Pablo-Álvarez- Ramos*
(Avogado)
(Avogado)
As tres Moreninhas durante o ensaio da súa actuación no Luar acompañadas á guitarra por Xosé Ramón Gaioso |
O Nadal é, de certo, a festa máis importante na liturxia cristián. Unhas datas de recollemento, de opíparas comiolas, de familia e de reivindicación do nacemento do fillo de deus.
Todo iso aderezado cun pico considerable do consumo doméstico que, co seu paso fugaz, deixa tras de si pesadas dixestións e o comezo da costa de xaneiro. A volta da realidade. As leis de mercado non sempre poden ser un indicador fiable, en ocasións os mellores agasallos non se poden mercar; vellos tópicos que seguen tan vixentes e actuais coma cando naceron.
Deste xeito, sen pensalo, sen pretendelo, coa espontaneidade que define os mellores momentos das nosas vidas coñecín das Moreninhas, un grupo vocal de tres integrantes. Foi na gala de Nadal organizada o día 23 de decembro en Burela pola fundación Eu Son.
Collendo prestada a expresión: as tres “pombas douradas” de Cabo Verde, foron capaces de converter a Casa de Cultura de Burela nun espazo digno do seu nome, na perfecta simbiose musical e cultural galego-cabo verdiana. Toda a gala foi un compendio de humanidade, bo gusto e compromiso por parte dos intervintes.
Abraiado polo suceso, non ficou aí a cousa, senón que as nosas tres amigas tiveron a oportunidade de facerse ver nun escenario de maior notoriedade, o da Televisión de Galicia no programa Luar.
Érica Gomes Mendes, Raquel Lopes Ramos e Eliane Tavares Mendes, tres rapazas cabo verdianas afincadas en Burela, as Moreninhas, foron o día 29 de decembro a Compostela ao Plató 1000, o espazo onde se emite o devandito programa.
Pero o seu canto non é só un gusto para os ouvidos, é tamén o mellor reflexo da integración e da fusión cultural nun tempo triste no que ameaza a vella pantasma da xenofobia, o máis brillante embaixador do modelo Burela, o garante das obrigas constitucionais do dereito á cultura, á liberdade da mesma e ao seu acceso.
Ano novo, votos renovados. Certo é que esta opinión soe ter por tema cuestións de actualidade dende unha perspectiva xurídica, é verdade que a actualidade mediática destes días anda por outros lares…
Pero non se confundan, as nosas protagonistas son un faro, elas representan a liberdade cultural consagrada na constitución e só nese espazo poderá forxarse a igualdade ante lei fixada no art. 14 do mesmo texto.
Que o recén inaugurado ano sexa un camiño de cultura e igualdade. Que a lei recoñeza o dereito fundamental á música e á poesía. Ventureiro 2018.
* Pablo Álvarez Ramos (Cervo, 1984) é avogado con actividade profesional na Coruña (Bufete Bellón) e Burela (AR). Está especializado en Dereito Civil Xeral, Laboral e Administrativo.
Este artigo foi orixinalmente publicado na sección "Con pólvora e magnolias" que o autor mantén semanalmente no xornal dixital Crónica3.com
* Pablo Álvarez Ramos (Cervo, 1984) é avogado con actividade profesional na Coruña (Bufete Bellón) e Burela (AR). Está especializado en Dereito Civil Xeral, Laboral e Administrativo.
Este artigo foi orixinalmente publicado na sección "Con pólvora e magnolias" que o autor mantén semanalmente no xornal dixital Crónica3.com
Sem comentários:
Enviar um comentário