambiente de traballo e meteuse directamente no estudio, onde lle deu outra voltiña ás páxinas do braille antes de que chegasen as 7 da tarde, a hora de comezo do seu programa.
Como desde a sala en que se estaba facendo a montaxe e visualización do audiovisual chegaban mostras sonoras de que non había unanimidade á hora de encaixar as pezas, Marco entendeu en que estaban traballando e quixo saber máis:
-Quen é esa muller? Vai presentar un libro.
-Vai. É unha muller de San Cibrao.
-E Matías estalle preparando unha presentación audiovisual...
-Está.
A conversa non deu máis de si, porque chegou Helena e había que se centrar na entrevista a Albano Gonçalves, o músico trasmontano assentado en Lisboa, onde dirixe Notas & Voltas, a agrupación musical formada por persoal do Banco de Portugal.
A entrevista correu ben e o conxunto do programa tamén. E Helena marchou. E Marco non quixo marchar sen antes despedirse de Matías e sen saudar e despedirse da muller de San Cibrao.
-Encantado de coñecerte, Patricia. Oxalá teñas moita sorte co libro... O audiovisual seguro que vai ficar ben lindo.
Mais antes de que Alberto Pereira o recollese, Marco verbalizou o que levaba dentro:
-Que día é o lanzamento do libro?
-O sábado da semana próxima. O día 16.
-Eu quero ir...
-Fabuloso! Patricia vai estar encantada de que vaias.
E Marco foi. E escoitou a intervención de Matías. E escoitou a lectura que dun fragmento fixo unha amiga da autora. E escoitou as palabras de Patricia e as de moitas das persoas que alí estaban e que estaban á espera das dedicatorias nos seus exemplares. E aínda máis: Marco reencontrouse cunha súa ex-profesora, que tamén tiña sido ex-profesora de Patricia e o ambiente fíxose moi familiar.
-Oes, moito me gustou o acto.
(...)
-Oxalá puidese eu ler o libro. Agora estou intrigado.
Cumprir ese desexo non era difícil. Só habería que abusar un pouco da confianza coa autora. E a autora deixou abusar da confianza e facilitoulle o libro en formato lexible polo computador de Marco.
Deste xeito, a obra dunha axente cultural da Mariña chegou a outro axente cultural da Mariña durante a tarde do día 29 de abril e nesa mesma tarde comezou o proceso de lectura, apoiado nunha voz metálica de computador.
Nesa mesma noite tivemos as primeiras impresións:
-Amigo, estouno pasando como un anano. Hai unha cousa... Esta moza... a pregunta sobra, porque é vida dela.
Eu xa pillei certas cousas. Esta Valentina comezou a traballar nun xeriátrico, nunha residencia de maiores, e ali atopou unha señora -unha tal Leonor; unha señora cun semblante serio; unha señora que non lle daba moita conversa (o único que fixo foi mostrarlle unhas fotografías; pouco máis lle fixo); até que as dúas comezaron a falar e Valentina comezoulle a contar a historia da súa vida.
Faloulle dos últimos anos do bacharelato. Ela sentía que non era guapa; era unha nena acomplexada, porque -claro- vía as súas amigas que tiñan éxito cos rapaces... mesmo nunha festa viviu unha situación un tanto bochornosa, porque unha amiga dábado todo cun rapaz, a outra con outro... e ela... nada! Máis tarde, en El Salvador, coñeceu un rapaz, o guitarrista da banda de Alejandro Sanz, e quedaron para cear...
Agora estou no momento en que o rapaz a convida a acompañalo durante a xira, primeiro por Guatemala e despois por México.
(...)
-Que che parece?
(...)
-Eu realmente estou "flipando".
E esas impresións reforzáronse uns minutos máis tarde:
-Estou meténdome na historia dunha maneira que é impresionante. É impresionante! Ademais é un libro que creo que se le bastante rápido. Seguramente... Vou ter outras cousas que facer... mais estoume enganchando. E non me gusta iso. A ver se non o vou acabar de ler enteiro até a madrugada!
Temos a certeza de que Patricia Beltrán entendeu perfectamente o abuso de confianza. Se non tivese sido así, na presentación da libraría Nobel ficoulle ben clariño, porque Marco Pereira situouse nun ladiño da tribuna e contou o que tiña para contar. E o público aplaudiu, porque viviu unha magnífica xornada de animación á lectura.
Vasos comunicantes. Cultura viva.
Sem comentários:
Enviar um comentário