12/08/17

O "MODELO BURELA" NO FESTIVAL DAS ARTES ESCÉNICAS DE RIÓS



O "Modelo Burela" está presente no Xº Festival das Artes Escénicas a celebrar en Riós nos días 13 e 14 de agosto. Flávio Almeida e Eliane Tavares participan na Gala Ruralizarte 2017 interpretando músicas de composición propia e adaptacións de grandes éxitos. Pola súa parte, a fotógrafa Lucía Rivas vai realizar unha completa reportaxe gráfica do amplo programa de eventos.
Flávio Almeida e Eliane Tavares, estudantes de orixe caboverdiana chegados á nosa terra neste mesmo ano, participaron no proceso de selección do programa Ruralizarte e gañaron a participación nas actividades formativas en materia artística celebradas nos mes de xullo no albergue de Furelos (Melide) e no mes de agosto na Casa da Castaña en Riós.
Producidas por Claqueta Coqueta, a partir dunha idea orixinal de Rubén Riós, as xornadas formativas Ruralizarte contan co patrocinio da Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Política Social, Medio Rural a través das Direccións Xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado (da Consellaría de Política Social)  e de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias (da Consellaría de Medio Rural) respectivamente, en colaboración cos concellos de Melide, Palas de Rei e Riós.
Segundo a organización "Ruralizarte non son unhas simples xornadas creativas, senón unha plataforma para dar a coñecer o talento dos rapaces, dunha maneira natural e entretida", obxectivos e metodoloxía totalmente coincidentes cos da intervención educativa Modelo Burela.

UN PROGRAMA MOI COMPLETO


 O programa de eventos da primeira das xornadas -a do día 13, domingo- comeza ás 10:30 da mañá con xogos infantís. Para as 12:15 está prevista unha "Rota do Talento", con cerimonia de bautismo dos castiñeiros, baixo a coordinación de Andrea Pousa e o Bruxo Queiman. Da animación ocuparase a Banda de Gaitas e Pandereteiras de Riós. Inmediatamente despois será o momento do GASTROÑÁM (IIIº XANTAR ENTRE CASTIÑEIROS) durante o cal se contará coas actuacións de ANEU e, de novo, Andrea Pousa e o Bruxo Queiman. A entrega do Premio Castaña de Cristal abrirá paso á GALA RURALIZARTE-2017, que contará coa participación de Eliane Tavares e Flávio Almeida.
Ás 10 da noite na Praza do Concello de Riós comezará a Grande Gala Musical con Emilio Rúa, Aneu, Aida Blanco e DJFonsi.


 A segunda das xornadas, a do luns 14, terá os seus momentos fortes a partir das sete da tarde no Centro Sociocultural con dúas presentacións: primeiro a do audiovisual Castelao: do chumbo á verba (de Miguel López) á que seguirá a do proxecto A memoria da Raia. Para o final de todo, resérvase a festa rachada con Fer de Fumaces, Rubén Riós, Sés e o Sonoro Maxín.

Sem comentários:

Enviar um comentário