21/06/17

Xadrez, unha ferramenta de integración social

Manuel Vilariño
(Profesor de Matemáticas)







Hai 3 anos, no IES Perdouro comezamos a desenvolver unha iniciativa que procuraba a promoción dunha cultura xadrecística, aproveitando o tirón político e mediático das diferentes resolucións dos parlamentos europeo, español e galego a prol de situar o xadrez no currículo educativo. A día de hoxe, esa cultura agromou e fica consolidada con varios eventos de carácter didáctico e lúdico que desenvolvemos ao longo de todo o ano.

Paralelamente a estes traballos, fóronse poñendo de actualidade os efectos positivos que ten o xadrez, non só nas vertentes educativas, nomeadamente no relativo ás competencias que toca a materia de matemáticas e na mellora da comprensión lectora,  mais tamén no uso terapéutico -por exemplo na rehabilitación cognitiva de alumnado con TDAH- e no social, na integración de determinados colectivos con necesidades especiais. E é este último aspecto o que dá lugar a esta publicación.

O noso centro conta cun 20% de alumnado estranxeiro de 16 nacionalidades diferentes. Todos os anos chegan rapaces e rapazas doutros países, en especial Cabo Verde, con descoñecemento das linguas europeas e, en xeral, con desfase curricular. A atención a esta diversidade é un dos piares da actuación do noso centro, entrando aí o espíritu Modelo Burela como actor de integración.

A principios deste curso, o alumno portugués Luís Carlos Graça Silva comezaba a súa andaina no noso centro, sen moita información sobre o sistema educativo galego, mais sabendo que no instituto se xogaba ao xadrez. Foi por ese motivo convidado a participar nunha sesión da materia de libre configuración de 2º da ESO para se enfrentar ao campión dun torneo inicial que se disputara durante as primeiras semanas. A partida finalizou en táboas, mais deu pé a que o alumnado estranxeiro que compartía moitas horas con Luís se interesase polo xogo.

Decidimos aproveitar a oportunidade educativa que se presentaba e estender a materia de Xadrez a este alumnado estranxeiro recén chegado ensinándolle a xogar durante o seu período lectivo.




Comprobamos que podíamos practicar as nosas linguas, determinadas habilidades sociais (respeto ao rival, recoñecemento do bo xogo, análise das partidas), adaptación a unhas normas prefixadas, responsabilidade na toma de decisións… aspectos máis importantes para este alumnado que os contidos puramente conceptuais presentes no currículo. Ademais, de paso, integrábamolos no torneo anual de xadrez que se disputa durante varias semanas no noso centro.




Así foi como Raquel, Robson e Ronaldo acompañaron a Luís neste torneo e no encontro xadrecístico celebrado co instituto Maria Sarmiento de Viveiro.



Seguramente, cando falamos de educación, os resultados puramente deportivos perden importancia, mais, neste caso, quixemos destacar a victoria de Luís Carlos dunha maneira especial. Foi un exemplo de deportividade, compañeirismo e tamén de compromiso, xa que aceptou de moi boas formas a renuncia a participar no evento co IES María Sarmiento incorporándose á organización para exercer de maneira impecable como árbitro do torneo.

Finalizamos esta crónica co noso vencedor, que recibiu a homenaxe dos seus compañeiros e compañeiras en recoñecemento a este grande ano xadrecístico.



Sem comentários:

Enviar um comentário