Bernardo Penabade
Durante a xornada do 29 de decembro de 2017 unha expedición Modelo Burela realizou unha visita de estudo á TVG con motivo da presentación musical das Moreninhas no Luar |
Facer unha intervención educativa Modelo Burela implica que se traballa dentro e fóra do recinto escolar e que se propicia unha relación directa entre o alumnado e a sociedade en que vive. Esta educación para a vida reconforta -porque lle dá pleno sentido ao traballo-, mais tamén implica moitos sacrificios (non só polo tempo e o esforzo particular, senón polo tempo e o esforzo doutras persoas a quen se pide colaboración).
Facer unha intervención educativa Modelo Burela implica motivar o alumnado para conseguir a participación, implica o contacto coas familias -non todas predispostas á colaboración-, cos diferentes órgaos educativos (directivas, claustros e consellos escolares) e implica facer a mediación con persoas e entidades alleas á comunidade educativa. Todo un risco, porque, se falla un dos axentes implicados, o proceso xa non sae ben, os obxectivos non se conseguen e xérase frustración colectiva. Por iso, cando se completa con éxito cada unha das actividades, sentimos un grande alivio e mesmo temos forzas para voltar a vista atrás e contar unha historia bonita como esta.
Esta historia bonita ten o seu comezo durante a segunda semana do mes de decembro, en pleno período de avaliacións escolares. Unha redactora do Luar pídenos colaboración para poñerse en contacto con Eliane, Érica e Raquel.
"Encántannos! Podedes pasarnos algunha información sobre elas?".
Durante o proceso de documentación soubemos que a nosa interlocutora era Elena Mareque e descubrimos nela unha extraordinaria profesional. Grazas ás súas xestións, o que ía ser unha actuación no Luar pasou a ser unha intervención educativa en toda regra, primeiro na sede da TVG en San Marcos e despois no Plató 1000 de Montouto (en Teo).
"Encántannos! Podedes pasarnos algunha información sobre elas?".
Durante o proceso de documentación soubemos que a nosa interlocutora era Elena Mareque e descubrimos nela unha extraordinaria profesional. Grazas ás súas xestións, o que ía ser unha actuación no Luar pasou a ser unha intervención educativa en toda regra, primeiro na sede da TVG en San Marcos e despois no Plató 1000 de Montouto (en Teo).
A expedición Modelo Burela con Sebi Martínez no plató da Revista |
O equipo da Revista deunos todas as facilidades para que puidésemos aprender. Uns minutos antes de entrar en antena, Sebi Martínez saudounos con grande amabilidade e accedeu a facer unha fotografía para o recordo. Despois vimos desde dentro a engranaxe do programa: as indicacións dos momentos previos, a sintonía, a presentación dos contidos e a posterior combinación de condución desde o estudio cos contactos en directo cos diferentes puntos en que estaba a actualidade informativa (Ferrol, Pontevedra, Ribeira...) e coa emisión de contidos recollidos en diferentes vídeos. Comprobamos "in situ" o traballo de realización, iluminación, manexo das cámaras e mesmo o discreto papel do persoal de relacións públicas como ponte de comunicación entre o equipo técnico do programa e as persoas que ían chegando para seren entrevistadas.
Érica, Raquel, Eliane -Moreninhas- e Marco Pereira Oliveira -director do programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo- no momento en que finalizaba a visita de estudo á sede central da TVG en San Marcos |
Despois da comida, era o momento de que Érica e Eliane tomasen contacto coas pedras de Compostela, a capital galega que só coñecían a través dos libros e das proxeccións audiovisuais. O paseo pola Rúa Nova desembocou primeiro nas Pratarías e despois na Praza do Obradoiro. En pleno proceso de recoñecemento da Catedral, do Palacio de Raxoi, do Hostal dos Reis Católicos e do Pazo de San Xerome, tivemos a fortuna do encontro con Miguel R. Penas, que nos presentou as persoas que o acompañaban e compartiu uns momentos con nós.
Feito o saúdo a Valle Inclán no paseo da Ferradura, chegou o momento da clásica fotografía coa catedral e a cortina de chuvia como fondo |
A recepción no Plató 1000 foi inmellorable. Tomando emprestada a expresión de Séchu Sende, poderíamos dicir que foi "unha recepción Made in Elena Mareque", cun cálido saúdo, coas presentacións do equipo e cunhas explicacións que nos fixeron sentir como na casa.
Unha mostra do ambiente de alegría que se creou durante as presentacións. Elena Mareque tiña preparadas moitas sorpresas. |
Fermosa casualidade: as Moreninhas tiñan o seu camerino xusto frente ao dos integrantes de El Consorcio. A ilusión e a veteranía convivían no mesmo corredor. |
As artistas familiarízanse co programa. Xosé Ramón Gaioso acolleunas con moitísimo cariño. |
Grazas ás xestións de Elena Mareque, Marco Pereira (director do programa musical Grandes Voces do Noso Mundo) e as Moreninhas coñeceron e conversaron durante uns minutos con Xabier Díaz |
Aínda que o ensaio acabou ás cinco da tarde -e aínda que faltaban cinco horas para que dese comezo a realización e emisión do programa-, ninguén quería abandonar aquel lugar máxico. Aprendíase vendo o resto dos ensaios, aprendíase vendo o traballo de guionistas, presentadores, relacións públicas, cámaras, persoal técnico de luz e son... Aprendíase minuto a minuto en contacto directo con todas as persoas implicadas no programa.
Tras ese período de aprendizaxe continuada, chegou o momento clave: a actuación. Superando a limitación dos nervos, Eliane elevou a voz para facer un agradecemento a Rubén Riós, Emilio Rúa e Tania Fuegho. Era de xustiza que o fixese, porque do programa Ruralizarte saíu a súa primeira formación artística.
Despois da entrevista, o vento soou e díxonos que no seu niño novo había unha pomba dourada e que afortunado sería quen puidese namorala. As Moreninhas tomaban alento de novo e o vento volvía a susurrar acompasado coa guitarra de Gaioso, que non se vía descontento. Cando cantaba o luar ao mencer en frauta de verde olivo, a pombiña dourada xa case tiña un ar de flor recente, como recén casada; era unha sombra de sombra, un andar primeiro de río...
Mentres tanto, no plató e nas casas primeiro foi a sorpresa, despois a complicidade e finalmente o aplauso. Por que? Xustamente, porque estaban vendo algo novidoso: o resultado da interculturalidade tomado na base, ao natural.
Así, deste xeito, a intervención educativa Modelo Burela transcendeu os muros do centro escolar e a través das ondas chegou a millares de fogares galegos concentrados na nosa terra ou distribuídos polo mundo. Magnífica xornada para o director do Grandes Voces, para as tres Moreninhas e magnífico para a audiencia que puido gozar da dimensión internacional da nosa música sen ter saído da casa.
Tania Fuegho con Eliane Tavares Mendes. Mestra e discípula reencontráronse no Plato 1000 da TVG |
Finalizado o programa, Xosé Ramón Gaioso despídese de Marco Pereira e das Moreninhas. As vinte horas de intervención educativa entraban xa na recta final, a do retorno á casa. |
Sem comentários:
Enviar um comentário