Manuel Vilariño
(Profesor de Matemáticas)
Paralelamente a estes traballos, fóronse
poñendo de actualidade os efectos positivos que ten o xadrez, non só nas
vertentes educativas, nomeadamente no relativo ás competencias que toca a
materia de matemáticas e na mellora da comprensión lectora, mais tamén no uso terapéutico -por
exemplo na rehabilitación cognitiva de alumnado con TDAH- e no social, na
integración de determinados colectivos con necesidades especiais. E é este
último aspecto o que dá lugar a esta publicación.
O noso centro conta cun 20% de alumnado estranxeiro
de 16 nacionalidades diferentes. Todos os anos chegan rapaces e rapazas doutros
países, en especial Cabo Verde, con descoñecemento das linguas europeas e, en xeral, con
desfase curricular. A atención a esta diversidade é un dos piares da actuación
do noso centro, entrando aí o espíritu Modelo
Burela como actor de integración.
A principios deste curso, o alumno
portugués Luís Carlos Graça Silva comezaba a súa andaina no noso centro, sen
moita información sobre o sistema educativo galego, mais sabendo que no
instituto se xogaba ao xadrez. Foi por ese motivo convidado a participar nunha
sesión da materia de libre configuración de 2º da ESO para se enfrentar ao
campión dun torneo inicial que se disputara durante as primeiras semanas. A
partida finalizou en táboas, mais deu pé a que o alumnado estranxeiro que
compartía moitas horas con Luís se interesase polo xogo.
Decidimos aproveitar a oportunidade
educativa que se presentaba e estender a materia de Xadrez a este alumnado
estranxeiro recén chegado ensinándolle a xogar durante o seu período lectivo.
Comprobamos que podíamos practicar as nosas
linguas, determinadas habilidades sociais (respeto ao rival, recoñecemento do
bo xogo, análise das partidas), adaptación a unhas normas prefixadas,
responsabilidade na toma de decisións… aspectos máis importantes para este
alumnado que os contidos puramente conceptuais presentes no currículo. Ademais,
de paso, integrábamolos no torneo anual de xadrez que se disputa durante varias
semanas no noso centro.
Así foi como Raquel, Robson e Ronaldo
acompañaron a Luís neste torneo e no encontro xadrecístico celebrado co instituto
Maria Sarmiento de Viveiro.
Seguramente, cando falamos de educación, os
resultados puramente deportivos perden importancia, mais, neste caso, quixemos
destacar a victoria de Luís Carlos dunha maneira especial. Foi un exemplo de
deportividade, compañeirismo e tamén de compromiso, xa que aceptou de moi boas
formas a renuncia a participar no evento co IES María Sarmiento incorporándose
á organización para exercer de maneira impecable como árbitro do torneo.
Finalizamos esta crónica co noso vencedor,
que recibiu a homenaxe dos seus compañeiros e compañeiras en recoñecemento a
este grande ano xadrecístico.